Listado de la etiqueta: reimóndez

Verán de 2026: Leïla Slimani e Amy Levy

Ao longo desta semana sairán para o domicilio das persoas subscritoras as dúas novidades do trimestre que principia en xullo, e deseguida empezarán a distribuírse tamén en librarías e outras canles comerciais.

Por unha banda, presentamos unha das grandes pezas da literatura francesa contemporánea, Doce arrolo, de Leïla Slimani. Galardoada co Premio Goncourt 2016, trátase dunha historia a medio camiño entre a fábula tráxica e o thriller psicolóxico, inspirada nun caso real e que destila un suspense hipnótico. A tradución francés-galego correu a cargo de Isabel Soto.

Coa publicación deste título en concreto (no que temos postas non poucas expectativas), gustaríanos aproveitar para destacar o magnífico exemplo que representan Gonzalo Pérez e Maribel Tato, da libraría Cartabón, no relativo ao trato dispensado ao libro galego, e dun xeito especial ao libro galego traducido. Cadra que hai agora catro anos foi Gonzalo quen nos recomendou a lectura de Doce arrolo e nos animou a mercar os dereitos para o galego. Dende o seu negocio localizado na viguesa rúa de Urzaiz, que conta cun impresionante fondo, esta parella de libreiros escoita os lectores e lectoras e ofrécelles consellos profesionais, sempre fiables; dende o seu elo na cadea do libro, a súa é unha medicación acertada que ás veces, coma neste caso, dá froitos poderosos e que oxalá non pasen desapercibidos. Grazas, pois, á familia de Cartabón, a quen en gran medida se debe que hoxe esta estarrecedora novela, Doce Arrolo, estea, por fin, en galego.

Por outra banda, publicamos un retrato pioneiro dos anhelos e limitacións das mulleres na sociedade tardovitoriana, consonte o modelo feminista da «Nova Muller», en tensión cos roles máis tradicionais: a novela da británica Amy Levy intitulada O estudio fotográfico, de cuxa tradución dende o inglés se encargou María Reimóndez. Pola combinación de humor, sensibilidade e visión social, parécenos que a obra vai alén da novela romántica, pois contén unha lúcida e pertinente reflexión sobre o traballo feminino, a autonomía persoal e o prezo da liberdade nun mundo masculinizado. Tamén este título cremos que pode interesarlles a lectores e lectoras galegos de hoxe en día.

Así pois, boas lecturas e bo verán.

Novelas de Jackie Kay e Ada Negri, novidades de outono

Nas vindeiras horas enviaremos as dúas novidades deste cuarto e último trimeste de 2024 aos domicilios das persoas subscritoras, e en cuestión de apenas un par de días estarán así mesmo dispoñibles nas canles comerciais habituais. Nesta ocasión, incorporamos ao catálogo senllas obras escritas orixinalmente en inglés e italiano.

Por unha banda, Trompeta, obra narrativa de referencia da escocesa Jackie Kay publicada en Escocia en 1998 e que agora se ofrece en lingua galega na tradución de María Reimóndez. Inspirada -só en parte- na vida do músico estadounidense Billy Tipton, consideramos que se trata dunha novela moi ben estruturada, cunha prosa asemade esixente e exuberante e unha multiplicidade de voces e perspectivas francamente lograda, razóns polas cales semella que acadou no seu momento o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian.

Por outra banda, Luceiro da mañá, unha peza breve que, publicada en 1921, deseguida contou co aplauso de crítica e público, talvez por recoñecer nela a fidelidade ao xénero autobiográfico característico da autora, a lombarda Ada Negri, e pola súa aposta formal, cunha estrutura fragmentaria e lírica. Con aparente sinxeleza, mediante frases que semellan anotacións e sen artificios retóricos, plásmanse feitos cotiáns a miúdo recoñecibles polos máis dos lectores. A tradución, coma case todas as demais feitas dende o italiano (esta é xa a décima), correu a cargo de Isabel Soto.

Ofrecemos, polo tanto, dúas obras de referencia de dúas autoras de innegable prestixio. No caso de Negri, cabe lembrar que en 1926 e 1927 fora candidata ao Premio Nobel de Literatura. No caso de Kay, salienta, por exemplo, a súa designación como makar, un título creado en 2004 equiparable ao de poeta nacional, e que lle correspondeu entre os anos 2016 e 2021.

Boas lecturas!

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso LegalPolítica de PrivacidadeEnvíos, devolucións e desistencia