• A miña conta
  • 0Carrito de Compra
Editorial Hugin e Munin
  • Inicio
  • Catálogo
  • A editorial
  • Subscrición
  • Blog
  • Novas
  • Contacto
  • Menú Menú

Os primeiros 101 títulos

30 Xuño, 2021/en Blog

Coa incorporación ao catálogo das novelas As nosas normas, de Carl Jonas Love Almqvist, traducida por Marta Dahlgren, e O obradoiro de vidro, de Menis Koumantareas, traducida por Alfonso Blanco, son xa 101 os títulos publicados por Hugin e Munin.

Este labor de edición constante, entendemos que metódico e equilibrado, posibilitou que a editorial vaia camiño de cumprir os primeiros dez anos de vida. Dende o punto de vista fiscal, a efeméride habería que datala no vindeiro outubro, pero aténdonos á publicación das dúas primeiras obras (Servizo de Correos e O forasteiro misterioso), a celebración do aniversario será en decembro. Chegado o momento, daremos boa conta.

As novidades: un clásico escandinavo e a novela galardoada co Premio Nacional de Literatura de Grecia en 1976

As nosas normas supón para nós a sexta obra importada dende a lingua sueca. Coma en ocasións anteriores, a tradución asínaa Marta Dahlgren, tradutora que en 2016 fora recoñecida co Premio Plácido Castro polo seu traballo de translación ao galego de Kallocaína, obra de culto da ciencia ficción europea. A novidade que agora propomos é a novela máis coñecida e relevante do peculiar C. J. L. Almqvist. Con total certeza, sorprenderá. Velaí un fragmento da sinopse:

Durante unha travesía polo lago Mälaren entre Estocolmo e Arboga, o sarxento Albert coñece a Sara Videbeck. Ela, orfa de pai, rexenta unha vidraría en Lidköping, a onde regresa tras unha viaxe de negocios. Ao longo do traxecto, ambos os mozos estreitarán lazos e proxectarán unha vida en común baseada nunha relación de igual a igual, algo irrenunciable para ela. (…) Propiciou unha fonda e acalorada discusión política e literaria ao redor do xénero na Escandinavia do século XIX. Na actualidade, As nosas normas considérase unha novela «profética e igualitaria».

O obradoiro de vidro, pola súa banda, é a quinta obra grega que incorporamos ao catálogo; as cinco, ademais, do século XX, especialmente convulso tamén para o país heleno. A diferenza das anteriores, esta peza de Koumantareas é a primeira que transcorre nun ambiente urbano ben recoñecible (na buliciosa Atenas, marco case único no conxunto da obra deste autor, con enorme sona no seu país pero aínda non demasiado fóra).

Ambas as obras están protagonizadas por mulleres memorables –así o sinalan multitude de estudos e recensións–. No caso da obra sueca, por Sara Videbeck, benquerida personaxe de ficción que hoxe, en Lidköping (a súa vila natal), conta cunha estatua conmemorativa. No caso do texto grego, por Bempa Tantis, unha muller outrora idealista que consome a vida entre un negocio non demasiado boiante, un marido abúlico que a idolatra en silencio, dous empregados servís e ilusións de improbable consecución. Ademais, o azar quixo que nas dúas novelas teña un papel destacado o vidro.

Que hoxe poidamos celebrar os 101 títulos é posible grazas a moitos factores, por suposto, pero antes que nada ao apoio dunha valiosa base de persoas subscritoras que nos outorgan unha total independencia respecto da Administración, empezando polo aspecto económico. Por iso, grazas outra vez. A mellor literatura universal, tanto clásica coma contemporánea, está en galego grazas a quen mercades libros en galego.

Boas e proveitosas lecturas.

Compartir esta entrada
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en X
  • Share on X
  • Share on WhatsApp
  • Compartir en LinkedIn
  • Compartir por correo
https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2021/06/publ-almqvist-kouman-e1625045669396.jpg 676 1200 Editorial Hugin e Munin https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2020/03/23logo-hem2-1.png Editorial Hugin e Munin2021-06-30 11:45:092021-06-30 11:45:09Os primeiros 101 títulos
Tamén che pode interesar
Escritoras detrás dun pseudónimo
Novidades de abril: novelas de Jane Austen e Alfred de Musset
Novelas de Schwaiger e Chelli, novidades estivais

Últimas entradas

  • Verán 2025, novidades4 Xullo, 2025 - 2:25 p.m.
  • Apuntamentos sobre a novela A honrada estafadora3 Xuño, 2025 - 10:04 a.m.
  • En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West7 Abril, 2025 - 5:52 p.m.
  • Bases da V edición do Premio Realia13 Marzo, 2025 - 3:33 p.m.
  • Dúas incorporacións: Iván Turguénev e Jack London4 Xaneiro, 2025 - 5:31 p.m.

Síguenos no Facebook

Novidades editoriais

  • Corazón de can €16,00
  • O caldeiro de ouro €15,00
  • A honrada estafadora €15,00
  • A señorita Corazóns Solitarios €15,00
  • Fume €16,50

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso Legal – Política de Privacidade – Envíos, devolucións e desistencia

Elementos paratextuais e ilustracións no corpo das novelasReimpresión de O caranguexeiro
Desplazarse hacia arriba