Balance do ano editorial 2016. Previsión e notas para 2017

De 2015 a 2016
A finais de decembro de 2015, publicamos dúas obras que, consonte o noso compromiso dun único envío por trimestre aos subscritores, puxemos en circulación o primeiro de xaneiro de 2016. Tratouse de Cando levanten as brétemas, novela de Josip Mlakić traducida do croata por Jairo Dorado, e de Mocidade, de Joseph Conrad, traducida do inglés por Alejandro Tobar.

Precisamente porque o número de depósito legal, a inclusión no rexistro do ISBN ou a nosa contabilidade interna as dá como obras de 2015, puideron optar aos premios dese ano. E naceu un corvo branco: Mocidade resultou vencedora na modalidade de tradución do I Premio da Gala do Libro Galego. E a sorte parece que chegou para quedar, porque en 2016 o Premio Plácido Castro volveu distinguir unha obra de noso: Kallocaína, de Karin Boye, traducida do sueco por Marta Dahlgren –galardón que na edición de 2015 recaera en O forasteiro misterioso de Mark Twain, ex aequo coa obra Botchan de Natsume Soseki, publicada por Rinoceronte Editora.

Trece (8+5) novos títulos
Ao longo de 2016, publicamos as 8 obras de rigor destinadas de forma prioritaria aos subscritores e 5 títulos dentro da colección paralela, «Vólvense os paxaros contra as escopetas».

Abrimos con Unha desolación, novela curta da autora gala Yasmina Reza, ben coñecida na súa faceta de dramaturga, que traduciu Xavier Senín, e mais con Últimas cartas de Jacopo Ortis, primeira novela epistolar en italiano, escrita por Ugo Foscolo e traducida por Isabel Soto.

En xullo chegaría o que, ao noso parecer, foi o libro do ano no ámbito da literatura traducida: A contrafío, obra cume do xenial Joris-Karl Huysmans, de especial relevancia para as letras galegas; canda A señorita Else, unha novela breve do alemán Arthur Schnitzler, de quen paradoxalmente aínda non había nada traducido ao galego, que verteu ao noso idioma Rosa Marta Gómez Pato.

En outubro chegaron dous novos libros: O verán sen homes, da norteamericana Siri Hustvedt, traducida por Alejandro Tobar; e Colleita vermella, un referente indiscutible da literatura negra e a primeira novela na que Dashiell Hammett saca a relucir o seu detective sen nome, o Axente da Continental. Supón, por outra parte, a primeira incursión do escritor ourensán Diego Ameixeiras no mundo da tradución, feito que a nós nos serviu para confirmar unha máxima que non cansamos de repetir sempre que temos ocasión: «para traducir, é importante coñecer ben a lingua de orixe, fundamental coñecer a lingua meta e imprescindible dar co ton da novela». Ameixeiras, como previramos, cumpriu, e xaora que deu co ton de Hammett. Dá xenio ler Colleita vermella en galego. Si, é unha recomendación.

E volvendo sobre a obra de Hustvedt, todo parece indicar que será unha desas novelas de fondo que as libreiras e libreiros máis aleutos quererán ter sempre á man. Nós témola en alta estima, e agradecémoslle de novo a Agustín Fernández Paz que nos puxese sobre a pista desta autora.

En decembro publicamos O xogo serio, a última novela escrita polo sueco Hjalmar Söderberg, que traduciu do sueco Marta Dahlgren. Trátase dunha obra emotiva, profunda e triste, imperdible para os amantes das potentes letras nórdicas. E tamén achegamos As damas verdes, de George Sand, que trouxo dende o francés Xavier Senín. Desta última, salientamos que Rosalía de Castro lle vía grandes similitudes coa súa novela El caballero de las botas azules (1867), así que inescusable para rosalianos.

Á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas», a dos libros coas cubertas negras, sumamos cinco novas e singulares obras: O doutor Héraclius Gloss de Guy de Maupassant, e O caderno vermello de Benjamin Constant, en ambos os casos traducidas do francés por Marie Abraira; Nova Atlántida de Francis Bacon, traducida do latín por Alfonso Blanco; A casa e o cerebro de Edward Bulwer-Lytton, traducida do inglés por Alejandro Tobar; e Fosca de Igino Ugo Tarchetti, traducida do italiano por Isabel Soto grazas a un acordo de colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos (se alguén a quixese ler pero non mercar, tena á súa disposición en formato PDF na Biblioteca Virtual da asociación).

 

A contrafío, fariña doutro saco
Antes de especular con como será o ano 2017 para a Editorial Hugin e Munin, é xusto deterse un intre en A contrafío, a magna obra de J.-K. Huysmans e o referente incontestable do decadentismo. Supón, por suposto, un fito en termos de calidade para o noso catálogo, mais tamén cremos que o é para o corpus xeral de literatura traducida á nosa lingua.
Cando publicamos a obra, tras ano e medio de intenso traballo, decidimos que era importante achegar, de balde, unha guía de lectura, Algunhas claves para a lectura de A contrafío, cuxas noventa páxinas quedaron curtas para tanto como queriamos dicir. Valla pois un convite a lela. Limitarémonos a reproducir aquí uns parágrafos desa guía coa intención de espertar a curiosidade do lector:

A contrafío é unha das obras máis significativas e orixinais da segunda metade do século XIX, e, co decorrer dos anos, consolidou o seu valor literario e artístico e converteuse nun dos principais testemuños sobre a crise de valores da «fin de século» e sobre o movemento de renovación estética que se produciu nesa época, non só en Francia senón na maioría dos países europeos e americanos. A influencia da novela supera o ámbito estritamente literario, ao crear toda unha estética para outros campos como a moda ou o cinema, e ao recompilar a partir de citas e referencias numerosos artistas esquecidos, anteriores ou contemporáneos do autor.

Vexamos agora, literatura comparada mediante, a opinión que do libro de Huysmans tiña o británico Oscar Wilde, un dos grandes esteticistas de todos os tempos:

Non é casual que en O retrato de Dorian Gray (1891), o libro que dá en corromper a Dorian sexa precisamente A contrafío. Malia non se mencionar nunca o seu título, a identificación resulta clara. Wilde viaxou a París de lúa de mel a finais de maio de 1884, días despois da publicación da novela de Huysmans, e nunha entrevista concedida a Morning News durante esta estadía declarou:

«O último libro de Huysmans é un dos mellores que vin». No relato de Wilde cóntase como Dorian Gray chega tarde a unha cita con lord Henry porque se entretivo lendo un libro coas cubertas de cor amarela que esa mesma mañá el lle enviara. A lectura, indícase, «capturouno por completo. Tratábase do libro máis estraño que lera nunca» e Dorian entra en tal estado de cavilacións que perde a conciencia do tempo […] A Dorian Gray a fascinación polo libro dúralle anos. De feito, encarga nove exemplares da primeira edición e ordena que llos encadernen en cores diferentes, coa intención de que se adapten aos seus distintos estados de ánimo e aos caprichos da súa sensibilidade […] Cando O retrato de Dorian Gray se publicou por entregas en Lippincott’s Magazine en 1890, un ano antes de que aparecese como libro, algúns críticos xa advertiron que lelo podía resultar arriscado. The Daily Chronicle afirmou que se trataba dunha «narración derivada da literatura leprosa dos decadentes franceses, un libro velenoso cuxa atmosfera está corrompida polos olores mefíticos da putrefacción moral e espiritual». O retrato de Dorian Gray intoxica, do mesmo xeito que o libro de cubertas amarelas que lord Henry Wotton lle empresta a Dorian, «un libro velenoso. O denso cheiro do incesto parecía desprenderse das súas páxinas e turbar o cerebro». Contra o desenlace, Dorian repite esta idea: «envelenáchesme cun libro. Iso non o esquecerei. Harry, prométeme que nunca lle prestarás ese libro a ninguén. Fai dano».

Con todo, se callar os lectores galegos estamos máis interesados en saber se o libro chegou dalgún modo até Galicia.

Malia que o decadentismo apenas tivo implantación no noso país, A contrafío ocupa un lugar importante no proceso de constitución da moderna literatura galega, pois converteuse nunha obra de referencia para os autores pertencentes á Xeración Nós […] Risco deixa constancia da súa admiración por Huysmans e por A contrafío e considera a Des Esseintes como o arquetipo do dandi […] Na súa novela Arredor de si (1930), Ramón Otero Pedrayo cita expresamente a Huysmans en dúas ocasións: a primeira aludindo á conversión ao catolicismo do autor e a segunda traspasándolle a Adrián Solovio as experiencias que Des Esseintes vive no capítulo XI da novela francesa (…) Así mesmo, o título da novela de Huysmans sérvelle a Otero para ofrecer unha das claves interpretativas da personalidade de Adrián Solovio […] Ler A contrafío supón pois un complemento para comprender Arredor de si (…) Para Ramón Lugrís «hay dos tipos de inadaptados: el que rompe con la sociedad y se aisla de ella, y el que busca abrir nuevos caminos. Al primero corresponde el protagonista de À Rebours; al segundo corresponde Adrián, el protagonista de Arredor de si» […] Outra pegada máis recente de Huysmans na cultura galega atopámola en Lois Pereiro (…) quen menciona a Huysmans no número cinco da revista A Naval, «Dandys, eterómanos e infames. O vicio como luxo» (verán de 1986): «Belle Epoque infectada de delor suxerida na paixón de educados salvaxes, deformes xenios da nova moral, sen máis gloria que a súa indiferenza, narcisismo calculado à rebours, contra natura, entre fumes prohibidos e sensuais. (…) Gourmont, Lorrain, Villiers, Barbey D’Aurevilly, Borel, mesmo Nerval ou Sheridan Le Fanu, un utópico Proust de pesadelos e visións nocturnas, Gautier quizais, e sen dúbida Huysmans […]

 

2017: nace o Premio Realia de Tradución Literaria
A gran novidade de 2017 será sen dúbida o Premio Realia de Tradución Literaria, que levabamos tempo maquinando e que por fin decidimos levar adiante, coa idea de que dunha vez por todas haxa en Galicia un premio de tradución remunerado, por modesta que sexa a cantidade. O certame terá unha periodicidade bianual e o gañador recibirá 1.200 euros, ademais de ver publicada a obra nunha das nosas coleccións. Para nós é unha honra poder promover o premio e esperamos sinceramente ter ocasión de ler cantas máis obras mellor. A convocatoria está aberta dende o pasado 1 de outubro e a recepción de traballos remata o 1 de marzo. Lembramos que as traducións deben enviarse baixo plica.

Outra posible novidade de 2017 será a organización dunha nova Feira do Libro na cidade, que seica se chamará SELIC (Semana do Libro de Compostela). Oxalá os promotores saiban conducila. Se os prezos e as condicións son razoables, alí estaremos.

Tampouco desta vez revelaremos os títulos que sairán ao longo do ano que comeza. O factor sorpresa segue a ser un ben moi prezado para nós. Pero algo si; por exemplo, que Isaac Xubín xa está a traballar nunha nova obra traducida dende o éuscaro (a segunda do noso catálogo, tras a publicación en 2013 de Pasaia blues, de Harkaitz Cano), ou que chegará un clásico das letras francesas e unha novela de mediados do século XX escrita por unha autora alemá, non demasiado coñecida pero moi interesante.

Venturoso 2017 e boas lecturas.

PD.: Un necesario recordatorio: a subscrición paga a pena. Nós dependemos en esencia dese apoio previo para traballar da maneira na que o facemos. Así que, quen poida e aínda non o fixese, que considere a posibilidade de subscribirse.

10 títulos de narrativa estranxeira publicados en galego en 2017

  • Detrás da máscara, de Louisa May Alcott. Traducida do inglés por Antía Veres e publicada por Editorial Hugin e Munin.
  • A casa do sono, de Jonathan Coe. Traducida do inglés por María Alonso Seisdedos e publicada por NovoVinilo Edicións.
  • O gran Gatsby, de F. Scott Fitzgerald. Traducida do inglés por María Ana Valladares Fernández e publicada por Toxosoutos. Existe outra tradución de Laura Rodríguez publicada por Ir Indo en 2002.
  • Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob. Traducida do francés por Samuel Solleiro e publicada por Aira Editorial. Existe outra tradución de Perfecto Andrade publicada na. Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego, xestionada pola Asociación de Tradutores Galegos.
  • A historia interminable, de Michael Ende. Traducida indirectamente a partir da versión castelá por Xosé Antón Palacio e publicada por Obradoiro Edicións.
  • Pañcatranta, de Viṣṇuśarman. Traducida por José Virgilio García Trabazo e publicada por Rinoceronte editora. Compilación de fábulas da India. Primeira tradución directa do sánscrito ao galego.
  • Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren. Traducida do sueco por David Álvarez e publicada por Kalandraka.
  • O derradeiro día dun condenado, de Victor Hugo. Traducida do francés por Hernique Harguindey e publicada por Laiovento.
  • Persuasión, de Jane Austen. Traducida do inglés por Celia Recarey e publicada por Irmás Cartoné.
  • Thérèse Raquin, de Émile Zola. Traducida do francés por Isabel Soto e publicada pola Editorial Hugin e Munin.

Balance do ano editorial 2017. Previsión e notas para 2018.

No tránsito cara a 2017
Nos últimos compases de 2016 publicamos dúas obras de gran calidade. Por unha banda, As damas verdes, un relato da francesa George Sand que Rosalía de Castro tiña en moi alta estima; traduciuno do francés Xavier Senín. Pola outra, un clásico imprescindible das letras nórdicas, O xogo serio, unha das grandes novelas do melancólico autor sueco Hjalmar Söderberg; a tradución correu a cargo de Marta Dahlgren.

10 novos títulos
Había tempo que queriamos que Émile Zola estivese presente no noso catálogo. En consecuencia, decidimos que sería unha boa idea traer a súa novela Thérèse Raquin, onde o autor galo senta as bases do naturalismo. Da tradución ao galego, encargouse Isabel Soto. Tamén en abril publicamos unha nova obra importada do latín (para ser precisos, do neolatín ou latín humanístico): A viaxe subterránea de Niels Klim, unha ficción escrita no século XVIII polo noruegués Ludvig Holberg, que recomendamos especialmente aos e ás amantes da fantasía; de feito, é probable que Tolkien se inspirase na obra do autor nórdico para crear a raza dos ents de O señor dos aneis. O encargado de traducir dende o latín foi Alfonso Blanco.

En xullo chegou eSPedizioa, a crónica autobiográfica con toques de ficción que Juanra Madariaga publicara orixinalmente en 2015 na editorial vasca Txalaparta e que Isaac Xubín trouxo directamente do éuscaro para o galego. Gustaralles sobre todo a alpinistas e admiradores da lírica e da prosa poética. Así mesmo, despois de resultar gañadora do I Premio Realia de Tradución Literaria, publicamos unha obra de Louisa May Alcott, Detrás da máscara: o poder dunha muller, na tradución do inglés ao galego de Antía Veres. A obra xira ao redor da personaxe de Jean Muir, unha muller de gran determinación que sen dúbida daría para un intenso debate en calquera club de lectura. Foi tamén a comezos do verán cando publicamos, na colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas», unha divertida obra de Edmond About, autor satírico francés do século XIX que hoxe poucos recordan. Falamos da novela curta O nariz dun notario, traducida por Marie Abraira.

Na entrega de outubro viñeron dúas obras moi distintas: por unha banda, Os salgueiros, peza de gran relevancia no xénero da literatura de terror dun autor ben coñecido en Gran Bretaña, Algernon Blackwood, e se cadra tamén fóra das Illas. A tradución do inglés correu a cargo de Alejandro Tobar. Pola outra, unha aposta de noso: A obra, de Bruno Sperani (pseudónimo de Beatrice Speraz), novela realista cunha forte carga ideolóxica socialista. Da tradución ocupouse Isabel Soto. Resultounos desconcertante comprobar que unha obra tan interesante coma esta de Sperani non fora nunca traducida integramente a unha lingua peninsular, de modo que nos resultou especialmente grato traela para o lectorado galego.
E cando o ano está para rematar, sacamos tres novas obras. Delas, seguramente Nós, de Evgenii Zamiatin, sexa a que hoxe teña un maior predicamento. É o antecedente de 1984, novela coa que comparte numerosos trazos. As obras mestras de Orwell e Zamiatin teñen pasaxes, estrutura, personaxes e atmosferas semellantes. Unha simple procura rápida en Internet deitará luz a quen estea interesado no tema. A tradución dende o ruso fixérona en tándem Elena Sherevera e Lourenzo Maroño. A segunda das novidades de decembro foi Un mundo distinto e igual, singular e imaxinativa novela do bispo inglés Joseph Hall que traduciu do latín Alfonso Blanco. Por último, quixemos engrosar a colección paralela cunha obra de grande intensidade malia a súa curta extensión (apenas 60 páxinas): A traba, da británica Mary Cholmondeley. A tradución ao galego fixérona conxuntamente Matthias Louwen e Sabela Tobar. Trátase dun texto vitoriano que acontece en Londres e no que, mediante un xogo de afectos e traizóns, os personaxes logran seducir os lectores e, en ocasións, conturbalos.

 

Os premios e a SELIC
Principalmente, dúas efemérides: 1) Isabel Soto foi distinguida co XVI Premio Plácido Castro pola tradución do italiano para o galego da obra Fosca, de Igino Ugo Tarchetti. 2) Pola súa tradución do inglés ao galego de Detrás da máscara: o poder dunha muller, a vilalbesa Antía Veres Gesto resultou a gañadora, por unanimidade, do I Premio Realia de Tradución Literaria, organizado por Hugin e Munin en colaboración co Concello de Santiago.

En segundo termo, cabe mencionar que a obra de Joris-Karl Huysmas A contrafío, cuxa tradución tamén correu a cargo de Isabel Soto, foi finalista na modalidade de tradución da II Gala do Libro Galego.

Celebrouse, no mes de xuño, a primeira edición da SELIC (Semana do Libro de Compostela). Participamos, e foinos ben; vendemos libros e subscricións e coñecemos persoas interesadas na promoción da lingua e da cultura de Galicia. A nosa impresión é que os máis dos participantes estivemos a gusto. Xa que logo, esperamos con devezo a chegada da segunda edición, que está prevista para xuño e que probablemente saberá corrixir os poucos e comprensibles erros da primeira. Parabéns aos organizadores.

 

Os libros que virán en 2018
Traeremos un clásico universal das letras francesas, cuxa compra de dereitos xa está pactada. Importaremos tamén unha longa novela contemporánea dunha autora grega e outra ben máis curta dunha autora vasca. Así mesmo, caerá outra novela sueca e mais un par de obras dende o inglés… En canto a nomes concretos, velaí dous: Stefan Zweig e Max Jacob.

 

Un recordatorio
A subscrición paga a pena. Nós dependemos en esencia dese apoio previo para traballar da maneira na que o facemos. Así que, quen poida e aínda non o fixese, que considere a posibilidade de subscribirse. Grazas, boas lecturas e próspero 2018.

Balance do ano editorial 2018

No tránsito cara a 2018
A finais de decembro de 2017 publicamos tres obras cuxa distribución nas librarías principiou xa en 2018.


Unha delas, destinada á colección principal, foi Un mundo distinto e igual, do bispo inglés Joseph Hall, traducida do latín humanístico por Alfonso Blanco (responsable tamén do rico corpo de notas); trátase dunha obra orientada sobre todo aos amantes das utopías satíricas clásicas.

Outra, tamén dentro da colección orientada aos subscritores, foi Nós, que pasa por ser a obra cumio de Evgenii Zamiatin, tida en grande estima polos amantes da ciencia ficción de todo o mundo. Neste caso estamos a falar dunha distopía, altamente recomendada para admiradores de Orwell; xa anunciabamos o ano pasado no pertinente balance anual que esta obra é o antecedente máis directo de 1984, novela coa que comparte numerosos trazos. As obras mestras de Orwell e Zamiatin teñen pasaxes, estrutura, personaxes e atmosferas semellantes. Unha simple procura rápida en Internet deitará luz a quen estea interesado no tema. A tradución dende o ruso correu a cargo do tándem formado por Elena Sherevera e Lourenzo Maroño.

A terceira obra en cuestión foi A traba, de Mary Cholmondeley, integrada na colección paralela, «Vólvense os paxaros contra as escopetas» –a das cubertas negras–, en tradución de Matthias Louwen e Sabela Tobar. Trátase dun rico e pouco coñecido texto vitoriano cuxa trama se desenvolve en Londres e no que, en apenas 60 páxinas, a autora logra despregar un interesante xogo de afectos e traizóns.

8 lecturas para 2018
O xogo das cadeiras é unha novela breve de Uxue Alberdi e supuxo a terceira inclusión dunha obra vasca no noso catálogo. De novo, coma nas dúas veces anteriores nas que fomos de pesca literaria a Euskal Herria, o artífice da tradución dende a lingua éuscara foi Isaac Xubín. Trátase dunha novela ben artellada, cuxa lectura resulta fluída e onde a práctica totalidade dos personaxes son mulleres. Publicámola no mes de abril, e canda ela chegou outra novidade vertida dende o inglés: Dos días do porvir, de H. G. Wells (traducida por Alejandro Tobar), obra que engrosa a xa considerable morea de clásicos da ciencia ficción que temos no noso fondo.

Estas dúas traducións quedaron por baixo das 150 páxinas, algo que equilibramos ao trimestre seguinte (a entrega estival, en xullo) coa extensa Filibuth ou o reloxo de ouro, unhas das principais obras narrativas do polifacético e malfadado artista galo Max Jacob. Da tradución do francés ao galego encargouse Isabel Soto. A de Jacob é posiblemente a peza máis complicada e estraña que sacamos este ano. Sabiamos de antemán que para supervendas non iría, pero cremos importante que esta clase de obras literarias, un tanto máis difíciles do acostumado, estean tamén en galego; e dende logo é un bo libro, con múltiples capas e espazo para o debate.

A outra novela que apareceu no verán foi Unha muller perdida, da norteamericana Willa Cather, traducida do inglés por Antía Veres. É unha magnífica obra para agasallar nas datas de Nadal, pois contén a dose xusta de nostalxia e, no plano estritamente literario, raia a un nivel realmente alto, coa virtude de lograr conectar cun elevado número de lectores e lectoras. Malia o tempo e a distancia, tanto personaxes coma vicisitudes resultarán próximos para o cidadán actual.

Chegou outubro e con el dúas obras avaladas por público e crítica e de inusitada potencia. Por unha banda, un clásico moderno das letras gregas, traducido da lingua orixinal por Alfonso Blanco: Pequena Inglaterra, de Ionna Karistiani, un melodrama moderno que transcorre nunha illa do Exeo. Un posible empezo –só ao primeiro, pois un axiña se afai– é a súa peculiar puntuación. Superada esa rareza, literatura de altos voos. Pola outra banda, unha das grandes novelas do austríaco Stefan Zweig: A impaciencia do corazón, que traduciu do alemán Rosa Marta Gómez Pato. Curiosa casualidade que en 2018 se incorporasen ao corpus de literatura traducida outras dúas obras do mesmo autor: Momentos estelares da humanidade (Kalandraka; trad. Laureano Araujo) e a reedición de Novela de xadrez (Irmás Cartoné; trad. Patricia Buxán e Saleta Fernández), que previamente saíra publicada en Ir Indo (2004).

De actualidade
E xa cando 2018 agoniza, presentamos un clásico universal incontestable e mais unha aposta de noso. En primeiro lugar A peste de Albert Camus, que traduciron conxuntamente Isabel Soto e Xavier Senín. Palabras maiores. Singularísima obra que vén cubrir un oco inexplicable da literatura traducida ao galego. Gustaríanos destacar que entre as múltiples interpretacións que é posible facer da obra, cóntase a antifascista, pois «o bacilo desa “peste” non morre nin desaparece endexamais». A nosa segunda proposta é Apropiación indebida: unha novela sobre o amor, de Lena Andersson, que traduciu do sueco ao galego Marta Dahlgren. Publicada orixinalmente nunha data tan recente como 2013, supuxo un auténtico boom editorial en Escandinavia, o que propiciou que ao longo destes anos se traducise a diversas linguas. É, pois, unha moi boa noticia que tamén agora estea dispoñible en galego.

II Edición do Premio Realia
Decorridos dous anos dende a primeira convocatoria do Premio Realia de Tradución Literaria –no que resultou gañadora Antía Veres pola novela Detrás da máscara: o poder dunha muller, de Louisa May Alcott–, tocounos poñer en marcha a nova edición do certame, cuxo prazo para a recepción de propostas permanecerá aberto até o 1 de marzo de 2019. Animamos polo tanto a que tradutoras e tradutores ao galego nos fagades chegar os vosos traballos. O premio conta cunha dotación de 1.200 euros máis a publicación da obra gañadora en calquera das nosas dúas coleccións.

5 guías de lectura
Ao longo dos catro últimos anos fomos colgando na rede unhas guías de lectura que consideramos útiles como complemento á publicación de determinadas obras de tempo atrás. A primeira delas aparecera en novembro de 2014 como anexo ao único texto de ficción de Johannes Kepler: O soño. O seu impulsor foi Alfonso Blanco, quen cada vez que debía entregarnos unha obra traducida dende o latín tiña o xesto de achegar gratis et amore un destes apéndices. Por iso, en xuño deste ano, tras algúns arranxos de formato e unha vez ideado un deseño común para todas elas, presentámolas en papel a prezos módicos (2 ou 3 euros, en función da extensión) con ocasión da Semana do Libro de Compostela. Polo momento, corresponden a catro traducións do latín: O soño de Kepler, Un mundo distinto e igual de Joseph Hall, Nova Atlántida de Francis Bacon e A viaxe subterránea de Niels Klim de Ludvig Holberg; e unha do francés, elaborada por Isabel Soto: A contrafío de Joris-Karl Huysmans.

Os libros que virán en 2018
Algunhas pistas: en 2019 chegará unha novela negra do senlleiro Raymond Chandler. Tamén algo caerá de Ricarda Huch, unha autora alemá non demasiado coñecida. Seguiremos incrementando o catálogo de obras de ciencia ficción, desta vez cun texto importado do francés, que probablemente irá a parar á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas»; como tamén engrosará a colección paralela un opúsculo de Wilkie Collins e posiblemente outro de George Eliot; finalmente, se todo vai segundo o previsto, faremos unha incursión nunha lingua romance até agora inexplorada. Para os restantes títulos: oh, sorpresa!

O recordatorio habitual
Convénnos renovar o convite a subscribirse (a modalidade estándar, 116 euros ao ano; non subiu nin un céntimo dende a fundación da editorial a finais de 2011). Nós dependemos en esencia dese apoio das persoas socias para traballar da maneira na que o facemos. Así que, quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, e mesmo a posibilidade de regalar unha subscrición. Grazas, boas e enriquecedoras lecturas e próspero 2019.