Resolto o IV Premio Realia de Tradución

Acta do xurado

Reunido en Santiago de Compostela ás 12:00 do xoves 10 de agosto de 2023, o xurado, composto por Manuel Arca Castro, Isabel Soto López e Carlos Valdés García, así como por Alejandro Tobar Salazar en calidade de secretario (con voz e sen voto), decidiu, por unanimidade, declarar deserto o Premio Realia de Tradución Literaria na súa cuarta edición.

Foron unicamente dúas as obras presentadas que cumprían cos requirimentos estipulados nas bases. Unha vez lidas con rigor polas anteditas persoas, acordouse reflectir na presente acta as seguintes consideracións:

O xurado desexa facer constar o seu sincero agradecemento polo traballo, interese, tempo e dedicación dos tradutores candidatos e asemade felicitalos polas súas escollas, que xulga orixinais e pertinentes e que sen dúbida responden aos criterios esixidos nas bases do certame en canto á transcendencia e ao feito de cubrir un oco no sistema literario galego. Ofrecéusenos, por unha banda, unha novela curta sen grandes artificios nin complicacións dun premio Nobel centroeuropeo, e, pola outra, unha peza da literatura nativa estadounidense inédita nas linguas ibéricas e cun salientable peso histórico.

Porén, e tamén como establecen as bases, o xurado considera que as traducións candidatas ao premio non presentan o nivel de calidade necesario en aspectos como a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións. Neste sentido, ningún dos membros do xurado percibiu en ningún momento o grao de excelencia que cabe esixirlle á obra gañadora dun certame destas características e que o lectorado de noso reclama.

Con todo, non é ningún desatino pensar que algunha das traducións –cando non as dúas– poidan nun futuro, tras un intenso proceso de cribado e corrección de erros e grallas, de modulación das frases, de cambios en determinadas solucións e dun imprescindible traballo de edición, pasar a formar parte do corpus de literatura traducida ao galego, cousa que xa sucedeu no pasado con obras que, malia aspirar a gañar este premio sen conseguilo, atoparon tempo despois acubillo noutras editoriais galegas.

Por outra banda, convén sinalar que, na liña das edicións previas, os membros do xurado e mais o representante da editorial se mostraron de acordo en que, dende un punto de vista xeral, o problema non estaría tanto na competencia e dominio da lingua de partida dos tradutores coma nas dificultades á hora de trasladar con éxito un texto foráneo a un galego correcto, ou polo menos correcto dabondo para acadar un premio.

A editorial convocadora quere facer constar o seu agradecemento aos membros do xurado e aos responsables do Concello de Santiago de Compostela e reiterar, outra volta, o seu recoñecemento aos tradutores que, de forma xenerosa, permitiron a avaliación dos seus traballos. A estes últimos desexámoslles a mellor das sortes profesionais e remitímolos ao documento anexo a esta acta, onde, coa discreción debida e espírito construtivo, facilitamos unha mostra dos erros recorrentes detectados.

 

10 de agosto de 2023,

os membros do Xurado

Recordatorio da convocatoria en curso do Realia

Resta unicamente un mes de prazo para entregar as traducións ao IV Premio Realia de Tradución Literaria. As bases completas atópanse en:

Lembrade que só se admiten novelas e novelas curtas (a extensión mínima é de 100.000 caracteres con espazos). Non procede polo tanto enviar ensaios, nin obras de pedagoxía, nin poemarios, nin compilacións de contos nin pezas de dramaturxia. Lembrade tamén que deben ser obras dun autor ou autora inéditos en lingua galega (en formato papel). Non servirían, xa que logo, propostas de obras de Mark Twain, Jane Austen, Mary Shelley ou Robert Louis Stevenson, por citar só algúns anglófonos. Cómpre ter presente que o texto orixinal deberá pertencer ao dominio público; por norma xeral, no Estado español isto queda restrinxido ás obras de autores falecidos antes do 1 de xaneiro de 1943. Cabe así mesmo recordar que é un requisito achegar, xunto coa tradución, unha copia en dixital ou en papel do texto de referencia na lingua orixinal, ou no seu defecto a ligazón á fonte utilizada, que deberá ser accesible para o xurado.

O prazo de recepción rematará ás 14:00 horas do día 15 de xullo de 2023, de modo que as obras que cheguen con posterioridade deberán acreditar que en orixe foron enviadas dentro do prazo.

Outorgarase un único premio dotado con 1.500 €.

 

* * *

 

O Premio Realia de Tradución Literaria é un galardón de periodicidade bianual, que en anteriores edicións distinguiu as seguintes obras e profesionais da tradución:

Moitas grazas a todos os que amablemente nos confiades os vosos traballos, que sempre analizamos con rigor.

Sorte.

IV edición do Premio Realia de Tradución

A Editorial Hugin e Munin, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, convoca a cuarta edición do Premio Realia de Tradución Literaria, un certame de periodicidade bienal co que recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta. O obxectivo é outorgarlle visibilidade ao traballo dos profesionais da tradución e recoñecelo coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial.

O premio rexerase polas seguintes bases:

1.ª Poderán concorrer ao premio traducións directas ao galego, consonte a normativa vixente, de obras narrativas escritas orixinalmente noutra lingua (agás castelán e portugués), sempre que estean libres de dereitos de autor. Polo tanto, salvo excepcións, deberán ser obras de autoras e autores falecidos antes do 1 de xaneiro de 1943.

2.ª Outorgarase un único premio dotado con 1.500 €, importe ao que se lle practicará a retención pertinente.

3.ª Os traballos deberán ser inéditos e non contaren con ningunha distinción previa. Non se admitirán obras de autores e autoras xa traducidos ao galego.

4.ª A extensión mínima requirida é de 100.000 caracteres con espazos.

5.ª As traducións, ademais de nun ficheiro PDF (contido nunha memoria USB ou en calquera outro soporte informático válido), deberán presentarse en papel, nunha única copia, coas seguintes características: tamaño DIN A4 (marxes superior e inferior: 2,5 cm; marxes esquerda e dereita: 3 cm), fonte Calibri a tamaño 14 e espazo interlinear de 1,5.

Facilitarase ademais unha copia dixital ou en papel do texto orixinal de referencia para a tradución, ou no seu defecto a ligazón á fonte utilizada, que deberá ser accesible para o xurado.

6.ª Acompañarase unha plica na que se fará constar o nome, apelidos, nacionalidade, enderezo, teléfono e correo electrónico do tradutor/a, ademais de incluír un breve currículo no que se indique a formación tanto na lingua de partida coma na lingua meta. No exterior da plica unicamente deben figurar o pseudónimo e o título da obra.

7.ª As traducións deberán remitirse á Rúa do Castro, 9, 3º, 15704 Santiago de Compostela (teléfono de contacto para o transportista: 676010030), indicando no sobre: Premio Realia de Tradución Literaria. As obras participantes deberán ser enviadas por servizo de mensaxaría ou correo postal. A fin de preservar o anonimato, non poderán entregarse persoalmente nin polo tradutor nin por persoa interposta.

8.ª O prazo de recepción rematará ás 14:00 horas do día 15 de xullo de 2023. As obras que cheguen con posterioridade deberán acreditar que en orixe foron enviadas dentro do prazo.

9.ª O xurado estará formado por, cando menos, un representante da editorial Hugin e Munin, un profesional vinculado ao mundo do libro e un lector independente. Valorarase a transcendencia e a calidade da obra e do autor traducidos, así como o feito de cubrir un oco relevante no sistema literario galego, ademais de aspectos como a fidelidade ao texto orixinal, a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións, sempre tendo como referencia as fontes académicas.

10.ª O traballo premiado será publicado pola Editorial Hugin e Munin nalgunha das súas coleccións, tras ser adaptado aos seus criterios editoriais e ser sometido a unha corrección profesional. A versión galega da obra terá unha licenza Creative Commons de Recoñecemento-Non-Comercial-Obras-Non-Derivadas 3.0 ou superior.

11.ª O xurado poderá declarar deserto o premio.

12.ª O ditame do xurado será inapelable.

13.ª A non ser que o volume de obras recibidas obrigue a adiar a data, o ditame anunciarase antes do 1 de setembro de 2023.

14.ª Os traballos que non se premien non serán devoltos e serán destruídos.

15.ª O feito de participar neste certame implica a total aceptación e conformidade con estas bases.

17 de abril de 2023
Santiago de Compostela

 

Descargar as bases en PDF

Vencellos co universo de Thomas Wolfe

Para situar e apreciar a novela curta O neno perdido (publicada nunha versión breve en 1937; como versión ampliada e integrada nunha compilación de relatos en 1941; e como versión integral, fixada e ratificada no ámbito académico, en 1992), unha das claves é o seu marco espazo-temporal: a América en construción de comezos do século XX; como ano de referencia, baste citar 1904, o da Exposición Universal de St. Louis, que xoga un papel moi relevante na peza.

No catálogo de Hugin e Munin, ese marco supón unha novidade. Outras obras de noso abordan os cambios sociais dos Estados Unidos de América, tanto antes coma despois, pero non nese momento histórico específico. Dúas son as novelas que anteceden e, con todo, comparten puntos en común con O neno perdido:

  • A vida na fundición (1861; trad. Alejandro Tobar, 2020), de Rebbeca Harding Davis, novela que describe a dura realidade industrial do país e rompe co mito fundacional estadounidense.
  • Unha muller perdida (1923; trad. Antía Veres, 2018), de Willa Cather (distinguida en 2019 co Premio Plácido Castro de Tradución). Comparte con O neno perdido o ton nostálxico e evocador, pero centra o tiro no gran desenvolvemento do Vello Oeste americano, co obxecto de transmitir a decadencia dun estilo de vida refinado que esmorecía de forma inexorable.

Entre os contemporáneos de Wolfe que o enxalzaron, paga a pena citar a William Faulkner, quen aseverou que «[Thomas Wolfe] foi o mellor da súa xeración […] un dos imprescindibles da narrativa estadounidense moderna». Tamén a Jack Kerouac, moitas veces cualificado como «wolfiano», cousa que a el lle encantaba. De feito, na década de 1950 ocupouse de reivindicar a Wolfe, como tamén o farían Charles Bukowski ou Philip Roth, malia que como escritores estaban moi afastados del. De todos estes, hai narracións interesantes que é posible ler en galego e que aproveitamos para recomendar:

  • Faulkner, William. O ruído e a furia (1929; trad. Xurxo Borrazás, Galaxia, 2007). Col. “Clásicos Universais”.
  • Kerouac, Jack. Na estrada (1957; trad. Xesús Fraga, Faktoría K, 2020). Xeración beat.
  • Bukowski, Charles. Pan con xamón (1982; trad. Eva Almazán, Faktoría K, 2009) e Servizo de Correos (1971; trad. A. Tobar, 2011).
  • Roth, Philip. Pastoral americana (1997; trad. Fernando Moreiras, Faktoría K, 2013).

Por último, cómpre mencionar as semellanzas entre o mundo literario de Thomas Wolfe e o do seu contemporáneo e amigo Sherwood Anderson. A novela que este autor publica en 1919 baixo o título Winesburg, Ohio anticipa o universo de toda a obra de Thomas Wolfe e, especialmente, o da súa primeira novela, Look Homeward, Angel (1929): a recreación dunha vila do Medio Oeste estadounidense, o retrato dos seus habitantes e das súas vidas rutineiras, a inexorable soidade do individuo, o paso do tempo, a incerteza do futuro, o devezo por prosperar, a emigración interior…

Igualmente, ambas as dúas fundan para a ficción un lugar que se mira no espello das vilas de infancia dos seus autores: Winesburg é a réplica literaria de Clyde (Ohio); Altamont, a da Asheville natal de Wolfe, en Carolina do Norte. (O mesmo fará Faulkner neses anos co condado de Yoknapatawpha, emulación de Lafayette County, en Mississippi).

Amais dese espazo da ficción, o que nos atrevemos a dicir que emparenta Winesburg, Ohio con O neno perdido é a súa estrutura fragmentaria. As dúas obras son coma un mecano, un xogo de construción literaria que o lector vai amañando a medida que vai lendo. A de Anderson, composta por vinte e un contos vencellados por un mesmo escenario e por personaxes que entran e saen –especialmente un aglutinador, o xornalista novo George Willard–, motivo polo que boa parte da crítica a considera unha novela. A de Wolfe, catro partes ou actos executados con voces narrativas e puntos de vista diferentes. Ambas as dúas evocativas, un xarope para reflexionar sobre a soidade e o tempo; ambas as dúas coa vontade compartida de remarcar a debilidade e o patetismo humanos. A primeira, enigmática e contida; a segunda, un trebón lírico.

Wolfe considerábase discípulo de Anderson, de quen dixo que «foi o único home que me aprendeu algo en América». Nunha carta que lle escribiu en 1937, confiáballe: «Coido que es un dos escritores máis relevantes deste século, que abriches un suco profundo na terra estadounidense, que nos revelaches outra beleza que sabiamos que estaba alí pero da que ninguén máis falara. Penso en ti con Whitman e Twain, é dicir, con homes que viron os Estados Unidos de América coa visión dun poeta e cunha visión poética da vida, que na miña opinión é a única forma en que finalmente se pode ver».

De momento, de Winesburg, Ohio non existe tradución á nosa lingua, mais deste mesmo autor si é posible gozar da tradución galega de O triunfo do ovo (1921; trad. Celia Recarey e Carlos Valdés, Irmás Cartoné, 2015).

Reimpresión de Kallocaína

Esgotada a primeira edición, acabamos de reimprimir Kallocaína, a soada novela de ciencia ficción escrita pola sueca Karin Boye. Publicarámola en galego a comezos de 2015, na tradución de Marta Dahlgren, e ao ano seguinte foi distinguida co Premio Plácido Castro de Tradución.

Tanto a nivel temporal como a nivel temático, esta distopía parece moverse entremedias de Un espléndido mundo novo, de Aldous Huxley, e 1984, de George Orwell, na medida na que presenta un mundo de cidadáns soldado ao servizo do opresor e todopoderoso Estado Mundial e achega, entre outros elementos de interese, un soro inxectable, a kallocaína, capaz de garantir a estabilidade mundial en detrimento da autonomía do individuo.

Da tradución e mais da tradutora, o xurado do Premio Plácido Castro destacou na acta «o rigor e a viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución», así como o feito de se tratar «dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras».

Convidamos polo tanto á lectura deste «alegato contra o totalitarismo e o control social en clave de ciencia ficción», pois así é que como se describiu unha das obras capitais da ciencia ficción sueca nun artigo de prensa en Nós Diario, daquela Sermos Galiza.

Boas lecturas.

Reimpresión de Jude o escuro

Aínda que por contagotas, ao cabo esgotamos a primeira edición de Jude o escuro, unha das novelas máis célebres e logradas de Thomas Hardy, en tradución directa dende o inglés a cargo de María Fe González, responsable así mesmo doutros títulos que temos vivos no catálogo: Maria, de Mary Wollstonecraft, e Oroonoko, de Aphra Behn.

A de Hardy é unha novela tan extensa (na lingua de chegada, supera os 750.000 caracteres) coma interesante. Por iso, cando apenas restaban uns poucos exemplares sen vender, mandamos imprimir unha cativa segunda tiraxe, que xa está en circulación. De modo que queremos renovar o convite a que os lectores e lectoras anglófilos aborden, sexa por vez primeira ou como relectura, este clásico universal profundamente conmovedor.

Cabe lembrar que a tradución galega de María Fe González fora distinguida no seu momento co Premio Fervenzas Literarias de Tradución e fora así mesmo unha das catro finalistas do Premio AELG de Tradución.

Boas lecturas.

Reimpresión de O caranguexeiro

Hai un ano, en xullo de 2020, publicamos O caranguexeiro, a novela máis sobranceira de Takiji Kobayashi (Ōdate, 1903-Toquio, 1933). Da tradución directa do xaponés encargouse Gabriel Álvarez Martínez, responsable tamén de que neste tempo se incorporasen ao corpus galego de literatura traducida outras dúas obras de relevo: Unha noite no tren da vía láctea, de Kenji Miyazawa, publicada por Aira Editorial, e O ganso salvaxe, de Mori Ōgai, que editaron recentemente as Irmás Cartoné.

A obra de Kobayashi é un referente da literatura proletaria marxista nipoa que cabe trasladar a case calquera contexto de abuso e precariedade laboral, de aí o interese para lectores e lectoras de todo o mundo (foi traducida a decenas de linguas). De modo que é, cremos, unha moi boa nova que conseguise a chegar á reimpresión.

A crítica destacou da edición galega aspectos tales como que «o talento de Kobayashi, que se pode captar grazas á xenial tradución de Gabriel Álvarez, fai que non teñamos a sensación de ler un panfleto de ideas proletarias senón unha gran novela sobre as verdades e miserias da humanidade» ou que «a reaparición de O Caranguexeiro supón unha lembranza daquel primeiro movemento literario que estivo animado pola revolución de outubro. Pero tamén se integra a un debate contemporáneo sobre o falso poder liberador da exposición da violencia e o medo».

Co gallo desta modesta reimpresión de O caranguexeiro, aproveitamos para renovar o convite ao lectorado en galego para abordar esta interesante historia centrada no maltrato da clase traballadora.

Novidades de abril de 2021

Con abril ás portas, publicamos dúas novidades na colección Principal, as correspondentes ao segundo trimestre de 2021. Nesta ocasión trátase dunha obra clásica da literatura francesa, Gobseck (PVP 13 €; traducida do francés por Isabel Soto), novela curta que forma parte da monumental La Comédie humaine de Honoré de Balzac, onde o autor afonda na figura do usureiro Gobseck, prototipo do avaro, así como no turbulento pasado doutra serie de senlleiros personaxes; e, doutra banda, O esmoleiro (14,50 €; traducida do grego por Alfonso Blanco), unha referencia ineludible da narrativa escrita en neogrego e a mostra máis sobranceira da tendencia naturalista de Andreas Karkavitsas.

Esta mesma semana enviaremos os paquetes aos domicilios das persoas subscritoras e comezaremos, coma decote, a distribución comercial nas librarías. Quen estea en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e grazas. Velaquí a información coas distintas modalidades de abonamento.

Micromegas, a primeira das reimpresións do outono

O pasado agosto informabamos de 3 novas impresións. Dende aquela, dado que o stock de até unha ducia de títulos andaba bastante baixo, principiamos a revisión dalgúns textos co propósito de reimprimilos.

Dende hoxe temos connosco máis exemplares de Micromegas, de Voltaire, un curioso opúsculo precursor da ciencia ficción que traducira Marie Abraira. Fora, por certo, o libro co que iniciaramos a colección “Vólvense os paxaros contra as escopetas” aló polo mes de abril de 2014.

Valla lembrar un extracto do paratexto da contracuberta para pór en contexto a obra:

Comezando polo título, o autor analiza o relativismo das proporcións e deita a idea de que cada ser do universo non é máis ca unha tensión entre o pequeno e o grande. Así, Micromegas é un sabio de espírito crítico movido por unha insaciable curiosidade e pola ambición de comprender de maneira xusta e lúcida a vida. Voltaire agóchase tras o seu personaxe para ciscar as súas críticas contra a relixión e os sistemas social, moral e filosófico, sen esquecer o aspecto científico propio dos enciclopedistas.

Ao noso entender, a breve extensión desta obra e o seu cariz lúdico fan que sexa un excelente punto de partida para se achegar á obra do xenial Voltaire, de quen en galego están dispoñibles así mesmo estoutros títulos:

  • Cándido ou o optimismo (Edicións Xerais de Galicia, 1999; trad. Henrique Harguindey)
  • Tratado de metafísica (USC, 2002)
  • Exame importante de lord Bolingbroke ou a Tumba do fanatismo (Edicións Laiovento, 2005; trad. Alberte Allegue Leira)
  • O mundo conforme el vai e O touro albo (BIVIR; trad. Paulo R. Ballesteros)
  • Os dous consolados (Danú, 2009)

Boas lecturas.