Listado de la etiqueta: historia dun mono

Pitsipios, o mono Xouth e a relación Grecia-Europa

Para complementar a lectura da novela O mono Xouth, reproducimos a continuación uns poucos fragmentos extraídos, quer do sitio web da Anoikti Bibliothiki (“Biblioteca Aberta”), quer do estudo introdutorio elaborado por Nasos Vagenas para a edición en grego que publicou Ekdoseis Nefeli en 1995 (pp. 7-36).

 

Literatura grega do século XIX. O caso da novela O mono Xouth

Nos últimos anos, a imaxe que tiñamos da prosa dos primeiros cincuenta anos de vida do Estado grego mudou substancialmente. Minuciosos estudos sobre os prosistas coñecidos, xunto con descubrimentos de obras esquecidas, demostraron que, até agora, as nosas descricións e caracterizacións da prosa escrita entre 1830 e 1880 distan moito da realidade.

Tres son os elementos do cambio de panorama a partir dos estudos máis recentes. O primeiro ten que ver coa suposta escaseza da produción: as investigacións amosan que o número de autores foi moi elevado, e que a temática era ben máis variada do que se pensaba.

O segundo elemento refírese á crenza de que a prosa en grego moderno arrinca coa novela histórica, e que, ademais, este foi o xénero máis cultivado. Tal opinión revelouse errónea, non só porque –sendo o número de obras moi superior ao que se cría– a produción de narracións históricas foi limitada en comparanza co resto da prosa, senón tamén porque un bo número de novelas, consideradas históricas pola crítica, non o son en absoluto, nin de acordo cos criterios actuais, nin cos do século XIX. En realidade, a novela histórica xorde en Grecia en 1850, experimenta o seu auxe na década de 1860 e en ningún decenio constituíu o xénero principal, polo que tampouco o foi durante o antedito período de 50 anos. A tendencia dominante non era a fuxida da realidade contemporánea: acotío tomaba a forma da construción literaria que máis adiante se chamaría realismo máxico.

Á fin, o terceiro trazo que se revela inexacto é a convicción de que a lingua da prosa daquel período era totalmente artificial, por completo diferente da falada, e que a lingua viva non entrou na prosa helena até despois de 1870, nas partes dialogadas das obras narrativas. As investigacións certifican, de maneira innegable, que o que hoxe se identifica nas obras en cuestión como katharévousa resultaba moi pouco artificial para as persoas da época; que aquela lingua incorporaba formas propias da oralidade, así como das transformacións propias dos usos urbanos; que a variante dimotiki penetrara nas partes dialogadas das obras narrativas xa dende as décadas de 1830 e 1840; e, finalmente, que a lingua da prosa deste período, visible nun bo número de obras –nas máis importantes–, reflicte a variedade de formas propia do idioma da época.

*

O mono Xouth ou Os costumes do século, novela de Iakovos Pitsipios, posúe os trazos que a crítica historicamente lles veu negando a todas as obras en prosa da súa época, coa excepción da novela Thanos Vlekas de Pavlos Kalligas e o relato anónimo I straiotiki zoi en Elladi («A vida militar en Grecia»): a intención de fuxir da novela historicista e a aposta polo realismo, coa idea de reflectir a realidade do seu tempo tan fielmente como a sátira. Ademais, a novela está escrita nunha lingua viva, moi próxima ao rexistro coloquial. Co obxecto de facer máis verosímil o discurso de certos personaxes, recorre á variante dimotiki e tamén aos dialectos locais (téñase en conta que o concepto e a realidade actuais dunha dimotiki común a toda Grecia aínda non existía).

Así a todo, O mono Xouth contén un trazo a maiores que a singulariza e que define o seu tipo de ficción: o elemento fantástico, que asoma cunha pureza como non se aprecia en ningunha outra obra da narrativa grega anterior ao século XIX, nin tampouco en ningunha das producidas durante esa mesma centuria. Para ser exactos, a novela de Pitsipios é a primeira narración fantástica escrita en grego moderno. A inserción do sobrenatural na vida cotiá e o cruzamento de dous planos diferentes da realidade, postos ao servizo dun relato realista, permítennos encadrala no xénero que hoxe chamamos realismo máxico.

*

O mono Xouth é, talvez, a obra máis maldita da narrativa grega. Malia que, segundo parece, o seu autor a escribiu completa, só se publicou a súa primeira sección, ou a maior parte dela (a metade, ou pouco menos da metade, se supoñemos que a obra tiña unicamente dúas seccións). Difundiuse por entregas en 1848 na revista Apothiki ton Ofelimon kai Terpnon Gnoseon, que Pitsipios editaba en Siros. Así, os lectores só tiveron acceso a ela de xeito discontinuo, e o texto quedou confinado nas páxinas da revista. Como ninguén tomou a molestia de reeditala, mesmo no estado no que se atopaba, autor e obra foron maiormente esquecidos. Se Pitsipios (que nacera en Quíos en 1803 e morrera en 1869) foi un escritor coñecido, foi grazas a I orfani tis Chiou (1839), unha novela romántica, unha aventura de busca e reencontro de dous namorados que coñeceu moitas edicións e, diriamos, recoñecemento popular, pois publicouse con asiduidade até as primeiras décadas do século XX.

Dende esta prosa poética de I orfani tis Chiou até o afiado estilo de O mono Xouth a distancia percorrida é moi grande (como grande é tamén a distancia temporal que separa a composición de I orfani tis Chiou -1834- da publicación de O mono Xouth). Non é que Pitsipios madurase: diríase, máis ben, que era xa outro escritor, un novelista que pasou a cultivar un realismo distinto das tentativas de aproximación a ese estilo propio da súa época.

*

O mono Xouth narra a metamorfose dun home nun mono e a recuperación da súa condición humana. O metamorfoseado é un tipo ben coñecido para os gregos: Jakob Solomon Bartholdy, un prusiano de ascendencia xudía que publicou en 1805 o libro Bruchstücke zur näher Kenntniss des heutigen Griechenlands (“Apuntamentos para un máis preciso coñecemento da Grecia actual”), o cal desencadeou unha fervenza de reaccións entre os gregos (incluída a de Adamantios Korais), en loanza do país heleno. Bartholdy aparece na novela de Pitsipios como o asasino dun home que fora o seu benfeitor; este feito provoca o castigo de Deus, que o condena a vivir como mono até expiar a culpa, primeiro nun lugar ermo, e logo –tras ser capturado por un grupo de homes- en Inglaterra e en Grecia. Alí, grazas á súa gran capacidade de imitar a conduta humana, acaba vivindo como servente de diferentes amos. O seu derradeiro propietario é Kallistratos Evgenidis, un típico exemplo de mozo prometedor da Atenas da década de 1840.

Entre a brillante metamorfose alegórica de Bartholdy en orangután e a súa convivencia con Kallistratos, cuxa vida e conduta non se diferencian da vida e a conduta dun mono, o autor satiriza os costumes da época, apuntando de forma burlesca á imitación dos usos estranxeiros. Para Pitsipios, o principal problema da Grecia da época era a querenza por todo o estranxeiro, que el ve como unha violencia exercida polos propios gregos contra si. Mais a sátira non se dirixe só cara ao interior; mira tamén cara a fóra, co obxecto de criticar unha expresión concreta da imitación dos hábitos europeos: a moda de escribir libros de viaxes a terras foráneas (un deles era a obra de Bartholdy sobre Grecia). Descríbea como simiesca, pois deixa ver que eses libros son copias dun modelo previo común a todos eles, ou doutra obra anterior, sen base en ningún coñecemento real dos lugares que supostamente se visitaron, e co único fin de lle proporcionar sona ao seu autor.

*

O risco que supuña a brusca introdución do xeito de vida e usos europeos foi un tema candente na realidade grega durante as primeiras décadas posteriores á independencia; un tema que, naturalmente, se reflectiu na literatura e no teatro. Atopámolo xa na primeira comedia que se imprimiu no novo Estado: Asoto (1830) de Alexandros Soutsos (e en moitas outras comedias do XIX). Atopámolo igualmente na novela de Grigorios Palaiologos titulada O zografos (1842), así como nos poetas da época, cuxos versos son ben máis moralistas e políticos ca os versos dos poetas dos nosos tempos.

Porén, a maioría dos escritores distinguen a Europa dos costumes corruptos que non encaixan coa moral da nova Grecia da outra Europa das artes e as letras, a da educación e os ideais humanísticos. Embebidos do espírito da Ilustración europea, desexaban entregarlles aos gregos aqueles aspectos dese ideal que poderían vivificar a educación e axudar a compasar o seu paso co da gran familia europea de nacións, cousa imposible durante os séculos da dominación turca. Mais sabían tamén que iso non podía darse se non era mediante unha coidadosa selección e unha absorción controlada dos sans valores europeos. «Todo grego verdadeiramente ilustrado», escribe Georgios Serouios en 1844, «será europeizado, mais non intensamente europeizado». Porén, a introdución dos usos europeos foi tan descomedida que os gregos ilustrados sentiron a necesidade de reaccionar iradamente; isto significa que os líderes e promotores desa reacción foron os gardiáns da helenidade ortodoxa: a Igrexa e os campións da autarquía grega, que miraban a Europa con aversión. «Abonda xa de imitar coma monos e irracionalmente os europeos!», berraba Serousios. E Grigorios Palaiologos expresaba a súa angustia polo que acontecía «en todas as partes e sen cesar na nosa Grecia europeizada», no que vemos un típico comentario da época, mentres Konstantinos Pop comeza a empregar, pouco máis tarde, o termo «hipereuropeización».

Asemade, florecía no novo reino tamén, grazas á acción de Palaiologos e doutros intelectuais, o que se chegou a chamar «hiperhelenización»: a exacerbación do sentimento de que o novo helenismo era o continuador da gloria da antigüidade, e o intento de conectar as dúas épocas completando a bagaxe da identidade do individuo grego moderno con elementos tomados dos tempos antigos. «O gran punto de inflexión para a nación», escribe Alexandros Soutsos, de certo metaforicamente, «posuída por un degoxo de reforma absoluta, xa non se vai basear na saia de Colette, senón que busca a vedraña túnica de Pericles». Este desexo de retorno ao pasado foi especialmente visible na arquitectura, co xurdimento de edificios de estilo neoclásico e, sobre todo, no idioma: co intento de introducir arcaísmos e a instauración dun idioma próximo ao ático antigo como lingua da educación, destinado a ser, con toda seguridade, a lingua literaria. Estes dous modelos, o da hipereuropeización e o do hiperhelenismo, conflúen no personaxe de Kallistratos Evgenidis.

*

A máis clara mostra da rápida europeización foi o brusco cambio na vestimenta. «A moda», escribe K. Th. Demaras, «que nunha comunidade estable non pode ter maior importancia, de socato vaise converter no alicerce no que Grecia se basea». «A vestimenta europea», indica Alexis Politis, «é tamén un signo de que se posúen conviccións liberais europeas […]. A indumentaria tradicional semella fóra de lugar dentro da nova visión que o helenismo quere propoñer […], e é tachada de “asiática”». A foustanela viuse substituída polos pantalóns, e os xastres, para sobrevivir, debían saber coser á moda europea, converténdose así en xastres europeos. A palabra «moda» é unha das que aparecen con maior frecuencia en O mono Xouth.

*

O tema principal de O mono Xouth é, en esencia, o da autenticidade humana. O plano individual –o dos dous protagonistas– e o colectivo –os gregos que imitan servilmente os usos europeos, e os europeos que escriben falsos libros de viaxes– fúndense e encárnanse nos personaxes de Kallistratos e Barholdy. A caracterización destes dous homes, en particular a de Bartholdy, cuxo libro ofrece unha inexacta descrición da nova Grecia, preséntanos tamén o tema da identidade da Grecia moderna. Mais non se trata dunha demanda de pureza nacional, pois Pitsipios non era un nacionalista nin un helenocentrista, senón un home versado en linguas (exerceu como profesor de francés no instituto de Siros), nada hostil aos intercambios coas culturas alleas, sempre que puidesen resultar vantaxosos (traducira Les sept péchés capitaux de Eugène Sue e redactara un manual de textos franceses destinado aos estudantes gregos), e aborrecía a falsidade en que devén todo abuso da autenticidade.

*

O mono Xouth leva a etiqueta de «obra singular». De certo, isto non significa que non pertenza a ningunha tradición, pois volve sobre un tópico da literatura: o da metamorfose dun home en animal, que comeza na antigüidade con Homero, Luciano e Apuleio, e continúa con Kafka, Bulgakov, Asturias e outros moitos. Se Pitsipios innova, faino no contexto da literatura en grego moderno. Porén, Pitsipios non parece ignorar a literatura fantástica do XVIII (Lesage) nin a do seu propio século (Balzac), e emprega, ademais, elementos da tradición picaresca e da temática da sátira contra os médicos. Con Balzac, O mono Xouth parece compartir algúns temas e recursos técnicos, mentres que o subtítulo (Os costumes do século) semella reproducir, en certa medida, a preocupación de Balzac por «analizar os costumes do século XIX», sen deixar de conectar, asemade, con anteriores estudosos dos usos humanos, como La Bruyère e Duclos.

No tocante ás súas relacións coa tradición literaria en grego moderno, a máis directa pódese establecer co Ermilos (o poema narrativo de Michail Perdikaris, de 1817), do que O mono Xouth pode considerarse como a contrapartida en prosa. Máis aínda, esta obra parece dialogar con O zografos, de Palaiologos, co cal comparte o frecuente uso da expresión “imitar coma un mono” e da palabra “moda”; nese libro aparecen, ademais, certas descricións da imitación dos usos europeos que anticipan a temática de O mono Xouth. Para rematar, cómprenos facer referencia ao profundo interese pola condición do simio que xurdiu despois da formulación, con anterioridade a Darwin, da teoría evolucionista dos seres vivos a cargo de Lamarck en 1809, recollida nas publicacións periódicas gregas da época. Na Apothiki ton Ofelimon Gnoseon publicáronse, entre 1839 e 1842, catro artigos sobre a fisioloxía e os hábitos dos simios, e dous breves estudos apareceron tamén na Apothiki ton Ofelimon kai Terpnon Gnoseon, editada polo propio Pitsipios.

*

Na literatura, a metamorfose de home en animal ou en materia inorgánica suscita cuestións sobre a condición humana, sobre todo nun aspecto fundamental: o relativo ao carácter da súa conciencia. “Os relatos de metamorfoses”, escribe un estudoso, “someten a un forte debate a cualificación da mente humana como única entre os seres vivos”. No mundo antigo, o mesmo ca en tempos anteriores, estas historias tiñan un carácter máis ben positivo, pero dentro do cristianismo tomaron un cariz negativo, coma se fosen un instrumento do demo para levar a cabo os seus sinistros plans. O principal simbolismo da metamorfose é, de certo, a decadencia do ser humano dentro da escala da vida e o castigo que merece. Decote, a persoa que sofre a metamorfose toma a forma do animal que leva no interior.

A metamorfose en mono, ou sexa, no animal que máis semellanza garda co ser humano, simboliza especificamente a deterioración da conciencia humana, ou representa a persoa que non controla as súas paixóns, sobre todo a malicia e a depravación. “A perda da forma humana”, escribe Hegel, “aparece como castigo por algún grave pecado, do tipo que sexa, ou mesmo por algún crime monstruoso. Tal situación, que supón un afastamento daquilo que nos conecta coa divindade”, converte as formas de vida en “cárceres nas que os deuses pechan as almas dos culpables”. A miúdo, a metamorfose conduce á creación, non dun animal, senón dun monstro, pois o metamorfoseado, malia perder a facultade de falar, conserva a capacidade racional. Neses casos, a perda da forma humana acaba derivando, co tempo, na reversión da mudanza, que conclúe cando o metamorfoseado se recoñece a si mesmo: trátase dun purgatorio, máis ca dun inferno, que conduce á recuperación da forma humana, conseguida á luz do autorrecoñecemento e do descubrimento do elemento divino que hai en nós.

Neste contexto, é natural que os escritores moralistas plasmen este simbolismo mediante representacións alegóricas. “Cada obra de intención didáctica”, escribe Perdikaris sobre o Ermilos –no que a metamorfose do heroe en asno ten o obxecto de expoñer, como na metamorfose do heroe de Pitsipios, ‘a miserable condición do século’– “debe ser unha mestura de imitación e alegoría”. No que toca a O mono Xouth, cuxo didactismo se manifesta en condutas e situacións algo menos concretas que as que se ven no Ermilos, a alegoría está disimulada polo ton satírico dominante na obra, grazas ao cal se consegue evitar que o elemento fantástico quede nun segundo plano.

*

Cabe preguntarse cal sería a fortuna de O mono Xouth se no seu momento fose publicada na súa totalidade e dunha soa vez. De seguro, a reputación de Pitsipios como novelista sería moito máis elevada que a que hoxe lle garante I orfani tis Chiou. Certamente, a reconsideración de que é obxecto hoxe esta obra incompleta –ou, para ser exactos, o seu redescubrimento- fai que Pitsipios sexa máis valorado na actualidade. En efecto, O mono Xouth, aínda no estado no que a posuímos, é -xunto con O polipathis, de Palaiologos, e Thanos Vlekas, de Pavlos Kalligas-, a máis importante das novelas gregas até a aparición de Roidis. Se algunha vez se publicase completa, e se algunha vez se atopase a parte perdida (cousa moi improbable), converteríase na obra máis significativa da nosa narrativa até I papissa Ioanna (1866).

É moi probable, porén, que as súas virtudes impregnasen as obras dos prosistas posteriores, a xulgar polas pegadas de Piptsipios que descubrimos en certas prosas da época: no relato/estudo sobre un orangután titulado “Ao respetable director do Parque Zoolóxico”, publicado en Londres por Nikolaos Dragoumis (en Pandora, n.º 7, 1850); na “Historia dunha femia de orangután”, de Laskaratos; e en “Historia dun mono” de Roidis, que, como Sirianos, debeu ter na súa biblioteca a revista de Ermoupoli na que se publicou O mono Xouth. Hai certos detalles en “Historia dun mono” indicativos de que ese relato breve non foi só o resultado do interese do autor nas teorías de Darwin, senón máis ben do feiticeira que debeu resultar para el a lectura de O mono Xouth. A lendaria frase de Roidis “unhas navallas nas mans dun mono”, que topamos en Laskaratos (“unha navalla nas mans de Maimous”), e que tamén fai pensar nunha imaxe semellante de Poe (no conto “Os crimes da rúa Morgue”), ou que parece facerse eco da sabedoría popular, debe proceder da hilarante escena na que o mono Xouth manexa as navallas de barbear; e, de feito, cando lemos o relato das aventuras de Xouth, de cando en vez vénnos á mente, dalgunha maneira, o estilo humorístico de Roidis.

*

O texto de Pitsipios interrómpese coa recuperación da forma humana por parte de Bartholdy e coa decisión, unha vez expiado o crime, de ser, no sucesivo, útil para a sociedade, ademais de quedar a vivir en Atenas e acabar os seus días a carón de Kallistratos Evgenidis. Malia que a derradeira páxina contén a indicación “continuará”, a seguinte sección nunca apareceu en ningún dos tres números seguintes da revista, cos que a mesma chegou á fin da súa vida. As razóns polas que a publicación se interrompeu nunca foron explicadas por Pitsipios, e sobre elas hoxe só podemos facer suposicións. A causa máis probable parece ser a seguinte: co retorno de Bartholdy á aparencia humana parece completarse a primeira parte da novela (o texto, na forma na que sobreviviu, podería pasar por unha obra terminada), co que Pitsipios debeu decidir parar a súa publicación por medo a non conseguir un número abondo de subscritores para poder continuar coa edición da revista de acordo cos seus plans.

A nota que acompañaba o principio da segunda entrega xa prohibía “taxativamente a súa reprodución”, pois, tal e como Pitsipios mesmo escribe, “esta obra será editada de forma completa por parte do autor”. Esta nota, xunto co feito de que a denominada “Primeira parte” da obra estea dividida en capítulos ben estruturados, amosa que O mono Xouth non foi escrita segundo se ía publicando por entregas, senón que xa a tiña completada antes de comezar a publicala na revista.

*

Cómpre preguntarse como continuaría e remataría a novela. Como sobre a parte non conservada da obra non temos información ningunha, a tentación de especular é grande, mais camiñar polas sendas da fantasía cae fóra do ámbito da filoloxía e da crítica literaria. A personalidade de Pitsipios, a xulgar por O mono Xouth, mais tamén por algúns interesantes feitos da súa vida, permítenos formular algunhas hipóteses sobre o curso que podería seguir a narración, que con prudencia exporemos a seguir.

A pouco convencional forma de pensar de Pitsipios (os seus violentísimos libelos contra o Patriarcado Ecuménico forzárono a marchar de Constantinopla; e foi tamén expulsado do instituto de Siros por non dar “mostras de capacidade e moralidade”) e a súa aversión á mala literatura, que debía ser abondosa na Atenas da década de 1840, impídennos pensar que a continuación da novela se centrase na descrición da virtuosa vida de Xouth. O máis probable é que o antigo mono ilustrado acabase desgustado e enfrontado ao ambiente ateniense (especialmente co grego), até o punto de sentir que a vida como humano era menos grata que a que tivera como mono. Igual ca o papagaio do conto “Memorias dun papagaio” de Panagiotis Soutsos, farto de vivir entre seres humanos, decidiu volver vivir na selva, a novela de Pitsipios podería rematar con Xouth desexando metamorfosearse de novo en orangután e liscar a unha xungla afastada e salvadora.