Listado de la etiqueta: hugin e munin

Balance do ano editorial 2023

Como facemos cada Nadal, velaquí o que deu de si un ano de traballo en Hugin e Munin, un percorrido que principiamos retrocedendo a decembro de 2022 para recordar a publicación de Os tardeiros, unha novela acerca das complicacións da idade adulta (decote indisociables da nenez) da británica Anita Brookner; e da conmovedora nouvelle O neno perdido, do estadounidense Thomas Wolfe. Mentres que a tradución da primeira correu a cargo de Alejandro Tobar, da segunda ocupouse Ignacio Chao, quen se converteu no trixésimo cuarto tradutor en asinar unha obra do noso catálogo. Cabe lembrar que nos meses posteriores á publicación destas obras fornecemos información complementaria sobre elas en múltiples entradas do blog. Sirvan de exemplo as intituladas «Os tardeiros. Longa nota do tradutor» e «Vencellos co universo de Thomas Wolfe».

Os 8 títulos de 2023

O 1 de abril presentamos unha obra traducida do sueco, a sétima xa (todas grazas ao traballo de Marta Dahlgren). Tratouse de Cartos, de Victoria Benedictsson, unha novela adscrita á corrente feminista sueca da segunda metade do século XIX. A autora destacou pola súa ruptura co romanticismo, por abrazar o realismo naturalista e por concibir a literatura como espazo para o debate. Neste sentido, é interesante que a protagonista de Cartos, Selma Berg, chegue a describir nun momento dado un cuarto de seu –a posibilidade dun mundo propio e propicio para a evolución persoal–, e que isto aconteza medio século antes de que o fixese Virginia Woolf na súa afamada obra.

Tamén na entrega de abril chegou a tradución, a cargo de Alfonso Blanco, de O crime de Psichiko, un enxeñoso relato paródico que, amais de ofrecer un crecente suspense, recrea a atmosfera da capital grega a comezos do século XX, dando conta dos diferentes estratos sociais. O seu autor é Pavlos Nirvanas, un escritor natural de Mariupol, cidade dende a que se trasladaría ao Pireo con apenas sete anos de idade.

Mediado o ano, presentamos As irmás Bunner, da célebre autora estadounidense Edith Wharton, unha narración ambientada na Nova York de finais do século XIX. Ann Eliza e Evelina Bunner rexentan un humilde comercio que apenas lles dá para ir tirando, até que o seu mundo cambalea coa irrupción da figura dun reloxeiro de orixe berlinesa, o señor Herman Ramy.

A canda a obra de Wharton, editamos As gratitudes, de Delphine de Vigan, un dos pratos fortes do ano, cunha tradución de Xavier Senín que recibiu eloxios na prensa galega e entre algunhas amizades e persoas coñecidas, cremos nós que con razón. A novela transita polo mundo da vellez, a dependencia e a empatía, e nela a palabra eríxese en elemento crucial. Por resumilo moito, a autora conta a conmovedora historia dunha anciá, Michka, que sofre a paulatina perda da facultade de se comunicar.

A comezos de outubro presentamos outro par de obras: por unha banda, Luceiro da mañá, da lombarda Ada Negri (traducida dende o italiano por Isabel Soto), unha fermosa novela de apenas 120 páxinas publicada orixinalmente en 1921 e que contou co aplauso de crítica e público, talvez pola súa aposta formal, cunha estrutura fragmentaria e lírica, e pola fidelidade ao xénero autobiográfico característico da autora.

Tamén de outubro foi outro gran proxecto que levaba varios anos fraguando: a incorporación ao catálogo de Trompeta, da escritora escocesa Jackie Kay, na tradución dende o inglés de María Reimóndez (que nos axudou a custear Publishing Scotland, institución que asumiu arredor do 30 % dos honorarios da tradutora e coa que o trato foi excelente). Trátase dunha novela intelixente, distinta e inspirada en parte na vida do músico estadounidense Billy Tipton. Máis alá de achegar novos e interesantes temas e puntos de vista, engaiola a súa exuberante prosa, razón pola que se cadra acadou o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian a finais da década de 1990.

Chegados a decembro, optamos por cerrar o ano con outras dúas novelas nunca antes traducidas a ningunha lingua peninsular, é dicir, demostramos con outro par de traballos que en galego é posible, e desexable, xogar nas grandes ligas, estar na «avanzada da tradución literaria», sen o pago de peaxes en forma de linguas ponte e sen ter que ir a remolque das descubertas alleas. Con esta intención, trouxemos a novela El, de Louise Colet, que mestura unha trama romántica co desexo de arranxar contas persoais (as máis soadas, con Gustave Flaubert, amante da autora durante case unha década). O texto constitúe, a nivel literario, unha mostra anticipada e bastante extensa da literatura do eu e a posta en práctica do criterio da sinceridade na arte defendido pola autora. A súa tradución dende o francés correu a cargo de Isabel Soto.

E importamos tamén A traizón, unha novela tan estupenda como desacougante de Amalie Skram, a cal xira arredor dunha guerra conxugal entre o experimentado capitán Adolph Riber e Aurora Ingstad, unha moza de dezasete anos. Con momentos de gran virulencia dialéctica, diálogos enxeñosos e un hábil emprego da corrente de conciencia, ofrecémoslles aos lectores e lectoras galegos un dos grandes clásicos do rupturismo moderno escandinavo, grazas á tradución en tándem realizada por Marta Dahlgren e Alejandro Tobar. Respecto á lingua de partida da obra, recomendamos ler con vagar a entrada «A cuestión lingüística na novela A traizón». Apuntamos, para concluír, que tanto a novela de Colet coma a de Skram, malia existir xa, non as distribuiremos até o día 4 de xaneiro, por razóns de loxística e transporte.

 

Outros feitos relevantes

Volvemos así mesmo participar na Semana do Libro de Compostela, que contou cunha boa organización e onde nos foi ben. Agradecemos ademais que o Concello recuperase a Praza da Quintana como lugar de encontro, todo un acerto, como tamén a programación (entre as escritoras convidadas, tivemos a honra de contar coa presenza de Karmele Jaio, autora de A casa do pai).

Agradecemos con idéntica énfase que un número importante de clubs de lectura renovase a súa aposta por títulos –recentes e non tanto– de Hugin e Munin: A nosa Negra, Cartos, O verán sen homes, Os tardeiros, As gratitudes, O lector… Grazas a quen coordinan e seleccionan os nosos libros para llelos ofrecer a lectoras e lectores de case todas as idades. A quen aínda non se animaron a propoñer a súa lectura, convidámolos a repasar o noso catálogo: dende As normas normas ou Thérèse Raquin até Cando levanten as brétemas ou A virtude de Checchina, son abondas as novelas que, na nosa opinión, poden funcionar ben como ‘lectura compartida’.

Canto ao IV Premio Realia de Tradución Literaria, foi boa mágoa que quedase deserto. Así a todo, mantemos o noso compromiso de sacar adiante a V edición en 2025, dado o carácter bianual do galardón. Tanto a acta do xurado como a entrada «A cuarta experiencia do Premio Realia» están dispoñibles no blog.

Noutra orde de cousas e dun modo xeral, resolvemos outra volta non presentarnos á máis recente e igual de nefasta convocatoria de Axudas á Tradución que a Consellaría de Cultura tramita da peor maneira imaxinable. Para quen desexe ir ao detalle, remitimos á «Análise da orde de axudas públicas á tradución de 2022», que en esencia serve tamén para a orde de 2023. Pola nosa banda, non temos xa ningunha esperanza de que a cousa mude de maneira substancial co Partido Popular aos mandos, polo que só lle vemos solución cun cambio de Goberno. Oxalá se produza. Por nós non ha quedar.

 

Os libros que virán

Como é costume, a seguir non ofreceremos senón meras pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes concretos: encargamos unha obra alemá publicada orixinalmente na década de 1970; un clásico italiano ambientado na Roma do XIX; unha alfaia rusa detrás da cal levamos máis dunha década e que por fin parece que verá a luz; un par de boas novelas estadounidenses; e se logramos chegar a un pacto para a compra de dereitos (non está doado), faremos un esforzo a maiores para traer unha obra contemporánea francesa de marca maior…

 

Os dous recordatorios de cada ano

A nosa independencia respecto dos cartos públicos é total. Proba disto é que o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas. E non porque non teñamos dereito a máis subvencións ou non as queiramos e creamos merecelas, senón porque, no trato coa Administración galega do Partido Popular (ao que desexamos ver fóra do Goberno da Xunta como resposta a unha xerencia pésima en materia cultural), é moi difícil saír con dignidade cando se entra na arrevesada e perversa roda das axudas públicas que a Consellaría de Cultura reparte (chamarlle xestionar non se pode) con man caciquil.

En segundo lugar, o recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais (aínda que estables e cun crecemento lento pero continuado) coma que sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios, pese ao desbocado aumento do custo da vida, dende 2011, e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros.

Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2024

Premios nobel con obra traducida ao galego

Premios nobel con obra traducida ao galego e publicada en papel*:

2023 Jon Fosse

2022 Annie Ernaux

* O acontecemento (Rinoceronte, 2023; trad. Moisés Barcia)

2021 Abdulrazak Gurnah

2020 Louise Glück

* Noite fiel e virtuosa (Chan da Pólvora, 2021; trad. Samuel Solleiro)

* Receitas de inverno desde a comunidade (Chan da Pólvora, 2021; trad. Samuel Solleiro)

* Averno (Chan da Pólvora, 2023; trad. Samuel Solleiro)

2019 Peter Handke

* Don Xoán (contado por si mesmo) (Sotelo Blanco, 2006; trad. Luis Manuel Fernández Rodríguez)

2018 Olga Tokarczuk

* A alma perdida (Thule, 2019; trad. Ana Garrido)

2017 Kazuo Ishiguro

* Non me deixes nunca (Galaxia, 2007; trad. Eva Almazán)

* Nocturnos: cinco contos de música e anoitecida (Galaxia, 2010; trad. María Alonso Seisdedos)

* O meu marabilloso sombreiro (Edicións do Cumio, 2013; trad. Suevia Sobral Santiago)

2016 Bob Dylan

2015 Svetlana Alexievich

2014 Patrick Modiano

2013 Alice Munro

2012 Mo Yan

2011 Tomas Tranströmer

* «Unha noite de inverno» (Faro de Vigo, 27 de xaneiro de 1974; trad. Álvaro Cunqueiro)

2010 Mario Vargas Llosa

2009 Herta Müller

* O home é un grande faisán no mundo (Xerais, 2001; trad. Franck Meyer)

* Randea do alento (Xerais, 2010; trad. Marga do Val)

2008 Jean-Marie Gustave Le Clézio

* Mondo e outras historias (Xerais, 1987; trad. Raquel Villanueva a Valentín Arias)

2007 Doris Lessing

* O caderno dourado (Galaxia, 2009; trad. Eva Almazán)

2006 Orhan Pamuk

* O castelo branco (Galaxia, 2007; trad. Eva Almazán e Bartug Aykan)

* Istanbul: as lembranzas e a cidade (Galaxia, 2008; trad. Lara Domínguez e Bartug Aykan)

* Neve (Galaxia, 2009; trad. María Alonso Seisdedos e Bartug Aykan)

* O museo da inocencia (Galaxia, 2009; trad. María Alonso Seisdedos e Bartug Aykan)

* O libro negro (Galaxia, 2011; trad. María Alonso Seisdedos e Bartug Aykan)

* Chámome vermello (Galaxia, 2012; trad. María Alonso Seisdedos e Bartug Aykan)

2005 Harold Pinter

* Vellos tempos / A festa de aniversario (Xerais, 1999; trad. Manuel Fernández Vieites)

2004 Elfriede Jelinek

* O que ocorreu despois de que Nora abandonara o seu home ou Os piares das sociedades (Galaxia, 2006; trad. Franck Meyer e Susana Fernández de Gabriel)

2003 J. M. Coetzee

* Deshonra (Rinoceronte, 2008; trad. Moisés Barcia)

* Infancia (Rinoceronte, 2013; trad. Rafael Rodríguez Salgueiro)

* Verán (Rinoceronte, 2013; trad. Susana Collazo Rodríguez)

* Mocidade (Rinoceronte, 2013; trad. Iolanda Mato)

2002 Imre Kertész

2001 V. S. Naipaul

2000 Gao Xingjian

1999 Günter Grass

* As galiñas de vento (Xerais, 2000; trad. Ramón Lorenzo e Ursula Heinze)

1998 José Saramago

1997 Dario Fo

* Morte accidental dun anarquista (Galaxia, 2023; trad. María Alonso Seisdedos)

1996 Wislawa Szymborska

* Versos escollidos (Positivas, 2011; trad. Lucía Caeiro)

1995 Seamus Heaney

* Traballo de campo (Xerais, 1996; trad. Vicente Araguas)

* A cura en Troia (Xerais, 1998; trad. Stephanie Jennings e Manuel Outeiriño)

* Poemas (Espiral Maior, 2000; trad. Antonio Raúl de Toro, David Clark e Emilio Ínsua) Edición non venal a partir da obra Poesía Irlandesa Contemporánea (1999)

1994 Kenzaburo Oe

1993 Toni Morrison

1992 Derek Walcott

* Signos e outros poemas (A Trabe de Ouro, n.º abril-xuño 1999; trad. Manuel Outeiriño)

1991 Nadine Gordimer

* “Baixo a terra prometida” (Ólisbos, n.º 11, 1992; trad. Alberte Álvarez Lugrís)

1990 Octavio Paz

1989 Camilo José Cela

* A familia de Pascual Duarte (F. F. Del Riego e Xohán Ledo (eds.) Talleres Gráficos Faro de Vigo, 1962; trad. Vicente Risco [con reed. posteriores en Xerais e Galaxia])

* A bandada de pombas (Alfaguara, 1989; trad. Xosé Henrique Costas)

* Mazurca para dous mortos (Xunta de Galicia, 1999; trad. Xesús Rábade Paredes)

* A rosa (Xunta de Galicia, 2002; trad. Isabel Soto e Xandra Cabaleiro)

1988 Naxib Mahfud

1987 Joseph Brodsky

1986 Wole Soyinka

1985 Claude Simon

1984 Jaroslav Seifert

1983 William Golding

* O señor das moscas (Sotelo Blanco, 1993; trad. Xosé María Gómez Clemente)

1982 Gabriel García Márquez

* Crónica dunha morte anunciada (Medulia editorial, 2022; trad. María Rey e X. Amancio Liñares)

1981 Elias Canetti

1980 Czeslaw Milosz

1979 Odisseas Elitis

1978 Isaac Bashevis Singer

* O Golem (Xerais, 1989; trad. Anxo Romero Louro)

* O mago de Lublin (Rinoceronte, 2019; trad. Moisés Barcia)

1977 Vicente Aleixandre

1976 Saul Bellow

1975 Eugenio Montale

1974 Eyvind Johnson / Harry Martinson

* «Lonxe do mar», «Amo a madeira flotante», «Panos na néboa», «As estrelas»,, «A fonte do bosque», «O consello de Li Ti», «Relación», «O fuxitivo», «O refuxiado» (Faro de Vigo, 1974-1979; trad. Álvaro Cunqueiro)

1973 Patrick White

1972 Heinrich Böll

* Opinións dun pallaso (Tambre, 1994/Rinoceronte, 2018; trad. Laureano Araujo)

1971 Pablo Neruda

* Oda a unha estrela (Kalandraka, 2009; trad. Xosé Ballesteros)

* Vinte poemas de amor e unha canción desesperada (Medulia editorial, 2021; trad. María Rey e X. Amancio Liñares)

1970 Alexandre Solzhenitsyn

* Un día na vida de Iván Denísovich (Rinoceronte, 2013; trad. Martin Andor)

1969 Samuel Beckett

* Á espera de Godot (Laiovento, 2003; trad. Francisco Pillado)

* Molloy (Galaxia, 2006; trad. Anxo Rei Ballesteros)

1968 Yasunari Kawabata

* A casa das belas adormentadas (Rinoceronte, 2007; trad. Mona Imai)

1967 Miguel Ángel Asturias

1966 Shmuel Yosef Agnon e Nelly Sachs

1965 Mikhaïl Sholokhov

1964 Jean-Paul Sartre (renunciou ao galardón)

* A engrenaxe [guión de cinema] (Laiovento, 1994; trad. Xoán Fuentes Castro)

* O existencialismo é un humanismo (Sotelo Blanco, 1990; trad. Francisco Sampedro)

* O paredón (Xerais, 1989; trad. Xosé María Proupín)

* As palabras (Laiovento, 1999; trad. Dulce Fernández Graña e François Davó)

* As moscas (Laiovento, 2008; trad. Xosé Manuel Beiras)

* A infancia dun xefe (Hugin e Munin, 2015; trad. Ánxela Gracián)

1963 Giorgos Seferis

* «Negación», «Se toca-la lira», «As pirámides», «Efeso», «Na escena» e «Sobre os toxos» en Poesía grega do século XX. Estudio xeral e antoloxía bilingüe (Xunta de Galicia, 1994)

1962 John Steinbeck

* A perla (Galaxia, 1990; trad. Benigno Fernández Salgado)

* De ratos e homes (Galaxia, 1997; trad. Álvaro De Prado)

1961 Ivo Andrić

* A ponte sobre o Drina (Rinoceronte, 2007; trad. Jairo Dorado)

1960 Saint-John Perse

* Crónica (Concello de Noia, col. Vento de Fóra, 1991; trad. Antón Avilés de Taramancos)

1959 Salvatore Quasimodo

* «Epitafio pra Bice Donetti», «Nas ponlas dos salgueiros», poema non identificado de La terra
impareggiabile
 (El Progreso, 15 de novembro de 1959; trad. Álvaro Cunqueiro)

* «A un poeta enemigo» (El Progreso, 18 de setembro de 1960; trad. Álvaro Cunqueiro)

1958 Borís Pasternak

* Doutor Zhivago (Galaxia, 2024; trad. Aleksandr Dziuba)

1957 Albert Camus

* Os xustos (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1989; trad. X. M. Beiras)

* A caída (Xerais, 1989; trad. Mª Dolores Cabrera) [existe outra versión, intitulada A desfeita (Laiovento, 2019; trad. X. M. Beiras)]

* O estranxeiro (Edicións do Cumio, 1991; trad. Valentín Arias)

* Calígula (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1992; trad. X. M. Beiras) [hai outras dúas versións publicadas, posteriores no tempo]

* O malentendido (Galaxia, 2009; trad. Inma López Silva)

* A peste (Hugin e Munin, 2018; trad. Xavier Senín e Isabel Soto)

* Cartas a un amigo alemán e outros textos (Trifolium, 2018; trad. X. M. Beiras)

1956 Juan Ramón Jiménez

* Platero e mais eu (Ediciós do Castro, 1990; trad. Xosé Manuel Beiras) [hai outra tradución, Platero máis eu (Editorial Bourel, 2010), realizada por un cento de estudantes, coa coordinación dos equipos de normalización lingüística de dous institutos de Ribeira]

1955 Halldór Laxness

1954 Ernest Hemingway

* O vello e o mar (Galaxia, 1998; trad. Carlos Casares)

* Unha festa móbil (Sotelo Blanco, 2000; trad. Xesús Araúxo)

1953 Winston Churchill

1952 François Mauriac

* Thérèse Desqueyroux (Hugin e Munin, 2021; trad. Xavier Senín)

1951 Pär Lagerkvist

1950 Bertrand Russell

* Eloxio da ociosidade (Trifolium, 2010; trad. Fe González)

* Por que non son cristián (Trifolium, 2011; trad. Fe González)

1949 William Faulkner

* O ruído e a furia (Galaxia, 2007; trad. Xurxo Borrazás)

1948 T. S. Eliot

* Morte na catedral (Galaxia, 1973; trad. Isidoro Millán González-Pardo)

* A terra baldía (Follas Novas, 1998; trad. Armando Requeixo e Fe González)

* Macavity (Lata de Sal, 2005; trad. Rafael Salgueiro) [en orixe, un poema incluído en Old Possum’s Book of Practical Cats (1939)]

* Catro cuartetos (Kalandraka, 2023; trad. Martín Veiga)

1947 André Gide

* A sinfonía pastoral (Xerais, 1990; trad. Leando García Bugarín)

* Os alimentos terrestres e os novos alimentos (Laiovento, 2008; trad. Suso Pensado)

1946 Hermann Hesse

* Baixo as rodas (Galaxia, 1997; trad. Franck Meyer)

* Siddharta (Galaxia, 1999; trad. Franck Meyer)

1945 Gabriela Mistral

* «O acueducto» (Faro de Vigo, 12 de setembro de 1971; trad. Álvaro Cunqueiro)

* «A condesa» (Faro de Vigo, 11 de febreiro de 1973; trad. Álvaro Cunqueiro)

* «Retrato de Mireia» (Faro de Vigo, 8 de febreiro 1976; trad. Álvaro Cunqueiro).

1944 Johannes V. Jensen

1943 NON SE CONCEDEU

1942 NON SE CONCEDEU

1941 NON SE CONCEDEU

1940 NON SE CONCEDEU

1939 Frans Eemil Sillanpää

1938 Pearl S. Buck

1937 Roger Martin du Gard

1936 Eugene O’Neill

* A Electra acáelle o loito (Galaxia, 2009; trad. Laura Sáez)

1935 NON SE CONCEDEU

1934 Luigi Pirandello

* Así é, se vos parece (Xerais, 1991; trad. Xavier Rodríguez Baixeras)

* A traxedia dun personaxe e outros relatos (Xerais, 1990; trad. Cándido Pazó e Dolores Vilavedra)

* Henrique IV (Laiovento, 1996; trad. Antonio Colmenero)

* Seis personaxes á procura de autor (Xunta de Galicia, 2005; trad. Xosé Manuel Pazos Varela e Xulio Lago)

1933 Ivan Bunin

* «Alento lixeiro» (Madrygal vol. 16, 2013; trad. Daria Sinitsyna)

1932 John Galsworthy

* O estoico (Hugin e Munin, 2021; trad. Antía Veres)

1931 Erik Axel Karlfeldt

1930 Sinclair Lewis

1929 Thomas Mann

* A morte en Venecia (Tambre, 1995/Rinoceronte, 2015; trad. Laureano Araujo)

1928 Sigrid Undset

1927 Henri Bergson

1926 Grazia Deledda

* Elias Portolu (Hugin e Munin, 2012; trad. Isabel Soto)

* Canas ao vento (Irmás Cartoné, 2023; trad. María Alonso Seisdedos)

1925 George Bernard Shaw

1924 Władysław Reymont

1923 William Butler Yeats

* Dous dramas populares (Editorial Nós, 1935/Edicións Castrelos, 1977; trad. Plácido Castro e irmáns Vilar Ponte

* Poemas en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Alborada, 1949; trad. Plácido Castro, Lois Tobio e Florencio Delgado Gurriarán [existen varias reedicións da obra en distintas editoriais])

* A ola de caldo; O gato e a lúa (Francisco Pillado (ed.), en Cadernos de Teatro n.º 7, 1996; trad. Manuel Fernández Vieites)

* Yeats [escolma poética] (TrisTram, 2009; trad. Marta Cuba Alonso)

1922 Jacinto Benavente

1921 Anatole France

* A illa dos pingüíns (Laiovento, 1996; trad. Rafael Chacón Calvar)

1920 Knut Hamsun

* Fame (Rinoceronte, 2019; trad. Moisés Barcia)

1919 Carl Spitteler

1918 Henrik Pontoppidan

1917 Karl Gjellerup

1916 Verner von Heidenstam

1915 Romain Rolland

* poemas [pendentes de identificar] nas revistas Nós e/ou A Nosa Terra

1913 Rabindranath Tagore

* «O desterro» [reformulado nun número posterior como «O santo Narottam»], «O mestre e as xoyas», «A baiadeira», «As froles», «Xa o sol…», «O poeta Tulsidas», «N-as praias», «O derradeiro trato», «O principio», «O fin», «A escola das frores» e «O neno é así…» (A Nosa Terra, 1917-1923; trad. Vicente Risco)

* O carteiro do rei (Ediciós do Castro, 1996; trad. Xulio Cuns)

1912 Gerhart Hauptmann

1911 Maurice Maeterlinck

* («Cancións» en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Alborada, 1949; trad. Plácido Castro, Lois Tobio e Florencio Delgado Gurriarán [o último foi o tradutor deste poema en concreto])

1910 Paul von Heyse

1909 Selma Lagerlöf

* O emperador de Portugalia (Aira editorial, 2023; trad. David A. Álvarez Martínez)

1908 Rudolf Christoph Eucken

1907 Rudyard Kipling

* Así foi (Galaxia, 1992; trad. Mª Dolores Martínez Torres e Xohana Torres)

* Quince relatos (Ir Indo, 2002; trad. Celia Recarey)

* Como se fixo o primeiro alfabeto (Embora, 2008; trad. Xesús Constela)

* O libro da selva (Rinoceronte, 2010; trad. Rafael Rodríguez Salgueiro)

* O home que puido reinar (Urco, 2012; trad. Tomás González Ahola)

* Capitáns afoutos (Urco, 2019; trad. Tomás González Ahola)

1906 Giosuè Carducci

* un poema [pendente de identificar] en Canciones y poesías gallegas [conferencia seguida de varios poemas] (Imprenta de Ricardo Rojas?, Madrid, 1908; trad. Castor Méndez Brandón)

1905 Henryk Sienkiewicz

1907 Frédéric Mistral e José Echegaray

* «Magali» [no Canto III de Mirèio, en Lago González. Biografía y selección de su
obra gallega] (Bibliófilos Gallegos, Figueira Valverde (ed.), 1965; trad. Manuel Lago González)

1903 Bjørnstjerne Bjørnson

1902 Theodor Mommsen

1901 Sully Prudhomme

 

* Non se contabilizan as obras publicadas noutros formatos distintos do papel. Así, por exemplo, quedan excluídos os tres poemas de Louise Glück presentados por Euseino? Editores en versión electrónica e non se amentan, entre outras, as novelas de Rudyard Kipling que integran a Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego. De igual modo, non se distingue entre traducións directas (case todas) e aqueloutras que son pseudotraducións, coma as ‘recreacións’ de Cunqueiro para o Faro de Vigo, ou que son indirectas, é dicir, parten dunha lingua ponte (como Fame, de Knut Hamsun, traducida dende o inglés e non dende o orixinal). Calquera omisión ou erro detectados, agradecemos de antemán que se nos indique a través dunha mensaxe en redes sociais ou no enderezo de correo da editorial, para dese modo corrixir ou ampliar a información á maior brevidade. Procuraremos manter actualizada esta listaxe a medida que vaian aparecendo novas traducións de Premios Nobel de Literatura.

IV edición do Premio Realia de Tradución

A Editorial Hugin e Munin, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, convoca a cuarta edición do Premio Realia de Tradución Literaria, un certame de periodicidade bienal co que recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta. O obxectivo é outorgarlle visibilidade ao traballo dos profesionais da tradución e recoñecelo coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial.

O premio rexerase polas seguintes bases:

1.ª Poderán concorrer ao premio traducións directas ao galego, consonte a normativa vixente, de obras narrativas escritas orixinalmente noutra lingua (agás castelán e portugués), sempre que estean libres de dereitos de autor. Polo tanto, salvo excepcións, deberán ser obras de autoras e autores falecidos antes do 1 de xaneiro de 1943.

2.ª Outorgarase un único premio dotado con 1.500 €, importe ao que se lle practicará a retención pertinente.

3.ª Os traballos deberán ser inéditos e non contaren con ningunha distinción previa. Non se admitirán obras de autores e autoras xa traducidos ao galego.

4.ª A extensión mínima requirida é de 100.000 caracteres con espazos.

5.ª As traducións, ademais de nun ficheiro PDF (contido nunha memoria USB ou en calquera outro soporte informático válido), deberán presentarse en papel, nunha única copia, coas seguintes características: tamaño DIN A4 (marxes superior e inferior: 2,5 cm; marxes esquerda e dereita: 3 cm), fonte Calibri a tamaño 14 e espazo interlinear de 1,5.

Facilitarase ademais unha copia dixital ou en papel do texto orixinal de referencia para a tradución, ou no seu defecto a ligazón á fonte utilizada, que deberá ser accesible para o xurado.

6.ª Acompañarase unha plica na que se fará constar o nome, apelidos, nacionalidade, enderezo, teléfono e correo electrónico do tradutor/a, ademais de incluír un breve currículo no que se indique a formación tanto na lingua de partida coma na lingua meta. No exterior da plica unicamente deben figurar o pseudónimo e o título da obra.

7.ª As traducións deberán remitirse á Rúa do Castro, 9, 3º, 15704 Santiago de Compostela (teléfono de contacto para o transportista: 676010030), indicando no sobre: Premio Realia de Tradución Literaria. As obras participantes deberán ser enviadas por servizo de mensaxaría ou correo postal. A fin de preservar o anonimato, non poderán entregarse persoalmente nin polo tradutor nin por persoa interposta.

8.ª O prazo de recepción rematará ás 14:00 horas do día 15 de xullo de 2023. As obras que cheguen con posterioridade deberán acreditar que en orixe foron enviadas dentro do prazo.

9.ª O xurado estará formado por, cando menos, un representante da editorial Hugin e Munin, un profesional vinculado ao mundo do libro e un lector independente. Valorarase a transcendencia e a calidade da obra e do autor traducidos, así como o feito de cubrir un oco relevante no sistema literario galego, ademais de aspectos como a fidelidade ao texto orixinal, a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións, sempre tendo como referencia as fontes académicas.

10.ª O traballo premiado será publicado pola Editorial Hugin e Munin nalgunha das súas coleccións, tras ser adaptado aos seus criterios editoriais e ser sometido a unha corrección profesional. A versión galega da obra terá unha licenza Creative Commons de Recoñecemento-Non-Comercial-Obras-Non-Derivadas 3.0 ou superior.

11.ª O xurado poderá declarar deserto o premio.

12.ª O ditame do xurado será inapelable.

13.ª A non ser que o volume de obras recibidas obrigue a adiar a data, o ditame anunciarase antes do 1 de setembro de 2023.

14.ª Os traballos que non se premien non serán devoltos e serán destruídos.

15.ª O feito de participar neste certame implica a total aceptación e conformidade con estas bases.

17 de abril de 2023
Santiago de Compostela

 

Descargar as bases en PDF

Balance do ano editorial 2020

Decembro de 2019

A finais de 2019, entre o Nadal e o Aninovo, sumamos ao catálogo dúas novelas que nos están a funcionar bastante ben: unha, se cadra a de maior peso e percorrido, foi A xente de Hemsö, de August Strindberg, que de novo traduciu para nós Marta Dahlgren; con esta de Strindberg, van xa sete obras de orixe escandinava, cinco das cales pertencen á literatura sueca. Se ben é na dramaturxia onde Strindberg se converteu nun autor de talle mundial, non é esaxerado cualificar esta novela súa como a pedra de toque da súa produción narrativa. Recomendámola pois con entusiasmo. Pola temática e polo tipo de humor, coidamos que empata ben coa idiosincrasia galega.

A outra novela que chegou no mes de Nadal de 2019 foi un clásico recuperado da literatura italiana, As confesións dunha filla do século, de Donna Paola, de cuxa tradución se ocupou Isabel Soto e que supón unha nova achega, de relevo, á literatura epistolar que temos no catálogo.


Os 12 novos títulos de 2020

O 1 de abril publicamos unha obra traducida do grego por Alfonso Blanco, A honra e o cartos, de Konstantinos Theotokis, un autor nado en Corfú e considerado un renovador da prosa grega moderna. A canda esta novela curta (de pouco máis de 100 páxinas), trouxemos Morrerei outro día, unha das nosas apostas do ano, unha obra escrita por Isabelle Alonso e traducida do francés en tándem por Isabel Soto e Xabier Ron.

Destas dúas obras deramos conta nunha entrada no blog o pasado mes de xuño, titulada «Obras desapercibidas, de momento». Medio ano máis tarde, podemos dicir que Morrerei outro día xa engalou (a quen desexe afondar neste libro, invitámolo e revisar «Morrerei outro día: a II República española na literatura francesa»), namentres que A honra e os cartos parece que segue agardando o seu momento.

No mes de xullo chegaron O amuleto, asinada polo suízo Conrad Ferdinand Meyer, de grande interese para amantes da historia, pois aborda o episodio histórico de 1572 coñecido como Matanza do día de San Bartolomeu, isto é, o asasinato masivo en Francia dos hugonotes, membros da fe protestante. A de Meyer supuxo a quinta tradución que traïamos dende o alemán, un labor do que outra volta se encargou Rosa Marta Gómez Pato. Tamén como novidade estival sacamos O caranguexeiro, de Takiji Kobayashi, a primeira incursión de noso na literatura xaponesa, que foi posible grazas ao traballo de tradución directa xaponés-galego realizado por Gabriel Álvarez. Para nós foi un orgullo sumar ao catálogo unha novela curta da potencia desta, e a nosa ledicia foi meirande ao comprobarmos que tivo unha moi boa acollida entre o lectorado. De modo que grazas.

O groso da publicación (en parte derivado da situación da pandemia) aconteceu en outubro, con cinco novidades que publicamos dunha asentada. Por un lado, as tres que incorporamos á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas»: a novela curta A escritora, de Madame de Genlis (traducida do francés por Isabel Soto); A dama de Glenwith Grange, de Wilkie Collins (traducida do inglés por Alejandro Tobar); e O home das bonecas, do tándem de escritores agochado tras o alcume Jean-Louis Renaud (traducida do francés por Xavier Senín). Por outro lado, as dúas novidades da colección principal, ambas as dúas importadas do inglés: A vida na fundición, de Rebecca Harding Davis, traducida por Alejandro Tobar, e o relato detectivesco Na néboa, do seu fillo, Richard Harding Davis, traducido por María Alonso Seisdedos.

Un mes máis tarde, en novembro, incorporamos unha peza traducida por Jairo Dorado do serbio: Noventa anos despois, unha curiosa novela curta publicada orixinalmente en 1880. Trátase da meirande obra narrativa de Milovan Glišić e cómpre enmarcala na literatura gótica de temática vampírica; cabe indicar por último que é anterior, en dezasete anos, ao Drácula de Stoker. Moi amablemente, o seu tradutor tivo a xentileza de redactar unha entrada para o blog da editorial, «Serbocroata, croataserbio, serbio ou croata e croata ou serbio», onde explica de forma sucinta as razóns para as distintas denominacións das linguas balcánicas; cremos que resulta especialmente útil para quen sabemos pouco acerca da cultura e da sociolingüística dos Balcáns.

A finais de decembro, hai nada, publicamos dúas novas novelas que a efectos de premios, catalogación e outros deben ir como obras de 2020, pero que, fóra dos envíos ás persoas subscritoras e dalgunhas entregas en librarías, comezamos a distribuír xa na primeira semana de xaneiro: foron A nosa Negra, de Harriet E. Wilson, traducida do inglés por María Reimóndez, e O lector, de Bernhard Schlink, traducida do alemán por David A. Álvarez.

No caso da primeira, A nosa Negra, estamos a falar dunha das primeiras novelas (1859) da literatura estadounidense que escribiu e publicou unha afroamericana. Aborda o problema do maltrato e o abuso da poboación negra por parte da sociedade branca dos estados do norte.

En segundo lugar, O lector, unha obra de gran peso na literatura europea contemporánea, que propón unha reflexión sobre a barbarie nazi e pinta, en paralelo, unha relación amorosa de fonda pegada: a do mozo Michael Berg e a enigmática Hanna Schmitz, bastante maior ca el. Esta multipremiada novela foi traducida a máis de corenta linguas e por fin, agora, está dispoñible para os lectores e lectoras en galego.

 

III Premio Realia de Tradución Literaria

O Premio Realia de Tradución, posto en marcha a finais de 2017, de periodicidade bianual, e que xestionamos en colaboración co Concello de Santiago, fora para Antía Veres pola tradución de Detrás da máscara; o poder dunha muller, de Louis May Alcott, na primeira edición, e quedara deserto na segunda. Polo tanto, cabería esperar que agora mesmo estivese aberta a convocatoria da 3ª edición, pero non. Non porque, como explicamos de pasada na «Relación de premios á tradución galega», debido a cuestións administrativas o consistorio compostelán suxeriu que o trasladásemos a 2021 para dese modo convocar e resolver nun mesmo ano natural. Así será, e se de nós depende a mediados de marzo publicaremos as bases e convidaremos a que os tradutores acheguen os seus traballos para os valorar.


Os libros que virán

Outra volta, daremos unicamente unhas pinceladas moi xerais do que está por chegar: temos xa listas varias obras da literatura francesa clásica, e andamos pendentes de pechar os dereitos doutra tamén desa literatura. Traeremos, un ano máis, algo dende o grego moderno. E de novo tamén algo do sueco, doutro autor clásico. Por suposto, non faltarán as obras traducidas do inglés. De feito, se nos dá tempo a tela para finais de 2021, a grande aposta sería a longa novela unha dunha autora inglesa que nos parece excepcional; un pouco díficil se cadra, ou poñamos que moi esixente, pero que fai literatura con maiúsculas, e da cal habemos traer, non sen esforzo, unha das súas mellores novelas.

 

Novembro: décimo aniversario

En novembro de 2021 será cando oficialmente cumpramos unha década de traballo, e para entón esperamos superar con claridade os 100 títulos. Con data de hoxe, o noso catálogo está conformado por 97 obras de ficción, das cales 74 na coleccion principal e 23 en «Vólvense os paxaros contra as escopetas».

 

O recordatorio de cada ano

Convénnos renovar o convite a subscribirse (a modalidade estándar, 116 euros ao ano).

Dependemos en esencia dese apoio das persoas socias para traballarmos da maneira na que o facemos. Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, e mesmo a posibilidade de regalar unha subscrición.

 

Moitas grazas, boas e enriquecedoras lecturas e próspero 2021.

Collins, Genlis, Rebecca e Richard Harding Davis e un tal Renaud

Con outubro ás portas, chegan 5 novidades: as dúas de rigor que pasan a engrosar cada trimestre a colección principal e outras tres que sumamos dunha asentada a “Vólvese os paxaros contra as escopetas”.

Por unha banda, senllas obras de dous parentes en primeiro grao: Rebecca e Richard Harding Davis, nai e fillo.

Rebecca Harding Davis (1831-1910), foi unha autora realista cuxo legado e figura a crítica feminista comezaría a reivindicar medio século longo despois do seu pasamento. A obra en cuestión é A vida na fundición (1861; traducida do inglés por Alejandro Tobar), un texto pioneiro que rompe de raíz co entusiasta mito fundacional estadounidense é que está considerado unha das primeiras e máis equilibradas descricións da vida nas fábricas da literatura norteamericana.

En canto a Richard Harding Davis (1864-1916), estamos a falar dun dos correspondentes de guerra máis celebres de finais do século XIX e comezos do XX, que triunfou en múltiples campos e que morreu moi novo. A novela curta que seleccionamos para traer ao galego (na tradución dende o inglés de María Alonso Seisdedos) é Na néboa, unha peculiar historia detectivesca así como un exemplo de novela enigma.

En relación coas novidades de “Vólvense os paxaros contra as escopetas”, trátase de A escritora, de Madame de Genlis; A dama de Glenwith Grange, de Wilkie Collins; e, por último, O home das bonecas, do tándem de escritores galos que asinou co pseudónimo Jean-Louis Renaud. Esta última, O home das bonecas (traducida do francés por Xavier Senín), ten a particularidade de incluír as tétricas ilustracións en branco e negro do pintor e caricaturista Jean Veber (1864-1928).

Respecto a peza A dama de Glenwith Grange (trad. Alejandro Tobar), recomendámoslla a calquera que guste do persoal estilo de Wilkie Collins (1824-1889) e a quen degoxe polos melodramas; este en concreto está tinguido polo engano e o delito e destaca pola súa elegancia e pola habelencia do escritor á hora dosificar a intriga.

Para acabar, velaí A escritora (traducida do francés por Isabel Soto), narración que disfraza a experiencia persoal de Madame de Genlis (1746-1830) no mundo das letras mediante unha intriga amorosa; partindo da ironía, aborda as dificultades coas que batían as mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX.

Entre mañá e pasado, as novidades da colección principal sairán camiño dos domicilios das persoas subscritoras. E a próxima semana xa estarán todas dispoñibles para a compra en librarías.

Bo outono e boas lecturas.