O sábado 27 de abril de 2019 resolveuse o II Premio Realia de Tradución Literaria; o xurado estivo composto por tres persoas vinculadas de distintas maneiras ao mundo do libro, amais dun responsable da editorial (con voz e sen voto). Tras unha estrita creba previa consonte as bases da convocatoria, foron ao cabo só catro as obras traducidas que houbo que ler e valorar co máximo rigor.
Produciuse pois unha longa deliberación. Optouse ao cabo, con algunhas dúbidas e certo desalento, por declarar o premio deserto. As razóns, aínda que de maneira sucinta, aparecen recollidas na acta:
“En termos xerais, a selección de obras presentadas polos tradutores foi boa, mesmo suxestiva: as propostas —procedentes case en exclusiva da literatura inglesa— son interesantes, de autoras e autores de incontestable relevo. Porén, nun premio destas características o mérito reside especialmente na feitura literaria que a tradución acade na lingua de chegada, por riba do argumento, da vixencia ou da categoría formal e estilística da obra en cuestión. Así pois, ningún dos membros do xurado percibiu a excelencia, ou cando menos o nivel de calidade, que cabe esixirlle a unha obra gañadora. Por suposto, había graos; certo é que unha ou dúas das traducións poderían publicarse tras un proceso demorado de corrección, a modulación dalgunhas frases e un traballo de edición extenso e meticuloso.”
Malia todo, queremos deixar constancia do noso recoñecemento aos tradutores e tradutoras que nos achegaron as súas propostas, por pasar o traballo de participar. Cando os membros do xurado decidiron plasmar que as obras orixinais non estaban nada mal traídas, en absoluto estaban a recorrer a unha fórmula de cortesía baleira de sentido. Animamos polo tanto a quen traduciron a non desistir, a releren con demora, a corrixiren con sosego os textos e a lles buscar saídas editoriais.
Tal e como recollen as bases, os aspectos que se valoraron foron, amais da calidade da historia, a fidelidade ao texto orixinal, a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións. Por iso, e porque cremos que a concesión dun distintivo de calidade carece de sentido cando non se intúe a excelencia, nesta segunda edición o Premio Realia foi declarado deserto.
Razóns que xustifican o desalento
Aludiamos liñas arriba ao desalento que se instalou nas persoas que conformaron o xurado ao leren as obras candidatas ao Realia. Por unha banda, veu motivado polo baixo índice de participación. Pola outra, polas deficiencias que presentaban os textos, e que suscitaron reflexións diversas relacionadas na súa maior parte co retroceso que está a experimentar a lingua galega en todos os niveis de uso, mesmo entre os galegofalantes. Constátase arreo nos medios de comunicación, na televisión pública, nas intervencións dos gobernantes, nalgúns libros que editan as distintas editoriais galegas…
De aí que decidísemos resumir a modo de exemplo e cun afán construtivo, lonxe de calquera intención instrutora ou dun perfeccionismo malsán, as principais eivas detectadas que non era procedente concretar na acta e que apuntalan o desánimo. Referímonos a erros básicos coma os seguintes:
● ausencia de artigo antes do posesivo: *seu saúdo soou, *é teu compañeiro de armas.
● castelanización da perífrase ir + infinitivo: *vai a darme un ataque, *vou a falar.
● emprego incorrecto da perífrase ter + participio.
● colocación incorrecta dos pronomes átonos:*aínda que convertérame, *porque dicíao, *todas arremuíñanse, *quen botaríame, *que entón resultáralle.
● problemas cos lle/lles: *derámoslle de comer ás pombas, *había algúns homes aos que lle valía calquera cousa, *berroulle aos traballadores. Problemas co lle/llelo: *dóullelos ao gato, *non llo pedirei aos meus. Problemas co te/che: *oín que che marchabas.
● no referente aos verbos, uso errado dos verbos reflexivos: *pasearse; verbos con alternancia vocálica mal conxugados: *[ela] acodía, *[el] descubre, *[ela] sente; indistinción entre as fórmulas do pluscuamperfecto e o pretérito imperfecto de subxuntivo; confusións entre verbos transitivos e intransitivos:*reprochalos polo seu mal comportamento.
● problemas co uso da preposición no caso dos complementos directos: *para ver mamá, *acoller á neniña; *mirar ás paredes.
● continuos despistes coa acentuación: *areas por áreas, *so/sos por só/sós (e tamén algún *sóas), *gratuita, *ductil, *e [por é], *oiu, *ouvíu, *saiu, *bailáble, *atmósfera, triúnfo; e tamén cos diacríticos: dá/da; máis/mais: *ti e máis eu, *durmir de mais.
● problemas coas terminacións en -za/cia: *a presencia, *a diferencia *nacencia, *despreciable, *aprezar; e confusión entre grupos ct, ei e t simple: *seductor, *estricto, *indestructible, *secta, *respeto…
● errónea utilización de grande e do seu apócope: *gran escándalo, gran escándalo/alivio/afecto/alegría; grande casa/cisterna/sensación…
● erros no uso de senón/se non: *non fala só contra eles, se non tamén contra elas.
● falta de atención aos topónimos e xentilicios:*Flandes; *parisino, *China, *Canadá.
Velaí vai unha listaxe non exhaustiva dos erros e desviacións de distinta entidade cos que as persoas do xurado bateron na lectura, a meirande parte dos cales serían emendables cun sinxelo corrector automático: *sen embargo, *enfronte [como locución adverbial], *encender, *aparte [como locución adverbial], *airadas, *averiguar, *cauce, *modais, *mimar, *finca, *vela/candela, *habitación, *contente, *ciúmes/ciumes, *goce, *gafas, *os lentes, *varra, *lan, *fóra [como verbo], *serea [adxectivo], verbos como *talar, *colmar, *embargar, *pinchar [nas acepcións castelás], *plácido/placer, *tocado [substantivo], *abochornar, *reloxio, *sobrecoller, *desabrido, *desdichado, *interrumpiu, *prenda de roupa, *largo tempo, *o color, *mota, *cornisa, *roce, *parpadear/parapadear, *fruncir, *tomba [por tumba, sepultura], *a tentas, *aviciñarse, *cabritillo, *vese [como 3ª. p. s. imperf. subx.], *volveches *en aqueles anos, *cumprido [substantivo], *bandolina, *lonxano, *susurrar, *concienzudo, *vals, *atolondrado, *velada, *reaccio, *enaxenación, *deslumbrar, *inconvinte, *alo menos, *dous centos, *hastío, *aletexar, *rapiñar, *bosco, *fuciño, *vagamundo, *come-come, *ganchillo, *murmuriar, *unha fin [co sentido de finalidade] *repantrigar, *interés, *disfrutar, *de mala gaña, *macanudo, *tolandrada, *reximento, *regocixo, *plato, *despacio, *en torno a, *chelín, *mermelada, *sequedade, *desgalichar, *a penas, *plancha, *merodear, *atifarrar, *despelicar, *a labor, *pasado mañá, *olla [substantivo], *endemoniado, *raiba, *constreñido, *chaleque, *vaina *charol, *sumiso/sumisión, *xuzgado, *enrugar, *cruxir, *apretar, *bache, *pedalar, *pestaña, *tremante, *sumerxido, *aformecer, *ogallá, *xudea, *nalgures, *suministrar, *champán, *honoriario, *incertidume, *atraínte, *ocurrir, *disculpar, *de todos xeitos, *a modo, *elexir, *a dote, *referéndum, *donación, *monedeiro, *enxendrar, *inxenio, *concebir, *cuxa sangue, *falsedades…
Noutra orde de cousas, detectouse un pobre manexo da fraseoloxía galega. Topamos, por citar un dos exemplos más grosos, cun *sacar de couzón (put [sb] out of temper) que é unha moi mala tradución do castelán “sacar de quicio”; ou tamén *a toda costa ou *a costa de…
Así mesmo, percibíronse faltas abondas de modulación das traducións, por exemplo, na literalidade excesiva dalgunhas solucións [in instant sympathy > *en simpatía instantánea; to have no notion of > *non ter a noción de…]; escaseza de creatividade noutros casos [She doggedly repeated > repetiu insistentemente [por que non porfiou?]; problemas na redacción que entorpecen a lectura [“prometiches ter paciencia, non hai por que ter présa, tes moito tempo por diante…”; “… a miña familia quería que atrasase a miña partida, mais, por medo a predispoñer os meus patróns na miña contra…”; “baixei sen entusiasmo, aínda que tampouco sen certa sensación de curiosidade…”; She signed “No” > Fixo un xesto de negación “Non” // The talk once over > Despois de que acabou a conversación; ou evidentes faltas de coherencia ao longo dos traballos…
Nunha das obras, notamos esta rareza co well/oh: “Bo, pero viuno vostede” [Well, but you saw him; “Bo, parvadas!” [Oh, stuff!]; e en dous dos textos, a integración dos it, this, that etc. non acabou de convencernos: “Lembre iso, señor X!”; “Nun intento de disuadilos diso”; “Para librarme da infamia diso”.
Sobráronnos xerundios e a recorrencia sistemática á fórmula poder + infinitivo; repeticións e tics de tradución (así e todo, a miúdo, ás veces…). Houbo un caso no que, dentro dun mesmo parágrafo, en só 10 liñas, aparecen 4 “en balde”. Faltounos un traballo axeitado de sinonimia.
Así mesmo, reparouse na proliferación de adverbios en -mente,cando en moitos casos era doado buscar fórmulas alternativas. Nunha das obras, en 3 liñas aparecen nada menos que 4.
A edición dos textos, mesmo cando se poida inferir que a tradución só é unha primeira versión, debe entregarse o máis aquelada posible, tamén nos aspectos referidos á ortotipografía, o cal é unha proba máis de profesionalidade e coidado.
Por todo o apuntado, as persoas integrantes do xurado cuestionaron que se dese a excelencia que xustifica un premio. Nun galardón destas características, cuns destinatarios específicos, que son e/ou serán responsables de trasladaren á lingua galega obras literarias doutras tradicións, non cabe conformarse co menos malo, senón que cómpre distinguir o decididamente bo.