Listado de la etiqueta: brookner

Balance do ano editorial 2023

Como facemos cada Nadal, velaquí o que deu de si un ano de traballo en Hugin e Munin, un percorrido que principiamos retrocedendo a decembro de 2022 para recordar a publicación de Os tardeiros, unha novela acerca das complicacións da idade adulta (decote indisociables da nenez) da británica Anita Brookner; e da conmovedora nouvelle O neno perdido, do estadounidense Thomas Wolfe. Mentres que a tradución da primeira correu a cargo de Alejandro Tobar, da segunda ocupouse Ignacio Chao, quen se converteu no trixésimo cuarto tradutor en asinar unha obra do noso catálogo. Cabe lembrar que nos meses posteriores á publicación destas obras fornecemos información complementaria sobre elas en múltiples entradas do blog. Sirvan de exemplo as intituladas «Os tardeiros. Longa nota do tradutor» e «Vencellos co universo de Thomas Wolfe».

Os 8 títulos de 2023

O 1 de abril presentamos unha obra traducida do sueco, a sétima xa (todas grazas ao traballo de Marta Dahlgren). Tratouse de Cartos, de Victoria Benedictsson, unha novela adscrita á corrente feminista sueca da segunda metade do século XIX. A autora destacou pola súa ruptura co romanticismo, por abrazar o realismo naturalista e por concibir a literatura como espazo para o debate. Neste sentido, é interesante que a protagonista de Cartos, Selma Berg, chegue a describir nun momento dado un cuarto de seu –a posibilidade dun mundo propio e propicio para a evolución persoal–, e que isto aconteza medio século antes de que o fixese Virginia Woolf na súa afamada obra.

Tamén na entrega de abril chegou a tradución, a cargo de Alfonso Blanco, de O crime de Psichiko, un enxeñoso relato paródico que, amais de ofrecer un crecente suspense, recrea a atmosfera da capital grega a comezos do século XX, dando conta dos diferentes estratos sociais. O seu autor é Pavlos Nirvanas, un escritor natural de Mariupol, cidade dende a que se trasladaría ao Pireo con apenas sete anos de idade.

Mediado o ano, presentamos As irmás Bunner, da célebre autora estadounidense Edith Wharton, unha narración ambientada na Nova York de finais do século XIX. Ann Eliza e Evelina Bunner rexentan un humilde comercio que apenas lles dá para ir tirando, até que o seu mundo cambalea coa irrupción da figura dun reloxeiro de orixe berlinesa, o señor Herman Ramy.

A canda a obra de Wharton, editamos As gratitudes, de Delphine de Vigan, un dos pratos fortes do ano, cunha tradución de Xavier Senín que recibiu eloxios na prensa galega e entre algunhas amizades e persoas coñecidas, cremos nós que con razón. A novela transita polo mundo da vellez, a dependencia e a empatía, e nela a palabra eríxese en elemento crucial. Por resumilo moito, a autora conta a conmovedora historia dunha anciá, Michka, que sofre a paulatina perda da facultade de se comunicar.

A comezos de outubro presentamos outro par de obras: por unha banda, Luceiro da mañá, da lombarda Ada Negri (traducida dende o italiano por Isabel Soto), unha fermosa novela de apenas 120 páxinas publicada orixinalmente en 1921 e que contou co aplauso de crítica e público, talvez pola súa aposta formal, cunha estrutura fragmentaria e lírica, e pola fidelidade ao xénero autobiográfico característico da autora.

Tamén de outubro foi outro gran proxecto que levaba varios anos fraguando: a incorporación ao catálogo de Trompeta, da escritora escocesa Jackie Kay, na tradución dende o inglés de María Reimóndez (que nos axudou a custear Publishing Scotland, institución que asumiu arredor do 30 % dos honorarios da tradutora e coa que o trato foi excelente). Trátase dunha novela intelixente, distinta e inspirada en parte na vida do músico estadounidense Billy Tipton. Máis alá de achegar novos e interesantes temas e puntos de vista, engaiola a súa exuberante prosa, razón pola que se cadra acadou o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian a finais da década de 1990.

Chegados a decembro, optamos por cerrar o ano con outras dúas novelas nunca antes traducidas a ningunha lingua peninsular, é dicir, demostramos con outro par de traballos que en galego é posible, e desexable, xogar nas grandes ligas, estar na «avanzada da tradución literaria», sen o pago de peaxes en forma de linguas ponte e sen ter que ir a remolque das descubertas alleas. Con esta intención, trouxemos a novela El, de Louise Colet, que mestura unha trama romántica co desexo de arranxar contas persoais (as máis soadas, con Gustave Flaubert, amante da autora durante case unha década). O texto constitúe, a nivel literario, unha mostra anticipada e bastante extensa da literatura do eu e a posta en práctica do criterio da sinceridade na arte defendido pola autora. A súa tradución dende o francés correu a cargo de Isabel Soto.

E importamos tamén A traizón, unha novela tan estupenda como desacougante de Amalie Skram, a cal xira arredor dunha guerra conxugal entre o experimentado capitán Adolph Riber e Aurora Ingstad, unha moza de dezasete anos. Con momentos de gran virulencia dialéctica, diálogos enxeñosos e un hábil emprego da corrente de conciencia, ofrecémoslles aos lectores e lectoras galegos un dos grandes clásicos do rupturismo moderno escandinavo, grazas á tradución en tándem realizada por Marta Dahlgren e Alejandro Tobar. Respecto á lingua de partida da obra, recomendamos ler con vagar a entrada «A cuestión lingüística na novela A traizón». Apuntamos, para concluír, que tanto a novela de Colet coma a de Skram, malia existir xa, non as distribuiremos até o día 4 de xaneiro, por razóns de loxística e transporte.

 

Outros feitos relevantes

Volvemos así mesmo participar na Semana do Libro de Compostela, que contou cunha boa organización e onde nos foi ben. Agradecemos ademais que o Concello recuperase a Praza da Quintana como lugar de encontro, todo un acerto, como tamén a programación (entre as escritoras convidadas, tivemos a honra de contar coa presenza de Karmele Jaio, autora de A casa do pai).

Agradecemos con idéntica énfase que un número importante de clubs de lectura renovase a súa aposta por títulos –recentes e non tanto– de Hugin e Munin: A nosa Negra, Cartos, O verán sen homes, Os tardeiros, As gratitudes, O lector… Grazas a quen coordinan e seleccionan os nosos libros para llelos ofrecer a lectoras e lectores de case todas as idades. A quen aínda non se animaron a propoñer a súa lectura, convidámolos a repasar o noso catálogo: dende As normas normas ou Thérèse Raquin até Cando levanten as brétemas ou A virtude de Checchina, son abondas as novelas que, na nosa opinión, poden funcionar ben como ‘lectura compartida’.

Canto ao IV Premio Realia de Tradución Literaria, foi boa mágoa que quedase deserto. Así a todo, mantemos o noso compromiso de sacar adiante a V edición en 2025, dado o carácter bianual do galardón. Tanto a acta do xurado como a entrada «A cuarta experiencia do Premio Realia» están dispoñibles no blog.

Noutra orde de cousas e dun modo xeral, resolvemos outra volta non presentarnos á máis recente e igual de nefasta convocatoria de Axudas á Tradución que a Consellaría de Cultura tramita da peor maneira imaxinable. Para quen desexe ir ao detalle, remitimos á «Análise da orde de axudas públicas á tradución de 2022», que en esencia serve tamén para a orde de 2023. Pola nosa banda, non temos xa ningunha esperanza de que a cousa mude de maneira substancial co Partido Popular aos mandos, polo que só lle vemos solución cun cambio de Goberno. Oxalá se produza. Por nós non ha quedar.

 

Os libros que virán

Como é costume, a seguir non ofreceremos senón meras pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes concretos: encargamos unha obra alemá publicada orixinalmente na década de 1970; un clásico italiano ambientado na Roma do XIX; unha alfaia rusa detrás da cal levamos máis dunha década e que por fin parece que verá a luz; un par de boas novelas estadounidenses; e se logramos chegar a un pacto para a compra de dereitos (non está doado), faremos un esforzo a maiores para traer unha obra contemporánea francesa de marca maior…

 

Os dous recordatorios de cada ano

A nosa independencia respecto dos cartos públicos é total. Proba disto é que o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas. E non porque non teñamos dereito a máis subvencións ou non as queiramos e creamos merecelas, senón porque, no trato coa Administración galega do Partido Popular (ao que desexamos ver fóra do Goberno da Xunta como resposta a unha xerencia pésima en materia cultural), é moi difícil saír con dignidade cando se entra na arrevesada e perversa roda das axudas públicas que a Consellaría de Cultura reparte (chamarlle xestionar non se pode) con man caciquil.

En segundo lugar, o recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais (aínda que estables e cun crecemento lento pero continuado) coma que sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios, pese ao desbocado aumento do custo da vida, dende 2011, e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros.

Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2024

Balance do ano editorial 2022

Coma cada ano ao chegar estes días, facemos balance do traballo realizado, nun 2022 que resultou complicado debido ao considerable aumento dos prezos de transporte, tintas, papel, materiais de embalaxe… Baste dicir que, para a mesma cantidade, o modelo de cartón de envío que en marzo nos custara 0,41 € a unidade, a pasada semana estaba a 0,80 €; de aí que optásemos por outro máis económico, que con todo non baixou dos 0,66 €; ou, no caso do papel, para a mesma cantidade de exemplares e con características de formato idénticas, o derradeiro libro deste ano, con 320 páxinas, custounos practicamente o mesmo ca outro impreso en marzo, con 540 páxinas.

Así mesmo, cabe sinalar que acordamos non presentarnos á última edición das Axudas á Tradución que a Consellaría de Cultura tramita da peor maneira imaxinable. Esa liña de subvencións, na teoría, é a tal para editoriais especializadas coma a nosa, e polo tanto a onde cremos que ten sentido acudir, pero non nas actuais condicións, analizadas por enésima vez uns meses atrás. Coa última década como base, a dicir verdade non temos xa grandes esperanzas de que a cousa mude de maneira substancial, polo que só lle vemos solución cun cambio de Goberno, xente nova, máis receptiva e competente, e ideas novas, súas e emprestadas do sector.

Polo demais, participamos na Semana do Libro de Compostela, onde nos foi ben. E tamén consideramos unha boa nova que houbese varios títulos recentes de Hugin e Munin escollidos en distintos clubs de lectura: A nosa Negra, Morrerei outro día, A escritora, As nosas normas ou O lector. E, para 2023, xa están programadas novas sesións con, outra volta, Morrerei outro día, e, como novidade, A curmá Phillis. O noso agradecemento a todos eses lectores e lectoras e a quen os coordinan e seleccionan os nosos libros.

 

Decembro de 2021

Malia non seren estritamente obras do curso editorial que agora acaba, encomezamos este balance trimestre a trimestre amentando os dous títulos publicados na última quincena de 2021 a modo de recordatorio, pois é frecuente que queden nunha sorte de limbo e polo tanto non reciban toda a atención que quizais merezan.

Así, en decembro de 2021, incorporaramos dúas novelas ao noso catálogo: Thérèse Desqueyroux, do premio nobel François Mauriac, traducida do francés por Xavier Senín, e mais As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, gañadora do III Premio Realia que convocaramos en xullo de 2021, cuxa tradución dende o grego moderno correu a cargo de Alfonso Blanco.

 

Os 8 títulos de 2022

En 2022, centramos todos os nosos esforzos na colección principal, de tal modo que o número de novos títulos quedou limitado a oito, é dicir, dúas novas novelas por trimestre. Baixamos xa que logo a media de publicacións da nosa primeira década de vida: 11 novelas ao ano. Así a todo, temos a sensación de que a decisión foi para ben. Ao noso entender, o nivel de calidade ofrecido neste 2022 entra claramente no podio dos nosos mellores anos. Tamén foi o ano no que acadamos a paridade de xénero entre os novos autores e autoras publicados. Deteñámonos pois, brevemente e por orde cronolóxica, en cada unha das publicacións.

O 1 de abril presentamos unha obra traducida do éuscaro, a cuarta xa. Tratouse de A casa do pai, da vitoriana Karmele Jaio, a día de hoxe unha das máis prestixiosas narradoras a nivel estatal. A novela, de cuxa tradución se encargou Isaac Xubín, foi distinguida co Premio Euskadi de Literatura e, entre os temas que propón, figuran as complexas relacións entre a masculinidade e o feminismo, a identidade ou a memoria. Que saibamos, aínda ninguén a propuxo para un club de lectura, polo que dende aquí animamos a facelo. A casa do pai é unha obra moi ben escrita que permite debater sobre multitude de temas de interese.

A canda o de Jaio, saíu o que posiblemente sexa o noso libro do ano: A educación sentimental, de Gustave Flaubert. A encargada de traducir esta longa obra mestra (540 páxinas na edición galega) foi Isabel Soto, responsable así mesmo do corpo de notas (máis de 200) e dos tres apéndices que facilitamos na páxina web como complemento á lectura: «Xénese da obra e marco temporal», «Quen é quen» e «Valoracións críticas». Como comentaba a tradutora nunha entrevista recente: «Hai páxinas desta novela de Flaubert nas que unha quedaría a vivir». Como ao longo de todo este ano demos boa conta do moito que ofrece A educación sentimental, e posto que con certeza volveremos de tempo en tempo sobre ela polo que ten de canónica, escusamos comentar aquí máis nada.

No mes de xullo presentamos dúas obras breves. Por unha banda, O monstro, de Stephen Crane, traducida do inglés por Iago Nicolás Ballesteros. Esta peza –minuciosamente analizada, e enxalzada, de maneira recente por Paul Auster– aborda con gran sutileza e facendo un intelixente uso das elipses, o racismo padecido pola comunidade afroamericana nos EUA a finais do século XIX e comezos do XX. O seu autor foi pioneiro do realismo social, do naturalismo e da narrativa de corte psicolóxico, onde brillou con luz propia. Paga moito a pena para amantes da narrativa breve.

A outra obra que saíu no verán foi O castelo Rackrent, unha novela curta de Maria Edgeworth que traduciu Alejandro Tobar. Trátase dunha obra satírica pioneira da literatura histórica anglo-irlandesa. De tal modo que, segundo nos fixo saber o historiador Miguel Anxo Seixas, «a sociedade que describe presenta numerosas similitudes coa Galicia da época». No plano estritamente literario, destacariamos o intelixente uso que Edgeworth fai da figura retórica do dialoxismo, cun narrador non fiable. Polo tanto, malia a súa brevidade, é unha obra de ficción moi apetecible para quen queira saber, dende o humor, como era a vida nun país asoballado polas prácticas feudais dos terratenentes, tanto de orixe estranxeira coma oriúnda.

O 1 de outubro estaban na rúa outro par de obras. Unha procedente da literatura alemá: O solteirón, do austríaco Adalbert Stifter, traducida por Rosa Marta Gómez Pato, unha veterana xa na nosa carteira de tradutores e tradutoras. Desta peza, dicíase hai pouco na revista literaria dixital Biosbardia que ten «unha prosa segura, por veces vizosa, por veces bucólica, que consegue transmitir con gran facilidade sensacións e momentos. Esta pequena obra é ideal para perderse na evocación dos tempos idos da man dun autor moi orixinal». Do autor, nós subliñabamos os ecos románticos e mais o estilo intimista. E adheriámonos á descrición que del fixera Thomas Mann, quen o cualificou como «un dos narradores máis enigmáticos da literatura universal».

A segunda obra aparecida en outubro foi A curmá Phillis, de Elizabeth Gaskell. Da tradución ocupouse María Reimóndez. Poida que A curmá Phillis sexa a peza máis lograda dentro da abondosa produción de narrativa breve de Gaskell, unha autora da que estrañamente nunca antes se publicara nada en galego. É unha obra sutil que contrapón a realidade labrega e o mundo industrializado, e nela salientan o humor, a fluidez imprimida á trama e mais a autonomía e a complexidade da protagonista. Cónstanos que empeza a moverse xa por algún que outro club de lectura, cousa que agradecemos e celebramos. É unha moi boa opción para quen desexe fincarlle o dente á literatura inglesa do XIX.

Quixemos acabar o ano en grande, con dúas novelas de excepción. Unha, O neno perdido, conmovedora e soada nouvelle do estadounidense Thomas Wolfe. Resúltanos ademais especialmente grato que o seu tradutor fose o eumés-vigués Ignacio Chao. O de Wolfe é un texto cun pouso lírico extraordinario, nada fácil de trasladar con acerto; por esa razón, de igual maneira que no seu momento insistiramos para embarcar o autor de novela negra Diego Ameixeiras no labor de tradución de coñecidas obras de Dashiell Hammett e Raymond Chandler, agora porfiamos para que Chao retomase a súa faceta de tradutor (que en rigor nunca abandonou por completo, só que foi sobre todo nos primeiros anos 2000 cando verteu ao galego emblemáticos títulos da LIX para Xerais e para Tambre). O resultado que logrou Chao co texto de Wolfe toca agora que o xulgue o lectorado.

E como peche de ano, velaí Os tardeiros, unha longa, esixente e profunda novela acerca das complicacións da idade adulta, decote indisociables da nenez, escrita por Anita Brookner, unha das mellores autoras en lingua inglesa de todos os tempos e, segundo a estudosa Helen Dunmore, a súa prologuista na edición moderna da novela en Penguin, «a máis europea das escritoras británicas». Da tradución dende o inglés encargouse Alejandro Tobar.

Das obras de Brookner e de Wolfe non diremos máis nada neste balance de ano, pois temos previsto acomodar dentro de pouco senllas entradas de blog con información complementaria acerca de ambas as dúas.

Os libros que virán

Baste un par de pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes: precisamente porque en 2022 publicamos só os 8 títulos de rigor da colección principal, temos arestora en cola de espera, mesmo maquetadas, varias obras da colección paralela, «Vólvense os paxaros contra as escopetas». Contamos con sacalas ao longo de 2023. De igual modo, están xa en proceso de revisión senllas obras da literatura sueca e grega moderna, que en principio sairán o 1 de abril. Por outra banda, pechamos hai escasos meses os dereitos dunha obra escocesa, que programamos para mediados de ano. E estamos tratando de pechar tamén os dereitos doutra boa novela contemporánea francesa.

 

Os dous recordatorios de cada ano

Cabe lembrar, a modo de preámbulo, que a nosa independencia respecto dos cartos públicos é total. Proba disto é que –nunca cansaremos de recordalo– o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas. E non porque non teñamos dereito a máis subvencións ou non as queiramos e creamos merecelas, senón porque, no trato coa Administración galega do Partido Popular, é moi difícil saír con dignidade cando se entra na arrevesada e perversa roda das axudas públicas que a Consellaría de Cultura reparte (chamarlle xestionar non se pode) con man caciquil.

En segundo lugar, o recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais coma que, sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias (+3 neste 2022), non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios dende 2011 e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros. Todo isto pese á alza extrema de prezos. Por iso, hoxe máis ca nunca, dependemos da base de subscritores e subscritoras (elas, o 60 %).

Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2023