15 anos de Hugin e Munin: o catálogo con lupa
O domingo 11 de outubro, ás 12 horas, na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, celebramos os quince primeiros anos de existencia de Hugin e Munin cun faladoiro arredor do catálogo e, dun xeito algo máis amplo, do lugar que ocupa a literatura traducida no sistema literario galego.
Que obras chegamos a coñecer grazas á tradución? Que tradicións literarias están ben representadas e cales seguen pendentes? Que papel desempeñan os profesionais da tradución e as empresas especializadas na formación do corpus literario galego? Que visibilidade ten a literatura traducida entre o lectorado, a crítica e o ámbito académico? De que maneira pode contribuír a tradución á mellora da literatura escrita orixinalmente en galego?
Manuel Arca, María López Sández e María Reimóndez conversarán, coa moderación de Alejandro Tobar, sobre diversos aspectos das obras publicadas por Hugin e Munin ao longo destes quince anos, e non só. O punto de partida será o catálogo, con case 150 títulos: cun repaso dos acertos, mais tamén das eivas, as lagoas e certos campos insuficientemente explorados. Haberá espazo para debates máis espiñentos, como a recorrencia ás traducións indirectas, a recepción crítica da narrativa traducida ou a relación entre tradución literaria e ensino universitario.
Aberto a todo tipo de público.
Deica este domingo día 11 de outubro ás 12 da mañá!










