Listado de la etiqueta: literatura sueca

En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West

Por unha banda, a novela de Nathanael West intitulada A señorita Corazóns Solitarios, un dos cumios da ficción norteamericana en palabras do crítico Harold Bloom. Publicada orixinalmente en 1933 e ambientada na época da Gran Depresión, trátase dunha farsa tráxica na que os seus dous protagonistas brindan momentos excepcionais. Neste traballo, West combina con mestría un discurso pretendidamente pedestre, mesmo vulgar, cunha aura de cavilacións metafísicas e prédica antirelixiosa.

A señorita Corazóns Solitarios contén pasaxes memorables: dende o capítulo intitulado “A señorita Corazóns Solitarios no lamazal da depresión” até escenas coma a que se desenvolve nuns urinarios públicos, onde varios personaxes acosan un vello, que precede, e talvez marca o camiño, a afamadas obras que en décadas sucesivas abordarían a cuestión da deshumanización; entre as máis destacadas, A Clockwork Orange (1962), de Anthony Burgess. Algúns diálogos, polo demais, cremos que son dignos das mellores páxinas de hardboiled, sen ser este o seu xénero. E o final, tras un falso clímax argumental, semella case que redondo. Por estes e outros motivos, pensamos que paga moito a pena fincarlle o dente a esta mordaz parábola nihilista que ocupa un lugar preferente na literatura americana en lingua inglesa. A tradución do inglés ao galego correu a cargo de Ignacio Chao, quen para nós xa trasladara tempos atrás a novela curta O neno perdido, do estadounidense Thomas Wolfe.

* * *

Por outro lado, ofrecémoslle ao lectorado en galego unha peza radicalmente distinta, A honrada estafadora, unha das escasas pero valiosísimas mostras de literatura para público adulto da escritora e ilustradora finesa Tove Jansson, de gran sona a nivel mundial pola creación dos Mumin. Cómpre, con todo, adscribir esta novela, igual ca toda a súa produción narrativa, á literatura sueca, por ser o sueco a lingua de creación orixinal.

Publicada orixinalmente en 1982, a peza ten un marcado cariz psicolóxico e explora temas coma a honradez, a construción da identidade, a relevancia do diñeiro ou a necesidade de compañía entre os seres humanos. É xusto destacar a suxestiva ambientación (todo ocorre en Västerby, unha pequena localidade na costa do mar de Botnia, nunha época de intensas nevaradas), tamén a prosa envolvente, sen artificios, e o carácter ambiguo que impregna o texto e que sen dúbida fomentará o debate, nun continuo xogo de poder entre as dúas mulleres protagonistas: a intelixente e implacable moza Katri Kling e a solitaria e célebre ilustradora de libros infantís Anna Aemelin.

A tradución do sueco ao galego realizouna Marta Dahlgren, quen xa antes se responsabilizara doutras sete obras suecas presentes no noso catálogo, de autores e autoras coma Hjalmar Söderberg, Karin Boye, August Strindberg ou Victoria Benedictsson.

 

Boas lecturas de primavera!

Reimpresión de Kallocaína

Esgotada a primeira edición, acabamos de reimprimir Kallocaína, a soada novela de ciencia ficción escrita pola sueca Karin Boye. Publicarámola en galego a comezos de 2015, na tradución de Marta Dahlgren, e ao ano seguinte foi distinguida co Premio Plácido Castro de Tradución.

Tanto a nivel temporal como a nivel temático, esta distopía parece moverse entremedias de Un espléndido mundo novo, de Aldous Huxley, e 1984, de George Orwell, na medida na que presenta un mundo de cidadáns soldado ao servizo do opresor e todopoderoso Estado Mundial e achega, entre outros elementos de interese, un soro inxectable, a kallocaína, capaz de garantir a estabilidade mundial en detrimento da autonomía do individuo.

Da tradución e mais da tradutora, o xurado do Premio Plácido Castro destacou na acta «o rigor e a viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución», así como o feito de se tratar «dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras».

Convidamos polo tanto á lectura deste «alegato contra o totalitarismo e o control social en clave de ciencia ficción», pois así é que como se describiu unha das obras capitais da ciencia ficción sueca nun artigo de prensa en Nós Diario, daquela Sermos Galiza.

Boas lecturas.