• A miña conta
  • 0Carrito de Compra
Editorial Hugin e Munin
  • Inicio
  • Catálogo
  • A editorial
  • Subscrición
  • Blog
  • Novas
  • Contacto
  • Menú Menú

Discurso pronunciado por Isabel Soto no acto de entrega da XVI edición do Premio Plácido Castro de Tradución

24 Febreiro, 2020/en Noticias

Bo día a todos e a todas e moitas grazas pola vosa asistencia a este acto.

En primeiro lugar, quero expresar o meu agradecemento aos membros deste xurado por premiaren a miña tradución, e aos organizadores desta edición, o Concello de Vilagarcía.

É para min unha honra recibir un premio que leva o nome de Plácido Castro, un home culto e cosmopolita, que traballou en Vilagarcía como profesor de inglés, un tradutor ben consciente da importancia da tradución para que a cultura galega non quedase renga, que a definiu como un pasatempo e un vicio arrodeado asemade de feitizo e tormento.

Comparto esa definición de vicio, aínda que para min se converteu en profesión que, xunto a outros labores, me permite gañar a vida.

Unha sociedade que non lle conceda valor á elaboración incesante dun amplo e rigoroso corpus literario de tradución, ten un problema serio. Por iso, é importante que exista o Premio Plácido Castro, na medida na que contribúe á normalidade cultural e cumpre o dereito da sociedade galega a dispor de obras de todas as tradicións na lingua de seu.

E aproveito neste punto para reivindicar que este galardón volva contar cos apoios institucionais necesarios que lle permitan recuperar a dotación económica que tiña no pasado. Non é que non valore o agasallo desta peza escultórica de Xaquín Chaves, cuxa semellanza coa Torre de Babel simboliza con tanto acerto o papel da tradución, pero creo que é importante que o premio conte cunha dotación económica que serviría para darnos azos ante as malas prácticas dalgunhas empresas, entre elas, por exemplo, a guerra de tarifas.

Mencionaba antes o tormento ao que aludía Plácido Castro a respecto do labor de traducir, un traballo solitario que require de moito esforzo e moitas horas en soidade diante da pantalla dun ordenador. Ás veces, agroma a pregunta: Para que? Para quen? Porque é evidente que boa parte da sociedade galega ten unha enfermidade grave, xa que renega da súa lingua, da lingua que unha vez lle roubaron, e non se esmera en absoluto por coñecela nin por falala e escribila coa máxima corrección posible. Poñamos de primeiros nesa lista os políticos, que deberían sentir vergoña de falar mal a lingua do país que gobernan; algo que resultaría inadmisible noutros contextos (pensemos no francés ou no inglés que tanto nos preocupamos por dominar), é aquí perfectamente «normal»; todo nos vale. Si, recoñezamos que esta sociedade está moi enferma e algunha vez será obxecto de estudo.

Viña eu un destes días escoitando mentres conducía a nova da chegada a Vigo do Pergamiño Vindel, e ningún dos responsables políticos vigueses nin dos xornalistas se apeou en ningún momento do castelán. Cheguei a pensar no abraio que sentiría Martín Códax ao comprobar que a lingua na que gabou o mar de Vigo nas súas cantigas xa non lle dá nin a benvida. Seguro que preferirá tornar a Nova York canto antes, porque alí, cando menos, conta con certo respecto en calidade de resto arqueolóxico.

Volvo aos agradecementos. No meu pensamento está agora tamén Agustín Fernández Paz; estou segura de que hoxe estaría moi contento por min. Agradézolle que me abrise portas e me permitise traducir algunhas das súas obras ao español. Tras el viñeron outros creadores galegos cos que tiven a sorte de traballar, entre eles, Marcos Calveiro, Diego Ameixeiras ou Xabier Quiroga.

Estendo o meu agradecemento á tropa de invisibles correctores que participan de maneira decisiva na edición, á editorial Hugin e Munin, un proxecto que vos invito a apoiar mediante a vosa subscrición, e a Alejandro Tobar, que nunca me pide que achegue ás solucións léxicas ao español e vela pola calidade das traducións á nosa lingua. E tamén aos meus amigos Marta Neira, Pedro Lucas e Carmela Mariño, que me acompañan hoxe aquí.

No tocante á obra galardoada, que tamén é protagonista, Fosca, limitareime a convidarvos a que a leades. O seu autor, o italiano Igino Ugo Tarchetti, non só posuía un considerable talento para a narración, senón tamén un sentido do humor de marcada crueldade que converten a novela nunha peza singular. Proba desta singularidade é que está incluída nunha colección bautizada cunha frase do acervo popular: «Vólvense os paxaros contra as escopetas». É boa literatura, e como tal merece unha lectura atenta, así que reitero o meu convite: achegádevos á obra e comprade e lede literatura estranxeira na lingua de noso.

Moitas grazas.

En Vilagarcía, a 30 de setembro de 2017

Compartir esta entrada
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en Twitter
  • Share on WhatsApp
  • Compartir en LinkedIn
  • Compartir por correo
https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2020/02/22050992_1180921715342365_2168360878975028987_o.jpg 720 1595 Editorial Hugin e Munin https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2020/03/23logo-hem2-1.png Editorial Hugin e Munin2020-02-24 11:34:482020-03-11 20:23:58Discurso pronunciado por Isabel Soto no acto de entrega da XVI edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Últimas entradas

  • Novidades: obras de Victoria Benedictsson e Pavlos Nirvanas29 Marzo, 2023 - 4:37 p.m.
  • Brookner a través da mirada de Cheryl Alexander Malcolm25 Xaneiro, 2023 - 1:55 p.m.
  • Os tardeiros de Brookner. Longa nota do tradutor11 Xaneiro, 2023 - 1:17 p.m.
  • Balance do ano editorial 202230 Decembro, 2022 - 11:56 a.m.
  • Voces cruzadas9 Outubro, 2022 - 5:47 p.m.

Síguenos no Facebook

Novidades editoriais

  • Cartos €16,50
  • O crime de Psichiko €15,00
  • O neno perdido €14,00
  • Os tardeiros €15,00
  • O solteirón €15,00

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso Legal – Política de Privacidade – Envíos, devolucións e desistencia

10 títulos de narrativa estranxeira publicados en galego en 2017Acta do xurado do I Premio Realia de Tradución
Desplazarse hacia arriba