A contrafío, do aglaio da xeración Nós á tradución de Isabel Soto
Catro anos e uns meses despois da súa publicación en lingua galega, estes días chegaron do prelo os novos exemplares de A contrafío, unha das novelas máis senlleiras e estimadas que temos no catálogo, na que traballaramos a esgalla durante polo menos un par de anos, sobre todo a súa tradutora, Isabel Soto. Coma decote, ao comprobar que se nos ían esgotando as existencias, aproveitamos para revisar o conxunto, retirar algunha que outra errata e reimprimir as correspondentes copias.
É sabido que gran parte dos nosos títulos son libros de fondo; long-sellers a pequena escala, se se quere. De entre eles, poucos hai co grao de excelencia de A contrafío. A edición galega da denominada “Biblia do decadentismo” leva incorporado un xenuíno aparato de notas ao pé (nada menos que 232; con diferenza, a que máis de entre as obras de noso), o prefacio do autor para a edición en francés de 1903, é dicir, case vinte anos despois da publicación orixinal en 1884 (un texto que reformulamos como posfacio, de tal maneira que non condicionase en exceso a lectura), a inescusable nota preliminar onde se contextualiza en catro xeniais pinceladas o pasado familiar de Des Esseintes ao tempo que se avanza o seu dandismo, e, a maiores, unha guía de lectura de elaboración propia intitulada Algunhas claves para ler A contrafío, da que chegamos a sacar algunhas copias en papel e coa que actualmente obsequiamos a quen merca un exemplar da novela.
Na tal guía, en concreto na epígrafe “Huysmans e a literatura galega”, explicamos até que punto A contrafío foi unha “referencia para os autores pertencentes á Xeración Nós, os cales participaron da sensibilidade propia da mocidade de comezos do século XX e do seu intento de busca na literatura de corte espiritualista dunha táboa coa que salvarse do naufraxio no que afogaban no contexto da España da Restauración”; de igual modo, achéganse curiosidades e vencellos entre a obra de Huysmans e outras da literatura galega como Arredor de si (1930), de Otero Pedrayo.
Por estes motivos, convidamos a lectoras e lectores a mergullarse por vez primeira ou pola enésima nunha das obras máis relevantes da literatura europea de finais do XIX.