A educación sentimental: quen é quen
Segunda das entradas relacionadas coa novela A educación sentimental. Os contidos foron elaborados pola tradutora Isabel Soto e teñen por obxecto enriquecer a lectura de quen agora se achegue a unha das obras clave da literatura europea.
Quen é quen
FRÉDÉRIC MOREAU
É o protagonista principal da novela, durante a cal asistimos ao seu proceso de maduración tras vivir múltiples peripecias amorosas (dos 18 aos 26 anos) e observar os acontecementos históricos que transcorren durante o período comprendido entre 1841 e 1867.
Concibido por Flaubert como o arquetipo da xeración desta época xeradora de falsas ilusións, posúe todos os trazos do heroe romántico, tanto no que atangue ao seu aspecto físico coma no referido ao seu carácter e á súa sensibilidade. Dedica a xuventude a perseguir diversas ambicións –artísticas, políticas e sociais–, moitas das cales son o froito das fantasías compartidas co seu amigo da infancia, Deslauriers, quen está certo do seu éxito no «ascenso» dende a provincia até París e lle ofrece o modelo de Rastignac, o personaxe de Honoré de Balzac que aparece por vez primeira en O tío Goriot (1842), un mozo ambicioso que se instala en París para estudar Dereito e que observa a «boa sociedade» con sorpresa e envexa e está disposto a todo para lograr os seus fins: «Recorda a Rastignac na Comedia humana! Seguro que o conseguirás, estou certo!» (p. 30). No entanto, fracasa en todos os seus plans ou axiña renuncia a eles, ben por pasividade, ben por falta de perseveranza, ben por perder o interese. Así mesmo, nos momentos decisivos, móstrase sempre máis preocupado polos asuntos do corazón ca polos revolucionarios.
Namorado de Marie Arnoux des que a coñece nun barco no que retorna de Le Havre á súa vila, Nogent-sur-Seine («Foi coma unha aparición»), todas as súas idas e vindas terán como obxectivo achegarse a ela. Se ben hai momentos nos que está preto de conseguila, nunca o logra por completo, e cando ela finalmente volve aparecer na súa vida, en marzo de 1867, rexéitaa ao ver os seus cabelos canos para non conturbar o seu ideal. Con todo, a súa falta de reflexión e a súa deshonestidade lévano a converterse no amante de Rosanette, coa que chega a ter un fillo; e mesmo, tempo despois, desexoso de ascender por fin socialmente, no da señora Dambreuse, que o humillará e frustrará de vez as súas ilusións. Anos despois, consumidos os dous terzos da súa fortuna, acaba vivindo en Nogent como un pequenoburgués e fai balance da súa vida con Deslauriers, ambos vencidos. No cómputo final da súa existencia, consideran que o «mellor» que tiveron na vida foi a frustrada visita ao establecemento de prostitución durante a adolescencia, de maneira que quedan co que puido ser e non coa realidade, decantándose pola perspectiva do fracaso.
O círculo de Frédéric
CHARLES DESLAURIERS
Provinciano intelixente e ambicioso, é amigo de Frédéric dende que o coñece no Colexio de Sens no que ambos os dous están internos. Desa época datan os plans que trazan xuntos: vivir en París, viaxar, gañar cartos, medrar socialmente… Porén, cando por fin viven xuntos, decepciónanse mutuamente e Deslauriers sente como unha traizón que Frédéric lle negue os cartos para ter un xornal de seu. Ademais, o feito de que se introduza na alta sociedade fai nacer nel unha amarga envexa. Polas súas ideas e o seu comportamento, representa o revolucionario por interese. Tenta seducir a señora Arnoux, gañar o favor de Rosanette, acadar un traballo para o que Frédéric foi elixido e incluso casa con Louise. O final da novela preséntao en Nogent reconciliado con Frédéric; xuntos, fan balance do seu fracaso vital.
BAPTISTE MARTINON
Fillo dun labrego rico que o destina á maxistratura, é un estudante modélico, sempre disposto a unirse ás ideas dominantes. De feito, chega a ser agregado á fiscalía da capital grazas aos contactos que ten a súa familia. Ao tempo que comparte xuntanzas con Frédéric e os demais amigos deste, comeza a frecuentar a casa dos Dambreuse, onde non dubida en sumarse a algunha das humillacións que sofre Frédéric nese círculo. Tras varias amantes (unha obreira cando estudante, unha muller duns cincuenta anos que coñece no Alhambra), mantén unha relación coa señora Dambreuse, até que o seu arribismo o empurra a cortexar a Cécile, a fea e insignificante rapaza, ao sospeitar que é a filla ilexítima de Dambreuse e terá un bo dote. Ao cabo logra o seu propósito e recibe, canda a súa muller, a herdanza da fortuna do banqueiro á morte deste. Acaba sendo senador.
ALFRED DE CISY
Vizconde, cadra con Frédéric na Facultade de Dereito, quen pensa que ten unha intelixencia das máis mediocres, malia admirar as súas boas maneiras e a súa elegancia. Del dise que semella unha señorita polas súas maneiras delicadas. Chega a identificarse co príncipe Rodolphe de Les Mystères de Paris. Coa morte da avoa, dispón dunha fortuna considerable e céntrase en distinguirse dos demais, empeñado en «ter un selo de seu», a súa frase preferida. Seduce a Rosanette por unha aposta e este feito, sumado á ofensa contra a honra dos Arnoux, fai que Frédéric o desafíe a un duelo. Acaba consagrado á relixión, pai de oito fillos e residindo no castelo dos devanceiros.
AUGUSTE DUSSARDIER
Humilde dependente que coñece a Frédéric e os seus amigos tras ser detido por defender un neno dos ataques dos gardas, pois non soporta as inxustizas. Representa o revolucionario puro (contrapunto de Sénécal) e idealista, pois soña con participar na construción dunha república celestial na que se cumpran os anhelos de todos os obreiros. É un amigo leal do protagonista, con quen comparte seráns no peirao Napoleón, conversas e libros. Cando Sénécal é detido, acusado de participar nun atentado, axúdao, seducido pola idea do home que se sacrifica por un ideal que el comparte: a República. Resulta ferido no motín republicano contra o Goberno e recibe os coidados da señorita Vatnaz, con quen comparte unha historia do pasado (un roubo cando ambos traballaban nun establecemento) e que se converte na súa amante, malia non estar namorado dela. Ao cabo, sofre a desilusión de ver traizoados os seus ideais. Acaba asasinado a mans do seu antigo camarada Sénécal.
SÉNÉCAL
Representa o revolucionario exaltado e fanático, membro de sociedades secretas revolucionarias, que, de xeito paradoxal, acaba apoiando o golpe de Estado que pon fin á revolución. En realidade, é Deslauriers quen o introduce no círculo de Frédéric, gabando as súas altas capacidades. Traballa como profesor de matemáticas, aínda que o expulsan até en dúas ocasións: unha vez por lle zoscar ao fillo dun aristócrata, e outra por negarse a entregar premios, un costume que considera funesto para a igualdade. Durante a estadía de Frédéric en Nogent, vive un tempo con Deslauriers e goza dos luxos da casa. Frédéric pretende utilizalo para vixiar a señora Arnoux e conséguelle un traballo na fábrica de porcelana do seu home, pero deixa o posto ao se ver desautorizado. Deportado por revolucionario en xuño de 1848, reaparece máis tarde como axente da policía durante o golpe de Estado de Luís Napoleón, momento no que asasina o seu amigo Dussardier. Sen transición, sempre autoritario, pasará da revolución á defensa da orde e o asasinato.
DELMAR
Actor que ten un alto concepto de si mesmo. De nome Auguste Delamare, faise chamar primeiro Anténor Dellamarre, logo Delmas, logo Belmar e ao cabo Delmar, «modificando e perfeccionando así o seu nome de acordo coa súa crecente gloria». Aparece por vez primeira actuando no Alhambra, un baile público. Amante da señorita Vatnaz e tamén de Rosanette, as dúas disputan por el. Tras a revolución de febreiro de 1848, decide presentarse como candidato ás eleccións polo Sena. Ofrécese a presentar a Frédéric nos clubs para presentar a candidatura deste.
SEÑOR DAMBREUSE
Aristócrata oportunista que medrou e amasou a súa fortuna ao abeiro da monarquía e que se adapta á nova vida burguesa converténdose nun importante e rico industrial, acérrimo defensor da propiedade, o proteccionismo, o luxo, o comercio e a fusión das grandes compañías, coma a da hulla, sempre á espreita das boas oportunidades. Posúe unha suntuosa residencia privada, por máis que o seu despacho sexa austero, tan só adornado polos retratos de Luís Filipe e do xeneral Foy. Móstrase preocupado polas ideas revolucionarias, sobre todo as relacionadas coa organización do traballo, e cre esaxerado falar do problema do pauperismo, considerando que se trata dunha cuestión individual sen relación coa miseria: cando as clases baixas abandonen os seus vicios, liberaranse das necesidades, e cando o pobo sexa máis moral, será menos pobre, defende. Porén, salienta pola súa gran capacidade de adaptación en política: co triunfo da revolución de 1848, axiña cambia de chaqueta, muda de actitude, de linguaxe e de ideas, e chega a afirmar que no fondo sempre fora republicano e que lle caían simpáticos os obreiros. Proponlle a Frédéric que se presente como candidato ás eleccións de abril á Asemblea Nacional polo distrito de La Fortelle para ter unha persoa de confianza no parlamento, pero, ante o discurso radical que prepara o mozo, acorda presentarse el mesmo, sen dicirllo. De forma simbólica, morre a consecuencia dunha hemoptise tras a destitución do xeneral Changarnier. Flaubert concentra neste personaxe o seu odio cara ao burgués orleanista; o arribista, cazador de fortunas e home sen escrúpulos.
TÍO ROQUE
Axente electoral e administrador do señor Dambreuse en Nogent. Tras vivir en concubinato coa criada, casa con ela e recoñece a súa filla, Louise. Quere que esta case con Frédéric, xa que o mozo podería recuperar unha posible orixe nobre por parte materna e chegar lonxe coa axuda do señor Dambreuse. Durante o motín contra a República, acode a París coa veciñanza de Nogent e únese á garda nacional. Pon en práctica a súa crueldade vingándose dos amotinados e matando friamente un rapaz que lle pide pan.
As mulleres de Frédéric
MARIE ARNOUX
Esposa do burgués Jacques Arnoux, sempre infiel, é o obxecto de desexo de Frédéric durante toda a novela e preséntase nas primeiras páxinas «coma unha aparición», de acordo co sentido case virxinal do seu nome. Aparece sempre descrita baixo a mirada de Frédéric, que a considera unha muller fermosa, plácida, virtuosa e case perfecta. Así, a miúdo é retratada sentada ao pé do lume, cosendo e coidando dos seus dous fillos. Esta concepción maternal arrodeada de idealismo e pureza fai que nela se exclúa a luxuria. Malia haber escenas nas que parece corresponder aos sentimentos de Frédéric, apenas comparten algo máis ca un bico. Porén, ofrécese a el ao final da novela, cruzando a liña da figura maternal e da compañeira constante para tentar ser a amante, o que marca o remate da súa relación.
ROSANNETTE
É unha prostituta nova, bonita, frívola e caprichosa que sabe seducir os homes, de maneira que representaría a muller impura fronte á honestidade da señora Arnoux. Amante de Jacques Arnoux, mantén tamén relacións con outros personaxes (co vello señor de Oudry, veciño de Arnoux; con Delmar; co barón de Comaing; con Cisy; co príncipe ruso Tzernoukoff), entre eles Frédéric, que a conquista tras longos desabores, buscando nela o pracer. Coñeceremos a súa complicada infancia (foi vendida pola nai a un home casado) e mocidade (foi dependenta nunha tenda, encomezou estudos para ser actriz) até se dedicar a vivir dos seus amantes. Aspira a atopar o amor auténtico e cando ten un fillo con Frédéric está disposta a casar con el e a converterse nunha burguesa. Con todo, ao final da novela Deslauriers fala do seu decadente aspecto, tras atopala nunha tenda, levando da man un cativo que adoptou, viúva dun tal señor Oudry e moi gorda, enorme.
LOUISE
É a rica filla do tío Roque, un veciño de Nogent, que coñece a Frédéric aos doce anos e queda engarguelada por el, ao consideralo un compañeiro, un irmán, un mestre. Apenas morta a nai, el marcha a París e Louise idealízao no recordo e ansía casar con el. Cando ao cabo se debuxa esta posibilidade, chora desconsolada ao coñecer que Frédéric ama a alguén e ten un fillo cunha amante á que mantén. Acaba casando con Deslauriers aínda que tempo despois o abandona para fuxir cun cantante.
A SEÑORA DAMBREUSE
Muller da alta sociedade, é a esposa dun rico empresario que se caracteriza polo seu carácter intrigante, visible nas súas argucias para impedir por todos os medios que Martinon, o seu amante, case con Cécile (filla ilexítima do seu home). Cando ao cabo a voda se celebra, por aburrimento, faise amante de Frédéric, co que mesmo quere casar. Á morte do seu home, desesperada por non obter a totalidade da herdanza que esperaba tras unha vida de entrega a el, e sabedora de que Frédéric ama a señora Arnoux, argalla unha cruel vinganza para humillalo. Acaba casando cun inglés.
Arnoux e o seu círculo
JACQUES ARNOUX
Próspero empresario ao que Frédéric coñece no barco, de mozo, cando ten uns corenta anos e galantea cunha campesiña, de maneira que dende o comezo da novela queda de manifesto o seu carácter sedutor. Republicano, preséntase como propietario do establecemento L’Art industriel, sito no bulevar Montmartre, que comprende tamén unha revista de arte, aínda que despois se dedicará ao comercio de louza, á compravenda de terreos e, pasado o tempo, debilitado de saúde, montará unha tenda de obxectos relixiosos antes de fuxir de París compelido polas débedas. Egoísta e descarado, salienta pola súa vitalidade e tamén pola súa xenerosidade, pois ao seu redor pululan artistas, xornalistas, vendedores e mulleres que prestan servizos a cambio de obsequios. É un dos principais amantes de Rosanette. Aprovéitase de Frédéric pedíndolle cartos para salvarse e mesmo o humilla, utilizándoo diante da muller para tapar os seus reiterados excesos e infidelidades.
PELLERIN
Pintor de ideoloxía socialista, pois pensa que a arte debe servir para moralizar o pobo. Obsesionado por superar o clasicismo e iniciar a revolución impresionista, le todas as obras de estética para descubrir a verdadeira teoría da Beleza, convencido de que, cando a atope, realizará obras mestras. Eterno artista, nunca acha a maneira de materializar a súa obra e pérdese en discusións sen fin. É o autor do cadro de Rosanette que lle encarga Frédéric. No aspecto político, abomina a revolución pola perda definitiva do museo español e declárase partidario dunha monarquía ben entendida, o máis favorable para as artes. Tras practicar o fourierismo, a homeopatía, o espiritismo, a arte gótica e a pintura humanitaria, acaba convertido en fotógrafo.
HUSSONNET
Malia que coñece a Frédéric na rúa, mentres ambos contemplan un motín, adoita traballar para Jacques Arnoux, o cal fai que o mozo se pegue a el para introducirse nese círculo. Ambiciona a gloria e as ganancias do teatro. Colabora en comedias fracasadas, ten montóns de plans, compón cancións e aláudase de coñecer ben a lingua. Acaba ocupando un alto cargo relacionado cos teatros e a prensa.
REGIMBART
Chamado o Cidadán, é outro dos acólitos de Arnoux, un cretino vago e descrido ao que ninguén lle coñece ocupación e que vive da muller (modista). Porén, Arnoux atribúelle unhas condicións intelectuais e unha intelixencia superior. Pasa o tempo deambulando polas rúas de París, entre copas de asente e vermú, espallando as súas opinións. Durante a monarquía orleanista, Régimbart desexaba a revolución e conspiraba activamente cos integrantes dos clubs; cando ao cabo chega a revolta, pensa que non se trataba diso e, ao final, só lle preocupa conservar as fronteiras nacionais.
SEÑORITA CLÉMENCE VATNAZ
Solteira parisiense. Amiga e rival de Rosanette, coa que ten diversos enfados por temas de cartos e porque ambas se disputan a atención do actor Delmar. É a encargada de amañarlle a Arnoux as citas. Coa chegada da Revolución, entrégase a unha afervoada propaganda socialista e defende a participación das mulleres. Coida de Dussardier cando este resulta ferido no motín republicano contra o Goberno, e fanse amantes, pois ten con el unha especie de débeda de gratitude por un roubo que ela cometeu cando ambos traballaban nun establecemento.
Outra información relacionada coa novela: Xénese da obra e marco temporal