A escritora estadounidense Siri Hustvedt acaba de ser distinguida co Premio Princesa de Asturias das Letras de 2019, galardón ao que desta vez optaban un total de 28 candidaturas de 17 países distintos.
Dende aquí, vaia o noso recoñecemento para a autora e un convite aos lectores e lectoras en galego para que lean, se non o fixeron xa, a única obra súa que a día de hoxe está publicada en galego, O verán sen homes (Ed. Hugin e Munin, 2016; trad. Alejandro Tobar). Así mesmo, de novo o noso agradecemento ao tamén escritor e gran lector Agustín Fernández Paz, por ser a persoa que, moitos anos atrás, nos puxo sobre a pista desta magnífica escritora.
Perfil biográfico
Siri Hustvedt naceu na vila de Northfield (Minnesota) en 1955, de nai norueguesa e pai estadounidense, tamén membro dunha familia de inmigrantes orixinarios de Noruega. Licenciouse en Historia no St. Olaf College e posteriormente doutorouse en Literatura inglesa na Universidade de Columbia cunha tese sobre a obra de Charles Dickens.
Malia comezar a súa carreira cun volume de poesía, Reading to You (1982), Hustvedt conta cunha brillante carreira como ensaísta sobre a teoría e a historia da arte, aínda que tamén ten abordado temas relacionados coa filosofía, a psicanálise ou a neurociencia, en traballos como Yonder (1998), Mysteries of the Rectangle: Essays on Painting (2005), A Plea for Eros (2005) ou Living, Thinking, Looking (2012). Neles, ademais da excelencia das súas reflexións, non é estraño que integre vivencias de carácter íntimo, un aspecto ben visible en The Shaking Woman or A History of My Nerves (2010), froito da experiencia da autora como paciente dun trastorno neurolóxico. En outubro de 2012 foi galardoada co Premio Internacional Gabarrón de Pensamento e Humanidades, en recoñecemento ao seu labor investigador e ás súas ideas sobre filosofía, neurociencia ou psicoloxía.
Iniciouse no xénero novelístico con The Blindfold (1992), á que lle seguiron The Enchantment of Lily Dahl (1996), What I Loved (2003) –que supuxo o seu apoxeo a nivel internacional–, The Sorrows of an American (2008), O verán sen homes (2011), The Blazing World (2014) e Memories of the Future (2019), traducidas a unha trintena de linguas.
Na actualidade a autora reside en Brooklyn (Nova York).
O verán sen homes
É verán en Minnesota. Mia Fredricksen, profesora universitaria e poeta na cincuentena, debe facer fronte á decisión do seu home, Boris Izcovich, de interromper a relación conxugal que ambos manteñen dende hai trinta anos. O motivo: unha moza coa que el inicia unha aventura amorosa.
Así arrinca unha historia que transcende a literatura de xénero, na que xogan un papel fundamental a memoria e a propia identidade. Pero non só: hai tamén reflexións sobre a velleira, sobre os procesos cognitivos, a bioloxía e a neurociencia, a histeria, a catarse, o desexo, a puberdade, a enfermidade… Hustvedt lograr dotar o relato dunha profundidade e dunha exquisitez sorprendentes; resulta en verdade notable a súa capacidade para abordar cuestións de calado, tanto dende unha óptica humanista coma científica, sen recorrer a frases sisudas nin a densos parrafeos. Co máximo respecto para co lector, a autora imprímelle á novela un ton ameno e accesible que, malia ser novelesco, non dista moito do ensaio divulgativo.
Escrita en primeira persoa, a obra é íntegra no plano intelectual e tamén no emotivo. Se cadra é por iso, e pola ironía que impregna cada páxina, polo que resulta tan estimulante.