• A miña conta
  • 0Carrito de Compra
Editorial Hugin e Munin
  • Inicio
  • Catálogo
  • A editorial
  • Subscrición
  • Blog
  • Novas
  • Contacto
  • Menú Menú

En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West

7 Abril, 2025/en Blog

Por unha banda, a novela de Nathanael West intitulada A señorita Corazóns Solitarios, un dos cumios da ficción norteamericana en palabras do crítico Harold Bloom. Publicada orixinalmente en 1933 e ambientada na época da Gran Depresión, trátase dunha farsa tráxica na que os seus dous protagonistas brindan momentos excepcionais. Neste traballo, West combina con mestría un discurso pretendidamente pedestre, mesmo vulgar, cunha aura de cavilacións metafísicas e prédica antirelixiosa.

A señorita Corazóns Solitarios contén pasaxes memorables: dende o capítulo intitulado “A señorita Corazóns Solitarios no lamazal da depresión” até escenas coma a que se desenvolve nuns urinarios públicos, onde varios personaxes acosan un vello, que precede, e talvez marca o camiño, a afamadas obras que en décadas sucesivas abordarían a cuestión da deshumanización; entre as máis destacadas, A Clockwork Orange (1962), de Anthony Burgess. Algúns diálogos, polo demais, cremos que son dignos das mellores páxinas de hardboiled, sen ser este o seu xénero. E o final, tras un falso clímax argumental, semella case que redondo. Por estes e outros motivos, pensamos que paga moito a pena fincarlle o dente a esta mordaz parábola nihilista que ocupa un lugar preferente na literatura americana en lingua inglesa. A tradución do inglés ao galego correu a cargo de Ignacio Chao, quen para nós xa trasladara tempos atrás a novela curta O neno perdido, do estadounidense Thomas Wolfe.

* * *

Por outro lado, ofrecémoslle ao lectorado en galego unha peza radicalmente distinta, A honrada estafadora, unha das escasas pero valiosísimas mostras de literatura para público adulto da escritora e ilustradora finesa Tove Jansson, de gran sona a nivel mundial pola creación dos Mumin. Cómpre, con todo, adscribir esta novela, igual ca toda a súa produción narrativa, á literatura sueca, por ser o sueco a lingua de creación orixinal.

Publicada orixinalmente en 1982, a peza ten un marcado cariz psicolóxico e explora temas coma a honradez, a construción da identidade, a relevancia do diñeiro ou a necesidade de compañía entre os seres humanos. É xusto destacar a suxestiva ambientación (todo ocorre en Västerby, unha pequena localidade na costa do mar de Botnia, nunha época de intensas nevaradas), tamén a prosa envolvente, sen artificios, e o carácter ambiguo que impregna o texto e que sen dúbida fomentará o debate, nun continuo xogo de poder entre as dúas mulleres protagonistas: a intelixente e implacable moza Katri Kling e a solitaria e célebre ilustradora de libros infantís Anna Aemelin.

A tradución do sueco ao galego realizouna Marta Dahlgren, quen xa antes se responsabilizara doutras sete obras suecas presentes no noso catálogo, de autores e autoras coma Hjalmar Söderberg, Karin Boye, August Strindberg ou Victoria Benedictsson.

 

Boas lecturas de primavera!

Compartir esta entrada
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en X
  • Share on X
  • Share on WhatsApp
  • Compartir en LinkedIn
  • Compartir por correo
https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2025/04/destacado-jansson-e-west-web-scaled-e1744040621773.jpg 936 1500 Editorial Hugin e Munin https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2020/03/23logo-hem2-1.png Editorial Hugin e Munin2025-04-07 17:52:252025-04-07 18:12:35En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West
Tamén che pode interesar
Dúas incorporacións: Iván Turguénev e Jack London
A educación sentimental: quen é quen
30 novelas da literatura francesa
Balance do ano editorial 2020
Amalie Skram e Louise Colet, novidades xenuínas
Boa literatura vasca traducida ao galego
Balance do ano editorial 2024
Dúas grandes novelas de Grazia Deledda

Últimas entradas

  • Apuntamentos sobre a novela A honrada estafadora3 Xuño, 2025 - 10:04 a.m.
  • En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West7 Abril, 2025 - 5:52 p.m.
  • Bases da V edición do Premio Realia13 Marzo, 2025 - 3:33 p.m.
  • Dúas incorporacións: Iván Turguénev e Jack London4 Xaneiro, 2025 - 5:31 p.m.
  • Balance do ano editorial 202429 Decembro, 2024 - 9:57 a.m.

Síguenos no Facebook

Novidades editoriais

  • A honrada estafadora €15,00
  • A señorita Corazóns Solitarios €15,00
  • Asasinatos, S. L. €16,00
  • Fume €16,50
  • O mono Xouth €15,00

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso Legal – Política de Privacidade – Envíos, devolucións e desistencia

Bases da V edición do Premio RealiaApuntamentos sobre a novela A honrada estafadora
Desplazarse hacia arriba