Vampiros e naturalismo grego, novidades do outono de 2026
Acaban de chegar da imprenta, aínda que só unha parte, as dúas novidades de comezos do outono. Unha incidencia na cola de produción provocou unha pequena demora de varios días, motivo polo que lles pedimos desculpas ás persoas subscritoras. A partir deste luns 12 de outubro empezará a repartición dos envíos. E contra finais da próxima semana, cando chegue o resto da remesa, iniciaremos así mesmo a distribución en librarías e demais canles comerciais.
Por unha banda, publicamos A torre á beira do río, do autor grego Konstantinos Chatzopoulos, unha novela naturalista de comezos do século XX traducida do grego por Alfonso Blanco. É a primeira vez que esta obra se traduce a unha lingua peninsular. Ambientada no mundo rural de Etolia-Acarnania, retrata a decadencia dunha familia a través da historia de tres irmás que viven illadas nunha vella torre. A pobreza, o orgullo, os prexuízos e a obsesión polos cartos van minando a súa autonomía, nunha narración que combina a observación social cunha intensa dimensión psicolóxica. A crítica ás estruturas patriarcais e económicas da Grecia da época, así como os suxestivos paralelismos co ruralismo literario galego de Otero Pedrayo ou de Risco, dotan esta lectura de especial interese.
Pola outra banda, incorporamos ao catálogo Carmilla, o célebre relato gótico do autor irlandés Joseph Sheridan Le Fanu, traducido do orixinal inglés por Alejandro Tobar. Trátase dun clásico da literatura vampírica que precedeu en máis de dúas décadas o Drácula de Stoker. A historia de Laura, unha moza que vive co seu pai nun castelo de Estiria, dá un xiro inquietante cando unha descoñecida chamada Carmilla pasa a residir con eles tras un accidente. Entre a fascinación e o medo, Le Fanu constrúe unha atmosfera ambigua na que o vampirismo se mestura co desexo lésbico, co pano de fondo do tránsito á madureza. Amais do seu enorme valor como relato sobrenatural, a obra ofrece unha perturbadora reflexión sobre o desexo.
Boas lecturas!








