Descripción
O estudio fotográfico, obra publicada orixinalmente en 1888, é unha das pezas de ficción máis apreciadas da británica Amy Levy, posto que achega un retrato pioneiro dos anhelos e limitacións das mulleres na sociedade tardovitoriana, consonte o modelo feminista da «Nova Muller», en tensión cos roles máis tradicionais.
Tras a morte do pai, as irmás Lorimer vense obrigadas a procurar un medio de vida. Así, nunha cidade de Londres en plena transformación, Gertrude ten a idea de abrir un estudio fotográfico, unha decisión insólita para unhas mozas da súa condición. Entre encargos varios, dificultades económicas e novos círculos sociais, as catro mulleres deberán atopar o equilibrio entre a independencia, os afectos e as expectativas que as persoas da súa contorna depositan nelas.
Cunha acaída combinación de humor, sensibilidade e visión social, a presente obra vai alén da novela romántica. Lógrao grazas a que artella unha lúcida e moi pertinente reflexión sobre o traballo feminino, a autonomía persoal e o prezo da liberdade nun mundo masculinizado. Cun estilo áxil e irónico, a sempre interesante Amy Levy constrúe unha historia entretida, moderna e de plena vixencia.



