Descripción
Myriam Charfa e Paul Massé forman unha típica parella parisiense con dous fillos pequenos. Cando Myriam, farta do encerro ao que a condena ser nai, acorda retomar a avogacía, ambos emprenden unha estrita rolda de selección para atopar a neneira que precisan. A elixida é Louise, unha muller duns cincuenta anos que semella a candidata ideal. De feito, a parella deseguida se convence de que atoparon unha fada, e Louise non tarda en converterse nunha presenza imprescindible para que eles poidan cumprir os seus soños profesionais. Mais a neneira arrastra un duro pasado que disfraza baixo a máscara da perfección; illada, desprezada, incomprendida, arrodeada dunha pobreza para a que non existe saída, cunha vida insignificante que non parece importarlle a ninguén, os seus delirios condúcena a cometer un acto atroz.
Cun estilo incisivo, frío e conciso, a historia anticipa o sórdido desenlace, de maneira que queda claro que o interese reside en reconstruír o proceso que desencadea a loucura. O relato afonda na concepción da maternidade e a crianza, nos sutís mecanismos do dominio e a humillación, nos prexuízos, na alienación moral e na intimidade.
Leïla Slimani mereceu con esta novela, a segunda na súa traxectoria, o Premio Goncourt 2016, cunha historia a medio camiño entre a fábula tráxica e o thriller psicolóxico, inspirada nun caso real e que destila un suspense hipnótico.


