Acta do xurado do I Premio Realia de Tradución
Reunido ás 10:15 do xoves 20 de abril de 2017, o xurado, composto por Delia González Fariña, Marta Neira Rodríguez, Xavier Senín Fernández, Isabel Soto López e Alejandro Tobar Salazar, decidiu distinguir como gañadora do I Premio Realia de Tradución Literaria, por unanimidade, a obra Detrás da máscara: o poder unha muller, escrita en lingua inglesa por Louisa May Alcott. Unha vez aberta a plica a tradución á lingua galega corresponde a Antía Veres Gesto, presentada co pseudónimo Canelas.
A esta edición inaugural do premio presentáronse un total de nove obras, traducidas ao galego dende cinco linguas distintas (inglés, francés, alemán, castelán e latín). Houbo unha primeira rolda de selección na que quedaron descartadas catro das obras: dúas por seguir vixentes os dereitos de autor e outras dúas por non se axustar ao xénero especificado nas bases: relato longo, novela curta ou novela. As cinco obras restantes foron lidas con rigor por todos os membros do xurado, que acordaron reflectir na presente acta algúns dos méritos polos que a obra gañadora salienta sobre as restantes:
Por se tratar dunha tradución axustada ao orixinal inglés, coa necesaria adaptación á lingua meta para favorecer unha lectura fluída. O coidado no aspecto lingüístico fai supoñer un proceso de traballo demorado. O xurado tamén valorou que se trata dunha obra singular dentro da produción da autora, o cal se axusta ao espírito da editorial convocante. A novela mantén a intriga até o final e revela a construción dunha personaxe singular.
Cabe lembrar que, tal e como estipulan as bases, ademais da correspondente remuneración económica para a tradutora, a súa tradución será publicada nos vindeiros meses, tras o pertinente proceso de corrección e adaptación aos criterios da empresa editora, pola editorial Hugin e Munin nunha das dúas coleccións.
Así mesmo, tanto os responsables da editorial coma os membros do xurado queren facer constar o seu agradecemento aos responsables do Concello de Santiago e do Auditorio de Galicia non só pola súa xenerosa cooperación senón tamén pola boa acollida e o trato dispensado.
A 20 de abril de 2017
Os membros do Xurado