Benvida á nova web
Prezados lectores e lectoras:
Dámosvos a benvida á renovada páxina web de Hugin e Munin. Despois de nove proveitosos anos de aloxamento nun dominio .com, decidimos que chegara o momento de acometer unha serie de melloras, entre elas a mudanza ao .gal. Pouco e pouco, ímonos achegando aos 100 títulos publicados, polo que entedemos que era, se non imprescindible, moi conveniente dotar de máis e mellores ferramentas a nosa casa virtual.
Velaí algunhas das funcionalidades que implementamos:
- As fichas de cada libro son agora ben máis completas. Visualmente máis atractivos, os novos modelos incorporan canda as sinopses un perfil de cada autor ou autora (o mesmo texto que inserimos nunha das lapelas das obras físicas). De igual maneira, optamos por incluír un brevísimo extracto (de apenas 3 ou 4 páxinas) co inicio de cada libro, e concedémoslle por último un espazo diferenciado ás recensións e aos artigos que xera cada novidade.
- A procura no catálogo permite múltiples opcións, como a busca por temática, por lingua de partida ou por século de publicación orixinal.
- Sumamos un novo espazo, o blog, dende onde pretendemos artellar do xeito máis diáfano posible os escritos, documentación e novas que ao longo destes anos fomos publicando ben como notas no perfil de Facebook ou ben como entradas soltas aloxadas no noso servidor para de aí divulgalas nas redes sociais. Este novo espazo funcionará, xa que logo, como un catalizador da información relativa á tradución literaria.
- A actual pasarela de compra en liña é máis sinxela. A merca deixa de ser exclusiva a través de Paypal e pasamos a ofrecer outras modalidades.
- Modificamos o deseño do catálogo dispoñible para descarga. Fixémolo consonte un criterio minimalista; o que antes eran máis de 80 páxinas -un PDF de 30 megas-, agora son só 4, aproveitadas ao máximo -e o ficheiro pesa menos de 1 mega-.
- Incluímos, ao final da páxina de Inicio, a posibilidade de subscribirse ao boletín de novas, útil para aquelas persoas que desexen estar informadas das novidades relacionadas coa editorial. Neste sentido, como até o de agora, procuraremos que a comunicación sexa fluída pero nunca abusiva.
- Como diciamos ao comezo desta entrada, Huginemunin.com deixa de ser a URL principal e convértese nunha redirección cara a Huginemunin.gal.
A vella web (deseñada por Karen G. Skov e mais por Adrián Moreno) cumpriu con nota a súa función, e até o derradeiro momento. De feito, en multitude de aspectos a nova páxina non fai senón ampliar as capacidades dunha armazón preexistente. Por todo isto, moitas grazas tanto aos artífices da vella web como ao moi competente equipo de Pumpún Dixital que dende Vigo xestionou e asina o feitío da nova, huginemunin.gal.
Se Hugin e Munin avanza, é grazas, sobre todo, a quen nos apoiades pola vía da subscrición.
Boa navegación, boas lecturas e, se está na vosa man facelo, subscribídevos.