Listado de la etiqueta: Henriot

A misoxinia nas críticas á obra de Colet

As máis das veces, as críticas á literatura de Louise Colet ían dirixidas ao seu sexo. Así, un amplo e moi rancio sector das letras sinaláballe dende as máis variadas tribunas o conxunto de carencias –obxectividade, metafísica, composición…– e, sobre todo, de excesos –frases, sentimentalismo, patetismo, vida privada…– que ao seu xuízo eran característicos da literatura feminina («Nada máis odioso, ou máis femininamente odioso, ca as mesquiñas e pequenas vinganzas», escribiu Barbey d’Aurevilly no capítulo que lle dedicou á escritora), por considerala sobrecargada, líquida, sen valor en comparanza coa literatura de peso, a masculina. «Non se escribe co corazón, senón coa cabeza», sentenciara ao respecto Gustave Flaubert (25 de agosto de 1852).

Fronte a eses ataques, Louise Colet adoptou unha postura inesperada. No canto de emendarse, porfiou en escribir consonte a verdade dos seus sentimentos e emocións, negándose a manter as experiencias persoais á marxe. Reivindicou o seu dereito a que a recoñecesen como muller e como escritora, non adoptou un pseudónimo masculino e esforzouse por demostrar que existía outro camiño alén do todopoderoso rol masculino. Colet entendeu que escribir é escribir a vida, e esa idea fixo que pagase caro rebelarse contra a poética flaubertiana da arte pola arte. Tanto ao longo da súa vida coma posteriormente, recibiu crueis críticas, se ben saboreou tamén as satisfaccións de certa fama poética e a liberdade e de ser ela mesma.

Se cadra, nun século no que as mulleres eran consideradas individuos de segunda clase, no mellor dos casos destinadas a seducir os homes, no peor a dedicarse aos traballos do fogar e aos coidados, non lle perdoaron o seu compromiso coa causa republicana, o seu espírito anticlerical e a posta en valor das mulleres.

Se algunha vez a loita torna grandiosa e sanguenta, quero unirme a ela, quero xuntar a todas as mulleres, a todas as nais, a todas esas irmás na dor e a miseria, e facerlles comprender o que cómpre dicir, o que cómpre facer, o que cómpre esixir para que non sexan eternamente máquinas para o pracer e a reprodución da especie!

(Carta de Louise Colet a Désiré Bancel, 21 de maio de 1850)

En poemas como «À ma mère» (Penserosa, 1840) ou «Aux femmes»; e nos relatos en verso publicados entre 1853 e 1856, La Paysanne, La Servante e La Religieuse, explora a estirpe feminina e alude á sorte común e pouco envexable das mulleres. Entre as biografías que escribiu destacan as dedicadas ás revolucionarias Charlotte Corday e Madame Roland; e en Deux Femmes célèbres (1847) aborda as etapas da vida de Madame du Châtelet e o seu amor por Voltaire para subliñar como neles se entrelazan o gusto polo estudo e os vínculos coa esfera espiritual:

Case sempre hai na vida dos grandes homes unha atractiva figura de muller da que os biógrafos da figura principal desdeñan ocuparse, ou, se o fan, é de xeito imperfecto. Non lles corresponde ás mulleres que se dedican a escribir reivindicar estas conmovedoras e nobres memorias a miúdo descoñecidas para a posteridade? Os historiadores e moralistas, dalgún xeito, tratan as mulleres como nacións vencidas: a súa personalidade queda borrada, desaparece, ou como pouco confúndese coa do home que as dominou. O que tiveron de orixinal, de grandeza e en ocasións de xenio, non se lles recoñece máis ca como un reflexo do espírito do home célebre que amaron.

No seu «Essai sur les ouvrages de Madame de Lambert», prefacio de Œuvres morales (1843), escribe:

Dende Molière, un espírito de denigración sistemática perseguiu sempre as mulleres escritoras (…); a vida familiar e a soidade do claustro privaron a moitas delas dunha reputación brillante, e as que lograron escribir deixáronnos páxinas inmortais; páxinas que ningún home podería escribir coma elas, porque son a expresión dos sentimentos que só as mulleres poden experimentar e, por tanto, expresar con verdade. De aí que sexa incuestionable a intelixencia creadora da muller; negar o seu talento para a escrita é negar a súa facultade de sentir, derivada naturalmente unha da outra.

Louise Colet sufriu nas súas carnes a misoxinia da crítica literaria. Debido ás súas relacións cun bo número de escritores, foi considerada o prototipo da bas-bleu e acantoada no papel de musa. Os seus colegas reducírona a un estatuto feminino que conciben como secundario ou menor. Sobre o seu poemario Le Monument de Molière (1853), á súa morte un crítico falará dos seus «versos de muller dun ton bastante masculino» (L’Univers illustré, 18 marzo 1876).

Rémy de Gourmont (La Motte en Bazoches-au-Houlme, 1858-París, 1915), afirma categoricamente en Promenades littéraires (1907):

Louise Colet participou moito da literatura francesa no transcurso do século XIX, pero… máis polas súas emocións ca polos seus libros. Quentou con todo o seu lume, que era ardente, o corazón filosófico do vello Cousin, e fixo gozar a Flaubert das delicias da primeira paixón. Era bonita, frenética, celosa, espiritual e sen apenas ningún talento.

E Antoine Albalat (Brignoles, 1856-1935), en Gustave Flaubert et ses amis (1927), escribe:

É coñecido o papel de namorada exasperante que desempeñou Louise Colet na vida de Flaubert […] Certamente, un dos máis insoportables tipos de bas-bleus da literatura francesa. A súa beleza foi a razón do seu éxito.

Jules Barbey d’Aurevilly dedícalle un capítulo enteiro na súa misóxina obra Les Bas-bleus (1878). Véxase a mostra a seguir (para o texto completo traducido ao galego por Isabel Soto, basta premer na hiperligazón):

Esta non é só unha bas-bleu. É a reencarnación da bas-bleu. Elévase até a abstracción! Coma as demais, coa vaidade cegadora do xénero, as pretensións, o orgullo fóra de lugar, o ridículo e a inutilidade. A señora Louise Colet tamén ten todo isto, pero con máis insolencia e provocación, a provocación covarde e xactanciosa dunha muller que sabe que en Francia a unha saia se lle permite todo […] Non era unha pedante dura, doutrinaria e plácida coma a señora Sand, pese a que tamén fose pedante; a súa pedantería era desenfreada, ardente, sibilina. Nin miga de prudencia!

Tamén resulta reveladora a peza asinada por Émile Henriot (París, 1889-1961), «Louise Colet. Portraits de femmes», 1913, cuxa tradución galega íntegra de novo pode lerse na hiperligazón:

Era de pluma fácil. E de ancas tamén […] Non era modesta. Pero a modestia, como todo o mundo sabe, é unha virtude cuxo único mérito é darlles beleza ás que só son bonitas […] Louise Revoil –a quen axiña chamaremos Louise Colet– era moi fermosa, e resulta moi difícil distinguir se unha muller moi guapa que escribe ten talento ou non. Os grandes escritores pensaban que tiña moito. Descubriuse que se enganaban cando a señora Colet se converteu nunha anciá. Isto non é moi galante, pero un sofre estas decepcións. A señora Colet causou moitas […] O rei recibiuna nas Tuileries… Porén, a gloria non a dotou dun carácter máis agradable. Toda a vida foi extremadamente túzara e de natural alborotador.

Non obstante, tamén algúns a apreciaron. Victor Hugo mantivo unha correspondencia constante con ela, estimouna, animouna, defendeuna e foi o seu amigo. Ela agradeceullo vivamente. Jean-Pierre Béranger (París, 1780-1857) valora a naturalidade, a verdade e a graza sinxela e inocente da súa escrita. O crítico Eugène de Mirecourt (Mirecourt, 1812-Port-au-Prince, 1880) dedícalle en 1856 unha curta biografía na que se mostra eloxioso, malia comezar dicindo: «Imos contar a historia dunha musa célebre, a quen un escritor dos nosos días feriu con crueldade no máis prezado que ten unha muller: a súa honra!».

* * *