Listado de la etiqueta: lingua galega

Usos do artigo en exónimos de países e rexións

Non existe unha norma que estableza que exónimos se anteceden de artigo e cales non, polo que son os usos os que orientan os falantes. Así a todo, cómpre atender ás fontes de autoridade, precisadas mediante as definicións e os exemplos dos artigos lexicográficos da edición dixital do Dicionario da Real Academia Galega (DRAG).

Debe terse en conta que os exónimos reciben o mesmo tratamento ca os topónimos estandarizados galegos (A Coruña, A Mariña Lucense, O Courel…), de tal maneira que o artigo se integra neles e, en consecuencia, deben grafarse en maiúscula («O lago Ontario está situado entre O Canadá e Os Estados Unidos de América») e contraerse coas preposicións que o antecederen («Fixo moito cadal na Arxentina»).

* * *

EXÓNIMO ESTANDARIZADO

CO ARTIGO CORRESPONDENTE

REFERENCIA DO DRAG

Os Abruzos

Rexión italiana.

acepción 1 de «abrucés, abrucesa»

O Alentexo

Rexión portuguesa.

acepción 1 de «alentexano, alentexana»

O Algarve

Rexión portuguesa.

acepción 1 de «algarvío, algarvía»

O Alto Volta

País da África occidental; hoxe Burkina Faso.

acepción 1 de «altovoltense»

As Antillas

Arquipélago de América central.

acepción 1 de «antillano, antillana»

A Arxentina

País de América do Sur.

acepción 1 de «arxentino, arxentina»

Os Azores

Arquipélago atlántico e rexión portuguesa.

acepción 1 de «azoriano, azoriana»

As Bahamas

País insular do océano Atlántico.

acepción 1 de «bahamés»

A Beira

Rexión histórica portuguesa.

acepción 1 de «beirón, beiroa»

O Bierzo

Comarca de Castela e León.

acepción 1 de «berciano, berciana»

A Bética

Provincia romana.

acepción 1 de «bético, bética»

O Brasil

País de América do Sur.

acepción 1 de «brasileiro, brasileira»

A Bretaña

Rexión de Francia.

acepción 1 de «bretón, bretoa»

A Cabilia

Rexión de Alxeria.

acepción 2 de «cabilo, cabila»

A Cafrería

Territorio de África do Sur; hoxe Cabo Oriental.

acepción 1 de «cafre»

O Camerún

País de África central.

acepción 1 de «camerunés, camerunesa»

O Canadá

País de América do Norte.

acepción 1 de «canadense»

As Canarias

Arquipélago atlántico e comunidade autónoma.

acepción 1 de «canario, canaria»

O Cantón dos Grisóns

Cantón de Suíza.

acepción 1 de «grisón, grisoa»

O Caribe

Rexión do continente americano.

acepción 1 de «caribeño, caribeña»

O Cáucaso

Rexión de Europa oriental e de Asia occidental.

acepción 1 de «caucásico, caucásica»

O Chadi

País de África central.

acepción 1 de «chadiano, chadiana»

A China

País do Extremo Oriente.

acepción 1 de «chinés, chinesa»

A Cidade do Vaticanoii

Estado soberano; enclave de Roma.

acepción 1 de «vaticano, vaticana»

O Congo

Rexión de África central.

acepción 1 de «congolés, congolesa»

A Dacia

Rexión ao norte dos Balcáns.

acepción 1 de «dacio, dacia»

O Empordán

Comarca histórica do nordés de Cataluña.

acepción 1 de «empordanés, empordanesa»

A Eólida

Antiga rexión de Asia Menor.

acepción 1 de «eolio, eolia»

Os Estados Unidos de América

País de América do Norte.

acepción 1 de «estadounidense»

A Etolia

Antiga rexión grega.

acepción 1 de «etolio, etolia»

A Etruria

Antiga rexión itálica.

acepción 1 de «etrusco, etrusca»

A Francofonia

Antiga rexión de Alemaña.

acepción 1 de «francón, francoa»

A Frisia

Provincia do Reino dos Países Baixos.

acepción 1 de «frisón, frisoa»

A Galia

Antiga provincia romana.

acepción 1 de «gálico, gálica»

A Güiana Francesa

Rexión ultramarina de Francia.

acepción 1 de «güianés, güianesa»

A Güiana Holandesa

Colonia dos Países Baixos; hoxe Suriname.

acepción 2 de «güianés, güianesa»

O Iemeniii

País de Oriente Medio.

acepción 1 de «iemení»

A India

País de Asia meridional.

acepción 1 de «hindú»

O Kurdistán

Rexión de Oriente Medio.

acepción 1 de «kurdo, kurda»

O Languedoc

Rexión de Francia.

acepción 1 de «languedociano, languedociana»

O Líbano

País de Asia occidental.

acepción 1 de «libanés, libanesa»

A Liguria

Rexión de Italia.

acepción 2 de «lígur»

A Lombardía

Rexión de Italia.

acepción 1 de «lombardo, lombarda»

A Lorena

Rexión de Francia.

acepción 1 de «lorenés, lorenesa»

O Magreb

Rexión do norte de África.

acepción 1 de «magrebí»

A Mancha

Rexión de España.

acepción 1 de «manchego, manchega»

A Maragatería

Rexión de España.

acepción 1 de «maragato, maragata»

O Nepal

País do sur de Asia.

acepción 1 de «nepalés, nepalesa»

O País de Gales

Nación do Reino Unido.

acepción 1 de «galés, galesa»

O País Vasco

Comunidade autónoma.

acepción 1 de «vasco, vasca»

Os Países Baixos

Territorio do Reino dos Países Baixos.

acepción 1 de «neerlandés, neerlandesa»

A Patagonia

Rexión austral de América do Sur.

acepción 1 de «patagón, patagoa»

O Peloponeso

Illa e rexión do sur de Grecia.

acepción 1 de «peloponeso, peloponesa»

O Perú

País de América do Sur.

acepción 1 de «peruano, peruana»

O Piemonte

Rexión de Italia.

acepción 1 de «piemontés, piemontesa»

A Provenza

Antiga provincia do sueste de Francia.

acepción 1 de «provenzal»

O Quebec

Provincia do Canadá.

acepción 1 de «quebequés, quebequesa»

O Reino Unido

País insular ao noroeste de Europa.

acepción 4 de «inglés, inglesa»

A Renania

Rexión de Alemaña.

acepción 1 de «renano, renana»

O Río de Xaneiro

Unidade federativa do Brasil.

acepción 1 de «fluminense»

A Rioxa

Comunidade autónoma.

acepción 1 de «rioxano, rioxana»

O Roselló

Rexión francesa.

acepción 1 de «rosellonés, rosellonesa»

O Salvador

País de América central.

acepción 1 de «salvadoreño, salvadoreña»

O Senegali

País de África occidental.

acepción 1 de «senegalés, senegalesa»

O Tíbet

Rexión de Asia, ao norte do Himalaia.

acepción 1 de «tibetano, tibetana»

O Tirol

Rexión histórica de Europa central.

acepción 1 de «tirolés, tirolesa»

O Turán

Antiga rexión de Asia.

acepción 1 de «turánico, turánica»

A Umbría

Rexión de Italia central.

acepción 1 de «umbro, umbra»

O Uruguai

País de América do Sur.

acepción 1 de «uruguaio, uruguaia»

O Val de Aosta

Rexión de Italia.

acepción 1 de «valdostano, valdostana»

O Xapón

País do Extremo Oriente.

acepción 1 de «xaponés, xaponesa»

i Non obstante, na acepción 1 de «franco», nin O Chad nin O Senegal figuran con artigo.

ii Non obstante, gráfase «o Vaticano», co artigo en minúscula, nas entradas «lira» e «secretario, secretaria».

iii Non obstante, na acepción 1 de «suriemení», Iemen do Sur non se antecede de artigo.

* * *

Dígase que non levan artigo, entre outros territorios, Alemaña, Arabia Saudita, Cabo Verde, Cataluña, Corea, Costa do Marfil, Costa Rica, Ecuador, Filipinas, Francia, Gascuña, Gran Bretaña, Grecia, Groenlandia, Guinea Ecuatorial, Hindustán, Indochina, Irán, Iraq, Kirguizistán, Marrocos, Normandía, Nova Caledonia, Nova Zelandia, Panamá, Paquistán, Paraguai, Prusia, Ribatexo, Romanía, Suíza, Terra de Fogo, Terra Nova, Timor, Toscana, Turkmenistán, Ucraína, Uzbekistán, Véneto, Vietnam ou Zelandia.

* * *

A presente listaxe foi elaborada polo Departamento de Galego da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.

Bases da V edición do Premio Realia

A Editorial Hugin e Munin, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, convoca a quinta edición do Premio Realia de Tradución Literaria, un certame de periodicidade bienal co que recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta. O obxectivo é outorgarlle visibilidade ao traballo dos profesionais da tradución e recoñecelo coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial.

O premio rexerase polas seguintes bases:

1.ª Poderán concorrer ao premio traducións directas ao galego, consonte a normativa vixente, de obras narrativas escritas orixinalmente noutra lingua (agás castelán e portugués), sempre que estean libres de dereitos de autoría. Polo tanto, salvo excepcións, deberán ser obras de autoras e autores falecidos antes do 1 de xaneiro de 1945.

2.ª Outorgarase un único premio dotado con 2.000 €, importe ao que se lle practicará a retención pertinente. Para tal efecto, o gañador ou gañadora deberá emitir a factura correspondente.

3.ª Os traballos deberán ser inéditos e non contaren con ningunha distinción previa. Non se admitirán obras de autores e autoras xa traducidos ao galego. Enténdese por édito aquel autor ou autora con obra traducida e publicada en papel, referendada por un número de depósito legal.

4.ª A extensión mínima requirida é de 120.000 caracteres (con espazos).

5.ª As traducións, ademais de nun ficheiro PDF (contido nunha memoria USB ou en calquera outro soporte informático válido), deberán presentarse en papel, nunha única copia, coas seguintes características: tamaño DIN A4 (marxes superior e inferior: 3 cm; marxes esquerda e dereita: 2,5 cm), fonte Calibri a tamaño 14 e espazo interlinear de 1,5.

Facilitarase ademais unha copia dixital ou en papel do texto orixinal de referencia para a tradución, ou no seu defecto a ligazón á fonte utilizada, que deberá ser accesible para o xurado.

6.ª Acompañarase unha plica na que se fará constar o nome, apelidos, nacionalidade, enderezo, teléfono e correo electrónico do tradutor/a (ou tradutores, no caso de haber varios), ademais de incluír un breve currículo no que se indique a formación tanto na lingua de partida coma na lingua meta. No exterior da plica unicamente deben figurar o pseudónimo e o título da obra.

7.ª As traducións deberán remitirse á Rúa do Castro, 9, 3.º, 15704 Santiago de Compostela (teléfono de contacto para o transportista: 676010030), indicando no sobre: Premio Realia de Tradución Literaria. As obras participantes deberán ser enviadas por servizo de mensaxaría ou correo postal. A fin de preservar o anonimato, non poderán entregarse persoalmente nin polo tradutor nin por persoa interposta.

8.ª O prazo de recepción rematará ás 14:00 horas do día 1 de xullo de 2025. As obras que cheguen con posterioridade deberán acreditar que en orixe foron enviadas dentro do prazo.

9.ª O xurado estará formado por, cando menos, un representante da editorial Hugin e Munin, un profesional vinculado ao mundo do libro e un lector independente. Valorarase a transcendencia e a calidade da obra e do autor traducidos, así como o feito de cubrir un oco relevante no sistema literario galego, ademais de aspectos como a fidelidade ao texto orixinal, a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións, sempre tendo como referencia as fontes académicas.

10.ª O traballo premiado será publicado pola Editorial Hugin e Munin nalgunha das súas coleccións, tras ser adaptado aos seus criterios editoriais e ser sometido a unha corrección profesional. A versión galega da obra terá unha licenza Creative Commons de Recoñecemento-Non-Comercial-Obras-Non-Derivadas 3.0 ou superior.

11.ª O xurado poderá declarar deserto o premio.

12.ª O ditame do xurado será inapelable.

13.ª A non ser que o volume de obras recibidas obrigue a adiar a data, o ditame anunciarase antes do 15 de agosto de 2025.

14.ª Os traballos que non se premien non serán devoltos e serán destruídos.

15.ª O feito de participar neste certame implica a total aceptación e conformidade con estas bases.

13 de marzo de 2025
Santiago de Compostela

Recordatorio da convocatoria en curso do Realia

Resta unicamente un mes de prazo para entregar as traducións ao IV Premio Realia de Tradución Literaria. As bases completas atópanse en:

Lembrade que só se admiten novelas e novelas curtas (a extensión mínima é de 100.000 caracteres con espazos). Non procede polo tanto enviar ensaios, nin obras de pedagoxía, nin poemarios, nin compilacións de contos nin pezas de dramaturxia. Lembrade tamén que deben ser obras dun autor ou autora inéditos en lingua galega (en formato papel). Non servirían, xa que logo, propostas de obras de Mark Twain, Jane Austen, Mary Shelley ou Robert Louis Stevenson, por citar só algúns anglófonos. Cómpre ter presente que o texto orixinal deberá pertencer ao dominio público; por norma xeral, no Estado español isto queda restrinxido ás obras de autores falecidos antes do 1 de xaneiro de 1943. Cabe así mesmo recordar que é un requisito achegar, xunto coa tradución, unha copia en dixital ou en papel do texto de referencia na lingua orixinal, ou no seu defecto a ligazón á fonte utilizada, que deberá ser accesible para o xurado.

O prazo de recepción rematará ás 14:00 horas do día 15 de xullo de 2023, de modo que as obras que cheguen con posterioridade deberán acreditar que en orixe foron enviadas dentro do prazo.

Outorgarase un único premio dotado con 1.500 €.

 

* * *

 

O Premio Realia de Tradución Literaria é un galardón de periodicidade bianual, que en anteriores edicións distinguiu as seguintes obras e profesionais da tradución:

Moitas grazas a todos os que amablemente nos confiades os vosos traballos, que sempre analizamos con rigor.

Sorte.

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso LegalPolítica de PrivacidadeEnvíos, devolucións e desistencia