Resolto o IV Premio Realia de Tradución
Acta do xurado
Reunido en Santiago de Compostela ás 12:00 do xoves 10 de agosto de 2023, o xurado, composto por Manuel Arca Castro, Isabel Soto López e Carlos Valdés García, así como por Alejandro Tobar Salazar en calidade de secretario (con voz e sen voto), decidiu, por unanimidade, declarar deserto o Premio Realia de Tradución Literaria na súa cuarta edición.
Foron unicamente dúas as obras presentadas que cumprían cos requirimentos estipulados nas bases. Unha vez lidas con rigor polas anteditas persoas, acordouse reflectir na presente acta as seguintes consideracións:
O xurado desexa facer constar o seu sincero agradecemento polo traballo, interese, tempo e dedicación dos tradutores candidatos e asemade felicitalos polas súas escollas, que xulga orixinais e pertinentes e que sen dúbida responden aos criterios esixidos nas bases do certame en canto á transcendencia e ao feito de cubrir un oco no sistema literario galego. Ofrecéusenos, por unha banda, unha novela curta sen grandes artificios nin complicacións dun premio Nobel centroeuropeo, e, pola outra, unha peza da literatura nativa estadounidense inédita nas linguas ibéricas e cun salientable peso histórico.
Porén, e tamén como establecen as bases, o xurado considera que as traducións candidatas ao premio non presentan o nivel de calidade necesario en aspectos como a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións. Neste sentido, ningún dos membros do xurado percibiu en ningún momento o grao de excelencia que cabe esixirlle á obra gañadora dun certame destas características e que o lectorado de noso reclama.
Con todo, non é ningún desatino pensar que algunha das traducións –cando non as dúas– poidan nun futuro, tras un intenso proceso de cribado e corrección de erros e grallas, de modulación das frases, de cambios en determinadas solucións e dun imprescindible traballo de edición, pasar a formar parte do corpus de literatura traducida ao galego, cousa que xa sucedeu no pasado con obras que, malia aspirar a gañar este premio sen conseguilo, atoparon tempo despois acubillo noutras editoriais galegas.
Por outra banda, convén sinalar que, na liña das edicións previas, os membros do xurado e mais o representante da editorial se mostraron de acordo en que, dende un punto de vista xeral, o problema non estaría tanto na competencia e dominio da lingua de partida dos tradutores coma nas dificultades á hora de trasladar con éxito un texto foráneo a un galego correcto, ou polo menos correcto dabondo para acadar un premio.
A editorial convocadora quere facer constar o seu agradecemento aos membros do xurado e aos responsables do Concello de Santiago de Compostela e reiterar, outra volta, o seu recoñecemento aos tradutores que, de forma xenerosa, permitiron a avaliación dos seus traballos. A estes últimos desexámoslles a mellor das sortes profesionais e remitímolos ao documento anexo a esta acta, onde, coa discreción debida e espírito construtivo, facilitamos unha mostra dos erros recorrentes detectados.
10 de agosto de 2023,
os membros do Xurado