Reimpresións de agosto

Cando levanten as brétemas, a novela de Josip Mlakić que traduciu ao galego Jairo Dorado Cadilla e que publicamos en decembro de 2015, chegou hai uns días a unha terceira impresión. Por iso, moitas grazas a quen, dunha ou doutra maneira, axudou a que a obra, un cru relato da Guerra de Bosnia, funcionase entre o lectorado galego.

Tamén estes días mandamos imprimir máis exemplares de O derradeiro verán, de Ricarda Huch, novela curta que traduciu Rosa Marta Gómez Pato, moi recomendable para aqueles que gozan coa literatura epistolar e/ou coa forma de vida da alta burguesía rusa a comezos do século XX.

Nestes momentos, está no prelo a 3ª impresión de Pescador de Islandia, de Pierre Loti, un auténtico clásico da literatura francesa de finais do XIX, que segue a funcionar seis anos despois da súa saída en galego. O seu tradutor foi Xavier Senín. Coidamos que se cadra a razón polo que esta obra gusta e vende correctamente (non estaba necesariamente chamada a facelo) estea nas súas pasaxes da vida mariñeira de antano, que recordan á Galicia que foi.

Hai ademais outro par de obras que, revisadas, moi pronto mandaremos á imprenta para unha segunda edición. Talvez mesmo con novas cubertas, como no seu momento fixemos con Angel Esquire, de Edgar Wallace.

E, por suposto, en pouco máis dun mes sacaremos dúas novidades na colección principal (poida que tamén algo na colección paralela, “Vólvense os paxaros contra as escopetas”).

Boas lecturas.

 

 

Serán estes os días do porvir?

Basta unha busca por temática no noso catálogo para comprobar que a ciencia ficción nos interesa moito e que ocupa un lugar sobranceiro, tanto cualitativa como cuantitativamente. Non só a producida orixinalmente en lingua inglesa, tamén a rusa, a francesa ou a sueca. Con todo e iso, os nomes máis coñecidos si son probablemente os dos escritores estadounidenses e británicos, e dentro destes últimos o caso de de H. G. Wells conta cun nivel de celebridade comparable ao de moi poucos. Trátase dun autor cunhas cantas obras traducidas xa ao galego (entre outras, A illa do doutor Moreau, A guerra dos mundos ou Kipps). Nós optamos por traer, en tradución dende o inglés de Alejandro Tobar, unha das súas obras que se cadra é menos coñecida e que non obstante aborda temas de absoluta vixencia e que, ao noso entender, non está nada mal construída. Falamos de Dos días do porvir, publicada en galego en abril de 2018.

Na distópica cidade de Londres do século XXII, a poboación padece graves problemas derivados dunha urbanización excesiva, de tal maneira que algúns, como a parella de mozos protagonistas, Elizabeth e Denton, renegan do estilo de vida urbano e do progreso tecnolóxico e avogan por unha volta ao rural, entre anhelos dun tempo pasado e presumiblemente mellor, ou máis humanista; en concreto, a súa nostalxia é pola época vitoriana (curiosamente, outro pope da ciencia ficción, Isaac Asimov, escribía o seguinte na súa novela As covas de aceiro: «A meirande parte dos terrícolas eran medievalistas, dunha ou doutra maneira. Era doado selo se se entendía como unha lembranza nostálxica da época na que a Terra era o mundo»). En gran medida, ese medievalismo que amentaba Asimov atopa o seu igual no vitorianismo dos futuros londinienses que suxire Wells, cando menos como contrapunto a unha metrópole un tanto hostil de rañaceos e vidas especialmente efémeras.

Outro das cuestións de interese é a permanencia dun férreo sistema de clases; neste sentido, como se indica no texto da contracapa para a nosa edición, «resulta recoñecible a división en estratos dunha sociedade alicerzada sobre criterios mercantilistas, coa omnipresente mercadotecnia e os rendementos do capital como valores supremos». E non é menos curiosa a forma de presentar os usos agrarios e industriais, a creación de grandes zonas de habitación colectiva á maneira dos condominios, o abandono do medio rural, cun éxodo cara ás catro grandes futuras cidades inglesas entre as que non hai senón páramos desertos conectados por vías de alta, ou altísima, velocidade.

Cabe sinalar por último que Wells non escatima á hora de describir obxectos, útiles e ambientes dese futuro aceirado e fortemente mecanizado. Sen ir máis lonxe, párase a explicar como funciona o tráfico ou que aspecto presetan os predios, a cúpula ou «as rodas de ventilación dos teitos urbanos», que foi o motivo que a nós nos serviu para idear a cuberta.

Velaí queda, por tanto, unha recomendación de lectura.

 

Obras desapercibidas, de momento

Existen multitude de razóns para que unha novela de calidade non reciba a atención que se lle presupón e que talvez mereza. Velaí algúns exemplos extraídos do noso catálogo, catro títulos que -até o de agora- correron peor sorte da que lles agoirabamos:

    • O castelo dos CárpatosO castelo dos Cárpatos, de Jules Verne (traducida do francés por Alejandro Tobar). Foi o noso 16º título, publicado en outubro de 2013. Esta peculiar obra dentro da ampla produción novelística de Verne foi, a canda A irmandade da uva, do italo-estadounidense John Fante (traducida por Adrián Estévez), a primeira -e das escasísimas- que contaron cun deseño de cuberta encargado a profesionais externos. A icona da frontal, un suxestivo foxo coa árbore de tres pólas no centro e unha incendiaria cor laranxa, foi obra do vigués Álex Mene. Quedamos moi satisfeitos tanto con ese deseño como coa obra en si, pero aínda hoxe, preto de sete anos máis tarde, segue sen dar esgotado a primeira edición, cunha vendas inferiores aos 200 exemplares. Parécenos unha mágoa, a teor de que se trata dun magnífico exemplo de literatura gañada; como novela de fronteira que é, permite unha lectura adulta e asemade outra de corte máis xuvenil. Se cadra un dos motivos polos que non conseguiu engalar foi que, xa inmersos no proceso de tradución (2012), Urco editora publicou a obra en tradución de Ana Iglesias. Por fortuna, dende aquela non houbo máis solapamentos con traducións simultáneas por parte doutras editoriais, quizais porque dende 2013 a nosa comunicación con outras empresas galegas de tradución mudou cara a máis fluída e enriquecedora.
    • A obraA obra, de Bruno Sperani (pseudónimo de Beatrice Speraz), en tradución dende o italiano de Isabel Soto. Esta publicación forma parte do noso plan para escolmar e recuperar grandes obras de autoras italianas de finais do XIX e comezos do XX que hoxe parecen caídas -cando menos en termos relativos- no esquecemento, mesmo para o lectorado italiano. De feito, novelas coma esta da lombarda Bruno Sperani, publicada en galego en outubro de 2018, permanecen inéditas (ou permanecían cando nós as publicamos) nas restante linguas ibéricas. Talvez o feito de ser un título e unha autora que moi poucos coñecen influíse na pobre recepción que obtivo nun sistema literario coma o galego. Vallan pois estas poucas liñas como reivindicación dunha estupenda novela de aires socialistas e proletarios.
    • A honra e os cartosMorrerei outro díaA honra e os cartos e Morrerei outro día, de Konstantinos Theotokis e Isabelle Alonso respectivamente (traducidas a primeira do grego, por Alfonso Blanco, e a segunda do francés, por Xabier Ron e Isabel Soto). Aínda está por ver se realmente estas dúas novelas fican na bandexa de ‘obras desapercibidas’. En todo caso, é innegable que naceron nun momento complicado: o seu lanzamento cadrou coa covid-19, xa que logo tamén coa incerteza xeral, o peche das librarías, o atraso forzoso no calendario de envíos aos subscritores e a imposibilidade de lles concedermos o trimestre de promoción prioritaria que adoitan ter as nosas publicacións. Veremos como decorre o que resta de 2020, se hai repuntas, se o coronavirus afrouxa, se son precisos novos confinamentos e, dentro do noso calendario de edición, cal é a mellor maneira de encaixar este par de boas obras na cola de produción pendente (algunha idea xa temos, sempre e cando en outubro se poida celebrar a SELIC).

Animámosvos a ler calquera destas catro obras. E, se está na vosa man, a que vos subscribades. Como salientamos seguido por escrito e de palabra, é o compromiso dos subscritores e subscritoras o que nos permite negociar a merca de obras con dereitos, a encarga de traducións e, en definitiva, editar como o facemos, que sexa rendible e poder subsistir e medrar sen ningunha clase de dependencia da Administración.

Boas lecturas!

Propostas de lectura para o Día do Libro 2020

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación publicaba este chío hai unhas horas.
De modo que aí queda a nosa contribución con propostas de lectura neste descafeinado Día do Libro:
  • A ansia de coello. Ramona Bădescu (Tambre, 2017; trad. Isabel Soto; ilustr. Delphine Duran)
  • As aventuras de Tintín: A illa negra, Hergé (Ed. Juventud, 1984; trad. Valentín Arias)
  • Era dúas veces o barón Lamberto, Gianni Rodari (Kalandraka, 2020; trad. Isabel Soto; ilustr. Javier Zabala)
  • Onde viven os monstros, Maurice Sendak (Kalandraka, 2000; trad. Xosé Manuel González)
  • A Illa do Tesouro, Robert Louis Stevenson (Xerais, 2003; trad. Xavier Alcalá; ilustr. Federico Fdez. Alonso)
  • O proceso, Franz Kafa (Sotelo Blanco,2003; trad. Luís Fernández Rodríguez)
  • O retorno, Bernhard Schlink (Galaxia, 2007; trad. Patricia Buxán)
  • Morrerei outro día, Isabelle Alonso (Hugin e Munin, 2020; trad. Xabier Ron e Isabel Soto)
  • A traba, Mary Cholmondeley (Hugin e Munin, 2017; trad. Matthias Louwen e Sabela Tobar)
  • Novela de xadrez, Stefan Zweig (Irmás Cartoné, 2018; trad. Patricia Buxán e Saleta Fernández)
  •  De libros e viaxes. Dous contos franceses, Gustave Flaubert [“Bibliomanía”] e Guy de Maupassant [“De viaxe”] (Novelúa, 2019; ed. non venal; trad. Xavier Senín)
Boas lecturas e moitos azos.

Oito consultas ao Seminario de Lexicografía (II)

Entre setembro de 2015 e decembro de 2019 trasladámoslle á Real Academia Galega ducias de consultas de toda índole a través, principalmente, do Seminario de Lexicografía. As dúbidas recollidas na anterior entrada están dispoñibles aquí.

A continuación, as oito da segunda fornada:

  • 1. Como é en galego: cinesioloxía ou quinesioloxía?

No Dicionario non figura esta forma, pero si o prefixo cinema- e voces coa mesma raíz, como “cinética” ou “cinemática”, polo que parece adecuada a opción “cinesioloxía”.

  • 2. Sestina? Sextupla? No ámbito da música, como se di en galego o que en castelán se denonima ‘seisillo’?

A forma proposta polo servizo de Termigal é “sestina”.

  • 3. Parece que falta a voz crampón, en referencia ás pezas para as botas de alta montaña que se caracterizan por adherir cravos ás solas.

Non está recollida, polo momento, no Dicionario, pero a forma validada pola comisión de Termigal para denominar este tipo de sola é “grampón”.

  • 4. Como é preferible escribir as horas? Cun punto intermedio (.) ou con dous puntos (:)? 17.30 ou 17:30?

Como se recolle no libro Ortografía da lingua galega de Begoña González, calquera das dúas grafías é correcta. Ben cos dous puntos ou cun punto, pero nunca unha coma.

  • 5. Non faltaría ‘morte morrida’ entre os usos da entrada morte? Ou trátase acaso dun lusismo?

A expresión “morte morrida” non a atopamos en ningunha das obras lexicográficas consultadas e ten unha presenza moi escasa nas bases de datos léxicas. Pode tratarse dun lusismo.

  • 6. Como antítese da utopía (nun contexto de ciencia ficción), cal das formas está referenciada en galego: distopía, antiutopía, anti-utopía ou cacotopía?

Consideramos que calquera dos prefixos empregados (dis-, anti-, caco-) achegan o significado de anomalía, alteración, deformidade e poden formar unha nova palabra que teña como base “utopía” axustándose ás regras de formación de palabras propias do galego. Polo tanto “distopía, antiutopía, cacotopía” poderían ser válidas nese contexto.

[O intercambio de correos data de marzo de 2018. Dende maio de 2019, o termo ten a súa propia entrada no dicionario; na primeira acepción: distopía (subst. fem.). Mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo. Ex.: Mentres que unha utopía é unha sociedade ideal, unha distopía é unha sociedade indesexable.]

  • 7. Cal é a forma máis correcta, “de arriba abaixo” ou “de arriba a abaixo”?

Segundo se di na páx. 614 da Gramática da lingua galega de Rosario Álvarez e Xosé Xove: “Estes adverbios cando expresan localización en ou dirección a escusan a presenza desas preposicións (…). En moitas destas formas houbo un proceso de aglutinación total ou parcial de preposición coa base (…).” Polo tanto, pódese omitir a preposición “a”.

  • 8. A posición do xogador de rugby que se coñece como prop (EN), pilar (ES, CA), pilier (FR), pilone (IT), como sería en galego?

Pensamos que as palabras ‘piar’ ou ‘puntal’ poderían ser unha tradución axeitada para o termo inglés ‘prop’.

Oito consultas ao Seminario de Lexicografía (I)

Entre setembro de 2015 e decembro de 2019 trasladámoslle á Real Academia Galega ducias de consultas de toda índole a través, principalmente, do Seminario de Lexicografía. De forma periódica, iremos publicando unha parte delas; non necesariamente as máis arrevesadas.

A continuación, as oito da primeira fornada:

  • 1. Que nome recibe o estreito marítimo que separa Gran Bretaña do norte de Francia á altura de, por exemplo, Dover e Calais?

Como criterio xeral, os nomes de lugar non se traducen, senón que se adaptan ou, de maneira cada vez máis usual, seguindo os criterios do Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos das Nacións Unidas, mantense o nome xeográfico na forma orixinal. Neste caso, tanto o portugués, coma o español, e tamén o galego, adaptaron o nome francés “Manche” como “Mancha”, seguindo os patróns habituais de adaptación das palabras procedentes do francés: “canal da Manga” suporía unha tradución. Recoméndase, por tanto, canal da Mancha, e non canal da Manga.

  • 2. Martín Sarmiento ou Martiño Sarmiento?

No caso dos nomes propios de persoa, respéctase o orixinal ou a opción tomada por cadaquén e, no caso que nos consulta, o adoptado polo frade bieito foi Martín Sarmiento, e como tal aparece xa documentado nos seus anos de formación.

  • 3. Cal é a forma correcta en galego para a divisa israelí: shekel, shequel, sheqel, xéquel, xequel?

Non hai, polo momento, unha forma fixada pola normativa para denominar a moeda de Israel, aínda que aparece recollida nalgunhas obras de consulta. Por exemplo, na obra Ortografía da lingua galega de Begoña González Rei, a opción incluída é “shekel”, solución harmónica coa que adoptan outras linguas próximas.

  • 4. É correcto ‘petaca’ (para o licor)? No superdicionario de Morgante figura como forma correcta. Entendemos que licoreira, recollido no DRAG, non é o mesmo.

Efectivamente, o significado de “licoreira” é outro. Algunhas obras de consulta recollen “petaca” como válido e hai numerosos exemplos de uso en obras escritas, pero trátase dunha forma sobre a que a normativa non se pronunciou polo momento. Terase en conta a súa cuestión e propoñerase para que a valore a comisión correspondente.

[O intercambio de correos data de agosto de 2016. A día de hoxe, a palabra petaca non figura no DRAG.]

  • 5. Na acepción 4ª de tiro [sinónimo de disparar], o exemplo di ‘recibir’ un tiro. A pregunta é: pegar un tiro, dar un tiro…? Que verbo se empregaría? É pronominal?

Comprobando exemplos de uso, vemos que, ademais de “disparar”, tamén son usuais con ese significado verbos como “tirar” ou “descargar” e tamén outros asociados á idea de ‘golpear’ como “meter”, “botar”, “pegar”, “espetar”, “zorregar”, “mandar”, “mangar” etc. Calquera deles pode asumir ese significado e a súa aparición depende da elección do usuario tendo en conta o contexto de utilización e o rexistro. Con excepción de “disparar”, os demais necesitarían levar como complemento directo “un tiro”, polo que non se poderían utilizar como pronominais (exemplos como “*Disparouse un tiro” son incorrectos). No caso de “disparar” si se poderían dar usos pronominais (“A escopeta disparouse accidentalmente”).

  • 6. No DRAG figura ‘represalia’, pero non represaliar, un verbo que ao noso parecer podía engadirse en futuras revisións.

Terase en conta a súa suxestión e trasladaráselle á comisión correspondente para que a valore.

[O intercambio de correos data de decembro de 2016. A día de hoxe, represaliar ten a súa propia entrada no dicionario: represaliar (v. trans.). Exercer represalia. Ex.: Represaliárono polo seu apoio aos xudeus.]

  • 7. Cal sería o xentilicio para os naturais de Auvernia? Sería auverno ou arverno (consonte a forma en latín)?

Non contamos cunha forma fixada para este xentilicio, pero o que aparece recollido nalgunhas obras de consulta e en exemplos das bases de datos é “auvernés”. A forma “arverno” aparece especializada para o antigo pobo galo.

  • 8. Excluente ou excluínte? Sexa cal for a palabra, non aparece recollida no DRAG, e talvez debería (pois non é o mesmo que exclusivo). A pregunta concreta é: seguiría a lóxica para influente, entrada para a cal o dicionario achega a seguinte observación: “Nótese que é unha formación irregular a partir de influír”, e polo tanto cómpre falar de excluente o non excluínte?

A forma culta, tomada do latín, é “excluente”, que seguiría o indicado no punto 9.3 das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Non obstante, existe tamén unha forma con “i”, “excluínte”, que seguiría o modelo xeral de formación destes adxectivos verbais. Así pois, contariamos coa dobre posibilidade, se ben parece que a primeira delas debe ser a preferente.

Nova web de Hugin e Munin

Benvida á nova web

Prezados lectores e lectoras:

Dámosvos a benvida á renovada páxina web de Hugin e Munin. Despois de nove proveitosos anos de aloxamento nun dominio .com, decidimos que chegara o momento de acometer unha serie de melloras, entre elas a mudanza ao .gal. Pouco e pouco, ímonos achegando aos 100 títulos publicados, polo que entedemos que era, se non imprescindible, moi conveniente dotar de máis e mellores ferramentas a nosa casa virtual.

Velaí algunhas das funcionalidades que implementamos:

  • As fichas de cada libro son agora ben máis completas. Visualmente máis atractivos, os novos modelos incorporan canda as sinopses un perfil de cada autor ou autora (o mesmo texto que inserimos nunha das lapelas das obras físicas). De igual maneira, optamos por incluír un brevísimo extracto (de apenas 3 ou 4 páxinas) co inicio de cada libro, e concedémoslle por último un espazo diferenciado ás recensións e aos artigos que xera cada novidade.
  • A procura no catálogo permite múltiples opcións, como a busca por temática, por lingua de partida ou por século de publicación orixinal.
  • Sumamos un novo espazo, o blog, dende onde pretendemos artellar do xeito máis diáfano posible os escritos, documentación e novas que ao longo destes anos fomos publicando ben como notas no perfil de Facebook ou ben como entradas soltas aloxadas no noso servidor para de aí divulgalas nas redes sociais. Este novo espazo funcionará, xa que logo, como un catalizador da información relativa á tradución literaria.
  • A actual pasarela de compra en liña é máis sinxela. A merca deixa de ser exclusiva a través de Paypal e pasamos a ofrecer outras modalidades.
  • Modificamos o deseño do catálogo dispoñible para descarga. Fixémolo consonte un criterio minimalista; o que antes eran máis de 80 páxinas -un PDF de 30 megas-, agora son só 4, aproveitadas ao máximo -e o ficheiro pesa menos de 1 mega-.
  • Incluímos, ao final da páxina de Inicio, a posibilidade de subscribirse ao boletín de novas, útil para aquelas persoas que desexen estar informadas das novidades relacionadas coa editorial. Neste sentido, como até o de agora, procuraremos que a comunicación sexa fluída pero nunca abusiva.
  • Como diciamos ao comezo desta entrada, Huginemunin.com deixa de ser a URL principal e convértese nunha redirección cara a Huginemunin.gal.

A vella web (deseñada por Karen G. Skov e mais por Adrián Moreno) cumpriu con nota a súa función, e até o derradeiro momento. De feito, en multitude de aspectos a nova páxina non fai senón ampliar as capacidades dunha armazón preexistente. Por todo isto, moitas grazas tanto aos artífices da vella web como ao moi competente equipo de Pumpún Dixital que dende Vigo xestionou e asina o feitío da nova, huginemunin.gal.

 

Se Hugin e Munin avanza, é grazas, sobre todo, a quen nos apoiades pola vía da subscrición.

Boa navegación, boas lecturas e, se está na vosa man facelo, subscribídevos.

Balance do ano editorial 2019

No tránsito cara a 2019
A finais de decembro de 2018, Hugin e Munin acolleu no seu catálogo dúas novas novelas. A peste, de Albert Camus, de cuxa tradución dende o francés se ocupou o tándem formado por Isabel Soto e Xavier Senín, veu cubrir un oco importante no corpus de literatura traducida do século XX, e para nós supón un verdadeiro orgullo contar cunha obra tan prestixiosa e de tanta vixencia no catálogo. Dende o sueco e da man de Marta Dahlgren, chegou Apropiación indebida: unha novela sobre o amor, de Lena Andersson, publicada orixinalmente en 2013. Tras triunfar entre o lectorado e a crítica suecos e ser traducida a un importante número de linguas, integrámola no mercado do libro en galego.


11 novos títulos en 2019

Primeira metade do ano
Na seguinte remesa, a de abril, chegaron, por unha banda, unha novela epistolar da alemá Ricarda Huch, O derradeiro verán, que se suma a outros títulos traducidos para nós pola mesma tradutora, a xermanista Rosa Marta Gómez Pato, como A impaciencia do corazón de Stefan Zweig ou A señorita Else de Arthur Schnitzler; e, pola outra, O longo adeus de Raymond Chandler, en tradución de Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar. A novela de Chandler sen dúbida forma parella con outra peza clave do xénero negro, Colleita vermella, de Dashiell Hammett, que incorporaramos ao catálogo en 2016. Chandler e Hammett da man: aí é nada.

Transcorrido outro trimestre, chegoulles a quenda a dúas obras da literatura francesa que foron parar á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas»: a peculiar e moi breve Ourika, de Claire de Duras, nunca antes traducida a ningunha lingua peninsular e que xa está en galego grazas ao traballo de Xavier Senín, e A morte da Terra, de J.-H. Rosny o maior, obra pioneira da ciencia ficción gala, traducida por Isabel Soto.

En paralelo, na colección principal orientada ás persoas subscritoras, sacamos dúas novelas breves: A virtude de Checchina, de Matilde Serao, e mais O veo alzado, da inglesa George Eliot (Mary Ann Evans). Dito sexa de paso, a aqueles que gocen coa lectura de A virtude de Checchina recomendámoslles que lle finquen o dente tamén a outra obra italiana que publicamos en 2014: Un matrimonio provinciano, da Marquesa Colombi. E a quen se deleiten co terror vitoriano e cos fenómenos paranormais de O veo alzado, que proben a ler A casa e o cerebro, de Edward Bulwer-Lytton (autor moi estimado por, entre outros, Jimmy Page, guitarrista de Led Zeppelin), publicada en 2016.

Segunda metade do ano
Na segunda metade de 2019 houbo un feito notable no que atangue ao noso repositorio de linguas de partida: publicamos por vez primeira unha obra traducida dende o aranés (grazas ao traballo rigoroso de Xabier Ron), Morte en Arán, da escritora Tòni Escala, e mais outra dende o dinamarqués, O párroco de Vejlby (traducida e anotada por Alejandro Tobar), de Steen Steensen Blicher. De tal modo que xa van aló quince idiomas dende os que polo momento fomos capaces de incorporar literatura universal ao galego: éuscaro, croata, ruso, alemán, grego… Con todo, a primacía seguen a tela, a moita distancia, as novelas traídas do inglés (28 obras no catálogo) e do francés (23).

En outubro, publicamos unha obra bastante extensa e moi ben escrita dun autor que, mediado o século XX, chegou a ser un dos máis vendidos en todo o mundo: W. Somerset Maugham, persoeiro inglés cun convulso mundo interior e unha prolífica obra. O sempre competente Alfonso Blanco ocupouse da tradución de A lúa e seis peniques, unha novela que lles ha gustar aos amantes da pintura e da polémica, pois o seu protagonista, Charles Strickland, é unha versión literaria do francés Paul Gauguin. Quen estea interesado nesa temática pictórica, que saiba que en 2015 publicamos a novela de Octave Mirbeau No ceo, cuxo protagonista, Lucien, estaba inspirado en Van Gogh.

E a escasos días para que remate 2019 chegaron do prelo e puxemos en circulación dúas novas novelas: As confesións dunha filla do século, de Donna Paola, interesante obra epistolar de comezos do XX, nunca antes traducida a ningunha lingua, que trouxo do italiano para o galego Isabel Soto; e canda ela unha obra capital das letras suecas: A xente de Hemsö, do célebre August Strindberg, un conmovedor fresco cuxa acción se desenvolve no arquipélago de Estocolmo. Cremos que paga moito a pena e recomendámola vivamente.

II Premio Realia de Tradución Literaria
O Premio Realia de Tradución, que puxemos en marcha a finais de 2016 e que xestionamos en colaboración co Concello de Santiago, quedou deserto na súa segunda edición. A acta do xurado reflicte parte dos motivos, e no seu momento achegamos información a maiores que é posible consultar na rede. Aproveitamos a ocasión para convidar a todos os tradutores e tradutoras a que vaiades ultimando as vosas propostas a fin de presentalas á terceira edición do Realia, cuxa convocatoria abriremos a finais de 2020. Veremos logo quen colle o relevo de Antía Veres, gañadora en 2017 con Detrás da máscara de Louisa May Alcott, tradutora a quen este ano volveron distinguir co Premio Plácido Castro por unha tradución que lle encargaramos nós e que saíu publicada en 2018, Unha muller perdida, da norteamericana Willa Cather.


Os libros que virán
Sen querer desvelar demasiado, cabe sinalar que traeremos unha obra de Wilkie Collins que xa anunciaramos (está case lista, pero non nos deu tempo a sacala este ano), ademais dunha novela dunha escritora francesa contemporánea na que confiamos moito: aborda a guerra civil española dende unha perspectiva que nos cativou; haberá así mesmo novas incursións nas literaturas grega, alemá, inglesa…, caerá algunha cousa dalgún premio Nobel e tamén un clásico do século XX do xaponés… Así as cousas, se todo vai como é de esperar, en cuestión dun ano ou ano e medio o catálogo de Hugin e Munin debería acadar os 100 títulos.


O recordatorio habitual
Convénnos renovar o convite a subscribirse (a modalidade estándar, 116 euros ao ano; non subiu nin un céntimo dende a fundación da editorial a finais de 2011). Nós dependemos en esencia dese apoio das persoas socias para traballarmos da maneira na que o facemos. Así que, quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, e mesmo a posibilidade de regalar unha subscrición. Moitas grazas, boas e enriquecedoras lecturas e próspero 2020.


10 títulos de narrativa estranxeira publicados en galego en 2019

  • O longo adeus, de Raymond Chandler. Traducida do inglés por Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar e publicada por Hugin e Munin.
  • Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de Philip K. Dick. Traducida do inglés por Fernando Moreiras e publicada por Kalandraka.
  • O conto da criada, de Margaret Atwood. Traducida do inglés por Celia Recarey e Carlos Valdés e publicada por Irmás Cartoné.
  • Frankenstein ou o Prometeo Moderno, de Mary Shelley. Traducida do inglés por Samuel Solleiro, ilustrada por Miguel Robledo e publicada por Aira Editorial. Existe outra tradución de Fernando Rafael Tato Plaza publicada por Galaxia en 1999 (sobre outra versión da obra).
  • O diario de Greg 1. Un chaíñas total, de Jeff Kinney. Traducida do inglés por Eva Almazán e publicada por RBA.
  • As aventuras de Mikołaj Doświadczyński, de Ignacy Krasicki. Traducida do polonés por Lúa García Sánchez e publicada por Rinoceronte editora.
  • Pippi Mediaslongas nos Mares do Sur, de Astrid Lindgren. Traducida do sueco por David Álvarez e publicada por Kalandraka.
  • A revolución vertical, de Ngũgĩ wa Thiong’o. Traducida indirectamente do inglés (orixinal en lingua kikuyu) por Xosé Álvarez Alonso, ilustrada por Agustín Comotto e publicada por Galaxia.
  • Se isto é un home, de Primo Levi. Traducida do italiano por Xosé Mª Garrido Vilariño e publicada por Xerais.
  • Ourika, de Claire de Duras. Traducida do francés por Xavier Senín e publicada por Hugin e Munin.