Descripción
A torre á beira do río, singular peza naturalista da literatura grega de comezos do século XX, localízase no mundo rural de Etolia-Acarnania, onde tres irmás solteiras viven illadas nunha vella torre despois de que o destino as condenase á pobreza. Inmersas nun ambiente hostil, experimentan a decadencia económica e social, ao tempo que lidan co orgullo e cuns prexuízos que as abocan á perda da autonomía. A trama explora, pois, a progresiva degradación dunha familia e a futilidade dunha vida dominada polas aparencias e a obsesión polos cartos.
A nivel formal, a novela parte do realismo etnográfico característico da literatura grega da época, se ben incorpora tendencias das literaturas centroeuropea e nórdica, coas que Chatzopoulos entrou en contacto durante os anos vividos en Alemaña. A influencia do simbolismo psicolóxico e unha prosa coidada que reproduce a oralidade e as variedades dialectais da rexión contribúen a crear unha atmosfera particularmente intensa. Neste sentido, a opresión que padecen as irmás torna a obra nunha incisiva crítica ás estruturas patriarcais e económicas gregas.
Trátase dunha historia de declive familiar, materialismo e desamparo, onde o conflito entre conservadorismo e cambio social adquire unha dimensión universal. Evidéncianse ademais suxestivos paralelismos co ruralismo literario galego de Otero Pedrayo ou Vicente Risco. Cunha poderosa vertente psicolóxica e social, constitúe unha das achegas máis relevantes á literatura grega moderna.



