Listado de la etiqueta: literatura grega

Vampiros e naturalismo grego, novidades do outono de 2026

Acaban de chegar da imprenta, aínda que só unha parte, as dúas novidades de comezos do outono. Unha incidencia na cola de produción provocou unha pequena demora de varios días, motivo polo que lles pedimos desculpas ás persoas subscritoras. A partir deste luns 12 de outubro empezará a repartición dos envíos. E contra finais da próxima semana, cando chegue o resto da remesa, iniciaremos así mesmo a distribución en librarías e demais canles comerciais.

Por unha banda, publicamos A torre á beira do río, do autor grego Konstantinos Chatzopoulos, unha novela naturalista de comezos do século XX traducida do grego por Alfonso Blanco. É a primeira vez que esta obra se traduce a unha lingua peninsular. Ambientada no mundo rural de Etolia-Acarnania, retrata a decadencia dunha familia a través da historia de tres irmás que viven illadas nunha vella torre. A pobreza, o orgullo, os prexuízos e a obsesión polos cartos van minando a súa autonomía, nunha narración que combina a observación social cunha intensa dimensión psicolóxica. A crítica ás estruturas patriarcais e económicas da Grecia da época, así como os suxestivos paralelismos co ruralismo literario galego de Otero Pedrayo ou de Risco, dotan esta lectura de especial interese.

Pola outra banda, incorporamos ao catálogo Carmilla, o célebre relato gótico do autor irlandés Joseph Sheridan Le Fanu, traducido do orixinal inglés por Alejandro Tobar. Trátase dun clásico da literatura vampírica que precedeu en máis de dúas décadas o Drácula de Stoker. A historia de Laura, unha moza que vive co seu pai nun castelo de Estiria, dá un xiro inquietante cando unha descoñecida chamada Carmilla pasa a residir con eles tras un accidente. Entre a fascinación e o medo, Le Fanu constrúe unha atmosfera ambigua na que o vampirismo se mestura co desexo lésbico, co pano de fondo do tránsito á madureza. Amais do seu enorme valor como relato sobrenatural, a obra ofrece unha perturbadora reflexión sobre o desexo.

Boas lecturas!

Resolto o III Premio Realia de Tradución

O xurado –formado por Estela Villar, Bieito Legaspi e Isabel Soto– resolveu que a obra gañadora da III edición do Premio Realia de Tradución Literaria fose As consecuencias da vella historia, escrita por Georgios Viziinos e traducida do grego moderno ao galego por Alfonso Blanco Quintela.

Como se recolle na Acta, “a tradución asinada por Blanco Quintela é digna vencedora por varios motivos, como a procura dun léxico rico, cun uso adecuado da sinonimia […] Recoñéceselle ao tradutor non só que saiba traer de maneira eficaz un texto en tradución directa do grego ao galego, senón tamén a súa contribución ao encher un pequeno baleiro no corpus galego de tradución […] En definitiva, unha tradución competente, que cos procesos de revisión aínda por chegar pode converterse nunha estupenda proposta literaria para os lectores e lectoras en galego”.

De maneira moi breve, cabe apuntar que, na literatura grega de finais do século XIX, Viziinos destaca por ser un dos introdutores do costumismo, un movemento no que brillan especialmente os seus contos e novelas curtas, caso este último da obra premiada, que foi escrita durante a estadía do autor en París e publicada orixinalmente nas páxinas da revista Estia uns ano despois, en 1884, unha vez radicado definitivamente en Grecia.

Moitos parabéns, polo tanto, a Alfonso Blanco, quen coa futura publicación da novela de Viziinos terá xa cinco obras traducidas dende grego moderno ao galego. Estas son as outras:

Novidades de abril de 2021

Con abril ás portas, publicamos dúas novidades na colección Principal, as correspondentes ao segundo trimestre de 2021. Nesta ocasión trátase dunha obra clásica da literatura francesa, Gobseck (PVP 13 €; traducida do francés por Isabel Soto), novela curta que forma parte da monumental La Comédie humaine de Honoré de Balzac, onde o autor afonda na figura do usureiro Gobseck, prototipo do avaro, así como no turbulento pasado doutra serie de senlleiros personaxes; e, doutra banda, O esmoleiro (14,50 €; traducida do grego por Alfonso Blanco), unha referencia ineludible da narrativa escrita en neogrego e a mostra máis sobranceira da tendencia naturalista de Andreas Karkavitsas.

Esta mesma semana enviaremos os paquetes aos domicilios das persoas subscritoras e comezaremos, coma decote, a distribución comercial nas librarías. Quen estea en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e grazas. Velaquí a información coas distintas modalidades de abonamento.

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso Legal – Política de Privacidade – Envíos, devolucións e desistencia