Listado de la etiqueta: tradución

Análise da Orde de axudas públicas á tradución de 2022

ANÁLISE DA ORDE DE AXUDAS PÚBLICAS Á TRADUCIÓN DO 22 DE ABRIL DE 2022,

PUBLICADA NO DOG NÚM. 89 DO 9 DE MAIO DE 2022

*

DECÁLOGO DE MALAS PRÁCTICAS

OU

COMO ACANTOAR A PRODUCIÓN PROFESIONAL DE LITERATURA TRADUCIDA

Velaquí unha exposición breve, razoada e exemplificada dos despropósitos máis substanciais perpetrados pola Xunta de Galicia e os responsables desta convocatoria para a repartición de cartos públicos a partir duns criterios insólitos.

1. Unha convocatoria que segue a mesturar a tradución de obras doutros sistemas literarios ao galego e a tradución de obras do sistema galego a outras linguas.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Pese ás reiteradas advertencias, alarmas, solicitudes e reclamacións, a Xunta de Galicia insiste en poñer na mesma orde dúas realidades diferenciadas, con moi diferentes esixencias, condicionantes e problemas. Cal será a razón de tal teimosía?

Confírmase a estratexia de acantoamento á tradución de obras estranxeiras ao galego en favor dunha falsa e irrisoria internacionalización da literatura galega. No caso concreto de quen traballamos con grandes clásicos (antigos e contemporáneos), sufrimos esta deriva dun modo especialmente cruento.

2. Tradución dun mesmo título: criterio de prioridade na presentación da solicitude

Só se subvencionará a tradución dun mesmo título. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra, subvencionarase a primeira solicitude recibida.

Preténdese evitar o disparate de darlle cartos a varias traducións do mesmo título (o cal xa aconteceu), pero faise sen valorar ningún tipo de mérito na realización, simplemente priorizando a orde de chegada da solicitude. Aquí alguén non ten moita gana de traballar; a présa e a falta de rigor non deberían ser a opción tomada na concesión de cartos públicos.

3. Non se valora a traxectoria das editoriais

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas. Esta condición debe cumprirse na data de presentación da súa solicitude.

Non se soluciona e agrávase o problema da entrada de delincuentes e arribistas, editoriais creadas ad hoc para esta liña de axudas. Por conseguinte, xa podemos afirmar que a Consellaría estimula os facinorosos que devecen por apañar cartos públicos, coma en anos anteriores.

Nin rastro daqueles requisitos das convocatorias de 2005 ou 2014 que esixían certificar un mínimo de 10 títulos no catálogo ou un plan editorial a tres anos vista, e nada queda xa, por suposto, dos merecidos puntos para as coleccións específicas acreditadas.

4. Tradución dende a lingua orixinal ou dende outra distinta

B. Documentación específica referida ás obras que se pretende traducir:

Contrato coa persoa tradutora da obra de data a partir de 1 de xaneiro de 2022, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución, os datos identificativos da persoa que realizará a tradución, e se a obra obxecto da subvención se traduce desde a lingua orixinal ou dunha lingua distinta da orixinal.

Isto reclámao a Administración como mera curiosidade, pois non ten repercusión nin consecuencia de ningún tipo. Cando a Xunta lles pasou o borrador de bases ás asociacións implicadas, contestóuselle que este aspecto non debía quedar limitado a un brinde ao sol, nin a unha apelación ás boas vontades.

Asumindo que poden concorrer a estas axudas as traducións feitas dunha lingua ponte, parece lóxico pensar que non se debe puntuar igual a quen propón traducir, por exemplo, unha novela inglesa directamente do inglés ao galego ca a quen propón traer a obra inglesa dende a versión castelá.

Na outra dirección (galego a outras linguas), de novo parece obvio que debe puntuar mellor unha editorial estranxeira que faga un esforzo por traducir un texto de autoría galega directamente do galego e non aqueloutra que tome a tal obra dende a tradución castelá ou noutra lingua calquera distinta da orixinal.

5. Discriminación de empresas

No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor, así como do seu currículo e a cuantificación do importe da tradución. Artigo 20. Xustificación. A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora, ou certificación conforme esa tradución se fixo con medios propios. O importe pagado debe coincidir co que se fai constar na copia do contrato.

As editoriais con equipo propio só teñen a obriga de xustificaren que o tradutor ou tradutora figura no seu cadro de persoal. O resto das editoriais deben presentar facturas e xustificantes polo total asignado, non só polo montante concedido pola Administración. Préstase a trampa (que se deu, se dá e se dará) e naturalmente crea un agravio para quen contratamos tradutores fóra, a fórmula habitual aquí e posiblemente en toda Europa, talvez en todo o planeta.

Se existe algún mecanismo de control específico para comprobar que o «equipo propio» recibe o montante íntegro, é dicir, que esa editorial asume a súa parte de gasto, o feito certo é que nas bases non se reflicte.

6. Discriminación en función da nacenza do autor e da súa condición de clásico ou «non clásico»

Artigo 13. Criterios de adxudicación

1. Interese cultural da obra. Máximo 25 puntos.

a) Orixinal de autor/a galego: 25 puntos.

b) Orixinal de autor/a de fóra de Galicia 20 puntos.

3. Características da tradución da obra. Máximo 25 puntos.

a) Doutras linguas ao galego: 20 puntos.

b) Do galego a outras linguas: 25 puntos.

c) Doutras linguas ao galego dun autor clásico: 5 puntos.

d) Do galego a outras linguas dun autor clásico: 10 puntos.

Poñamos dous exemplos a partir dos apartados 1 e 3, os dous que fixan as puntuacións para as obras como tales (pola súa banda, o apartado 2 refírese á traxectoria do tradutor e o 4 ao montante proposto no contrato por cada editorial):

Marta Rivera de la Cruz, de presentar algunha editorial unha obra súa escrita orixinalmente en castelán, recibiría, polo mero feito de que naceu en Lugo, un 12 % máis de puntuación ca calquera autor foráneo (Paul Auster, Murakami ou Svetlana Aliexevich…).

Calquera obra escrita en galego por un autor ou autora galegos vivos obterá exactamente o dobre de puntuación ca calquera obra dun clásico universal, sexa Zola, Thackeray, Gogol ou Selma Lagerlöf. De novo, produto de mesturar allos con bugallos (véxase punto 1).

7. Esíxese papelame que certifique o coñecemento de linguas e a realización de carreiras e cursos

Artigo 13. Criterios de adxudicación

2. Traxectoria profesional da persoa tradutora: máximo 30 puntos.

a) Formación universitaria vinculada á tradución: 10 puntos.

b) Outra formación (formación acreditada en linguas e/ou outros títulos oficiais relacionados coa tradución): 1 por título, máximo 5 puntos.

c) Obra traducida: máximo 10 puntos.

De 2 a 5 obras: 2 puntos.

De 6 a 10 obras: 5 puntos

Máis de 10 obras: 10 puntos.

Deberán acreditarse as obras traducidas a través da referencia ao ISBN.

Do exposto dedúcese que unha persoa acabada de licenciar en Tradución e Interpretación ou Filoloxía acadará 10 puntos pola súa formación universitaria, os mesmos ca un tradutor profesional sen eses títulos concretos pero con 500 obras no haber, mesmo se tivese outra titulación: Xornalismo, Historia, Bioloxía…

Esta liña de axudas non é o lugar para esta clase de argucias. Os novos profesionais necesitan e merecen unha especial protección e oportunidades de traballo, pero quen llelas debemos dar somos as editoriais, non as trampas administrativas na puntuación de convocatorias públicas. Ademais, é moi posible que estas artimañas acaben por volverse na súa contra, e é seguro que polo pronto prexudican os profesionais cunha carreira, por unha mera cuestión de tempo, máis sólida.

É lamentable o comportamento de quen pretende eliminar rivais invocando un mal entendido «intrusismo» profesional, como lamentable é que a Xunta abrace esta falacia e a incorpore ás novas e atoleiradas bases.

Por outra banda, confúndese a presente liña de axudas públicas á tradución cunha convocatoria pública de emprego. Amais, queda en evidencia unha vertente intervencionista moi difícil de xustificar. A solución, como se lle fixo saber á Consellaría por escrito en polo menos tres ocasións, sería tan simple como pedir a achega dos currículos ou directamente a relación de obras traducidas do tradutor ou tradutora que propón a editorial (máxime cando a Administración se reserva o dereito a «requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna» así como a «requirir a exhibición do documento ou da información orixinal»). Naturalmente, calquera editorial é libre de escoller a persoa que se encargará da tradución, pero se opta por contratar alguén non profesional ou con menor experiencia, semellaría lóxico pensar que esta persoa non acadará idéntica puntuación no expediente ca quen busca a distinción ou a competencia dun tradutor ou tradutora de ampla e contrastada traxectoria.

8. Os premios imposibles e difusos

Artigo 13. Criterios de adxudicación

d) Premios á tradución: máximo 10 puntos.

Premios nacionais ou estranxeiros: 2 puntos por premio, máximo 10 puntos.

Premios autonómicos: 1 punto por premio, máximo 5 puntos.

Tan só unha reflexión en voz alta: que tradutor pode aspirar aos 10 puntos? As vías non poden ser máis surrealistas. Esta, que dentro do disparate parece a máis plausible, evidénciao: o profesional da tradución que aspire aos 10 puntos deberá contar co Premio Estatal de Tradución (2 puntos), con algún Misterioso Premio Internacional de Tradución Sen Especificar (2 puntos) e con 6 premios de ámbito galego (en Galicia, hoxe, hai tres certames en activo: o Plácido Castro, o Follas Novas e mais o Realia; 4 se sumamos o da Universidade de Vigo, restrinxido ao ámbito universitario). Pero resulta que os «premios autonómicos» teñen un tope de 5 puntos, co cal cumpriría botar man doutro premio estatal ou internacional a maiores. Que clase de burla contable é esta?

9. A desaparición dun criterio universalmente aplicado: a extensión das obras

Este punto, o máis inxustificable e que estraga de vez a convocatoria, iguala as cantidades a percibir por un folleto de 3 páxinas e por unha obra de centos ou miles. Perpetrar este cambio desvirtúao todo, unha vez máis. Así, se concorresen dúas obras A (de 10 páxinas) e B (de 1000 páxinas) e as dúas acadasen a mesma puntuación, poñendo que o editor para A propuxese o mesmo pagamento ca o de B, ambas as obras recibirían idéntico montante: por exemplo, poñamos que 2000 euros. Así, a Xunta concederíalle 200 euros por páxina a A e 2 míseros euros a B. Dito doutro modo, as obras voluminosas –que son as que en último termo máis precisan dunha axuda á tradución– están vetadas de facto.

10. Para rematar ou para non seguir…

Doe a falta de interese mostrada por gran parte da prensa. Así mesmo, producen vergoña allea os discursos públicos de demanda de máis cartos como solución primeira e case única aos problemas reais do sector, que son outros e ben máis profundos.

O café para todos é a peor das políticas posibles. Non todo é merecedor dunha axuda á tradución, consista esta en migallas ou nunha subvención ben formulada, transparente e xusta (en Galicia, na última década, a segunda opción foi un merlo branco). Aínda que anecdótico, non deixa de ser revelador que no bosquexo de bases de hai uns meses a redacción estipulase que «para obter a subvención será necesario que a puntuación obtida sexa do 50%, é dicir non inferior a 60 puntos», e que agora, nas bases publicadas, a cousa quedase en «a puntuación mínima para obter a axuda é de 40 puntos».

Non se pode facer peor, ou si.

A educación sentimental: quen é quen

Segunda das entradas relacionadas coa novela A educación sentimental. Os contidos foron elaborados pola tradutora Isabel Soto e teñen por obxecto enriquecer a lectura de quen agora se achegue a unha das obras clave da literatura europea.


Quen é quen

 

FRÉDÉRIC MOREAU

É o protagonista principal da novela, durante a cal asistimos ao seu proceso de maduración tras vivir múltiples peripecias amorosas (dos 18 aos 26 anos) e observar os acontecementos históricos que transcorren durante o período comprendido entre 1841 e 1867.

Concibido por Flaubert como o arquetipo da xeración desta época xeradora de falsas ilusións, posúe todos os trazos do heroe romántico, tanto no que atangue ao seu aspecto físico coma no referido ao seu carácter e á súa sensibilidade. Dedica a xuventude a perseguir diversas ambicións –artísticas, políticas e sociais–, moitas das cales son o froito das fantasías compartidas co seu amigo da infancia, Deslauriers, quen está certo do seu éxito no «ascenso» dende a provincia até París e lle ofrece o modelo de Rastignac, o personaxe de Honoré de Balzac que aparece por vez primeira en O tío Goriot (1842), un mozo ambicioso que se instala en París para estudar Dereito e que observa a «boa sociedade» con sorpresa e envexa e está disposto a todo para lograr os seus fins: «Recorda a Rastignac na Comedia humana! Seguro que o conseguirás, estou certo!» (p. 30). No entanto, fracasa en todos os seus plans ou axiña renuncia a eles, ben por pasividade, ben por falta de perseveranza, ben por perder o interese. Así mesmo, nos momentos decisivos, móstrase sempre máis preocupado polos asuntos do corazón ca polos revolucionarios.

Namorado de Marie Arnoux des que a coñece nun barco no que retorna de Le Havre á súa vila, Nogent-sur-Seine («Foi coma unha aparición»), todas as súas idas e vindas terán como obxectivo achegarse a ela. Se ben hai momentos nos que está preto de conseguila, nunca o logra por completo, e cando ela finalmente volve aparecer na súa vida, en marzo de 1867, rexéitaa ao ver os seus cabelos canos para non conturbar o seu ideal. Con todo, a súa falta de reflexión e a súa deshonestidade lévano a converterse no amante de Rosanette, coa que chega a ter un fillo; e mesmo, tempo despois, desexoso de ascender por fin socialmente, no da señora Dambreuse, que o humillará e frustrará de vez as súas ilusións. Anos despois, consumidos os dous terzos da súa fortuna, acaba vivindo en Nogent como un pequenoburgués e fai balance da súa vida con Deslauriers, ambos vencidos. No cómputo final da súa existencia, consideran que o «mellor» que tiveron na vida foi a frustrada visita ao establecemento de prostitución durante a adolescencia, de maneira que quedan co que puido ser e non coa realidade, decantándose pola perspectiva do fracaso.

 

O círculo de Frédéric

 

CHARLES DESLAURIERS

Provinciano intelixente e ambicioso, é amigo de Frédéric dende que o coñece no Colexio de Sens no que ambos os dous están internos. Desa época datan os plans que trazan xuntos: vivir en París, viaxar, gañar cartos, medrar socialmente… Porén, cando por fin viven xuntos, decepciónanse mutuamente e Deslauriers sente como unha traizón que Frédéric lle negue os cartos para ter un xornal de seu. Ademais, o feito de que se introduza na alta sociedade fai nacer nel unha amarga envexa. Polas súas ideas e o seu comportamento, representa o revolucionario por interese. Tenta seducir a señora Arnoux, gañar o favor de Rosanette, acadar un traballo para o que Frédéric foi elixido e incluso casa con Louise. O final da novela preséntao en Nogent reconciliado con Frédéric; xuntos, fan balance do seu fracaso vital.

 

BAPTISTE MARTINON

Fillo dun labrego rico que o destina á maxistratura, é un estudante modélico, sempre disposto a unirse ás ideas dominantes. De feito, chega a ser agregado á fiscalía da capital grazas aos contactos que ten a súa familia. Ao tempo que comparte xuntanzas con Frédéric e os demais amigos deste, comeza a frecuentar a casa dos Dambreuse, onde non dubida en sumarse a algunha das humillacións que sofre Frédéric nese círculo. Tras varias amantes (unha obreira cando estudante, unha muller duns cincuenta anos que coñece no Alhambra), mantén unha relación coa señora Dambreuse, até que o seu arribismo o empurra a cortexar a Cécile, a fea e insignificante rapaza, ao sospeitar que é a filla ilexítima de Dambreuse e terá un bo dote. Ao cabo logra o seu propósito e recibe, canda a súa muller, a herdanza da fortuna do banqueiro á morte deste. Acaba sendo senador.

 

ALFRED DE CISY

Vizconde, cadra con Frédéric na Facultade de Dereito, quen pensa que ten unha intelixencia das máis mediocres, malia admirar as súas boas maneiras e a súa elegancia. Del dise que semella unha señorita polas súas maneiras delicadas. Chega a identificarse co príncipe Rodolphe de Les Mystères de Paris. Coa morte da avoa, dispón dunha fortuna considerable e céntrase en distinguirse dos demais, empeñado en «ter un selo de seu», a súa frase preferida. Seduce a Rosanette por unha aposta e este feito, sumado á ofensa contra a honra dos Arnoux, fai que Frédéric o desafíe a un duelo. Acaba consagrado á relixión, pai de oito fillos e residindo no castelo dos devanceiros.

 

AUGUSTE DUSSARDIER

Humilde dependente que coñece a Frédéric e os seus amigos tras ser detido por defender un neno dos ataques dos gardas, pois non soporta as inxustizas. Representa o revolucionario puro (contrapunto de Sénécal) e idealista, pois soña con participar na construción dunha república celestial na que se cumpran os anhelos de todos os obreiros. É un amigo leal do protagonista, con quen comparte seráns no peirao Napoleón, conversas e libros. Cando Sénécal é detido, acusado de participar nun atentado, axúdao, seducido pola idea do home que se sacrifica por un ideal que el comparte: a República. Resulta ferido no motín republicano contra o Goberno e recibe os coidados da señorita Vatnaz, con quen comparte unha historia do pasado (un roubo cando ambos traballaban nun establecemento) e que se converte na súa amante, malia non estar namorado dela. Ao cabo, sofre a desilusión de ver traizoados os seus ideais. Acaba asasinado a mans do seu antigo camarada Sénécal.

 

SÉNÉCAL

Representa o revolucionario exaltado e fanático, membro de sociedades secretas revolucionarias, que, de xeito paradoxal, acaba apoiando o golpe de Estado que pon fin á revolución. En realidade, é Deslauriers quen o introduce no círculo de Frédéric, gabando as súas altas capacidades. Traballa como profesor de matemáticas, aínda que o expulsan até en dúas ocasións: unha vez por lle zoscar ao fillo dun aristócrata, e outra por negarse a entregar premios, un costume que considera funesto para a igualdade. Durante a estadía de Frédéric en Nogent, vive un tempo con Deslauriers e goza dos luxos da casa. Frédéric pretende utilizalo para vixiar a señora Arnoux e conséguelle un traballo na fábrica de porcelana do seu home, pero deixa o posto ao se ver desautorizado. Deportado por revolucionario en xuño de 1848, reaparece máis tarde como axente da policía durante o golpe de Estado de Luís Napoleón, momento no que asasina o seu amigo Dussardier. Sen transición, sempre autoritario, pasará da revolución á defensa da orde e o asasinato.

 

DELMAR

Actor que ten un alto concepto de si mesmo. De nome Auguste Delamare, faise chamar primeiro Anténor Dellamarre, logo Delmas, logo Belmar e ao cabo Delmar, «modificando e perfeccionando así o seu nome de acordo coa súa crecente gloria». Aparece por vez primeira actuando no Alhambra, un baile público. Amante da señorita Vatnaz e tamén de Rosanette, as dúas disputan por el. Tras a revolución de febreiro de 1848, decide presentarse como candidato ás eleccións polo Sena. Ofrécese a presentar a Frédéric nos clubs para presentar a candidatura deste.

 

SEÑOR DAMBREUSE

Aristócrata oportunista que medrou e amasou a súa fortuna ao abeiro da monarquía e que se adapta á nova vida burguesa converténdose nun importante e rico industrial, acérrimo defensor da propiedade, o proteccionismo, o luxo, o comercio e a fusión das grandes compañías, coma a da hulla, sempre á espreita das boas oportunidades. Posúe unha suntuosa residencia privada, por máis que o seu despacho sexa austero, tan só adornado polos retratos de Luís Filipe e do xeneral Foy. Móstrase preocupado polas ideas revolucionarias, sobre todo as relacionadas coa organización do traballo, e cre esaxerado falar do problema do pauperismo, considerando que se trata dunha cuestión individual sen relación coa miseria: cando as clases baixas abandonen os seus vicios, liberaranse das necesidades, e cando o pobo sexa máis moral, será menos pobre, defende. Porén, salienta pola súa gran capacidade de adaptación en política: co triunfo da revolución de 1848, axiña cambia de chaqueta, muda de actitude, de linguaxe e de ideas, e chega a afirmar que no fondo sempre fora republicano e que lle caían simpáticos os obreiros. Proponlle a Frédéric que se presente como candidato ás eleccións de abril á Asemblea Nacional polo distrito de La Fortelle para ter unha persoa de confianza no parlamento, pero, ante o discurso radical que prepara o mozo, acorda presentarse el mesmo, sen dicirllo. De forma simbólica, morre a consecuencia dunha hemoptise tras a destitución do xeneral Changarnier. Flaubert concentra neste personaxe o seu odio cara ao burgués orleanista; o arribista, cazador de fortunas e home sen escrúpulos.

 

TÍO ROQUE

Axente electoral e administrador do señor Dambreuse en Nogent. Tras vivir en concubinato coa criada, casa con ela e recoñece a súa filla, Louise. Quere que esta case con Frédéric, xa que o mozo podería recuperar unha posible orixe nobre por parte materna e chegar lonxe coa axuda do señor Dambreuse. Durante o motín contra a República, acode a París coa veciñanza de Nogent e únese á garda nacional. Pon en práctica a súa crueldade vingándose dos amotinados e matando friamente un rapaz que lle pide pan.

 

As mulleres de Frédéric

 

MARIE ARNOUX

Esposa do burgués Jacques Arnoux, sempre infiel, é o obxecto de desexo de Frédéric durante toda a novela e preséntase nas primeiras páxinas «coma unha aparición», de acordo co sentido case virxinal do seu nome. Aparece sempre descrita baixo a mirada de Frédéric, que a considera unha muller fermosa, plácida, virtuosa e case perfecta. Así, a miúdo é retratada sentada ao pé do lume, cosendo e coidando dos seus dous fillos. Esta concepción maternal arrodeada de idealismo e pureza fai que nela se exclúa a luxuria. Malia haber escenas nas que parece corresponder aos sentimentos de Frédéric, apenas comparten algo máis ca un bico. Porén, ofrécese a el ao final da novela, cruzando a liña da figura maternal e da compañeira constante para tentar ser a amante, o que marca o remate da súa relación.

 

ROSANNETTE

É unha prostituta nova, bonita, frívola e caprichosa que sabe seducir os homes, de maneira que representaría a muller impura fronte á honestidade da señora Arnoux. Amante de Jacques Arnoux, mantén tamén relacións con outros personaxes (co vello señor de Oudry, veciño de Arnoux; con Delmar; co barón de Comaing; con Cisy; co príncipe ruso Tzernoukoff), entre eles Frédéric, que a conquista tras longos desabores, buscando nela o pracer. Coñeceremos a súa complicada infancia (foi vendida pola nai a un home casado) e mocidade (foi dependenta nunha tenda, encomezou estudos para ser actriz) até se dedicar a vivir dos seus amantes. Aspira a atopar o amor auténtico e cando ten un fillo con Frédéric está disposta a casar con el e a converterse nunha burguesa. Con todo, ao final da novela Deslauriers fala do seu decadente aspecto, tras atopala nunha tenda, levando da man un cativo que adoptou, viúva dun tal señor Oudry e moi gorda, enorme.

 

LOUISE

É a rica filla do tío Roque, un veciño de Nogent, que coñece a Frédéric aos doce anos e queda engarguelada por el, ao consideralo un compañeiro, un irmán, un mestre. Apenas morta a nai, el marcha a París e Louise idealízao no recordo e ansía casar con el. Cando ao cabo se debuxa esta posibilidade, chora desconsolada ao coñecer que Frédéric ama a alguén e ten un fillo cunha amante á que mantén. Acaba casando con Deslauriers aínda que tempo despois o abandona para fuxir cun cantante.

 

A SEÑORA DAMBREUSE

Muller da alta sociedade, é a esposa dun rico empresario que se caracteriza polo seu carácter intrigante, visible nas súas argucias para impedir por todos os medios que Martinon, o seu amante, case con Cécile (filla ilexítima do seu home). Cando ao cabo a voda se celebra, por aburrimento, faise amante de Frédéric, co que mesmo quere casar. Á morte do seu home, desesperada por non obter a totalidade da herdanza que esperaba tras unha vida de entrega a el, e sabedora de que Frédéric ama a señora Arnoux, argalla unha cruel vinganza para humillalo. Acaba casando cun inglés.

 

Arnoux e o seu círculo

 

JACQUES ARNOUX

Próspero empresario ao que Frédéric coñece no barco, de mozo, cando ten uns corenta anos e galantea cunha campesiña, de maneira que dende o comezo da novela queda de manifesto o seu carácter sedutor. Republicano, preséntase como propietario do establecemento L’Art industriel, sito no bulevar Montmartre, que comprende tamén unha revista de arte, aínda que despois se dedicará ao comercio de louza, á compravenda de terreos e, pasado o tempo, debilitado de saúde, montará unha tenda de obxectos relixiosos antes de fuxir de París compelido polas débedas. Egoísta e descarado, salienta pola súa vitalidade e tamén pola súa xenerosidade, pois ao seu redor pululan artistas, xornalistas, vendedores e mulleres que prestan servizos a cambio de obsequios. É un dos principais amantes de Rosanette. Aprovéitase de Frédéric pedíndolle cartos para salvarse e mesmo o humilla, utilizándoo diante da muller para tapar os seus reiterados excesos e infidelidades.

 

PELLERIN

Pintor de ideoloxía socialista, pois pensa que a arte debe servir para moralizar o pobo. Obsesionado por superar o clasicismo e iniciar a revolución impresionista, le todas as obras de estética para descubrir a verdadeira teoría da Beleza, convencido de que, cando a atope, realizará obras mestras. Eterno artista, nunca acha a maneira de materializar a súa obra e pérdese en discusións sen fin. É o autor do cadro de Rosanette que lle encarga Frédéric. No aspecto político, abomina a revolución pola perda definitiva do museo español e declárase partidario dunha monarquía ben entendida, o máis favorable para as artes. Tras practicar o fourierismo, a homeopatía, o espiritismo, a arte gótica e a pintura humanitaria, acaba convertido en fotógrafo.

 

HUSSONNET

Malia que coñece a Frédéric na rúa, mentres ambos contemplan un motín, adoita traballar para Jacques Arnoux, o cal fai que o mozo se pegue a el para introducirse nese círculo. Ambiciona a gloria e as ganancias do teatro. Colabora en comedias fracasadas, ten montóns de plans, compón cancións e aláudase de coñecer ben a lingua. Acaba ocupando un alto cargo relacionado cos teatros e a prensa.

 

REGIMBART

Chamado o Cidadán, é outro dos acólitos de Arnoux, un cretino vago e descrido ao que ninguén lle coñece ocupación e que vive da muller (modista). Porén, Arnoux atribúelle unhas condicións intelectuais e unha intelixencia superior. Pasa o tempo deambulando polas rúas de París, entre copas de asente e vermú, espallando as súas opinións. Durante a monarquía orleanista, Régimbart desexaba a revolución e conspiraba activamente cos integrantes dos clubs; cando ao cabo chega a revolta, pensa que non se trataba diso e, ao final, só lle preocupa conservar as fronteiras nacionais.

 

SEÑORITA CLÉMENCE VATNAZ

Solteira parisiense. Amiga e rival de Rosanette, coa que ten diversos enfados por temas de cartos e porque ambas se disputan a atención do actor Delmar. É a encargada de amañarlle a Arnoux as citas. Coa chegada da Revolución, entrégase a unha afervoada propaganda socialista e defende a participación das mulleres. Coida de Dussardier cando este resulta ferido no motín republicano contra o Goberno, e fanse amantes, pois ten con el unha especie de débeda de gratitude por un roubo que ela cometeu cando ambos traballaban nun establecemento.


Outra información relacionada coa novela: Xénese da obra e marco temporal

30 novelas da literatura francesa

Coa publicación de A educación sentimental, de Flaubert, a miúdo considerada un punto de inflexión na narrativa europea, chegamos ás 30 obras importadas da literatura francesa (de cuxa tradución ao galego se responsabilizaron Isabel Soto, Xavier Senín, Marie Abraira, Alejandro Tobar, Xabier Ron e Ánxela Gracián).

Velaquí a cronoloxía consonte os anos de publicación orixinal das novelas.

Reimpresión de Jude o escuro

Aínda que por contagotas, ao cabo esgotamos a primeira edición de Jude o escuro, unha das novelas máis célebres e logradas de Thomas Hardy, en tradución directa dende o inglés a cargo de María Fe González, responsable así mesmo doutros títulos que temos vivos no catálogo: Maria, de Mary Wollstonecraft, e Oroonoko, de Aphra Behn.

A de Hardy é unha novela tan extensa (na lingua de chegada, supera os 750.000 caracteres) coma interesante. Por iso, cando apenas restaban uns poucos exemplares sen vender, mandamos imprimir unha cativa segunda tiraxe, que xa está en circulación. De modo que queremos renovar o convite a que os lectores e lectoras anglófilos aborden, sexa por vez primeira ou como relectura, este clásico universal profundamente conmovedor.

Cabe lembrar que a tradución galega de María Fe González fora distinguida no seu momento co Premio Fervenzas Literarias de Tradución e fora así mesmo unha das catro finalistas do Premio AELG de Tradución.

Boas lecturas.

Convócase o III Premio Realia de Tradución Literaria

Hoxe, por fin, unha vez que se publicou no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria do III Premio Realia de Tradución Literaria, podemos convidar a todos os tradutores e tradutoras ao galego a que presentedes os vosos traballos ao certame que coxestionamos a canda o Concello de Santiago de Compostela.

En relación coas dúas edicións pasadas (convocadas en 2016 e 2018 e resoltas a ano vencido), hai unicamente dúas diferenzas que convén sinalar: o premio pasa a estar dotado con 1.500 € (antes eran 1.200 €), e este ano só se aceptarán obras traducidas de autores ou autoras inéditos en galego. Este segundo requisito foi un trasacordo necesario, pois o Concello non podía vincular as exclusións unicamente aos autores presentes no noso catálogo, mentres que nós non podiamos repetir autores (política editorial que nos distingue dende hai case dez anos).

Polo demais, nada cambia: mantense o mínimo de 100.000 caracteres incluídos os espazos, as obras deben pertencer imperativamente ao dominio público (ollo!: deben transcorrer 80 -e non 70- anos dende a morte do autor ou autora), e, nunca está de máis lembralo, este premio non é para compilacións de relatos, senón só para novelas e novelas curtas -con todo e iso, si entrarían nesta última categoría os relatos autónomos que superen o número mínimo de matrices estipulado-.

Na editorial, tiñamos todo listo para convocar este premio hai un ano e medio longo, pero primeiro a COVID-19 e máis tarde os demoradísimos tempos administrativos fixeron que non fose até agora, finais de xullo, cando se faga pública a convocatoria. Tanto é así que as presentes bases mencionan a ATG (hoxe inactiva, en proceso de disolución) e falan de agosto como data prevista para que o xurado emita o ditame; naturalmente, dado que o prazo vai estar aberto por obriga administrativa durante un mes exacto a contar dende este 26 de xullo, o ditame deberá postergarse uns días, posiblemente até a segunda quincena de setembro, a fin de que as obras se lean e valoren como corresponde.

Moita sorte!

Velaquí as bases íntegras:

Boa literatura vasca traducida ao galego

A partir da escolma realizada por Beñat Sarasola no artigo intitulado «Literatura en euskera: lo que no hay (y lo que hay) en castellano», incluído no número de xuño da revista dixital CTXT, pareceunos que podería resultar interesante comprobar que autores e autoras vascos mencionados por el teñen a día de hoxe obra traducida en galego.

Vaian primeiro as palabras que Sarasola lles dedica a Harkaitz Cano e Uxue Alberdi, con senllas novelas no noso catálogo. Verbo do primeiro, o articulista expresa o seguinte:

«Pese a que para o lector en español son Elorriaga e Uribe os escritores máis coñecidos en éuscaro de entre os nados nos setenta, no País Vasco o escritor máis influente e laureado é, sen dúbida, Harkaitz Cano. Autor dunha extensa obra, foi un dos membros máis destacados do grupo literario Lubaki (Trincheira) nos noventa (tamén o integraron Xabier Gantzarain, Ander Izagirre e Asier Serrano, entre outros). Esta foi a primeira plataforma literaria importante desa xeración. Non obstante, Cano non acadou, até o de agora, en España o recoñecemento que ten no País Vasco. A meirande parte da súa obra está traducida ao castelán, e a súa obra narrativa máis importante, amais, nunha grande editorial como Seix Barral. En 2004 editáronlle Jazz y Alaska en la misma frase (Beluna Jazz, no orixinal éuscaro), engaiolante novela escrita sendo aínda universitario (o orixinal é de 1996), e despois publicaron tres libros máis, entre os que salientaría Twist (tradución ao español de Gerardo Markuleta), novela que foi traducida tamén ao búlgaro, ao inglés e ao italiano».

De Cano, trouxeramos a finais de 2013 a novela Pasaia blues (traducida por Isaac Xubín), que reimprimimos aínda non hai moito, como explicabamos nesta entrada do pasado mes de febreiro. Tamén súa, é posible ler en lingua galega unha peza de literatura infantil, A orquestra terrestre (Xerais, 2017), e mais o cómic A consulta. Os derradeiros días de Santi Brouard, ilustrado por Adur e publicado por Demo Editorial en 2020.

Por outra banda, de Uxue Alberdi dise o seguinte:

«O novo proxecto editorial de Consonni, que consiste en traducir ao castelán autoras que escriben en éuscaro, tamén está ofrecendo a súa oportunidade a textos en éuscaro para que poidan atopar novos lectores fóra do País Vasco. O primeiro libro editado foi Jenisjoplin (tradución ao español de Irati Majuelo) de Uxue Alberdi, que suscitou un interese máis ca notable…».

De Alberdi, é posible ler en galego dende comezos de 2018 a novela O xogo das cadeiras, novamente na tradución de Xubín. Tamén dela, está en galego unha obra destinada ao público infantil, Cando sexades pequenos, ilustrada por Aitziber Akerreta e publicada por Kalandraka en 2013.

A continuación queda a listaxe de escritores mencionados, sen distinción entre narradores, poetas ou ensaístas. En gris, quen aínda non conta con obra traducida ao galego (que nos conste; puido escaparnos algún, claro); en redonda e cor vermella, quen si; aínda que claramente son os menos, inclúense neste último grupo aqueles autores e autoras con obra publicada en revistas literarias, antoloxías e formatos exclusivamente dixitais:

Bernardo Atxaga

Juan Garzia

Koldo Izagirre

Edorta Jimenez

Anjel Lertxundi

Pello Lizarralde

Xabier Montoia

Lourdes Oñederra

Ramón Saizarbitoria

Joseba Sarrionandia

Arantxa Urretabizkai

Unai Elorriaga

Kirmen Uribe

Iban Zaldua

Jokin Muñoz

Miren Agur Meabe

Iñigo Aranbarri

Itxaro Borda

Ion Alonso

Aingeru Epaltza

Rikardo Arregi Diaz de Heredia

Jose Luis Otamendi

Xabier Gantzarain

Ander Izagirre

Asier Serrano

Mikel Peruarena

Ixiar Rozas

Irati Jimenez

Irati Elorrieta

Eider Rodríguez

Katixa Agirre

Karmele Jaio

Amets Arzallus e Ibrahima Balde

Leire Bilbao

Angel Erro

Jon Gerediaga

Castillo Suarez

Alaine Agirre

Miren Amuriza

Danele Sarriugarte

Uxue Apaolaza

Jon Benito

A fraseoloxía da novela Unha muller perdida

Se onte difundiamos a análise que, co gallo da edición en galego de A peste, os tradutores Isabel Soto e Xavier Senín facían das personaxes femininas presentes na novela de Camus, hoxe toca fincarlle o dente a outro dos artigos que integran o número 21 da revista Viceversa: «Unha muller perdida: A entrada de Willa Cather no panorama editorial galego», a cargo de Antía Veres Gesto.

Entre outras cuestións de interese que releva a tradutora, se cadra convén destacar, na subsección 3.4 dedicada á Fraseoloxía, as táboas coas concienciudas correspondencias inglés-galego. Non resulta estraño, polo tanto, que a acta do xurado do XVIII Premio Plácido Castro incidise no «uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela» á hora de xustificar que a tradución de Veres de Unha muller perdida merecese o tal galardón.

Velaí as táboas achegadas pola tradutora cunha gran variedade de solucións:

Novidades de abril de 2021

Con abril ás portas, publicamos dúas novidades na colección Principal, as correspondentes ao segundo trimestre de 2021. Nesta ocasión trátase dunha obra clásica da literatura francesa, Gobseck (PVP 13 €; traducida do francés por Isabel Soto), novela curta que forma parte da monumental La Comédie humaine de Honoré de Balzac, onde o autor afonda na figura do usureiro Gobseck, prototipo do avaro, así como no turbulento pasado doutra serie de senlleiros personaxes; e, doutra banda, O esmoleiro (14,50 €; traducida do grego por Alfonso Blanco), unha referencia ineludible da narrativa escrita en neogrego e a mostra máis sobranceira da tendencia naturalista de Andreas Karkavitsas.

Esta mesma semana enviaremos os paquetes aos domicilios das persoas subscritoras e comezaremos, coma decote, a distribución comercial nas librarías. Quen estea en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e grazas. Velaquí a información coas distintas modalidades de abonamento.

Balance do ano editorial 2020

Decembro de 2019

A finais de 2019, entre o Nadal e o Aninovo, sumamos ao catálogo dúas novelas que nos están a funcionar bastante ben: unha, se cadra a de maior peso e percorrido, foi A xente de Hemsö, de August Strindberg, que de novo traduciu para nós Marta Dahlgren; con esta de Strindberg, van xa sete obras de orixe escandinava, cinco das cales pertencen á literatura sueca. Se ben é na dramaturxia onde Strindberg se converteu nun autor de talle mundial, non é esaxerado cualificar esta novela súa como a pedra de toque da súa produción narrativa. Recomendámola pois con entusiasmo. Pola temática e polo tipo de humor, coidamos que empata ben coa idiosincrasia galega.

A outra novela que chegou no mes de Nadal de 2019 foi un clásico recuperado da literatura italiana, As confesións dunha filla do século, de Donna Paola, de cuxa tradución se ocupou Isabel Soto e que supón unha nova achega, de relevo, á literatura epistolar que temos no catálogo.


Os 12 novos títulos de 2020

O 1 de abril publicamos unha obra traducida do grego por Alfonso Blanco, A honra e o cartos, de Konstantinos Theotokis, un autor nado en Corfú e considerado un renovador da prosa grega moderna. A canda esta novela curta (de pouco máis de 100 páxinas), trouxemos Morrerei outro día, unha das nosas apostas do ano, unha obra escrita por Isabelle Alonso e traducida do francés en tándem por Isabel Soto e Xabier Ron.

Destas dúas obras deramos conta nunha entrada no blog o pasado mes de xuño, titulada «Obras desapercibidas, de momento». Medio ano máis tarde, podemos dicir que Morrerei outro día xa engalou (a quen desexe afondar neste libro, invitámolo e revisar «Morrerei outro día: a II República española na literatura francesa»), namentres que A honra e os cartos parece que segue agardando o seu momento.

No mes de xullo chegaron O amuleto, asinada polo suízo Conrad Ferdinand Meyer, de grande interese para amantes da historia, pois aborda o episodio histórico de 1572 coñecido como Matanza do día de San Bartolomeu, isto é, o asasinato masivo en Francia dos hugonotes, membros da fe protestante. A de Meyer supuxo a quinta tradución que traïamos dende o alemán, un labor do que outra volta se encargou Rosa Marta Gómez Pato. Tamén como novidade estival sacamos O caranguexeiro, de Takiji Kobayashi, a primeira incursión de noso na literatura xaponesa, que foi posible grazas ao traballo de tradución directa xaponés-galego realizado por Gabriel Álvarez. Para nós foi un orgullo sumar ao catálogo unha novela curta da potencia desta, e a nosa ledicia foi meirande ao comprobarmos que tivo unha moi boa acollida entre o lectorado. De modo que grazas.

O groso da publicación (en parte derivado da situación da pandemia) aconteceu en outubro, con cinco novidades que publicamos dunha asentada. Por un lado, as tres que incorporamos á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas»: a novela curta A escritora, de Madame de Genlis (traducida do francés por Isabel Soto); A dama de Glenwith Grange, de Wilkie Collins (traducida do inglés por Alejandro Tobar); e O home das bonecas, do tándem de escritores agochado tras o alcume Jean-Louis Renaud (traducida do francés por Xavier Senín). Por outro lado, as dúas novidades da colección principal, ambas as dúas importadas do inglés: A vida na fundición, de Rebecca Harding Davis, traducida por Alejandro Tobar, e o relato detectivesco Na néboa, do seu fillo, Richard Harding Davis, traducido por María Alonso Seisdedos.

Un mes máis tarde, en novembro, incorporamos unha peza traducida por Jairo Dorado do serbio: Noventa anos despois, unha curiosa novela curta publicada orixinalmente en 1880. Trátase da meirande obra narrativa de Milovan Glišić e cómpre enmarcala na literatura gótica de temática vampírica; cabe indicar por último que é anterior, en dezasete anos, ao Drácula de Stoker. Moi amablemente, o seu tradutor tivo a xentileza de redactar unha entrada para o blog da editorial, «Serbocroata, croataserbio, serbio ou croata e croata ou serbio», onde explica de forma sucinta as razóns para as distintas denominacións das linguas balcánicas; cremos que resulta especialmente útil para quen sabemos pouco acerca da cultura e da sociolingüística dos Balcáns.

A finais de decembro, hai nada, publicamos dúas novas novelas que a efectos de premios, catalogación e outros deben ir como obras de 2020, pero que, fóra dos envíos ás persoas subscritoras e dalgunhas entregas en librarías, comezamos a distribuír xa na primeira semana de xaneiro: foron A nosa Negra, de Harriet E. Wilson, traducida do inglés por María Reimóndez, e O lector, de Bernhard Schlink, traducida do alemán por David A. Álvarez.

No caso da primeira, A nosa Negra, estamos a falar dunha das primeiras novelas (1859) da literatura estadounidense que escribiu e publicou unha afroamericana. Aborda o problema do maltrato e o abuso da poboación negra por parte da sociedade branca dos estados do norte.

En segundo lugar, O lector, unha obra de gran peso na literatura europea contemporánea, que propón unha reflexión sobre a barbarie nazi e pinta, en paralelo, unha relación amorosa de fonda pegada: a do mozo Michael Berg e a enigmática Hanna Schmitz, bastante maior ca el. Esta multipremiada novela foi traducida a máis de corenta linguas e por fin, agora, está dispoñible para os lectores e lectoras en galego.

 

III Premio Realia de Tradución Literaria

O Premio Realia de Tradución, posto en marcha a finais de 2017, de periodicidade bianual, e que xestionamos en colaboración co Concello de Santiago, fora para Antía Veres pola tradución de Detrás da máscara; o poder dunha muller, de Louis May Alcott, na primeira edición, e quedara deserto na segunda. Polo tanto, cabería esperar que agora mesmo estivese aberta a convocatoria da 3ª edición, pero non. Non porque, como explicamos de pasada na «Relación de premios á tradución galega», debido a cuestións administrativas o consistorio compostelán suxeriu que o trasladásemos a 2021 para dese modo convocar e resolver nun mesmo ano natural. Así será, e se de nós depende a mediados de marzo publicaremos as bases e convidaremos a que os tradutores acheguen os seus traballos para os valorar.


Os libros que virán

Outra volta, daremos unicamente unhas pinceladas moi xerais do que está por chegar: temos xa listas varias obras da literatura francesa clásica, e andamos pendentes de pechar os dereitos doutra tamén desa literatura. Traeremos, un ano máis, algo dende o grego moderno. E de novo tamén algo do sueco, doutro autor clásico. Por suposto, non faltarán as obras traducidas do inglés. De feito, se nos dá tempo a tela para finais de 2021, a grande aposta sería a longa novela unha dunha autora inglesa que nos parece excepcional; un pouco díficil se cadra, ou poñamos que moi esixente, pero que fai literatura con maiúsculas, e da cal habemos traer, non sen esforzo, unha das súas mellores novelas.

 

Novembro: décimo aniversario

En novembro de 2021 será cando oficialmente cumpramos unha década de traballo, e para entón esperamos superar con claridade os 100 títulos. Con data de hoxe, o noso catálogo está conformado por 97 obras de ficción, das cales 74 na coleccion principal e 23 en «Vólvense os paxaros contra as escopetas».

 

O recordatorio de cada ano

Convénnos renovar o convite a subscribirse (a modalidade estándar, 116 euros ao ano).

Dependemos en esencia dese apoio das persoas socias para traballarmos da maneira na que o facemos. Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, e mesmo a posibilidade de regalar unha subscrición.

 

Moitas grazas, boas e enriquecedoras lecturas e próspero 2021.