Listado de la etiqueta: realia

Balance do ano editorial 2025

Eis o balance do traballo realizado en 2025:

Comezamos cunha mención aos dous títulos comercializados en xaneiro de 2025, malia levaren depósito legal de decembro de 2024. Por unha banda, a novela de Jack London intitulada Asasinatos, S. L., traducida dende o inglés por Iago Nicolás Ballesteros, e, pola outra, Fume, de Iván Turguénev, traducida dende o ruso por Iago Fernandes López. Para saber máis sobre estas dúas obras, os seus autores, os tradutores e outras cuestións relacionadas, redactamos no seu momento a entrada «Dúas incorporacións: Iván Turguénev e Jack London», á que remitimos.

 

Os títulos de 2025

A primeiros de abril publicamos A señorita Corazóns Solitarios, do estadounidense Nathanael West, de cuxa tradución dende o inglés se encargou Ignacio Chao. Desta novela destacamos varios puntos fortes, pero sobre todo os diálogos, que cualificabamos hai uns meses como «dignos das mellores páxinas de hardboiled, sen ser este o seu xénero», así como o final, elaborado con grande enxeño tras a inclusión dun falso clímax. A outra obra do trimestre foi A honrada estafadora, unha das poucas novelas para público adulto da finesa de expresión sueca Tove Jansson, que trouxo dende a lingua orixinal Marta Dahlgren. Por iniciativa da libraría Libraida, no mes de xuño tivo lugar unha presentación da obra en Gondomar. Parte do falado plasmámolo uns días máis tarde na entrada «Apuntamentos sobre a novela A honrada estafadora».

En xullo chegaron dous grandes nomes da literatura universal. Da tradición xermanófona, E. T. A. Hoffmann, coa peza O caldeiro de ouro, traducida por Jairo Dorado Cadilla. Trátase dunha suxestiva e ambigua parábola na que todo se desata a raíz de que Anselmus, o mozo protagonista, quen vive nunha cotiandade bastante absurda, constate a irrupción do marabilloso na súa vida. Así mesmo, na tradición rusófona pescamos a Mikhaíl Bulgákov, en concreto a súa novela curta Corazón de can, un dos máis destacados relatos satíricos do século XX. Traducírona en tándem Rosana Murias e María Tolstaia.

A seguinte remesa de novidades, programada para outubro, supuxo a incorporación dunha obra quizais difícil pero magnífica do moravo Ernst Weiß, a intitulada O aristócrata Boëtius von Orlamünde. Concibida en parte como bildungsroman, aborda con acerto a decadencia aristocrática en vésperas da Gran Guerra. O seu tradutor dende o alemán orixinal foi Roberto Rivas Couce.

Acompañaría a obra de Weiß outra dun autor catalán de renome, Narcís Oller, a que leva por título A tolemia, tras resultar distinguida no V Premio Realia de Tradución. Esta narración de corte naturalista céntrase no estigma da loucura. Amais de mesturar de humor, sarcasmo, linguaxe coloquial e melodrama, acolle as teorías psicolóxicas en voga de finais do XIX. O seu tradutor foi Rafa Vilar, quen, no marco da Semana do Libro de Compostela, elaborou un discurso que reproducimos nesta ligazón.

 

Con que dous libros concluirá o ano…?

Dende o 14 de decembro, dúas novas e potentes obras están na cola de impresión de Gráficas Ulzama, a imprenta navarra coa que levamos un lustro traballando de xeito continuado (entre outras razóns, porque fan cosido para tiraxes pequenas, como son case todas as do mercado do libro en galego). Se todo vai sobre o previsto, deberiamos recibir a mercancía na segunda semana de xaneiro de 2026; se vai con algo de demora, é porque as do Nadal son datas de moitísima trasfega. En calquera caso, tan pronto como recibamos as novidades, procederemos a llelas enviar ás persoas subscritoras. Polo de agora só avanzaremos que se trata de senllas grandes novelas dunha autora italiana e mais dun autor ruso.

 

As feiras de Compostela e Pontevedra

En outubro participamos na SELIC – Semana do Libro de Compostela. Mágoa que non fose en xuño, pero sorte tivemos de que o tempo acompañase, de modo que funcionou. A praza da Quintana segue a ser un excelente lugar de encontro. Canto ás vendas, aínda que sen alardes, foron correctas. Amais, argallamos unha ben interesante mesa de debate sobre a edición de literatura traducida con editores destacados da Península Ibérica, onde se falou dos tempos que se lles conceden aos tradutores para realizar as encargas, da dependencia ou non do diñeiro público, do xeito de escolmarmos obras noutros sistemas literarios, das estruturas empresariais que mellor acaen en cada caso ou do emprego ou non da Intelixencia Artificial nos procesos de edición e tradución. Seica gustou entre o público asistente, e para nós foi un verdadeiro pracer compartir espazo con Ane Eslava (Txalaparta), Aniol Rafel (Edicions del Periscopi), Bárbara Boulhosa (Tinta da China) e Alberto Sotelo (Cuatro Lunas).

Por outra banda, decidimos repetir cun posto na Culturgal de Pontevedra, feira celebrada entre o venres 28 e o domingo 30 de novembro. Os números de vendas quedaron algo xustos, en parte porque o espazo é caro e amortizalo é unha lousa inicial que complica a xogada en tan curto espazo de tempo. No noso caso, de novo é posible afimar que foi un pouco o comido polo servido, e aínda ben. Vendemos practicamente o mesmo ca na edición anterior. Cremos, en calquera dos casos, que merece unha reflexión esa peaxe de 440 € a cambio dun espazo baleiro de 3×2 metros (o mínimo que se ofrece) por unha fin de semana. Polo demais, todo ben.

Os petiscos sonoros

Epígrafe propia merecen os chamados petiscos sonoros (adaptacións a 45 minutos de audio das novelas: A obra, de Bruno Sperani; As irmás Bunner, de Edith Wharton; e Fume, de Iván Turguénev). Artellámolos en colaboración con distintos actores e actrices de dobraxe, sobre versións ad hoc realizadas por cada un dos tradutores das obras ao galego e co apoio das direccións tanto da SELIC coma da CULTURGAL. Só temos palabras de gratitude e recoñecemento para quen contribuíu a sacalos adiante e para quen tan ben os interpretou: Manuel Arca, Charo Pena, Isabel Vallejo, Melania Cruz, Monti Castiñeiras, Montse Davila, Gabri Fuentes e Iago Fernandes.

En principio, parece que se gravaron en audio. Se é posible ofrecelos cunha calidade suficiente (sen o balbordo de fondo característico das feiras), farémolo.

 

O terceiro caderno de agasallo

Ao par de cadernos conmemorativos que fixeramos en 2024, sumamos un terceiro, que de novo lles regalamos ás lectoras e lectores que nos mercaron libros, tanto na SELIC coma na Culturgal, e que así mesmo lles enviamos ás persoas subscritoras na máis recente entrega de novidades.

Coma en ocasións anteriores, a impresión destes novos cadernos fixémola en Santiago de Compostela, coa cooperativa Sacauntos, que tamén imprimiu unhas faixas para determinados títulos de fondo.

 

2025, ano de Premio Realia

A V edición do Premio Realia de Tradución Literaria foi un éxito. Presentáronse un total de dez traducións inéditas, traídas dende seis linguas distintas. E gañou, como xa apuntamos, A tolemia, do catalán Narcís Oller, vertida ao galego por Rafa Vilar. O galardón ten periodicidade bianual, polo que a seguinte edición será en 2027. Animamos a tradutoras e tradutores a comezar a traballar xa en propostas de tradución, que sempre lemos co máximo rigor.

 

XXIII Premio Plácido Castro de Tradución

A novela A herdanza Ferramonti, de Gaetano Carlo Chelli, traducida do italiano por Isabel Soto, foi distinguida este ano co Premio Plácido Castro de Tradución ao mellor libro traducido de 2024, o cal de novo foi un motivo de ledicia. Esta obra é a décima que Soto traduciu directamente dende o italiano para Hugin e Munin, e a segunda coa que acada o tal galardón; tras Fosca, de Igino Ugo Tarchetti, publicada en 2016. De estética verista, A herdanza Ferramonti retrata con precisión os esforzos de pequenos empresarios e burócratas por se enriquecer e lograr o ascenso social. De feito, convén salientar que o libro se publicou en 1883, é dicir, ao tempo que saltaba á esfera pública o soado escándalo da Banca Romana, isto é, o primeiro gran caso de corrupción político-financeira en Italia.

O discurso da tradutora no acto de entrega do premio pode lerse íntegro na páxina da Fundación Plácido Castro.

2025 foi para Soto un ano especialmente destacado, pois xa en abril, no Salón do Libro de Pontevedra, recibira unha homenaxe a canda o tamén tradutor Xavier Senín pola súa traxectoria. Por primeira vez, o Salón decidiu homenaxear a figura duns tradutores literarios. A laudatio, por certo, fíxollela Ánxeles Roca, quen cumpriu coa encomenda co máximo rigor e profesionalidade.

 

Os libros que virán

Sen saír da liña habitual, velaquí unhas poucas pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes concretos: xa contamos cos dereitos de publicación en galego dunha estupenda obra dunha autora francesa contemporánea de renome. Tamén está en proceso a tradución dunha novela curta dun escritor nórdico galardoado co Nobel na primeira metade do século XX. Así mesmo, encargamos a tradución de boas novelas escritas por autoras estadounidenses e británicas. E, ou ben en 2026 ou xa en 2027, sacaremos algo máis tamén do ruso. O resto, que é moito, de momento gardámolo para nós.

 

Os recordatorios de cada ano

En primeiro lugar, queremos destacar que a nosa independencia respecto dos cartos públicos segue a ser total. Proba disto é que o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas.

En segundo lugar, un recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais (aínda que estables e cun crecemento lento pero continuado, con cada vez máis librarías aliadas) coma que sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual. E nin que dicir ten que non poderiamos seguir encargando traducións a profesionais externos.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: dende 2011, a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios (non aplicamos en ningún exercicio sequera a suba do IPC), pese ao desbocado aumento do custo da vida, e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros. Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

 

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2026!

Bases da V edición do Premio Realia

A Editorial Hugin e Munin, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, convoca a quinta edición do Premio Realia de Tradución Literaria, un certame de periodicidade bienal co que recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta. O obxectivo é outorgarlle visibilidade ao traballo dos profesionais da tradución e recoñecelo coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial.

O premio rexerase polas seguintes bases:

1.ª Poderán concorrer ao premio traducións directas ao galego, consonte a normativa vixente, de obras narrativas escritas orixinalmente noutra lingua (agás castelán e portugués), sempre que estean libres de dereitos de autoría. Polo tanto, salvo excepcións, deberán ser obras de autoras e autores falecidos antes do 1 de xaneiro de 1945.

2.ª Outorgarase un único premio dotado con 2.000 €, importe ao que se lle practicará a retención pertinente. Para tal efecto, o gañador ou gañadora deberá emitir a factura correspondente.

3.ª Os traballos deberán ser inéditos e non contaren con ningunha distinción previa. Non se admitirán obras de autores e autoras xa traducidos ao galego. Enténdese por édito aquel autor ou autora con obra traducida e publicada en papel, referendada por un número de depósito legal.

4.ª A extensión mínima requirida é de 120.000 caracteres (con espazos).

5.ª As traducións, ademais de nun ficheiro PDF (contido nunha memoria USB ou en calquera outro soporte informático válido), deberán presentarse en papel, nunha única copia, coas seguintes características: tamaño DIN A4 (marxes superior e inferior: 3 cm; marxes esquerda e dereita: 2,5 cm), fonte Calibri a tamaño 14 e espazo interlinear de 1,5.

Facilitarase ademais unha copia dixital ou en papel do texto orixinal de referencia para a tradución, ou no seu defecto a ligazón á fonte utilizada, que deberá ser accesible para o xurado.

6.ª Acompañarase unha plica na que se fará constar o nome, apelidos, nacionalidade, enderezo, teléfono e correo electrónico do tradutor/a (ou tradutores, no caso de haber varios), ademais de incluír un breve currículo no que se indique a formación tanto na lingua de partida coma na lingua meta. No exterior da plica unicamente deben figurar o pseudónimo e o título da obra.

7.ª As traducións deberán remitirse á Rúa do Castro, 9, 3.º, 15704 Santiago de Compostela (teléfono de contacto para o transportista: 676010030), indicando no sobre: Premio Realia de Tradución Literaria. As obras participantes deberán ser enviadas por servizo de mensaxaría ou correo postal. A fin de preservar o anonimato, non poderán entregarse persoalmente nin polo tradutor nin por persoa interposta.

8.ª O prazo de recepción rematará ás 14:00 horas do día 1 de xullo de 2025. As obras que cheguen con posterioridade deberán acreditar que en orixe foron enviadas dentro do prazo.

9.ª O xurado estará formado por, cando menos, un representante da editorial Hugin e Munin, un profesional vinculado ao mundo do libro e un lector independente. Valorarase a transcendencia e a calidade da obra e do autor traducidos, así como o feito de cubrir un oco relevante no sistema literario galego, ademais de aspectos como a fidelidade ao texto orixinal, a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións, sempre tendo como referencia as fontes académicas.

10.ª O traballo premiado será publicado pola Editorial Hugin e Munin nalgunha das súas coleccións, tras ser adaptado aos seus criterios editoriais e ser sometido a unha corrección profesional. A versión galega da obra terá unha licenza Creative Commons de Recoñecemento-Non-Comercial-Obras-Non-Derivadas 3.0 ou superior.

11.ª O xurado poderá declarar deserto o premio.

12.ª O ditame do xurado será inapelable.

13.ª A non ser que o volume de obras recibidas obrigue a adiar a data, o ditame anunciarase antes do 15 de agosto de 2025.

14.ª Os traballos que non se premien non serán devoltos e serán destruídos.

15.ª O feito de participar neste certame implica a total aceptación e conformidade con estas bases.

13 de marzo de 2025
Santiago de Compostela

Balance do ano editorial 2024

Coma cada Nadal, facemos balance do traballo realizado no último ano.

Comezaremos cunha mención aos dous títulos que se comercializaron a primeiros de xaneiro de 2024, malia que, en boa lei, deberiamos encadralos en decembro de 2023 (ano do seu depósito legal). Foron, por un lado, a novela de Amalie Skram intitulada A traizón, un dos grandes clásicos do rupturismo moderno escandinavo. Traducírona Marta Dahlgren e Alejandro Tobar, e a versión galega foi a primeira publicada nunha lingua ibérica. Respecto ao idioma de partida (dinamarqués, noruegués, dano-noruegués…?), recomendamos a lectura da entrada «A cuestión lingüística na novela A traizón».

Por outro lado, El, de Louise Colet, traducida do francés por Isabel Soto. De novo, esta singular e extensa novela atopou no galego a porta de entrada aos sistemas literarios peninsulares. Trátase dunha obra longa que mestura unha trama romántica co desexo de arranxar contas persoais; as máis soadas, con Gustave Flaubert, amante da autora durante case unha década. Constitúe, polo demais, unha valiosa mostra anticipada da literatura do eu. Xa coa versión galega nas librarías, artellamos unha entrada de blog que outra volta nos gustaría recomendar: «A misoxinia nas críticas á obra de Colet».

 

Os títulos de 2024

A primeiros de abril publicamos dúas novas pezas. Unha delas, Margot, de Alfred de Musset, que se encargou de traducir dende o francés o experimentado Xavier Senín. Co pano de fondo das diferenzas sociais, a obra incide na inocencia do primeiro amor e a pureza dos sentimentos da mocidade. Sen grandes pretensións, veu reafirmar a nosa querenza pola literatura francesa do século XIX, que agora mesmo ten unha representación verdadeiramente notable no catálogo, con textos dos mencionados Flaubert ou Colet, mais tamén con outros de Balzac, George Sand, Verne, Zola, Loti ou Huysmans, entre outros.

E, en segundo lugar, Lady Susan, unha curiosa, mordaz e moi ben escrita obra de Jane Austen que traduciu dende o inglés Alejandro Tobar. Supuxo, e non por casualidade, o 100.º título da colección Principal, efeméride da que demos conta na entrada «Anatomía da colección principal». Na obriña da autora británica, ao longo das máis de corenta cartas cruzadas, subvértense os códigos da novela romántica, cunha protagonista manipuladora e capaz de subxugar a quen se lle poña por diante para acadar un status vantaxoso. Malia que Austen a redactou de moi nova, Lady Susan non se publicaría até 1871, é dicir, medio século longo despois de ela morrer. Por estilo e contido, consideramos que anticipa os trazos que a farían famosa no Reino Unido e en todo o mundo, e cónstanos que está a facer as delicias dos e das amantes da literatura epistolar. Se alguén quixer afondar nese subxénero en concreto, velaquí outro par de propostas: As confesións dunha filla do século, da italiana Donna Paola, e mais O derradeiro verán, da alemá Ricarda Huch.

Da entrega de novidades correspondente ao mes de xullo formaron parte as obras A herdanza Ferramonti, de Gaetano Carlo Chelli, e Como chega o sal ao mar, de Brigitte Schwaiger.

A primeira, con tradución dende o italiano de Isabel Soto, conta a historia dunha familia, os Ferramonti, e expón as artimañas dos seus membros máis novos para conseguir a herdanza do patriarca. De estética verista, retrata con precisión os esforzos de pequenos empresarios e burócratas por se enriquecer e lograr o ascenso social. É relevante ademais que coincidiu no tempo co salto á esfera pública do soado escándalo da Banca Romana, o primeiro gran caso de corrupción político-financeira en Italia.

Canto a Como chega o sal ao mar, obra que vendeu case medio millón de exemplares no conxunto de territorios xermanófonos, o que a tornou nunha das dez novelas en lingua alemá con mellor acollida internacional no século XX, aborda a historia dunha muller nova a quen a monotonía da existencia cotiá leva a caer na desesperanza. As expectativas frustradas da protagonista sobre a vida conxugal, descritas con inusitada crueza, o carácter autobiográfico da historia, o cariz punzante e anovador da escrita e o dominio técnico á hora de representar o fluxo da mente da narradora son algunhas das razóns que, ao noso entender, apuntalan a súa calidade e atractivo. Da tradución dende o alemán encargouse Rosa Marta Gómez Pato.

En outubro publicamos, por unha banda, a primeira tradución (dende o grego orixinal, a cargo de Alfonso Blanco) a unha lingua romance de O mono Xouth ou Os costumes do século, novela de Iakovos Pitsipios considerada pioneira da literatura fantástica no seu país. Céntrase nas peripecias de Xouth, un enigmático escritor e viaxeiro alemán que acabou metamorfoseado nun orangután e posto ao servizo dun home grego europeizado que se finxe nobre.

Pola outra, recuncamos coa literatura inglesa, e máis concretamente coa narrativa psicolóxica e, en parte (e con matices), cos contos de pantasmas, toda vez que que trouxemos para o galego (na tradución de Alejandro Tobar) a novela curta Monsieur Maurice, de Amelia B. Edwards. Ambientada na Prusia de comezos do século XIX, céntrase na particular relación entre unha cativa e un enigmático prisioneiro, o monsieur Maurice. Dotada dunha atractiva carga histórica, cóntase entre o mellor da produción literaria da súa autora, pouco coñecida no sur de Europa.

A finais de decembro, mentres redactabamos este balance, dúas obras levaban un par de semanas na cola de impresión de Gráficas Ulzama, a imprenta navarra coa que levamos uns anos traballando. Se todo vai sobre o previsto, deberiamos ter connosco a mercancía a primeiros de xaneiro de 2025, momento no que procederemos a lles enviar os libros ás persoas subscritoras. Ao seu debido tempo, daremos cumprida conta de ambas as dúas, pero polo de agora só anunciamos que se trata de grandes novelas dun autor estadounidense e outro ruso.

 

As feiras de Compostela e Pontevedra

En xuño participamos na SELIC – Semana do Libro de Compostela. Afianzada a Praza da Quintana como lugar de encontro, nesta última edición da feira facturamos, en comparanza coa anterior, un 10 % menos, pero cremos que seguen a ser números correctos; dende logo sen alardes, pero correctos.

Por outra banda, por vez primeira dende a súa posta en marcha en 2007 (nós empezamos a nosa andaina en 2011), decidimos contratar un pequeno espazo na Culturgal de Pontevedra, celebrada entre o venres 29 de novembro e o 1 de decembro. Funcionou ben a xeito de escaparate, e seguramente repetiremos, pero tamén puidemos comprobar en carne propia por que tantas editoriais e librarías desisten de participar: os números dificilmente dan. No noso caso, foi o comido polo servido, e aínda ben. Vendemos algo máis de cincuenta libros e unha subscrición (grazas!). Cremos que merece unha reflexión esa peaxe de 440 € a cambio dun espazo baleiro de 3×2 metros (o mínimo que se ofrece), que, na nosa opinión, é a todas luces excesivo. Certo é que no noso caso non temos os descontos que si teñen outros (por pertenceren a asociacións ou por repetiren de ano en ano, por exemplo). Sexa como for, oxalá a organización comprenda que, vista a realidade da feira, o prezo pagado polos expositores non está xustificado. Polo demais, todo ben.

 

Os cadernos de agasallo

Como novidade, en 2024 fixemos un par de cadernos conmemorativos, se ben unicamente 150 de cada. Un deles, o da faixas azuis, regalámosllelo ás lectoras e lectores que nos mercaron libros na Culturgal; o outro, conmemorativo dos 100 títulos da colección Principal, foi para quen fixo o propio na SELIC; así mesmo, foi a nosa forma de agradecerlles o seu apoio ás persoas subscritoras, que o recibiron na entrega dos libros de xullo.

Dado que parece que tiveron unha boa acollida, gustaríanos manter a iniciativa en 2025, con novos deseños para eventos sinalados. A impresión de ambos os cadernos fixémola en Sacauntos, veciños nosos en Compostela e responsables da impresión dos 74 primeiros títulos.

 

2025, ano de Premio Realia

A 5.ª edición do Premio Realia de Tradución Literaria terá lugar en 2025. Aínda temos pendente falar co novo equipo de goberno, confiamos en volver contar co Concello de Santiago para que o galardón que coxestionamos se convoque con idénticas ou moi similares características ca nas edicións previas (entregárase por vez primeira en 2017, e ten carácter bianual). A este respecto, iremos informando tan pronto como sexa posible, pero animamos xa a tradutoras e tradutores a traballar nas súas traducións, que sempre lemos co máximo rigor.

 

Os libros que virán

Quedan a continuación meras pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes concretos: dúas tradutoras están xa traballando na tradución dunha estupenda obra da literatura rusa escrita por un célebre autor natural de Kíiv; hai tamén quen se está a ocupar de traer para o galego unha novela clave dun autor estadounidense da primeira metade do século XX. Tamén estadounidense é outra autora (só que anterior no tempo, pois viviu no século XIX) cuxa novela máis relevante esperamos publicar a finais de 2025. Seguiremos apostando, polo demais, pola literatura alemá, desta vez por un autor clásico de sona. E estamos tratando de pechar un acordo de compra de dereitos para traer unha novela breve dunha autora finesa de expresión sueca. O resto, de momento gardámolo para nós.

 

Os recordatorios de cada ano

En primeiro lugar, queremos destacar que a nosa independencia respecto dos cartos públicos segue a ser total. Proba disto é que case o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas.

En segundo lugar, un recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais (aínda que estables e cun crecemento lento pero continuado, grazas a librarías aliadas, das que a Libraría Cartabón de Vigo merece unha mención especial) coma que sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: dende 2011, a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios (non aplicamos en ningún exercicio sequera a suba do IPC), pese ao desbocado aumento do custo da vida, e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros.

Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

 

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2025!

Resolto o IV Premio Realia de Tradución

Acta do xurado

Reunido en Santiago de Compostela ás 12:00 do xoves 10 de agosto de 2023, o xurado, composto por Manuel Arca Castro, Isabel Soto López e Carlos Valdés García, así como por Alejandro Tobar Salazar en calidade de secretario (con voz e sen voto), decidiu, por unanimidade, declarar deserto o Premio Realia de Tradución Literaria na súa cuarta edición.

Foron unicamente dúas as obras presentadas que cumprían cos requirimentos estipulados nas bases. Unha vez lidas con rigor polas anteditas persoas, acordouse reflectir na presente acta as seguintes consideracións:

O xurado desexa facer constar o seu sincero agradecemento polo traballo, interese, tempo e dedicación dos tradutores candidatos e asemade felicitalos polas súas escollas, que xulga orixinais e pertinentes e que sen dúbida responden aos criterios esixidos nas bases do certame en canto á transcendencia e ao feito de cubrir un oco no sistema literario galego. Ofrecéusenos, por unha banda, unha novela curta sen grandes artificios nin complicacións dun premio Nobel centroeuropeo, e, pola outra, unha peza da literatura nativa estadounidense inédita nas linguas ibéricas e cun salientable peso histórico.

Porén, e tamén como establecen as bases, o xurado considera que as traducións candidatas ao premio non presentan o nivel de calidade necesario en aspectos como a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións. Neste sentido, ningún dos membros do xurado percibiu en ningún momento o grao de excelencia que cabe esixirlle á obra gañadora dun certame destas características e que o lectorado de noso reclama.

Con todo, non é ningún desatino pensar que algunha das traducións –cando non as dúas– poidan nun futuro, tras un intenso proceso de cribado e corrección de erros e grallas, de modulación das frases, de cambios en determinadas solucións e dun imprescindible traballo de edición, pasar a formar parte do corpus de literatura traducida ao galego, cousa que xa sucedeu no pasado con obras que, malia aspirar a gañar este premio sen conseguilo, atoparon tempo despois acubillo noutras editoriais galegas.

Por outra banda, convén sinalar que, na liña das edicións previas, os membros do xurado e mais o representante da editorial se mostraron de acordo en que, dende un punto de vista xeral, o problema non estaría tanto na competencia e dominio da lingua de partida dos tradutores coma nas dificultades á hora de trasladar con éxito un texto foráneo a un galego correcto, ou polo menos correcto dabondo para acadar un premio.

A editorial convocadora quere facer constar o seu agradecemento aos membros do xurado e aos responsables do Concello de Santiago de Compostela e reiterar, outra volta, o seu recoñecemento aos tradutores que, de forma xenerosa, permitiron a avaliación dos seus traballos. A estes últimos desexámoslles a mellor das sortes profesionais e remitímolos ao documento anexo a esta acta, onde, coa discreción debida e espírito construtivo, facilitamos unha mostra dos erros recorrentes detectados.

 

10 de agosto de 2023,

os membros do Xurado