Novidades estivais: novelas de Maria Edgeworth e Stephen Crane

Acaban de chegar da imprenta as dúas novidades do trimestre que encomeza en xullo. Polo tanto, no que resta de semana enviarémoslles o paquete con ambos os novos títulos ás persoas subscritoras, para despois empezar a comercializalos nas librarías e demais canles habituais.

Desta vez optamos por presentarlle ao lectorado en galego, por un lado, a obra satírica de Maria Edgeworth intitulada O castelo Rackrent, considerada pioneira da literatura histórica anglo-irlandesa e na que destaca o intelixentísimo uso que a autora fai da figura retórica do dialoxismo, cun narrador non fiable.

Para a edición galega, decantámonos por ofrecer o corpo textual sen apenas notas ao pé (unicamente nove, e de apoio) e prescindir así mesmo da introdución, o glosario e as densas notas terminolóxicas do orixinal. Ese conxunto de peritextos -incorporados pouco antes da publicación en 1800 e escritos na voz dun narrador inglés, un feito que contrasta coa voz xenuinamente irlandesa do criado- buscaba mitigar o posible impacto negativo que os Edgeworth (pai e filla) temían que o libro causase na entusiasta visión inglesa en relación coa Acta de 1800, documento que formalizaría a unión dos reinos de Gran Bretaña e de Irlanda nun só. A tradución ao galego correu a cargo de Alejandro Tobar.

Polo outro lado, trouxemos O monstro, unha obra do estadounidense Stephen Crane, cualificada de maneira recente por Paul Auster no seu ensaio Burning Boy. The Life and Work of Stephen Crane como:

exquisita e audazmente concibida, a máis poderosa e complexa das súas novelas curtas.

Sexa como for, a peza de Crane aborda cuestións tales como o racismo, os prexuízos, o ostracismo e a intolerancia cara aos afroamericanos que marcaron o século XIX e boa parte do XX nos Estados Unidos de América, ademais de retratar a humanidade e a compaixón a través do dilema ético que se lle presenta ao personaxe do doutor e afondar no concepto de monstruosidade. Cabe sinalar que na edición galega inserimos as ilustracións orixinais en branco e negro realizadas por Peter Newell para a publicación do texto orixinal (1898) en Harper’s Magazine. Da tradución ocupouse Iago Nicolás Ballesteros.

Quen esteades en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e grazas.

Boas lecturas e bo verán!

Análise da Orde de axudas públicas á tradución de 2022

ANÁLISE DA ORDE DE AXUDAS PÚBLICAS Á TRADUCIÓN DO 22 DE ABRIL DE 2022,

PUBLICADA NO DOG NÚM. 89 DO 9 DE MAIO DE 2022

*

DECÁLOGO DE MALAS PRÁCTICAS

OU

COMO ACANTOAR A PRODUCIÓN PROFESIONAL DE LITERATURA TRADUCIDA

Velaquí unha exposición breve, razoada e exemplificada dos despropósitos máis substanciais perpetrados pola Xunta de Galicia e os responsables desta convocatoria para a repartición de cartos públicos a partir duns criterios insólitos.

1. Unha convocatoria que segue a mesturar a tradución de obras doutros sistemas literarios ao galego e a tradución de obras do sistema galego a outras linguas.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Pese ás reiteradas advertencias, alarmas, solicitudes e reclamacións, a Xunta de Galicia insiste en poñer na mesma orde dúas realidades diferenciadas, con moi diferentes esixencias, condicionantes e problemas. Cal será a razón de tal teimosía?

Confírmase a estratexia de acantoamento á tradución de obras estranxeiras ao galego en favor dunha falsa e irrisoria internacionalización da literatura galega. No caso concreto de quen traballamos con grandes clásicos (antigos e contemporáneos), sufrimos esta deriva dun modo especialmente cruento.

2. Tradución dun mesmo título: criterio de prioridade na presentación da solicitude

Só se subvencionará a tradución dun mesmo título. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra, subvencionarase a primeira solicitude recibida.

Preténdese evitar o disparate de darlle cartos a varias traducións do mesmo título (o cal xa aconteceu), pero faise sen valorar ningún tipo de mérito na realización, simplemente priorizando a orde de chegada da solicitude. Aquí alguén non ten moita gana de traballar; a présa e a falta de rigor non deberían ser a opción tomada na concesión de cartos públicos.

3. Non se valora a traxectoria das editoriais

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas. Esta condición debe cumprirse na data de presentación da súa solicitude.

Non se soluciona e agrávase o problema da entrada de delincuentes e arribistas, editoriais creadas ad hoc para esta liña de axudas. Por conseguinte, xa podemos afirmar que a Consellaría estimula os facinorosos que devecen por apañar cartos públicos, coma en anos anteriores.

Nin rastro daqueles requisitos das convocatorias de 2005 ou 2014 que esixían certificar un mínimo de 10 títulos no catálogo ou un plan editorial a tres anos vista, e nada queda xa, por suposto, dos merecidos puntos para as coleccións específicas acreditadas.

4. Tradución dende a lingua orixinal ou dende outra distinta

B. Documentación específica referida ás obras que se pretende traducir:

Contrato coa persoa tradutora da obra de data a partir de 1 de xaneiro de 2022, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución, os datos identificativos da persoa que realizará a tradución, e se a obra obxecto da subvención se traduce desde a lingua orixinal ou dunha lingua distinta da orixinal.

Isto reclámao a Administración como mera curiosidade, pois non ten repercusión nin consecuencia de ningún tipo. Cando a Xunta lles pasou o borrador de bases ás asociacións implicadas, contestóuselle que este aspecto non debía quedar limitado a un brinde ao sol, nin a unha apelación ás boas vontades.

Asumindo que poden concorrer a estas axudas as traducións feitas dunha lingua ponte, parece lóxico pensar que non se debe puntuar igual a quen propón traducir, por exemplo, unha novela inglesa directamente do inglés ao galego ca a quen propón traer a obra inglesa dende a versión castelá.

Na outra dirección (galego a outras linguas), de novo parece obvio que debe puntuar mellor unha editorial estranxeira que faga un esforzo por traducir un texto de autoría galega directamente do galego e non aqueloutra que tome a tal obra dende a tradución castelá ou noutra lingua calquera distinta da orixinal.

5. Discriminación de empresas

No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor, así como do seu currículo e a cuantificación do importe da tradución. Artigo 20. Xustificación. A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora, ou certificación conforme esa tradución se fixo con medios propios. O importe pagado debe coincidir co que se fai constar na copia do contrato.

As editoriais con equipo propio só teñen a obriga de xustificaren que o tradutor ou tradutora figura no seu cadro de persoal. O resto das editoriais deben presentar facturas e xustificantes polo total asignado, non só polo montante concedido pola Administración. Préstase a trampa (que se deu, se dá e se dará) e naturalmente crea un agravio para quen contratamos tradutores fóra, a fórmula habitual aquí e posiblemente en toda Europa, talvez en todo o planeta.

Se existe algún mecanismo de control específico para comprobar que o «equipo propio» recibe o montante íntegro, é dicir, que esa editorial asume a súa parte de gasto, o feito certo é que nas bases non se reflicte.

6. Discriminación en función da nacenza do autor e da súa condición de clásico ou «non clásico»

Artigo 13. Criterios de adxudicación

1. Interese cultural da obra. Máximo 25 puntos.

a) Orixinal de autor/a galego: 25 puntos.

b) Orixinal de autor/a de fóra de Galicia 20 puntos.

3. Características da tradución da obra. Máximo 25 puntos.

a) Doutras linguas ao galego: 20 puntos.

b) Do galego a outras linguas: 25 puntos.

c) Doutras linguas ao galego dun autor clásico: 5 puntos.

d) Do galego a outras linguas dun autor clásico: 10 puntos.

Poñamos dous exemplos a partir dos apartados 1 e 3, os dous que fixan as puntuacións para as obras como tales (pola súa banda, o apartado 2 refírese á traxectoria do tradutor e o 4 ao montante proposto no contrato por cada editorial):

Marta Rivera de la Cruz, de presentar algunha editorial unha obra súa escrita orixinalmente en castelán, recibiría, polo mero feito de que naceu en Lugo, un 12 % máis de puntuación ca calquera autor foráneo (Paul Auster, Murakami ou Svetlana Aliexevich…).

Calquera obra escrita en galego por un autor ou autora galegos vivos obterá exactamente o dobre de puntuación ca calquera obra dun clásico universal, sexa Zola, Thackeray, Gogol ou Selma Lagerlöf. De novo, produto de mesturar allos con bugallos (véxase punto 1).

7. Esíxese papelame que certifique o coñecemento de linguas e a realización de carreiras e cursos

Artigo 13. Criterios de adxudicación

2. Traxectoria profesional da persoa tradutora: máximo 30 puntos.

a) Formación universitaria vinculada á tradución: 10 puntos.

b) Outra formación (formación acreditada en linguas e/ou outros títulos oficiais relacionados coa tradución): 1 por título, máximo 5 puntos.

c) Obra traducida: máximo 10 puntos.

De 2 a 5 obras: 2 puntos.

De 6 a 10 obras: 5 puntos

Máis de 10 obras: 10 puntos.

Deberán acreditarse as obras traducidas a través da referencia ao ISBN.

Do exposto dedúcese que unha persoa acabada de licenciar en Tradución e Interpretación ou Filoloxía acadará 10 puntos pola súa formación universitaria, os mesmos ca un tradutor profesional sen eses títulos concretos pero con 500 obras no haber, mesmo se tivese outra titulación: Xornalismo, Historia, Bioloxía…

Esta liña de axudas non é o lugar para esta clase de argucias. Os novos profesionais necesitan e merecen unha especial protección e oportunidades de traballo, pero quen llelas debemos dar somos as editoriais, non as trampas administrativas na puntuación de convocatorias públicas. Ademais, é moi posible que estas artimañas acaben por volverse na súa contra, e é seguro que polo pronto prexudican os profesionais cunha carreira, por unha mera cuestión de tempo, máis sólida.

É lamentable o comportamento de quen pretende eliminar rivais invocando un mal entendido «intrusismo» profesional, como lamentable é que a Xunta abrace esta falacia e a incorpore ás novas e atoleiradas bases.

Por outra banda, confúndese a presente liña de axudas públicas á tradución cunha convocatoria pública de emprego. Amais, queda en evidencia unha vertente intervencionista moi difícil de xustificar. A solución, como se lle fixo saber á Consellaría por escrito en polo menos tres ocasións, sería tan simple como pedir a achega dos currículos ou directamente a relación de obras traducidas do tradutor ou tradutora que propón a editorial (máxime cando a Administración se reserva o dereito a «requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna» así como a «requirir a exhibición do documento ou da información orixinal»). Naturalmente, calquera editorial é libre de escoller a persoa que se encargará da tradución, pero se opta por contratar alguén non profesional ou con menor experiencia, semellaría lóxico pensar que esta persoa non acadará idéntica puntuación no expediente ca quen busca a distinción ou a competencia dun tradutor ou tradutora de ampla e contrastada traxectoria.

8. Os premios imposibles e difusos

Artigo 13. Criterios de adxudicación

d) Premios á tradución: máximo 10 puntos.

Premios nacionais ou estranxeiros: 2 puntos por premio, máximo 10 puntos.

Premios autonómicos: 1 punto por premio, máximo 5 puntos.

Tan só unha reflexión en voz alta: que tradutor pode aspirar aos 10 puntos? As vías non poden ser máis surrealistas. Esta, que dentro do disparate parece a máis plausible, evidénciao: o profesional da tradución que aspire aos 10 puntos deberá contar co Premio Estatal de Tradución (2 puntos), con algún Misterioso Premio Internacional de Tradución Sen Especificar (2 puntos) e con 6 premios de ámbito galego (en Galicia, hoxe, hai tres certames en activo: o Plácido Castro, o Follas Novas e mais o Realia; 4 se sumamos o da Universidade de Vigo, restrinxido ao ámbito universitario). Pero resulta que os «premios autonómicos» teñen un tope de 5 puntos, co cal cumpriría botar man doutro premio estatal ou internacional a maiores. Que clase de burla contable é esta?

9. A desaparición dun criterio universalmente aplicado: a extensión das obras

Este punto, o máis inxustificable e que estraga de vez a convocatoria, iguala as cantidades a percibir por un folleto de 3 páxinas e por unha obra de centos ou miles. Perpetrar este cambio desvirtúao todo, unha vez máis. Así, se concorresen dúas obras A (de 10 páxinas) e B (de 1000 páxinas) e as dúas acadasen a mesma puntuación, poñendo que o editor para A propuxese o mesmo pagamento ca o de B, ambas as obras recibirían idéntico montante: por exemplo, poñamos que 2000 euros. Así, a Xunta concederíalle 200 euros por páxina a A e 2 míseros euros a B. Dito doutro modo, as obras voluminosas –que son as que en último termo máis precisan dunha axuda á tradución– están vetadas de facto.

10. Para rematar ou para non seguir…

Doe a falta de interese mostrada por gran parte da prensa. Así mesmo, producen vergoña allea os discursos públicos de demanda de máis cartos como solución primeira e case única aos problemas reais do sector, que son outros e ben máis profundos.

O café para todos é a peor das políticas posibles. Non todo é merecedor dunha axuda á tradución, consista esta en migallas ou nunha subvención ben formulada, transparente e xusta (en Galicia, na última década, a segunda opción foi un merlo branco). Aínda que anecdótico, non deixa de ser revelador que no bosquexo de bases de hai uns meses a redacción estipulase que «para obter a subvención será necesario que a puntuación obtida sexa do 50%, é dicir non inferior a 60 puntos», e que agora, nas bases publicadas, a cousa quedase en «a puntuación mínima para obter a axuda é de 40 puntos».

Non se pode facer peor, ou si.

A educación sentimental: valoracións críticas

Terceira das entradas relacionadas coa novela A educación sentimental. Os contidos foron elaborados pola tradutora Isabel Soto e teñen por obxecto enriquecer a lectura de quen agora se achegue a unha das obras clave da literatura europea.


Flaubert pensaba que A educación sentimental lograría que os franceses tomasen conciencia da súa inercia. No entanto, foi un fracaso: só vendeu uns centos de exemplares (a primeira tiraxe, de 3000 exemplares non se esgotaría até 1873). A obra espertou rexeitamento tanto pola evocación da sociedade contemporánea como pola súa composición e innovacións estilísticas. Os contemporáneos cualificárona de monótona e aburrida, ironizaron coa debilidade dos personaxes e coa visión pesimista da historia. Sirvan de exemplo as palabras de Jules Barbey d’Aurevilly:

Eu atrévome a dicir que non hai aquí ningunha obra mestra. Afirmo que se trata dun libro mediocre, mediocre en talento de entrada, de atmosfera aburrida, esgotador na pintura detallada, ordinario e monótono no procedemento, a miúdo innobre nos detalles e superado neste xénero pola conclusión. Afirmo que só hai un libro materialista no fondo, materialista na forma, materialista na austeridade, un libro como os fai o materialismo sen poder facer outros, xa que nega a metade, cando menos, da criatura humana. Afirmo que non hai aquí máis ca o Flaubert de Madame Bovary, pero tras pasar por Salambô [sic], un Flaubert marcado, minguado, envellecido e visiblemente esgotado! Afirmo que Gustave Flaubert non chegará máis lonxe no camiño do seu talento, porque os talentos sen alma son incapaces de renovarse. Desprezaron o Infinito, e é o finito o que os mata! Finalmente, afirmo que non cómpre preocuparse polo señor Flaubert agás no caso de que cambie de sistema e de maneiras, e non cambiará. Está pegado á banda, coma no billar! En sete anos, xa veremos! Pero, entrementres, a Crítica, que dende Salambô [sic] previra o esgotamento definitivo de Flaubert, pode escribir hoxe, coas súas mans tranquilas, o epitafio deste home morto: «Aquí xace quen soubo facer un libro, pero non soubo facer dous!».

(Le Constitutionnel, 29 de novembro de 1869)

Así a todo, a novela converteríase nun clásico de grande influencia nos novelistas do realismo, en Proust e mais no nouveau roman.

Un dos seus defensores foi Théodore de Banville, quen afirmou que Flaubert conseguira escribir «unha novela triste e incerta coma a propia vida»:

Todo o mundo lerá, saboreando liña a liña A educación sentimental, unha novela verdadeiramente histórica, no auténtico sentido da palabra, onde a máis mínima escena completada con precisión homérica en canto aos detalles é unha composición completa e harmoniosa, con vida de seu, sen perturbar de xeito ningún a magnífica e sobria unidade do conxunto. O protagonista, Frédéric Moreau, é un de tantos mozos dos que se vían en 1840, cheos de vagas aspiracións amorosas, poesía, ambición, mais carentes da panca que eleva todo iso, é dicir, a vontade paciente do obreiro e a forza viril. Beleza, encanto, riqueza, nada se lle nega, e nin sequera o amor das mulleres que desexou, porque en efecto se converte no amante de todas aquelas que acariñaba co alento das súas fantasías de home novo; e, non obstante, cando chega ao pálido outono da vida, o balance das súas aspiracións e esperanzas pode resumirse cunha espantosa palabra: Nada!

(Le National, 29 de novembro de 1869)

Nunha carta dirixida ao autor en decembro de 1869, sinalaba: «Cómpre vivir, coma nós, en 1840, para saber con que forza evocadora resucitaches aquela época de transición coas súas impotentes aspiracións. Todo iso é verdadeiro até a medula dos ósos e está expresado dun xeito inmortal».

Así, George Sand, sinalou: «Flaubert quixo presentar un exemplo de diversos tipos de xente, tal e como podían encontrase na sociedade moderna, mentres que nas novelas só se describían, polo xeral, dous ou tres tipos diferentes. Pero o xénero narrativo tiña que estar en constante transformación, e en A educación sentimental Flaubert lograra producir unha sensación nova: unha risa indigna contra a perversidade e a covardía das cousas humanas».

Émile Zola considerouna «a única novela verdadeiramente histórica que coñezo, a única verídica, exacta, completa, na que a resurrección das horas mortas é absoluta, sen o menor truco literario».

Que ninguén se equivoque, aí radica o seu talento, a súa particular xenialidade. Outros mirarán o infinitamente pequeno con lupas meirandes, estudarán a realidade máis de preto; outros terán a mesma paciencia, unha visión igual de clara, un método igual de poderoso. Pero o que é de seu, o característico del, é esa penetración nerviosa nos máis nimios detalles, esta anotación asemade meticulosa e vivaz da vida. Sen dúbida, nunca volveremos ver un poeta analítico, un lírico que crava nun cadro os insectos humanos. Aí está o milagre. Cando escoito a crítica reprocharlle a Gustave Flaubert que non achega ren, que non penetra en nada, téntame berrarlles aos meus colegas: «Tanto peor para vostedes, se lles faltan os sentidos. O que achega o autor son as fonduras descoñecidas do ser, os desexos xordos, a violencia, a covardía, toda a impotencia e toda a enerxía expresadas polas miudezas da vida cotiá. E non é un simple escribán. É un músico dotado cuxos poemas están destinados aos oídos comprensivos. Se non escoitades, é porque o sangue ou a bile vos están a asfixiar. Poñédevos nerviosos, habédelo escoitar». Para min, A educación sentimental, como Madame Bovary, é pura sinfonía.

(La Tribune, 28 de novembro de 1869)

Así que estou preto de saber en que reside a miña devoción por A educación sentimental. Ao meu ver, todos os nosos libros, que cremos verdadeiros, son xunto con este obras románticas, óperas amañadas para o espectáculo e a música. Só el posúe un amplo desenvolvemento da vida, sen que o efecto resulte nunca esaxerado, con miras a un engrandecemento do conxunto. Certamente, non nego a composición na obra; pola contra, estou convencido de que Flaubert tivo que esforzarse até o infinito para coordinar os diversos elementos e chegar a un todo homoxéneo. Pero, por un milagre da arte, esta composición desaparece, non hai nada máis visible ca a fatal e necesaria corrente das cousas; é coma a acta escrita baixo o ditado dos feitos […] Tornaremos a A educación sentimental, comprenderemos a súa asombrosa profundidade, na aparente monotonía. Volvo dicilo: non hai na nosa literatura unha obra que posúa até este grao o son da verdade, ningunha que ofreza un depósito máis grande de documentos humanos. De aí o interese constante, a emoción inesgotable, o encanto doloroso desta lectura. Talvez aínda somos poucos os que coñecemos esta fonte, e por iso lla sinalo a toda a nosa mocidade. Un ama a verdade cando le un libro así, un comprende a súa forza, un dise que só a verdade existe e que só a verdade fai o xenio.

(Le Voltaire, 9 de decembro de 1879)

 


Outra información relacionada coa novela:

Xénese da obra e marco temporal

Quen é quen: guía de personaxes

A educación sentimental: quen é quen

Segunda das entradas relacionadas coa novela A educación sentimental. Os contidos foron elaborados pola tradutora Isabel Soto e teñen por obxecto enriquecer a lectura de quen agora se achegue a unha das obras clave da literatura europea.


Quen é quen

 

FRÉDÉRIC MOREAU

É o protagonista principal da novela, durante a cal asistimos ao seu proceso de maduración tras vivir múltiples peripecias amorosas (dos 18 aos 26 anos) e observar os acontecementos históricos que transcorren durante o período comprendido entre 1841 e 1867.

Concibido por Flaubert como o arquetipo da xeración desta época xeradora de falsas ilusións, posúe todos os trazos do heroe romántico, tanto no que atangue ao seu aspecto físico coma no referido ao seu carácter e á súa sensibilidade. Dedica a xuventude a perseguir diversas ambicións –artísticas, políticas e sociais–, moitas das cales son o froito das fantasías compartidas co seu amigo da infancia, Deslauriers, quen está certo do seu éxito no «ascenso» dende a provincia até París e lle ofrece o modelo de Rastignac, o personaxe de Honoré de Balzac que aparece por vez primeira en O tío Goriot (1842), un mozo ambicioso que se instala en París para estudar Dereito e que observa a «boa sociedade» con sorpresa e envexa e está disposto a todo para lograr os seus fins: «Recorda a Rastignac na Comedia humana! Seguro que o conseguirás, estou certo!» (p. 30). No entanto, fracasa en todos os seus plans ou axiña renuncia a eles, ben por pasividade, ben por falta de perseveranza, ben por perder o interese. Así mesmo, nos momentos decisivos, móstrase sempre máis preocupado polos asuntos do corazón ca polos revolucionarios.

Namorado de Marie Arnoux des que a coñece nun barco no que retorna de Le Havre á súa vila, Nogent-sur-Seine («Foi coma unha aparición»), todas as súas idas e vindas terán como obxectivo achegarse a ela. Se ben hai momentos nos que está preto de conseguila, nunca o logra por completo, e cando ela finalmente volve aparecer na súa vida, en marzo de 1867, rexéitaa ao ver os seus cabelos canos para non conturbar o seu ideal. Con todo, a súa falta de reflexión e a súa deshonestidade lévano a converterse no amante de Rosanette, coa que chega a ter un fillo; e mesmo, tempo despois, desexoso de ascender por fin socialmente, no da señora Dambreuse, que o humillará e frustrará de vez as súas ilusións. Anos despois, consumidos os dous terzos da súa fortuna, acaba vivindo en Nogent como un pequenoburgués e fai balance da súa vida con Deslauriers, ambos vencidos. No cómputo final da súa existencia, consideran que o «mellor» que tiveron na vida foi a frustrada visita ao establecemento de prostitución durante a adolescencia, de maneira que quedan co que puido ser e non coa realidade, decantándose pola perspectiva do fracaso.

 

O círculo de Frédéric

 

CHARLES DESLAURIERS

Provinciano intelixente e ambicioso, é amigo de Frédéric dende que o coñece no Colexio de Sens no que ambos os dous están internos. Desa época datan os plans que trazan xuntos: vivir en París, viaxar, gañar cartos, medrar socialmente… Porén, cando por fin viven xuntos, decepciónanse mutuamente e Deslauriers sente como unha traizón que Frédéric lle negue os cartos para ter un xornal de seu. Ademais, o feito de que se introduza na alta sociedade fai nacer nel unha amarga envexa. Polas súas ideas e o seu comportamento, representa o revolucionario por interese. Tenta seducir a señora Arnoux, gañar o favor de Rosanette, acadar un traballo para o que Frédéric foi elixido e incluso casa con Louise. O final da novela preséntao en Nogent reconciliado con Frédéric; xuntos, fan balance do seu fracaso vital.

 

BAPTISTE MARTINON

Fillo dun labrego rico que o destina á maxistratura, é un estudante modélico, sempre disposto a unirse ás ideas dominantes. De feito, chega a ser agregado á fiscalía da capital grazas aos contactos que ten a súa familia. Ao tempo que comparte xuntanzas con Frédéric e os demais amigos deste, comeza a frecuentar a casa dos Dambreuse, onde non dubida en sumarse a algunha das humillacións que sofre Frédéric nese círculo. Tras varias amantes (unha obreira cando estudante, unha muller duns cincuenta anos que coñece no Alhambra), mantén unha relación coa señora Dambreuse, até que o seu arribismo o empurra a cortexar a Cécile, a fea e insignificante rapaza, ao sospeitar que é a filla ilexítima de Dambreuse e terá un bo dote. Ao cabo logra o seu propósito e recibe, canda a súa muller, a herdanza da fortuna do banqueiro á morte deste. Acaba sendo senador.

 

ALFRED DE CISY

Vizconde, cadra con Frédéric na Facultade de Dereito, quen pensa que ten unha intelixencia das máis mediocres, malia admirar as súas boas maneiras e a súa elegancia. Del dise que semella unha señorita polas súas maneiras delicadas. Chega a identificarse co príncipe Rodolphe de Les Mystères de Paris. Coa morte da avoa, dispón dunha fortuna considerable e céntrase en distinguirse dos demais, empeñado en «ter un selo de seu», a súa frase preferida. Seduce a Rosanette por unha aposta e este feito, sumado á ofensa contra a honra dos Arnoux, fai que Frédéric o desafíe a un duelo. Acaba consagrado á relixión, pai de oito fillos e residindo no castelo dos devanceiros.

 

AUGUSTE DUSSARDIER

Humilde dependente que coñece a Frédéric e os seus amigos tras ser detido por defender un neno dos ataques dos gardas, pois non soporta as inxustizas. Representa o revolucionario puro (contrapunto de Sénécal) e idealista, pois soña con participar na construción dunha república celestial na que se cumpran os anhelos de todos os obreiros. É un amigo leal do protagonista, con quen comparte seráns no peirao Napoleón, conversas e libros. Cando Sénécal é detido, acusado de participar nun atentado, axúdao, seducido pola idea do home que se sacrifica por un ideal que el comparte: a República. Resulta ferido no motín republicano contra o Goberno e recibe os coidados da señorita Vatnaz, con quen comparte unha historia do pasado (un roubo cando ambos traballaban nun establecemento) e que se converte na súa amante, malia non estar namorado dela. Ao cabo, sofre a desilusión de ver traizoados os seus ideais. Acaba asasinado a mans do seu antigo camarada Sénécal.

 

SÉNÉCAL

Representa o revolucionario exaltado e fanático, membro de sociedades secretas revolucionarias, que, de xeito paradoxal, acaba apoiando o golpe de Estado que pon fin á revolución. En realidade, é Deslauriers quen o introduce no círculo de Frédéric, gabando as súas altas capacidades. Traballa como profesor de matemáticas, aínda que o expulsan até en dúas ocasións: unha vez por lle zoscar ao fillo dun aristócrata, e outra por negarse a entregar premios, un costume que considera funesto para a igualdade. Durante a estadía de Frédéric en Nogent, vive un tempo con Deslauriers e goza dos luxos da casa. Frédéric pretende utilizalo para vixiar a señora Arnoux e conséguelle un traballo na fábrica de porcelana do seu home, pero deixa o posto ao se ver desautorizado. Deportado por revolucionario en xuño de 1848, reaparece máis tarde como axente da policía durante o golpe de Estado de Luís Napoleón, momento no que asasina o seu amigo Dussardier. Sen transición, sempre autoritario, pasará da revolución á defensa da orde e o asasinato.

 

DELMAR

Actor que ten un alto concepto de si mesmo. De nome Auguste Delamare, faise chamar primeiro Anténor Dellamarre, logo Delmas, logo Belmar e ao cabo Delmar, «modificando e perfeccionando así o seu nome de acordo coa súa crecente gloria». Aparece por vez primeira actuando no Alhambra, un baile público. Amante da señorita Vatnaz e tamén de Rosanette, as dúas disputan por el. Tras a revolución de febreiro de 1848, decide presentarse como candidato ás eleccións polo Sena. Ofrécese a presentar a Frédéric nos clubs para presentar a candidatura deste.

 

SEÑOR DAMBREUSE

Aristócrata oportunista que medrou e amasou a súa fortuna ao abeiro da monarquía e que se adapta á nova vida burguesa converténdose nun importante e rico industrial, acérrimo defensor da propiedade, o proteccionismo, o luxo, o comercio e a fusión das grandes compañías, coma a da hulla, sempre á espreita das boas oportunidades. Posúe unha suntuosa residencia privada, por máis que o seu despacho sexa austero, tan só adornado polos retratos de Luís Filipe e do xeneral Foy. Móstrase preocupado polas ideas revolucionarias, sobre todo as relacionadas coa organización do traballo, e cre esaxerado falar do problema do pauperismo, considerando que se trata dunha cuestión individual sen relación coa miseria: cando as clases baixas abandonen os seus vicios, liberaranse das necesidades, e cando o pobo sexa máis moral, será menos pobre, defende. Porén, salienta pola súa gran capacidade de adaptación en política: co triunfo da revolución de 1848, axiña cambia de chaqueta, muda de actitude, de linguaxe e de ideas, e chega a afirmar que no fondo sempre fora republicano e que lle caían simpáticos os obreiros. Proponlle a Frédéric que se presente como candidato ás eleccións de abril á Asemblea Nacional polo distrito de La Fortelle para ter unha persoa de confianza no parlamento, pero, ante o discurso radical que prepara o mozo, acorda presentarse el mesmo, sen dicirllo. De forma simbólica, morre a consecuencia dunha hemoptise tras a destitución do xeneral Changarnier. Flaubert concentra neste personaxe o seu odio cara ao burgués orleanista; o arribista, cazador de fortunas e home sen escrúpulos.

 

TÍO ROQUE

Axente electoral e administrador do señor Dambreuse en Nogent. Tras vivir en concubinato coa criada, casa con ela e recoñece a súa filla, Louise. Quere que esta case con Frédéric, xa que o mozo podería recuperar unha posible orixe nobre por parte materna e chegar lonxe coa axuda do señor Dambreuse. Durante o motín contra a República, acode a París coa veciñanza de Nogent e únese á garda nacional. Pon en práctica a súa crueldade vingándose dos amotinados e matando friamente un rapaz que lle pide pan.

 

As mulleres de Frédéric

 

MARIE ARNOUX

Esposa do burgués Jacques Arnoux, sempre infiel, é o obxecto de desexo de Frédéric durante toda a novela e preséntase nas primeiras páxinas «coma unha aparición», de acordo co sentido case virxinal do seu nome. Aparece sempre descrita baixo a mirada de Frédéric, que a considera unha muller fermosa, plácida, virtuosa e case perfecta. Así, a miúdo é retratada sentada ao pé do lume, cosendo e coidando dos seus dous fillos. Esta concepción maternal arrodeada de idealismo e pureza fai que nela se exclúa a luxuria. Malia haber escenas nas que parece corresponder aos sentimentos de Frédéric, apenas comparten algo máis ca un bico. Porén, ofrécese a el ao final da novela, cruzando a liña da figura maternal e da compañeira constante para tentar ser a amante, o que marca o remate da súa relación.

 

ROSANNETTE

É unha prostituta nova, bonita, frívola e caprichosa que sabe seducir os homes, de maneira que representaría a muller impura fronte á honestidade da señora Arnoux. Amante de Jacques Arnoux, mantén tamén relacións con outros personaxes (co vello señor de Oudry, veciño de Arnoux; con Delmar; co barón de Comaing; con Cisy; co príncipe ruso Tzernoukoff), entre eles Frédéric, que a conquista tras longos desabores, buscando nela o pracer. Coñeceremos a súa complicada infancia (foi vendida pola nai a un home casado) e mocidade (foi dependenta nunha tenda, encomezou estudos para ser actriz) até se dedicar a vivir dos seus amantes. Aspira a atopar o amor auténtico e cando ten un fillo con Frédéric está disposta a casar con el e a converterse nunha burguesa. Con todo, ao final da novela Deslauriers fala do seu decadente aspecto, tras atopala nunha tenda, levando da man un cativo que adoptou, viúva dun tal señor Oudry e moi gorda, enorme.

 

LOUISE

É a rica filla do tío Roque, un veciño de Nogent, que coñece a Frédéric aos doce anos e queda engarguelada por el, ao consideralo un compañeiro, un irmán, un mestre. Apenas morta a nai, el marcha a París e Louise idealízao no recordo e ansía casar con el. Cando ao cabo se debuxa esta posibilidade, chora desconsolada ao coñecer que Frédéric ama a alguén e ten un fillo cunha amante á que mantén. Acaba casando con Deslauriers aínda que tempo despois o abandona para fuxir cun cantante.

 

A SEÑORA DAMBREUSE

Muller da alta sociedade, é a esposa dun rico empresario que se caracteriza polo seu carácter intrigante, visible nas súas argucias para impedir por todos os medios que Martinon, o seu amante, case con Cécile (filla ilexítima do seu home). Cando ao cabo a voda se celebra, por aburrimento, faise amante de Frédéric, co que mesmo quere casar. Á morte do seu home, desesperada por non obter a totalidade da herdanza que esperaba tras unha vida de entrega a el, e sabedora de que Frédéric ama a señora Arnoux, argalla unha cruel vinganza para humillalo. Acaba casando cun inglés.

 

Arnoux e o seu círculo

 

JACQUES ARNOUX

Próspero empresario ao que Frédéric coñece no barco, de mozo, cando ten uns corenta anos e galantea cunha campesiña, de maneira que dende o comezo da novela queda de manifesto o seu carácter sedutor. Republicano, preséntase como propietario do establecemento L’Art industriel, sito no bulevar Montmartre, que comprende tamén unha revista de arte, aínda que despois se dedicará ao comercio de louza, á compravenda de terreos e, pasado o tempo, debilitado de saúde, montará unha tenda de obxectos relixiosos antes de fuxir de París compelido polas débedas. Egoísta e descarado, salienta pola súa vitalidade e tamén pola súa xenerosidade, pois ao seu redor pululan artistas, xornalistas, vendedores e mulleres que prestan servizos a cambio de obsequios. É un dos principais amantes de Rosanette. Aprovéitase de Frédéric pedíndolle cartos para salvarse e mesmo o humilla, utilizándoo diante da muller para tapar os seus reiterados excesos e infidelidades.

 

PELLERIN

Pintor de ideoloxía socialista, pois pensa que a arte debe servir para moralizar o pobo. Obsesionado por superar o clasicismo e iniciar a revolución impresionista, le todas as obras de estética para descubrir a verdadeira teoría da Beleza, convencido de que, cando a atope, realizará obras mestras. Eterno artista, nunca acha a maneira de materializar a súa obra e pérdese en discusións sen fin. É o autor do cadro de Rosanette que lle encarga Frédéric. No aspecto político, abomina a revolución pola perda definitiva do museo español e declárase partidario dunha monarquía ben entendida, o máis favorable para as artes. Tras practicar o fourierismo, a homeopatía, o espiritismo, a arte gótica e a pintura humanitaria, acaba convertido en fotógrafo.

 

HUSSONNET

Malia que coñece a Frédéric na rúa, mentres ambos contemplan un motín, adoita traballar para Jacques Arnoux, o cal fai que o mozo se pegue a el para introducirse nese círculo. Ambiciona a gloria e as ganancias do teatro. Colabora en comedias fracasadas, ten montóns de plans, compón cancións e aláudase de coñecer ben a lingua. Acaba ocupando un alto cargo relacionado cos teatros e a prensa.

 

REGIMBART

Chamado o Cidadán, é outro dos acólitos de Arnoux, un cretino vago e descrido ao que ninguén lle coñece ocupación e que vive da muller (modista). Porén, Arnoux atribúelle unhas condicións intelectuais e unha intelixencia superior. Pasa o tempo deambulando polas rúas de París, entre copas de asente e vermú, espallando as súas opinións. Durante a monarquía orleanista, Régimbart desexaba a revolución e conspiraba activamente cos integrantes dos clubs; cando ao cabo chega a revolta, pensa que non se trataba diso e, ao final, só lle preocupa conservar as fronteiras nacionais.

 

SEÑORITA CLÉMENCE VATNAZ

Solteira parisiense. Amiga e rival de Rosanette, coa que ten diversos enfados por temas de cartos e porque ambas se disputan a atención do actor Delmar. É a encargada de amañarlle a Arnoux as citas. Coa chegada da Revolución, entrégase a unha afervoada propaganda socialista e defende a participación das mulleres. Coida de Dussardier cando este resulta ferido no motín republicano contra o Goberno, e fanse amantes, pois ten con el unha especie de débeda de gratitude por un roubo que ela cometeu cando ambos traballaban nun establecemento.


Outra información relacionada coa novela: Xénese da obra e marco temporal

A educación sentimental: xénese da obra e marco temporal

Achegamos a continuación a primeira de varias entradas relacionadas coa novela A educación sentimental. Os contidos foron elaborados pola tradutora Isabel Soto e teñen por obxecto enriquecer a lectura de quen agora se achegue a unha das obras clave da literatura europea.


Xénese da obra

 

A educación sentimental recolle un feito biográfico esencial na vida de Flaubert cando era adolescente: o seu namoramento de Élisa Foucault, a esposa do editor de música Maurice Schlésinger (Berlín, 1798-Baden-Baden, 1871), trece anos maior ca el, que considerou a paixón da súa vida, sempre correspondida pero nunca satisfeita.

A novela foi concibida durante a súa mocidade e rematada na madureza. Así, entre xaneiro de 1843 e xaneiro de 1845, Flaubert redacta unha primeira versión protagonizada pola señora Arnoux, ben diferente á definitiva e que nunca publicou en vida.

Anos máis tarde, a partir de setembro de 1864, comeza unha segunda versión, unha novela de amor ao primeiro intitulada Madame Moreau e logo Les Fruits secs, que se converte en A educación sentimental e se publica en novembro de 1869, tras 56 meses de redacción e 4.000 páxinas de notas e borróns.

Ademais desta historia de amor, Flaubert ten en mente outro propósito, como lle explica nunha carta datada o 6 de outubro de 1864 á súa amiga Marie-Sophie de Chantepie:

«Velaquí estou, dedicado dende hai un mes a unha novela de costumes modernos que sucederá en París. Pretendo facer a historia moral dos homes da miña xeración; «sentimental» sería máis exacto. É un libro de amor, de paixón, pero dunha paixón como a pode haber agora, é dicir, inactiva».

Deste xeito, Flaubert recorre á súa experiencia persoal e á dos seus amigos para fusionar as regras da novela histórica coas da narración realista e reinventar a novela de aprendizaxe, outorgándolle unha nova profundidade e artellando, nunha complexa estrutura, a historia colectiva e a historia íntima dos personaxes e describir o espírito de toda unha xeración, a que viviu a revolución de 1848, a través da historia persoal e amorosa dun estudante provinciano que chega a París para estudar Dereito e verá fracasadas todas as súas expectativas e ilusións, converténdose no emblema literario de toda unha xeración.

Flaubert quixo demostrar que o desenvolvemento sentimental do protagonista dende 1840, cando arrinca a trama, segue os acontecementos políticos e reproduce as súas fases. Neste retrato, inclúe todas as posicións políticas, alén de acabar co mito do pobo como forza revolucionaria.

O propio autor foi consciente de non estar a escribir para a súa época senón para a posteridade:

«Escribo… non para o lector de hoxe, senón para todos os lectores que poidan presentarse namentres viva a lingua. A miña mercancía non pode ser consumida agora, pois non está feita exclusivamente para os meus contemporáneos».

Noutra orde de cousas, a presente obra significou o comezo da novela moderna, xa que contén innovacións únicas para a súa época que a distancian das características da novela tradicional. En primeiro termo, a escasa importancia concedida a unha trama convencional, isto é, cargada de peripecias, a prol da descrición mediante un narrador impersoal e a introspección, facendo uso de técnicas como o estilo indirecto libre e o contrapunto entre personaxes que representan condutas opostas, permitindo que o lector interprete o significado da mensaxe que quere transmitir.

Esta evocación realízase cun tratamento particular do tempo. Coa utilización dos tempos narrativos e o ritmo das frases, Flaubert consegue dar unha sensación case material da duración, as elipses e as rupturas temporais; a súa técnica narrativa case parece anticipar a fotografía e a montaxe cinematográfica.

A cronoloxía confusa deste relato de ausencia de acción descansa nunha estrutura complexa: anacos de realidade que, lonxe de estar ordenados nunha composición unitaria e homoxénea, están xustapostos, como illados.

Flaubert retoma técnicas xa utilizadas en Madame Bovary, radicalizándoas. Impersonalidade, relatividade xeneralizada dos puntos de vista e os lugares da enunciación, estilo indirecto libre, focalización variable, escritura non conclusiva que lle deixa ao lector a responsabilidade da interpretación do relato.

 

Os límites temporais da novela

 

En A educación sentimental, Flaubert retrata a xeración nacida entre 1810 e 1830, a cal asiste á instauración e derrubamento do réxime orleanista, cuxa burguesía capitaneou os primeiros pasos do ascenso industrial de Francia, e á revolución de 1848, que elevou ao poder a Luís Filipe, ao nacemento e curta vida da Segunda República e ao golpe de Estado de Luís Napoleón Bonaparte.

Na novela conviven o mundo dos grandes negocios, a especulación financeira e a banca, e a resposta social en forma de conspiracións e críticas. Neste marco social decorre, ao mesmo tempo, a vida dun mozo de provincias que se traslada a estudar a París, as súas paixóns e a súa historia sentimental –calco da do autor–, conformando así unha crónica moral dos homes da xeración de Flaubert sobre un fondo histórico atento aos cambios sufridos pola sociedade francesa, en particular no período revolucionario.

As tres partes da novela esténdense ao longo de varios momentos históricos:

  • A primeira parte comeza en 1840, xa que logo en plena Monarquía de Xullo, co ascenso ao poder do rei Luís Filipe tras a Revolución de Xullo. Esténdese ao longo de máis de cinco anos: dende o 15 de setembro de 1840 até a mañá na que Frédéric recibe a carta que anuncia que percibirá a agardaba herdanza do seu tío, o 12 de decembro de 1845.
  • A segunda parte abrangue dende decembro de 1845 até os derradeiros días de febreiro de 1848, cando se instaura a Segunda República. A revolución estala o día no que Frédéric ten unha cita coa señora Arnoux que non se produce e que o arrastra aos brazos de Rosanette. Namentres París vive tráxicos acontecementos, Frédéric e Rosannette están en Fontainebleau.
  • A terceira parte ábrese cun longo primeiro capítulo cuxo alcance é de apenas uns meses (dende febreiro até as xornadas de xuño de 1848). Os capítulos 2, 3, 4 e 5 conducen ao golpe de Estado do 2 de decembro de 1851, que supón o comezo do Segundo Imperio. Frédéric deixará a señora Dambreuse e ve como se afunden os seus soños. O capítulo 6, tras a breve evocación duns quince anos que supuxeron o triunfo do emperador Luís Napoleón Bonaparte, chega até un día de marzo de 1867, cando a señora Arnoux visita a Frédéric. O capítulo 7 e derradeiro sitúanos nun pasado recente: o inverno de 1868-1869.

30 novelas da literatura francesa

Coa publicación de A educación sentimental, de Flaubert, a miúdo considerada un punto de inflexión na narrativa europea, chegamos ás 30 obras importadas da literatura francesa (de cuxa tradución ao galego se responsabilizaron Isabel Soto, Xavier Senín, Marie Abraira, Alejandro Tobar, Xabier Ron e Ánxela Gracián).

Velaquí a cronoloxía consonte os anos de publicación orixinal das novelas.

Senllas novelas de Gustave Flaubert e Karmele Jaio

Chegou a primavera e con ela dúas novidades de excepción para engrosar a colección Principal, as correspondentes ao segundo trimestre de 2022. Tras un longo tempo de intenso traballo, por fin podemos presentar en galego un dos meirandes e máis extensos clásicos da literatura universal: A educación sentimental, de Gustave Flaubert, traducida e anotada por Isabel Soto. En breve, nesta bitácora, ofreceremos máis información acerca desta obra magna e mesmo incorporaremos de balde varios documentos guieiros para complementar a lectura, elaborados en todos os casos pola tradutora.

Por outra banda, na tradución dende o orixinal éuscaro realizada por Isaac Xubín, traemos unha das obras máis sobranceiras e mellor acollidas da literatura vasca contemporánea: A casa do pai, da escritora vitoriana Karmele Jaio. A novela foi distinguida co Premio Euskadi de Literatura en 2020 e, entre os temas que propón, figuran as complexas relacións, abordadas con sutileza, entre a masculinidade e o feminismo.

Dentro duns días enviaremos os paquetes cos libros aos domicilios das persoas subscritoras e principiaremos así mesmo a distribución comercial nas librarías. Quen esteades en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e grazas.  Velaquí a información coas distintas modalidades de abonamento.

Oxalá ambas as dúas obras logren a atención de crítica e lectorado que ao noso entender merecen, aínda que só sexa pola cantidade de tempo que lles dedicamos: no caso de A educación sentimental, 4 anos con ela a voltas (na edición galega, supera os 850.000 caracteres). No caso de A casa do pai, a idea de traela para o galego xurdiu a raíz desta entrevista con Harkaitz Cano en febreiro de 2021.

Boas lecturas!

5 novidades: Mauriac, Viziinos, Beyer, Ames Mitchell e Dulaure

Van camiño dos domicilios das persoas subscritoras as últimas publicacións deste ano, que pronto estarán tamén á venda nas librarías. Pasan pois a formar parte da colección principal as novelas Thérèse Desqueyroux, de François Mauriac, traducida por Xavier Senín, unha das grandes apostas da tempada, e As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, obra traducida por Alfonso Blanco e distinguida co último premio Realia de Tradución.

Por outra banda, van para a colección Vólvense os paxaros contra as escopetas unha novela da autora bretoa Mich Beyer,  Unha volta polo inferno, traducida por Robert Neal Baxter (a primeira tradución directa bretón-galego que se publica dunha obra de ficción contemporánea); tamén o curioso divertimento intitulado O regreso do meu pobre tío, de Jacques-Antoine Dulaure, traducido por Isabel Soto; e mais un singular opúsculo de corte distópico, O derradeiro americano, ideado por John Ames Mitchell e traducido por Iago Nicolás Ballesteros; esta última peza inclúe ademais as ilustracións orixinais en páxinas interiores.

 

Thérèse Desqueyroux

«Thérèse Desqueyroux son eu, desesperado», afirmou François Mauriac a imitación do dito por Flaubert sobre Madame Bovary. Obra ambigua, complexa e dunha gran riqueza literaria que un xurado especializado recoñeceu como unha das doce mellores novelas en lingua francesa da primeira metade do século XX.

 

As consecuencias da vella historia

Novela breve que aborda os desequilibrios que unha paixón amorosa insatisfeita pode provocar no espírito. Así mesmo, pon de relevo o destacado papel da cultura alemá na formación da intelectualidade do Estado grego independizado do Imperio Otomán en 1830.

 

Unha volta polo inferno

Primeira obra narrativa contemporánea que se traduce directamente do bretón ao galego. Presenta unha serie de elementos habituais nas obras da bretoa Mich Beyer: a inserción de misivas e entradas de diario, o papel protagonista de mulleres lesbianas na mediana idade, a utilización de varias voces narrativas ou a revelación gradual de segredos como fórmula para acentuar o suspense.

 

O derradeiro americano

Novela de corte satírico ambientada nun futuro afastado, decadente e, até certo punto, postapocalíptico. O almirante persa Khan-li narra as aventuras á fronte dunha expedición que suca as augas do Atlántico rumbo ao descoñecido.

 

O regreso do meu pobre tío

Inspirada nas primeiras experiencias de voo aerostático, trátase dunha humorística recreación na que non custa recoñecer a sempre actual reflexión sobre as relacións humanas nas institucións, os costumes mundanos e o seu absurdo.

 

Boas lecturase e próspero 2022.

Décimo aniversario

Os primeiros títulos do noso catálogo (Servizo de Correos, de Charles Bukowski; e O forasteiro misterioso, de Mark Twain) viron a luz en decembro de 2011, así que neste Nadal de 2021 celebramos os primeiros dez anos de vida da editorial.

 

Cifras, linguas e persoas involucradas

Nestes dez anos de traxectoria, publicamos un total de 108 títulos (82 na colección principal e 26 no selo paralelo, «Vólvense os paxaros contra as escopetas»), unha vez que acabamos de recibir da imprenta as cinco novidades dunha asentada: Thérèse Desqueyroux, de François Mauriac, traducida por Xavier Senín; As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, traducida por Alfonso Blanco; O regreso do meu pobre tío, de Jacques-Antoine Dulaure, traducida por Isabel Soto; Unha volta polo inferno, de Mich Beyer, traducida por Robert Neal Baxter; e O derradeiro americano, de John Ames Mitchell, traducida por Iago Nicolás Ballesteros.

A maiores, editamos 5 guías de lectura como complemento para as obras O soño, A contrafío, A viaxe de Niels Klim, Un mundo distinto e igual e Nova Atlántida, que hai un tempo decidimos entregarlles de balde aos compradores en liña e nas feiras do libro onde poñemos posto.

Das traducións, realizadas, sempre dende a lingua orixinal (polo momento, 18 idiomas), ocupáronse 33 profesionais. E son 10 os correctores recoñecidos nos nosos créditos en todos estes anos.

 

 

As obras máis extensas, as máis curtas e as máis anotadas

A novela máis longa que publicamos nesta década de intenso labor é un clásico da literatura inglesa, Jude o escuro, do sempre conmovedor Thomas Hardy. Da tradución encargouse Mª Fe González. O libro, que supera os 750.000 caracteres, quedou co noso formato nas 500 páxinas. Son así mesmo abondas as pezas que superan as 400.000 matrices, e unhas poucas as que pasan das 500.000. Catro exemplos destas últimas son Historia dunha granxa africana, da surafricana Olive Schreiner (traducida por Begoña R. Outeiro); O longo adeus, de Raymond Chandler (traducida por Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar); ou A impaciencia do corazón, de Stefan Zweig (traducida por Rosa Marta Gómez Pato).

Canto ás obras máis curtas (con menos de 100.000 caracteres), case sempre as destinamos á colección das cubertas negras, «Vólvense os paxaros contra as escopetas». Son os casos de Ourika, de Claire de Duras; Micromegas, de Voltaire; A traba, de Mary Cholmondeley; ou Noventa anos despois, de Milovan Glišić. No entanto, houbo tamén algunha que outra novela breve que cremos conveniente colocar na colección principal a fin de llela facer chegar directamente ás persoas subscritoras. Por exemplo, O párroco de Vejlby, de Steen Steensen Blicher, pola súa especial relevancia en canto que obra fundacional da ficción criminal nórdica e unha das pezas consideradas, formalmente, parte do canon literario dinamarqués. Foron parar así mesmo á colección principal Oroonoko, novela de Aphra Behn que describe o sistema escravista do século XVII; ou Na néboa, de Richard Harding Davis, unha peculiar historia de detectives.

Cando as obras así o requiren, gústanos recorrer a un aparato de notas, as máis das veces de realia ou informativas, rara vez léxicas ou tradutolóxicas. Neste sentido, o caso máis saliente sería o da obra O soño, de Johannes Kepler, onde só 37 das súas 156 páxinas pertencen, stricto sensu, ao relato de ficción, mentres que as restantes corresponden ao «Caderno de notas de Johannes Kepler ao Soño Astronómico». Ao conxunto, é preciso sumarlle as «notas [do tradutor] ás notas [de Kepler]», case 200. Outro exemplo é o de A contrafío, a biblia do decadentismo escrita por J-.K. Huysmans, onde a tradutora elaborou 232 notas a rodapé. Ou as 395 de Un mundo distinto e igual, de Joseph Hall.

 

Ámbito de escolma: o mundo

Das 18 linguas orixinais dende as que até o de agora traducimos narrativa (só novelas e novelas curtas, nunca compilacións de relatos), a literatura inglesa e a francesa son, con moito, as máis amplamente representadas; xuntas supoñen máis do 50 % das obras no catálogo. Se do inglés trouxemos un total de 34 novelas (de autoras e autores orixinarios de Inglaterra, Irlanda, Suráfrica, Estados Unidos e Nixeria), do francés temos 29, escritas por plumas de Francia e do Canadá.

A italiana, con 9 obras, é a terceira literatura con máis peso no catálogo da editorial. Dese total, son 5 as novelas escritas por mulleres, das que habería que salientar polo menos tres como exemplos de narrativa recuperada vinculada ao feminismo.

Un matrimonio provinciano, de Maria Antonietta Torrani, a marquesa Colombi, un texto breve e cargado de sutileza e retranca publicado a finais do século XIX no que a autora constrúe a fantasiosa personaxe da moza Denza Dellara e un microcosmos envelenado polos convencionalismos, os usos e costumes do Piemonte da hai século e medio.

Logo estaría tamén A virtude de Checchina, de Matilde Serao, onde, en palabras da autora, se busca «demostrar o infeliz e monótona que é a vida burguesa, carente da brillantez dos sentimentos, ligada a cousas banais, deslucida polo aburrimento e na que mesmo o pecado carece de poesía e a culpa resulta fea e mesquiña». Isto conségueo Serao mediante a contraposición de dous prototipos femininos antagónicos: Isolina, a muller adúltera, desexosa de amor e aventura e que non ten interese en corrixir a súa conduta, e a beata e arisca criada Susanna.

En terceiro lugar, As confesións dunha filla do século. Epistolario dunha morta, de Donna Paola, novela epistolar na que a protagonista, a agonizante Viviana, reivindica a través dunha serie de misivas a súa sexualidade e expón o asoballamento que sente ante unha realidade na que priman a hipocrisía e as conveniencias.

Finalmente, pola súa defensa cerrada dun socialismo clásico como contrapeso aos abusos do capitalismo, aí estaría tamén A obra, escrita por Beatrice Speraz (que a publicou co pseudónimo Bruno Speraz) e na que se evidencia certo pouso determinista. Trátase dun texto de ambientación milanesa, cando a cidade estaba a experimentar unha febril actividade coa construcións de novas avenidas, barrios e modernas infraestruturas. Así, o relato aborda a vida dos marxinados e desfavorecidos, en contraste coa dos poderosos e hipócritas especuladores.

Dos títulos restantes, sinalar a relevancia da publicación a finais de 2012 da novela Unha vida violenta, de Pier Paolo Pasolini (traducida por Gonzalo Vázquez), ou da máis recente A historia do bondadoso vello e da fermosa moza, de Italo Svevo.

Pola parte baixa, idiomas tales coma o catalán, o castelán, o portugués, o serbio, o croata, o dinamarqués, o xaponés, o bretón e o aranés contan con cadanseu solitario título. Cabe aquí unha mención especial a estas dúas últimas linguas. En primeiro lugar, á aranesa, por supor un fito editorial na medida na que a publicación de Morte en Arán, da autora Tòni Escala (con tradución de Xabier Ron) supuxo a primeira tradución directa ao galego dun texto de ficción importado do aranés moderno. Neste sentido, rescatamos o seguinte extracto tomado da contracapa:

Malia a aparente distancia entre o galego e o aranés occitano, cabe lembrar que, xacando (séculos XI a XIV), a manifestación lírica máis emblemática, a trobadoresca, se espallou por toda a Península, de tal forma que occitano, galego medieval, aragonés, francés antigo, navarro e castelán se entrecruzaban na súa expresión e difusión orais. Así, non parece desatinado entender esta tradución como unha ponte tendida entre ambos os sistemas culturais, desenvolvidos en senllas linguas románicas…

Tamén foi un fito a flamante publicación de Unha volta polo inferno, da autora bretoa Mich Beyer, de quen rescatamos estas últimas frases no texto de presentación da cuberta:

Primeira obra narrativa contemporánea en tradución directa do bretón ao galego. De aí a escolla: Mich Beyer, unha escritora multipremiada no sistema literario de orixe; e, máis concretamente, Unha volta polo inferno, unha peza recente e representativa do seu extenso labor novelístico.

Noutra orde de cousas, hai cinco grupos de linguas cuxo peso crecente era quizais difícil de prever. Trátase do grego, o sueco, o latín e, en menor medida, o alemán e o éuscaro.

En 2013, a boa acollida da novela A asasina, de Alexandros Papadiamandis (na tradución de Susana Losada e Margarita Olivar), probablemente foi, mirado en retrospectiva, o que facilitou que hoxe contemos cunha destacada representación de literatura grega contemporánea, e tamén do século XIX. Nese conxunto de 6 obras, das cales a derradeira foi a de Viziinos tras gañar o pasado setembro o Premio Realia, dúas salientan, ao noso entender, sobre as demais: Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani, e O obradoiro de vidro, de Menis Koumantareas, traducidas en ambos os casos por Alfonso Blanco. Sirva para apuntalar o dito o seguinte extracto tomado dun número recente da revista Biblos, onde se lles reservaba un espazo ás propostas de literatura grega:

Na última década, a publicación de cinco grandes novelas da literatura grega contemporánea serviu para cubrir un notable baleiro no corpus de tradución ao galego. Se, por unha banda, a literatura helena clásica xa se fora incorporando á lingua de noso dende mediados do século XX, grazas en boa medida a unha xeración de afanosos tradutores dos que talvez o máis soado sexa Evaristo de Sela, pola outra quedaba unha tarefa pendente: a importación de narrativa contemporánea. […] Escrita orixinalmente ben no estándar derivado da koiné clásica ou ben na variedade popular ou demótica, o lectorado en galego dispón dun pequeno abano máis ou menos representativo da mellor produción novelística dos creadores e creadoras gregos. […] Naturalmente, aínda falta moito por traer (pezas de Markaris, Kazantzakis…), pero é un feito que onde antes non había nada, agora xa hai algo, e algo digno, merecedor de ser traducido. Velaí, polo tanto, un motivo de celebración…

Foi así mesmo Alfonso Blanco, latinista de formación, quen se responsabilizou da tradución de catro obras escritas en orixe no coñecido como latín humanístico.

Quede aquí unha mención a Nova Atlántida, do inglés Francis Bacon, por ser a súa xénese un tanto singular: publicáraa Bacon inicialmente en inglés en 1627, pero en 1638 volveu editala, ampliada, reelaborada e en neolatín (para o cal contou coa axuda do seu capelán e editor, William Rawley), polo que é esta última a que fixa a edición definitiva, ergo a que se empregou para a tradución de Blanco que publicamos.

Do sueco, trouxemos seis obras de contrastada calidade, grazas á enriquecedora e continuada colaboración coa tradutora Marta Dahlgren. Hai nese pequeno couto nórdico propostas moi variadas. Dende Kallocaína, de Karin Boye, un clásico de culto da ciencia ficción distópica, até Apropiación indebida, de Lena Andersson, ou O xogo serio, de Hjalmar Söderberg, dúas obras que teñen Estocolmo como marco da acción e que tratan o complexo mundo das relacións sentimentais.

Canto ás seis pezas importadas do alemán, hai nomes de sona internacional: Stefan Zweig, Arthur Schnitzler ou Bernhard Schlink. Tamén Ricarda Huch, poida que menos coñecida ca os anteriores pero da cal O derradeiro verán gustou bastante entre o lectorado galego, ou esa impresión nos deu. Se ben da tradución máis recente, O lector, se ocupou David A. Álvarez, o crédito polas outras cinco cómpre concederllo a Rosa Marta Gómez Pato.

Para concluír esta epígrafe, faltaría por amentar as obras traídas dende o sistema literario éuscaro. Contribuímos a estreitar os lazos entre Galicia e Euskadi coa publicación de tres obras contemporáneas: Pasaia blues, de Harkaitz Cano; eSPedición, de Juanra Madariaga; e O xogo das cadeiras, de Uxue Alberdi. Ademais, como anunciamos hai meses, o tradutor Isaac Xubín anda próximo a rematar a tradución da cuarta e premiada novela que lle encomendamos: A casa do pai, de Karmele Jaio, que verá a luz no primeiro semestre de 2022.

 

Os Nobel

Cinco (dos que catro o aceptaron e un o rexeitou) son polo momento os galardoados co Premio Nobel de Literatura que engrosan o noso catálogo: Grazia Deledda, da cal trouxemos a novela Elias Portolu; Albert Camus, con A peste; John Galsworthy, con O estoico; François Mauriac, coa acabada de publicar Thérèse Desqueyroux. E mais un que foi distinguido co Nobel pero non o quixo: Jean-Paul Sartre, con A infancia dun xefe. Desta última peza ocupouse da tradución dende o francés Ánxela Gracián, e malia que as vendas non foron especialmente boas, talvez porque non soubemos darlle a promoción que merecía, cremos que se trata dunha obra sobranceira, polo que aproveitamos a ocasión para recomendar a súa lectura.

 

Inéditos nas demais linguas do Estado

Polas nosas contas, son cando menos 15 as obras que nesta década trouxemos ao galego cando aínda non se traduciran a ningunha outra lingua estatal nin peninsular. Delas, poderiamos destacar casos coma o de Cando levanten as brétemas, un cruento relato da guerra de Bosnia novelado por Josip Mlakić e vertido dende o croata por Jairo Dorado; ou As nosas normas, de C. J. L. Almqvist, insólita obra que coñecemos a través dunha edición francesa recente, e cuxa tradución dende o orixinal sueco axiña lle encargamos a Marta Dahlgren; ou, máis próxima no tempo, O derradeiro americano, de John Ames Mitchell, que acaba de traducir Iago Nicolás Ballesteros do inglés, co único apoio para o cotexo nas relecturas dunha edición anotada en esperanto. E así podiamos seguir con O home das bonecas, A industria do sexo e do peixe empanado, Noventa anos despois… Mesmo hai outras obras que, en tendo versións en linguas peninsulares, vimos que carecían dalgunhas pasaxes (censuradas?), como sucedeu con Angel Esquire; que non eran traducións plenas malia anunciarse como tales, senón adaptacións, como pasou con A xente de Hemsö (cuxa versión en portugués do Brasil pouco tiña que ver co orixinal sueco); ou que obviaban as frases máis complexas (caso de Locus Solus na vella versión en castelán).

En resumidas contas, esta forma de sumar para o galego títulos que non están ao dispor do lectorado en castelán, portugués ou catalán é, cremos, unha forma máis de vindicar o labor editorial plenamente profesionalizado. O sistema literario galego, tamén no ámbito da tradución, debe abrir camiños de seu, cos lóxicos equívocos pero tamén con acertos seguros. É con esa filosofía coa que enfrontamos os procesos de escolma de novos títulos; esforzámonos por non supeditar o «publicable» aos intereses doutros, por máis que a miúdo sexan coincidentes. A boa literatura, nos máis dos casos, recoñécese á legua.

 

Mellores e peores acollidas

No ámbito da tradución literaria ao galego, a realidade é que se un libro acada unhas cifras de vendas superiores aos 350 exemplares, é posible cualificar o seu comportamento comercial de correcto, mesmo de bo.

Así, tiveron unha curva «correcta» de vendas títulos como A asasina, de Alexandros Papadiamandis; Pescador de Islandia, de Pierre Loti; O verán sen homes, de Siri Hustvedt; ou A nosa Negra, de Harriet E. Wilson. Pola contra, obras como As valgadas bravas, de Raimon Casellas; Venecias, de Paul Morand; O afundimento do Titán, de Morgan Robertson; ou mesmo, de forma se cadra máis sorprendente, Thérèse Raquin, de Zola, ou Nós, de Evgenii Zamiatin, non deron arrancado, polo de agora.

Cabe facer aquí unha matización. Os nosos son «libros de fondo», polo que é posible que unha determinada obra pase desapercibida durante meses, se callar anos, e que logo engale a raíz do interese e a boa acollida nun par de clubs de lectura e das subsecuentes recomendacións lectoras (caso de Morrerei outro día, de Isabelle Alonso; inédita, por certo, nas restantes linguas peninsulares), ou a raíz dun acontecemento puntual (velaí A peste, de Albert Camus, que non vendera como cabía esperar até que a realidade pandémica puxo o libro en boca de todos); ou ben pode acontecer que simplemente as vendas dun libro se dean con vagar pero de forma constante ao longo de anos, até esgotar, unha tras outra, dúas ou tres reimpresións (caso de Maria, de Mary Wollstonecraft; ou de As covas de aceiro, de Isaac Asimov); impresións que no noso caso son modestas, polo xeral de 100 en 100 exemplares.

 

Premios dados e acadados

Unha das iniciativas que puxemos en marcha nestes anos foi o Premio Realia de Tradución Literaria, grazas a un acordo de colaboración co Concello de Santiago. Fixémolo nun momento no que non había premios de tradución remunerados fóra do ámbito universitario (o Premio Plácido Castro eliminara o pago ao tradutor, algo que felizmente se reverteu tan pronto como a fundación que o convoca atopou novos patrocinadores). Para asegurar a súa viabilidade, optamos por fixar unha periodicidade bianual.

Así, na I edición o xurado distinguiu a novela Detrás da máscara: o poder dunha muller, de Louisa May Alcott, na tradución de Antía Veres. Na segunda decidiu deixalo deserto. E na terceira recoñeceu As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, traducida por Alfonso Blanco.

No apartado de premios recibidos, cómpre amentar a concesión do Plácido Castro, até en catro ocasións: en 2014, ex aequo con Monai Imai (ela por Botchan, de Natsume Soseki), a Alejandro Tobar pola tradución de O forasteiro misterioso, de Mark Twain; en 2015 a Marta Dahlgren por Kallocaína, de Karin Boye; en 2016 a Isabel Soto, por Fosca, de Igino Ugo Tarchetti; e en 2018 a Antía Veres por Unha muller perdida, de Willa Cather.

Imaxes tomadas da Wikipedia {GL} e da web da Fundación Plácido Castro.

En dúas edicións, os cibernautas recoñeceron co Premio Fervenzas Literarias na modalidade de Tradución: en 2014 a Mª Fe González por Jude o escuro, de Thomas Hardy, e en 2017 a Isabel Soto por Thérèse Raquin, de Émile Zola.

E dúas veces tamén acadamos o Premio de Tradución da Gala do Libro, rebautizado en 2020 como Premio Follas Novas: en 2016 a Alejandro Tobar, por Mocidade, de Joseph Conrad; e en 2021 a María Reimóndez por A nosa Negra, de Harriet E. Wilson.

Logo, de mans da FEGALCAT (Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña), a editorial recibiu o Premio Alecrín á Innovación Cultural na edición de 2015.

Valla como peche para esta epígrafe unha mención ao Premio Estatal de Tradución que en 2019 se lle concedeu a Xavier Senín «pola súa dilatada obra como tradutor ao galego». En certo sentido, ese galardón supuxo un pequeno recoñecemento ao labor das moitas editoriais que nalgún momento contamos con el. No noso caso, ademais, Xavier Senín é un piar sen o cal a nosa identidade non sería nin sombra da que é. Recuperamos pois estas liñas escritas nos días posteriores á concesión do premio:

Dende a década de 1980, Senín asinou máis de 150 traducións, case sempre dende o francés; moitas veces en tándem con Isabel Soto. Que Senín é un valor seguro á hora de trasladar un texto á lingua de noso é algo que sabemos moi ben quen traballamos neste fascinante eido. Así se explica que o flamante premiado traducise para tantas e tan diversas editoriais, e que en todas elas o estimemos tanto. Sen saírmos do ámbito galego ou en lingua galega, recibiu encargas de Xerais, Galaxia, Edelvives, Kalandraka, Rodeira, Planeta, SM, Everest, Argos Vergara… e nosas, naturalmente (10 en total): Locus Solus (2012), de Raymond Roussel; Pescador de Islandia (2014), de Pierre Loti; A Eva futura (2014), de Auguste Villiers de L’Isle-Adam; No ceo (2015), de Octave Mirbeau; Unha desolación (2016), de Yasmina Reza; As damas verdes (2016), de George Sand; A peste (2018), de Albert Camus; Ourika (2019), de Claire de Duras; O home das bonecas (2020), de Jean-Louis Renaud; e Thérèse Desqueyroux (2021), de François Mauriac.

 

Cientifismo e investigación

Son 14, até o de agora, as obras etiquetadas como «Ciencia ficción». Algunhas, con todo, habían quedar fóra se o marco dado atendese só aos parámetros da ci-fi moderna. En calquera caso, é unha cantidade importante que permite calibrar o noso interese neste xénero.

Gustaríanos salientar dúas aínda non citadas nesta panorámica-resumo: por unha banda, Cita con Rama, de Arthur C. Clarke, un estupendo exemplo da mellor ciencia ficción dura; e, pola outra, A morte da Terra, de J.-H. Rosny o maior, un referente do xénero en lingua francesa. Esta última novela engancha ademais coa nosa afanosa querenza pola publicación de textos pioneiros, anovadores e ás veces inmerecidamente esquecidos: véxase A terra paterna, obra inaugural do subxénero coñecido como roman du terroir na literatura quebequesa; Últimas cartas de Jacopo Ortis, primeira novela epistolar da literatura italiana; ou O asasinato da Pont-Rouge, novela embrionaria da literatura policial francófona.

Engancha, así mesmo, a literatura policial francófona con outro paraugas, «Negra e detectivesca», nutrido cos clásicos O longo adeus, de Raymond Chandler, e Colleita vermella, de Dashiell Hammett. Pero non só. Tamén entran nesa categoría obras suxestivas e non demasiado coñecidas dos afamados Wilkie Collins ou Edgar Wallace.

 

Un decenio de axustes e melloras

Por unha banda, hai que citar os cambios operados na páxina web. A inicial cumpriu con nota o seu cometido durante preto de oito anos, pero foi tornando parcialmente obsoleta na medida na que os móbiles lles ían comendo espazo aos ordenadores. Tamén porque a plataforma de merca en liña periodicamente daba problemas, e, á fin e ao cabo, porque dez anos a nivel tecnolóxico son un mundo. Por iso, día arriba día abaixo, estreamos novo sitio web coincidindo co inicio do confinamento, en marzo de 2020. Por deseño e funcionalidade, considerámolo un acerto.

Tamén levamos a cabo a confección minuciosa do noso libro de estilo. Con independencia de quen traduce e de como, esforzámonos para que haxa unha coherencia entre as distintas obras, con aspectos comúns a todas e cunha primacía –que non resulte artificiosa– das formas patrimoniais. Como é lóxico, hai obras e traducións que precisan dunha revisión máis pormenorizada ca outras, pero en todo caso poñemos un grande empeño e somos moi esixentes nos procesos de revisión e corrección para que a lectura na lingua meta sexa fluída e non nos escapen demasiadas grallas nin erros de vulto. Esta forma de traballar implica, valla a redundancia, moito máis traballo, e polo tanto unha maior xenerosidade por parte de todos: responsables das tradución, a corrección, a edición, a maquetaxe… Esmerámonos por coidar dos contidos, o cal, polo menos en parte, compensa a austeridade dos formatos. No tocante a estes últimos, a encadernación é sempre en rústica (imposible, sen perder demasiados cartos, pasar ás tapas duras con tiraxes tan pequeneiras), por máis que regularmente pidamos novos orzamentos á busca de melloras. Outra cativa mellora é que os últimos dez ou doce títulos empezaron a levar as tripas cosidas; isto encarece levemente o prezo de custo, pero paga a pena.

Así mesmo, o deseño das cubertas foi experimentando sutís cambios. Adoitamos utilizar o simbolismo dalgún elemento presente no discurso. Sirvan de exemplo as vírgulas a modo de mosquitos estampados nunha parede branca en O mapa do lar, de Randa Jarrar; o tranvía azul triestino que serve de icona para a capa de O bondadoso vello e a fermosa moza, de Italo Svevo; ou a paleta de cores en A lúa e seis peniques de Somerset Maugham. Houbo un caso no que, chegada a hora de reimprimir, optamos por unha substitución do motivo: a novela Angel Esquire, de Edgar Wallace.

 

Deberes pendentes e algunhas fraquezas

Somos conscientes das nosas carencias á hora de facer unha promoción máis activa dalgunhas obras. O tempo é o que é, e unha estrutura fixa de tan só dúas persoas (que á súa vez somos tradutores para outras empresas galegas e foráneas) non nos permite desviarnos senón moi ocasionalmente do, chamémoslle, «feito literario». Neste sentido, o talentoso escritor Luís Rei Núñez evocaba recentemente na presentación dun poemario seu unha máxima atribuída ao pintor Henri Matisse, quen seica legou como gran consello aos pintores novos que, para seren mellores na súa arte, debían cortar a lingua (ou se acaso mordela). Con iso, o xenio das artes plásticas querería dicir que cómpre non concederlle máis importancia ao envoltorio da que ten; que a obra, se é boa, debe ser capaz de falarlle ao espectador en por si, sen explicacións de ninguén. Procurando non perder pé e sempre á nosa cativa escala, é por aí por onde irían as nosas aspiracións editoriais: confialo todo ao traballo realizado, poñer por diante, por así dicilo, o «feito literario».

 

Con vocación de independencia

Supón unha satisfacción que case o 90 % do catálogo que, con algunhas dificultades, logramos construír estivese financiado consonte as nosas posibilidades económicas reais, sen chuchar innecesariamente do teto público que xestiona pesimamente o goberno do Partido Popular, como queda demostrado ano tras ano nas axudas á tradución.

O dato obxectivo é este: das 108 obras publicadas en 10 anos de labor editorial, só 13 contaron con algún tipo de axuda pública (fose do Concello de Santiago, da desaparecida Asociación de Tradutores Galegos ou da Consellaría de Cultura), que sempre se destinaron de maneira íntegra a remunerar os tradutores.

Ora ben, si dependemos do cento aproximado de subscritores que nos prestan o seu apoio e mais das compras dos lectores nas librarías e demais canles comerciais (as vendas online deitan un dato relevante: as mulleres representan o 65 % dos nosos compradores). Xa que logo, podemos concluír que o logro da nosa «independencia» é un logro compartido, con persoas subscritoras, lectorado e librarías aliadas.

 

As subscricións, o noso motor

Coma cada ano por estas datas, queremos renovar o convite a subscribirse aos libros da editorial. A modalidade estándar custa 116 euros anuais. Mantemos o mesmo prezo dende o principio, que para os menores de 30 é mesmo algo inferior: 100 euros. A cambio, as persoas subscritoras reciben puntualmente no seu domicilio 8 obras, a razón de 2 por trimestre.

Dependemos do apoio das persoas socias para traballar da maneira na que o facemos. Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou ben a posibilidade de regalar unha subscrición a outra persoa, a un centro educativo, a un club de lectura, a unha asociación…

Boas festas, próspero 2022 e boas lecturas!