Listado de la etiqueta: editorial hugin e munin

Balance do ano editorial 2022

Coma cada ano ao chegar estes días, facemos balance do traballo realizado, nun 2022 que resultou complicado debido ao considerable aumento dos prezos de transporte, tintas, papel, materiais de embalaxe… Baste dicir que, para a mesma cantidade, o modelo de cartón de envío que en marzo nos custara 0,41 € a unidade, a pasada semana estaba a 0,80 €; de aí que optásemos por outro máis económico, que con todo non baixou dos 0,66 €; ou, no caso do papel, para a mesma cantidade de exemplares e con características de formato idénticas, o derradeiro libro deste ano, con 320 páxinas, custounos practicamente o mesmo ca outro impreso en marzo, con 540 páxinas.

Así mesmo, cabe sinalar que acordamos non presentarnos á última edición das Axudas á Tradución que a Consellaría de Cultura tramita da peor maneira imaxinable. Esa liña de subvencións, na teoría, é a tal para editoriais especializadas coma a nosa, e polo tanto a onde cremos que ten sentido acudir, pero non nas actuais condicións, analizadas por enésima vez uns meses atrás. Coa última década como base, a dicir verdade non temos xa grandes esperanzas de que a cousa mude de maneira substancial, polo que só lle vemos solución cun cambio de Goberno, xente nova, máis receptiva e competente, e ideas novas, súas e emprestadas do sector.

Polo demais, participamos na Semana do Libro de Compostela, onde nos foi ben. E tamén consideramos unha boa nova que houbese varios títulos recentes de Hugin e Munin escollidos en distintos clubs de lectura: A nosa Negra, Morrerei outro día, A escritora, As nosas normas ou O lector. E, para 2023, xa están programadas novas sesións con, outra volta, Morrerei outro día, e, como novidade, A curmá Phillis. O noso agradecemento a todos eses lectores e lectoras e a quen os coordinan e seleccionan os nosos libros.

 

Decembro de 2021

Malia non seren estritamente obras do curso editorial que agora acaba, encomezamos este balance trimestre a trimestre amentando os dous títulos publicados na última quincena de 2021 a modo de recordatorio, pois é frecuente que queden nunha sorte de limbo e polo tanto non reciban toda a atención que quizais merezan.

Así, en decembro de 2021, incorporaramos dúas novelas ao noso catálogo: Thérèse Desqueyroux, do premio nobel François Mauriac, traducida do francés por Xavier Senín, e mais As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, gañadora do III Premio Realia que convocaramos en xullo de 2021, cuxa tradución dende o grego moderno correu a cargo de Alfonso Blanco.

 

Os 8 títulos de 2022

En 2022, centramos todos os nosos esforzos na colección principal, de tal modo que o número de novos títulos quedou limitado a oito, é dicir, dúas novas novelas por trimestre. Baixamos xa que logo a media de publicacións da nosa primeira década de vida: 11 novelas ao ano. Así a todo, temos a sensación de que a decisión foi para ben. Ao noso entender, o nivel de calidade ofrecido neste 2022 entra claramente no podio dos nosos mellores anos. Tamén foi o ano no que acadamos a paridade de xénero entre os novos autores e autoras publicados. Deteñámonos pois, brevemente e por orde cronolóxica, en cada unha das publicacións.

O 1 de abril presentamos unha obra traducida do éuscaro, a cuarta xa. Tratouse de A casa do pai, da vitoriana Karmele Jaio, a día de hoxe unha das máis prestixiosas narradoras a nivel estatal. A novela, de cuxa tradución se encargou Isaac Xubín, foi distinguida co Premio Euskadi de Literatura e, entre os temas que propón, figuran as complexas relacións entre a masculinidade e o feminismo, a identidade ou a memoria. Que saibamos, aínda ninguén a propuxo para un club de lectura, polo que dende aquí animamos a facelo. A casa do pai é unha obra moi ben escrita que permite debater sobre multitude de temas de interese.

A canda o de Jaio, saíu o que posiblemente sexa o noso libro do ano: A educación sentimental, de Gustave Flaubert. A encargada de traducir esta longa obra mestra (540 páxinas na edición galega) foi Isabel Soto, responsable así mesmo do corpo de notas (máis de 200) e dos tres apéndices que facilitamos na páxina web como complemento á lectura: «Xénese da obra e marco temporal», «Quen é quen» e «Valoracións críticas». Como comentaba a tradutora nunha entrevista recente: «Hai páxinas desta novela de Flaubert nas que unha quedaría a vivir». Como ao longo de todo este ano demos boa conta do moito que ofrece A educación sentimental, e posto que con certeza volveremos de tempo en tempo sobre ela polo que ten de canónica, escusamos comentar aquí máis nada.

No mes de xullo presentamos dúas obras breves. Por unha banda, O monstro, de Stephen Crane, traducida do inglés por Iago Nicolás Ballesteros. Esta peza –minuciosamente analizada, e enxalzada, de maneira recente por Paul Auster– aborda con gran sutileza e facendo un intelixente uso das elipses, o racismo padecido pola comunidade afroamericana nos EUA a finais do século XIX e comezos do XX. O seu autor foi pioneiro do realismo social, do naturalismo e da narrativa de corte psicolóxico, onde brillou con luz propia. Paga moito a pena para amantes da narrativa breve.

A outra obra que saíu no verán foi O castelo Rackrent, unha novela curta de Maria Edgeworth que traduciu Alejandro Tobar. Trátase dunha obra satírica pioneira da literatura histórica anglo-irlandesa. De tal modo que, segundo nos fixo saber o historiador Miguel Anxo Seixas, «a sociedade que describe presenta numerosas similitudes coa Galicia da época». No plano estritamente literario, destacariamos o intelixente uso que Edgeworth fai da figura retórica do dialoxismo, cun narrador non fiable. Polo tanto, malia a súa brevidade, é unha obra de ficción moi apetecible para quen queira saber, dende o humor, como era a vida nun país asoballado polas prácticas feudais dos terratenentes, tanto de orixe estranxeira coma oriúnda.

O 1 de outubro estaban na rúa outro par de obras. Unha procedente da literatura alemá: O solteirón, do austríaco Adalbert Stifter, traducida por Rosa Marta Gómez Pato, unha veterana xa na nosa carteira de tradutores e tradutoras. Desta peza, dicíase hai pouco na revista literaria dixital Biosbardia que ten «unha prosa segura, por veces vizosa, por veces bucólica, que consegue transmitir con gran facilidade sensacións e momentos. Esta pequena obra é ideal para perderse na evocación dos tempos idos da man dun autor moi orixinal». Do autor, nós subliñabamos os ecos románticos e mais o estilo intimista. E adheriámonos á descrición que del fixera Thomas Mann, quen o cualificou como «un dos narradores máis enigmáticos da literatura universal».

A segunda obra aparecida en outubro foi A curmá Phillis, de Elizabeth Gaskell. Da tradución ocupouse María Reimóndez. Poida que A curmá Phillis sexa a peza máis lograda dentro da abondosa produción de narrativa breve de Gaskell, unha autora da que estrañamente nunca antes se publicara nada en galego. É unha obra sutil que contrapón a realidade labrega e o mundo industrializado, e nela salientan o humor, a fluidez imprimida á trama e mais a autonomía e a complexidade da protagonista. Cónstanos que empeza a moverse xa por algún que outro club de lectura, cousa que agradecemos e celebramos. É unha moi boa opción para quen desexe fincarlle o dente á literatura inglesa do XIX.

Quixemos acabar o ano en grande, con dúas novelas de excepción. Unha, O neno perdido, conmovedora e soada nouvelle do estadounidense Thomas Wolfe. Resúltanos ademais especialmente grato que o seu tradutor fose o eumés-vigués Ignacio Chao. O de Wolfe é un texto cun pouso lírico extraordinario, nada fácil de trasladar con acerto; por esa razón, de igual maneira que no seu momento insistiramos para embarcar o autor de novela negra Diego Ameixeiras no labor de tradución de coñecidas obras de Dashiell Hammett e Raymond Chandler, agora porfiamos para que Chao retomase a súa faceta de tradutor (que en rigor nunca abandonou por completo, só que foi sobre todo nos primeiros anos 2000 cando verteu ao galego emblemáticos títulos da LIX para Xerais e para Tambre). O resultado que logrou Chao co texto de Wolfe toca agora que o xulgue o lectorado.

E como peche de ano, velaí Os tardeiros, unha longa, esixente e profunda novela acerca das complicacións da idade adulta, decote indisociables da nenez, escrita por Anita Brookner, unha das mellores autoras en lingua inglesa de todos os tempos e, segundo a estudosa Helen Dunmore, a súa prologuista na edición moderna da novela en Penguin, «a máis europea das escritoras británicas». Da tradución dende o inglés encargouse Alejandro Tobar.

Das obras de Brookner e de Wolfe non diremos máis nada neste balance de ano, pois temos previsto acomodar dentro de pouco senllas entradas de blog con información complementaria acerca de ambas as dúas.

Os libros que virán

Baste un par de pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes: precisamente porque en 2022 publicamos só os 8 títulos de rigor da colección principal, temos arestora en cola de espera, mesmo maquetadas, varias obras da colección paralela, «Vólvense os paxaros contra as escopetas». Contamos con sacalas ao longo de 2023. De igual modo, están xa en proceso de revisión senllas obras da literatura sueca e grega moderna, que en principio sairán o 1 de abril. Por outra banda, pechamos hai escasos meses os dereitos dunha obra escocesa, que programamos para mediados de ano. E estamos tratando de pechar tamén os dereitos doutra boa novela contemporánea francesa.

 

Os dous recordatorios de cada ano

Cabe lembrar, a modo de preámbulo, que a nosa independencia respecto dos cartos públicos é total. Proba disto é que –nunca cansaremos de recordalo– o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas. E non porque non teñamos dereito a máis subvencións ou non as queiramos e creamos merecelas, senón porque, no trato coa Administración galega do Partido Popular, é moi difícil saír con dignidade cando se entra na arrevesada e perversa roda das axudas públicas que a Consellaría de Cultura reparte (chamarlle xestionar non se pode) con man caciquil.

En segundo lugar, o recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais coma que, sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias (+3 neste 2022), non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios dende 2011 e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros. Todo isto pese á alza extrema de prezos. Por iso, hoxe máis ca nunca, dependemos da base de subscritores e subscritoras (elas, o 60 %).

Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2023

Décimo aniversario

Os primeiros títulos do noso catálogo (Servizo de Correos, de Charles Bukowski; e O forasteiro misterioso, de Mark Twain) viron a luz en decembro de 2011, así que neste Nadal de 2021 celebramos os primeiros dez anos de vida da editorial.

 

Cifras, linguas e persoas involucradas

Nestes dez anos de traxectoria, publicamos un total de 108 títulos (82 na colección principal e 26 no selo paralelo, «Vólvense os paxaros contra as escopetas»), unha vez que acabamos de recibir da imprenta as cinco novidades dunha asentada: Thérèse Desqueyroux, de François Mauriac, traducida por Xavier Senín; As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, traducida por Alfonso Blanco; O regreso do meu pobre tío, de Jacques-Antoine Dulaure, traducida por Isabel Soto; Unha volta polo inferno, de Mich Beyer, traducida por Robert Neal Baxter; e O derradeiro americano, de John Ames Mitchell, traducida por Iago Nicolás Ballesteros.

A maiores, editamos 5 guías de lectura como complemento para as obras O soño, A contrafío, A viaxe de Niels Klim, Un mundo distinto e igual e Nova Atlántida, que hai un tempo decidimos entregarlles de balde aos compradores en liña e nas feiras do libro onde poñemos posto.

Das traducións, realizadas, sempre dende a lingua orixinal (polo momento, 18 idiomas), ocupáronse 33 profesionais. E son 10 os correctores recoñecidos nos nosos créditos en todos estes anos.

 

 

As obras máis extensas, as máis curtas e as máis anotadas

A novela máis longa que publicamos nesta década de intenso labor é un clásico da literatura inglesa, Jude o escuro, do sempre conmovedor Thomas Hardy. Da tradución encargouse Mª Fe González. O libro, que supera os 750.000 caracteres, quedou co noso formato nas 500 páxinas. Son así mesmo abondas as pezas que superan as 400.000 matrices, e unhas poucas as que pasan das 500.000. Catro exemplos destas últimas son Historia dunha granxa africana, da surafricana Olive Schreiner (traducida por Begoña R. Outeiro); O longo adeus, de Raymond Chandler (traducida por Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar); ou A impaciencia do corazón, de Stefan Zweig (traducida por Rosa Marta Gómez Pato).

Canto ás obras máis curtas (con menos de 100.000 caracteres), case sempre as destinamos á colección das cubertas negras, «Vólvense os paxaros contra as escopetas». Son os casos de Ourika, de Claire de Duras; Micromegas, de Voltaire; A traba, de Mary Cholmondeley; ou Noventa anos despois, de Milovan Glišić. No entanto, houbo tamén algunha que outra novela breve que cremos conveniente colocar na colección principal a fin de llela facer chegar directamente ás persoas subscritoras. Por exemplo, O párroco de Vejlby, de Steen Steensen Blicher, pola súa especial relevancia en canto que obra fundacional da ficción criminal nórdica e unha das pezas consideradas, formalmente, parte do canon literario dinamarqués. Foron parar así mesmo á colección principal Oroonoko, novela de Aphra Behn que describe o sistema escravista do século XVII; ou Na néboa, de Richard Harding Davis, unha peculiar historia de detectives.

Cando as obras así o requiren, gústanos recorrer a un aparato de notas, as máis das veces de realia ou informativas, rara vez léxicas ou tradutolóxicas. Neste sentido, o caso máis saliente sería o da obra O soño, de Johannes Kepler, onde só 37 das súas 156 páxinas pertencen, stricto sensu, ao relato de ficción, mentres que as restantes corresponden ao «Caderno de notas de Johannes Kepler ao Soño Astronómico». Ao conxunto, é preciso sumarlle as «notas [do tradutor] ás notas [de Kepler]», case 200. Outro exemplo é o de A contrafío, a biblia do decadentismo escrita por J-.K. Huysmans, onde a tradutora elaborou 232 notas a rodapé. Ou as 395 de Un mundo distinto e igual, de Joseph Hall.

 

Ámbito de escolma: o mundo

Das 18 linguas orixinais dende as que até o de agora traducimos narrativa (só novelas e novelas curtas, nunca compilacións de relatos), a literatura inglesa e a francesa son, con moito, as máis amplamente representadas; xuntas supoñen máis do 50 % das obras no catálogo. Se do inglés trouxemos un total de 34 novelas (de autoras e autores orixinarios de Inglaterra, Irlanda, Suráfrica, Estados Unidos e Nixeria), do francés temos 29, escritas por plumas de Francia e do Canadá.

A italiana, con 9 obras, é a terceira literatura con máis peso no catálogo da editorial. Dese total, son 5 as novelas escritas por mulleres, das que habería que salientar polo menos tres como exemplos de narrativa recuperada vinculada ao feminismo.

Un matrimonio provinciano, de Maria Antonietta Torrani, a marquesa Colombi, un texto breve e cargado de sutileza e retranca publicado a finais do século XIX no que a autora constrúe a fantasiosa personaxe da moza Denza Dellara e un microcosmos envelenado polos convencionalismos, os usos e costumes do Piemonte da hai século e medio.

Logo estaría tamén A virtude de Checchina, de Matilde Serao, onde, en palabras da autora, se busca «demostrar o infeliz e monótona que é a vida burguesa, carente da brillantez dos sentimentos, ligada a cousas banais, deslucida polo aburrimento e na que mesmo o pecado carece de poesía e a culpa resulta fea e mesquiña». Isto conségueo Serao mediante a contraposición de dous prototipos femininos antagónicos: Isolina, a muller adúltera, desexosa de amor e aventura e que non ten interese en corrixir a súa conduta, e a beata e arisca criada Susanna.

En terceiro lugar, As confesións dunha filla do século. Epistolario dunha morta, de Donna Paola, novela epistolar na que a protagonista, a agonizante Viviana, reivindica a través dunha serie de misivas a súa sexualidade e expón o asoballamento que sente ante unha realidade na que priman a hipocrisía e as conveniencias.

Finalmente, pola súa defensa cerrada dun socialismo clásico como contrapeso aos abusos do capitalismo, aí estaría tamén A obra, escrita por Beatrice Speraz (que a publicou co pseudónimo Bruno Speraz) e na que se evidencia certo pouso determinista. Trátase dun texto de ambientación milanesa, cando a cidade estaba a experimentar unha febril actividade coa construcións de novas avenidas, barrios e modernas infraestruturas. Así, o relato aborda a vida dos marxinados e desfavorecidos, en contraste coa dos poderosos e hipócritas especuladores.

Dos títulos restantes, sinalar a relevancia da publicación a finais de 2012 da novela Unha vida violenta, de Pier Paolo Pasolini (traducida por Gonzalo Vázquez), ou da máis recente A historia do bondadoso vello e da fermosa moza, de Italo Svevo.

Pola parte baixa, idiomas tales coma o catalán, o castelán, o portugués, o serbio, o croata, o dinamarqués, o xaponés, o bretón e o aranés contan con cadanseu solitario título. Cabe aquí unha mención especial a estas dúas últimas linguas. En primeiro lugar, á aranesa, por supor un fito editorial na medida na que a publicación de Morte en Arán, da autora Tòni Escala (con tradución de Xabier Ron) supuxo a primeira tradución directa ao galego dun texto de ficción importado do aranés moderno. Neste sentido, rescatamos o seguinte extracto tomado da contracapa:

Malia a aparente distancia entre o galego e o aranés occitano, cabe lembrar que, xacando (séculos XI a XIV), a manifestación lírica máis emblemática, a trobadoresca, se espallou por toda a Península, de tal forma que occitano, galego medieval, aragonés, francés antigo, navarro e castelán se entrecruzaban na súa expresión e difusión orais. Así, non parece desatinado entender esta tradución como unha ponte tendida entre ambos os sistemas culturais, desenvolvidos en senllas linguas románicas…

Tamén foi un fito a flamante publicación de Unha volta polo inferno, da autora bretoa Mich Beyer, de quen rescatamos estas últimas frases no texto de presentación da cuberta:

Primeira obra narrativa contemporánea en tradución directa do bretón ao galego. De aí a escolla: Mich Beyer, unha escritora multipremiada no sistema literario de orixe; e, máis concretamente, Unha volta polo inferno, unha peza recente e representativa do seu extenso labor novelístico.

Noutra orde de cousas, hai cinco grupos de linguas cuxo peso crecente era quizais difícil de prever. Trátase do grego, o sueco, o latín e, en menor medida, o alemán e o éuscaro.

En 2013, a boa acollida da novela A asasina, de Alexandros Papadiamandis (na tradución de Susana Losada e Margarita Olivar), probablemente foi, mirado en retrospectiva, o que facilitou que hoxe contemos cunha destacada representación de literatura grega contemporánea, e tamén do século XIX. Nese conxunto de 6 obras, das cales a derradeira foi a de Viziinos tras gañar o pasado setembro o Premio Realia, dúas salientan, ao noso entender, sobre as demais: Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani, e O obradoiro de vidro, de Menis Koumantareas, traducidas en ambos os casos por Alfonso Blanco. Sirva para apuntalar o dito o seguinte extracto tomado dun número recente da revista Biblos, onde se lles reservaba un espazo ás propostas de literatura grega:

Na última década, a publicación de cinco grandes novelas da literatura grega contemporánea serviu para cubrir un notable baleiro no corpus de tradución ao galego. Se, por unha banda, a literatura helena clásica xa se fora incorporando á lingua de noso dende mediados do século XX, grazas en boa medida a unha xeración de afanosos tradutores dos que talvez o máis soado sexa Evaristo de Sela, pola outra quedaba unha tarefa pendente: a importación de narrativa contemporánea. […] Escrita orixinalmente ben no estándar derivado da koiné clásica ou ben na variedade popular ou demótica, o lectorado en galego dispón dun pequeno abano máis ou menos representativo da mellor produción novelística dos creadores e creadoras gregos. […] Naturalmente, aínda falta moito por traer (pezas de Markaris, Kazantzakis…), pero é un feito que onde antes non había nada, agora xa hai algo, e algo digno, merecedor de ser traducido. Velaí, polo tanto, un motivo de celebración…

Foi así mesmo Alfonso Blanco, latinista de formación, quen se responsabilizou da tradución de catro obras escritas en orixe no coñecido como latín humanístico.

Quede aquí unha mención a Nova Atlántida, do inglés Francis Bacon, por ser a súa xénese un tanto singular: publicáraa Bacon inicialmente en inglés en 1627, pero en 1638 volveu editala, ampliada, reelaborada e en neolatín (para o cal contou coa axuda do seu capelán e editor, William Rawley), polo que é esta última a que fixa a edición definitiva, ergo a que se empregou para a tradución de Blanco que publicamos.

Do sueco, trouxemos seis obras de contrastada calidade, grazas á enriquecedora e continuada colaboración coa tradutora Marta Dahlgren. Hai nese pequeno couto nórdico propostas moi variadas. Dende Kallocaína, de Karin Boye, un clásico de culto da ciencia ficción distópica, até Apropiación indebida, de Lena Andersson, ou O xogo serio, de Hjalmar Söderberg, dúas obras que teñen Estocolmo como marco da acción e que tratan o complexo mundo das relacións sentimentais.

Canto ás seis pezas importadas do alemán, hai nomes de sona internacional: Stefan Zweig, Arthur Schnitzler ou Bernhard Schlink. Tamén Ricarda Huch, poida que menos coñecida ca os anteriores pero da cal O derradeiro verán gustou bastante entre o lectorado galego, ou esa impresión nos deu. Se ben da tradución máis recente, O lector, se ocupou David A. Álvarez, o crédito polas outras cinco cómpre concederllo a Rosa Marta Gómez Pato.

Para concluír esta epígrafe, faltaría por amentar as obras traídas dende o sistema literario éuscaro. Contribuímos a estreitar os lazos entre Galicia e Euskadi coa publicación de tres obras contemporáneas: Pasaia blues, de Harkaitz Cano; eSPedición, de Juanra Madariaga; e O xogo das cadeiras, de Uxue Alberdi. Ademais, como anunciamos hai meses, o tradutor Isaac Xubín anda próximo a rematar a tradución da cuarta e premiada novela que lle encomendamos: A casa do pai, de Karmele Jaio, que verá a luz no primeiro semestre de 2022.

 

Os Nobel

Cinco (dos que catro o aceptaron e un o rexeitou) son polo momento os galardoados co Premio Nobel de Literatura que engrosan o noso catálogo: Grazia Deledda, da cal trouxemos a novela Elias Portolu; Albert Camus, con A peste; John Galsworthy, con O estoico; François Mauriac, coa acabada de publicar Thérèse Desqueyroux. E mais un que foi distinguido co Nobel pero non o quixo: Jean-Paul Sartre, con A infancia dun xefe. Desta última peza ocupouse da tradución dende o francés Ánxela Gracián, e malia que as vendas non foron especialmente boas, talvez porque non soubemos darlle a promoción que merecía, cremos que se trata dunha obra sobranceira, polo que aproveitamos a ocasión para recomendar a súa lectura.

 

Inéditos nas demais linguas do Estado

Polas nosas contas, son cando menos 15 as obras que nesta década trouxemos ao galego cando aínda non se traduciran a ningunha outra lingua estatal nin peninsular. Delas, poderiamos destacar casos coma o de Cando levanten as brétemas, un cruento relato da guerra de Bosnia novelado por Josip Mlakić e vertido dende o croata por Jairo Dorado; ou As nosas normas, de C. J. L. Almqvist, insólita obra que coñecemos a través dunha edición francesa recente, e cuxa tradución dende o orixinal sueco axiña lle encargamos a Marta Dahlgren; ou, máis próxima no tempo, O derradeiro americano, de John Ames Mitchell, que acaba de traducir Iago Nicolás Ballesteros do inglés, co único apoio para o cotexo nas relecturas dunha edición anotada en esperanto. E así podiamos seguir con O home das bonecas, A industria do sexo e do peixe empanado, Noventa anos despois… Mesmo hai outras obras que, en tendo versións en linguas peninsulares, vimos que carecían dalgunhas pasaxes (censuradas?), como sucedeu con Angel Esquire; que non eran traducións plenas malia anunciarse como tales, senón adaptacións, como pasou con A xente de Hemsö (cuxa versión en portugués do Brasil pouco tiña que ver co orixinal sueco); ou que obviaban as frases máis complexas (caso de Locus Solus na vella versión en castelán).

En resumidas contas, esta forma de sumar para o galego títulos que non están ao dispor do lectorado en castelán, portugués ou catalán é, cremos, unha forma máis de vindicar o labor editorial plenamente profesionalizado. O sistema literario galego, tamén no ámbito da tradución, debe abrir camiños de seu, cos lóxicos equívocos pero tamén con acertos seguros. É con esa filosofía coa que enfrontamos os procesos de escolma de novos títulos; esforzámonos por non supeditar o «publicable» aos intereses doutros, por máis que a miúdo sexan coincidentes. A boa literatura, nos máis dos casos, recoñécese á legua.

 

Mellores e peores acollidas

No ámbito da tradución literaria ao galego, a realidade é que se un libro acada unhas cifras de vendas superiores aos 350 exemplares, é posible cualificar o seu comportamento comercial de correcto, mesmo de bo.

Así, tiveron unha curva «correcta» de vendas títulos como A asasina, de Alexandros Papadiamandis; Pescador de Islandia, de Pierre Loti; O verán sen homes, de Siri Hustvedt; ou A nosa Negra, de Harriet E. Wilson. Pola contra, obras como As valgadas bravas, de Raimon Casellas; Venecias, de Paul Morand; O afundimento do Titán, de Morgan Robertson; ou mesmo, de forma se cadra máis sorprendente, Thérèse Raquin, de Zola, ou Nós, de Evgenii Zamiatin, non deron arrancado, polo de agora.

Cabe facer aquí unha matización. Os nosos son «libros de fondo», polo que é posible que unha determinada obra pase desapercibida durante meses, se callar anos, e que logo engale a raíz do interese e a boa acollida nun par de clubs de lectura e das subsecuentes recomendacións lectoras (caso de Morrerei outro día, de Isabelle Alonso; inédita, por certo, nas restantes linguas peninsulares), ou a raíz dun acontecemento puntual (velaí A peste, de Albert Camus, que non vendera como cabía esperar até que a realidade pandémica puxo o libro en boca de todos); ou ben pode acontecer que simplemente as vendas dun libro se dean con vagar pero de forma constante ao longo de anos, até esgotar, unha tras outra, dúas ou tres reimpresións (caso de Maria, de Mary Wollstonecraft; ou de As covas de aceiro, de Isaac Asimov); impresións que no noso caso son modestas, polo xeral de 100 en 100 exemplares.

 

Premios dados e acadados

Unha das iniciativas que puxemos en marcha nestes anos foi o Premio Realia de Tradución Literaria, grazas a un acordo de colaboración co Concello de Santiago. Fixémolo nun momento no que non había premios de tradución remunerados fóra do ámbito universitario (o Premio Plácido Castro eliminara o pago ao tradutor, algo que felizmente se reverteu tan pronto como a fundación que o convoca atopou novos patrocinadores). Para asegurar a súa viabilidade, optamos por fixar unha periodicidade bianual.

Así, na I edición o xurado distinguiu a novela Detrás da máscara: o poder dunha muller, de Louisa May Alcott, na tradución de Antía Veres. Na segunda decidiu deixalo deserto. E na terceira recoñeceu As consecuencias da vella historia, de Georgios Viziinos, traducida por Alfonso Blanco.

No apartado de premios recibidos, cómpre amentar a concesión do Plácido Castro, até en catro ocasións: en 2014, ex aequo con Monai Imai (ela por Botchan, de Natsume Soseki), a Alejandro Tobar pola tradución de O forasteiro misterioso, de Mark Twain; en 2015 a Marta Dahlgren por Kallocaína, de Karin Boye; en 2016 a Isabel Soto, por Fosca, de Igino Ugo Tarchetti; e en 2018 a Antía Veres por Unha muller perdida, de Willa Cather.

Imaxes tomadas da Wikipedia {GL} e da web da Fundación Plácido Castro.

En dúas edicións, os cibernautas recoñeceron co Premio Fervenzas Literarias na modalidade de Tradución: en 2014 a Mª Fe González por Jude o escuro, de Thomas Hardy, e en 2017 a Isabel Soto por Thérèse Raquin, de Émile Zola.

E dúas veces tamén acadamos o Premio de Tradución da Gala do Libro, rebautizado en 2020 como Premio Follas Novas: en 2016 a Alejandro Tobar, por Mocidade, de Joseph Conrad; e en 2021 a María Reimóndez por A nosa Negra, de Harriet E. Wilson.

Logo, de mans da FEGALCAT (Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña), a editorial recibiu o Premio Alecrín á Innovación Cultural na edición de 2015.

Valla como peche para esta epígrafe unha mención ao Premio Estatal de Tradución que en 2019 se lle concedeu a Xavier Senín «pola súa dilatada obra como tradutor ao galego». En certo sentido, ese galardón supuxo un pequeno recoñecemento ao labor das moitas editoriais que nalgún momento contamos con el. No noso caso, ademais, Xavier Senín é un piar sen o cal a nosa identidade non sería nin sombra da que é. Recuperamos pois estas liñas escritas nos días posteriores á concesión do premio:

Dende a década de 1980, Senín asinou máis de 150 traducións, case sempre dende o francés; moitas veces en tándem con Isabel Soto. Que Senín é un valor seguro á hora de trasladar un texto á lingua de noso é algo que sabemos moi ben quen traballamos neste fascinante eido. Así se explica que o flamante premiado traducise para tantas e tan diversas editoriais, e que en todas elas o estimemos tanto. Sen saírmos do ámbito galego ou en lingua galega, recibiu encargas de Xerais, Galaxia, Edelvives, Kalandraka, Rodeira, Planeta, SM, Everest, Argos Vergara… e nosas, naturalmente (10 en total): Locus Solus (2012), de Raymond Roussel; Pescador de Islandia (2014), de Pierre Loti; A Eva futura (2014), de Auguste Villiers de L’Isle-Adam; No ceo (2015), de Octave Mirbeau; Unha desolación (2016), de Yasmina Reza; As damas verdes (2016), de George Sand; A peste (2018), de Albert Camus; Ourika (2019), de Claire de Duras; O home das bonecas (2020), de Jean-Louis Renaud; e Thérèse Desqueyroux (2021), de François Mauriac.

 

Cientifismo e investigación

Son 14, até o de agora, as obras etiquetadas como «Ciencia ficción». Algunhas, con todo, habían quedar fóra se o marco dado atendese só aos parámetros da ci-fi moderna. En calquera caso, é unha cantidade importante que permite calibrar o noso interese neste xénero.

Gustaríanos salientar dúas aínda non citadas nesta panorámica-resumo: por unha banda, Cita con Rama, de Arthur C. Clarke, un estupendo exemplo da mellor ciencia ficción dura; e, pola outra, A morte da Terra, de J.-H. Rosny o maior, un referente do xénero en lingua francesa. Esta última novela engancha ademais coa nosa afanosa querenza pola publicación de textos pioneiros, anovadores e ás veces inmerecidamente esquecidos: véxase A terra paterna, obra inaugural do subxénero coñecido como roman du terroir na literatura quebequesa; Últimas cartas de Jacopo Ortis, primeira novela epistolar da literatura italiana; ou O asasinato da Pont-Rouge, novela embrionaria da literatura policial francófona.

Engancha, así mesmo, a literatura policial francófona con outro paraugas, «Negra e detectivesca», nutrido cos clásicos O longo adeus, de Raymond Chandler, e Colleita vermella, de Dashiell Hammett. Pero non só. Tamén entran nesa categoría obras suxestivas e non demasiado coñecidas dos afamados Wilkie Collins ou Edgar Wallace.

 

Un decenio de axustes e melloras

Por unha banda, hai que citar os cambios operados na páxina web. A inicial cumpriu con nota o seu cometido durante preto de oito anos, pero foi tornando parcialmente obsoleta na medida na que os móbiles lles ían comendo espazo aos ordenadores. Tamén porque a plataforma de merca en liña periodicamente daba problemas, e, á fin e ao cabo, porque dez anos a nivel tecnolóxico son un mundo. Por iso, día arriba día abaixo, estreamos novo sitio web coincidindo co inicio do confinamento, en marzo de 2020. Por deseño e funcionalidade, considerámolo un acerto.

Tamén levamos a cabo a confección minuciosa do noso libro de estilo. Con independencia de quen traduce e de como, esforzámonos para que haxa unha coherencia entre as distintas obras, con aspectos comúns a todas e cunha primacía –que non resulte artificiosa– das formas patrimoniais. Como é lóxico, hai obras e traducións que precisan dunha revisión máis pormenorizada ca outras, pero en todo caso poñemos un grande empeño e somos moi esixentes nos procesos de revisión e corrección para que a lectura na lingua meta sexa fluída e non nos escapen demasiadas grallas nin erros de vulto. Esta forma de traballar implica, valla a redundancia, moito máis traballo, e polo tanto unha maior xenerosidade por parte de todos: responsables das tradución, a corrección, a edición, a maquetaxe… Esmerámonos por coidar dos contidos, o cal, polo menos en parte, compensa a austeridade dos formatos. No tocante a estes últimos, a encadernación é sempre en rústica (imposible, sen perder demasiados cartos, pasar ás tapas duras con tiraxes tan pequeneiras), por máis que regularmente pidamos novos orzamentos á busca de melloras. Outra cativa mellora é que os últimos dez ou doce títulos empezaron a levar as tripas cosidas; isto encarece levemente o prezo de custo, pero paga a pena.

Así mesmo, o deseño das cubertas foi experimentando sutís cambios. Adoitamos utilizar o simbolismo dalgún elemento presente no discurso. Sirvan de exemplo as vírgulas a modo de mosquitos estampados nunha parede branca en O mapa do lar, de Randa Jarrar; o tranvía azul triestino que serve de icona para a capa de O bondadoso vello e a fermosa moza, de Italo Svevo; ou a paleta de cores en A lúa e seis peniques de Somerset Maugham. Houbo un caso no que, chegada a hora de reimprimir, optamos por unha substitución do motivo: a novela Angel Esquire, de Edgar Wallace.

 

Deberes pendentes e algunhas fraquezas

Somos conscientes das nosas carencias á hora de facer unha promoción máis activa dalgunhas obras. O tempo é o que é, e unha estrutura fixa de tan só dúas persoas (que á súa vez somos tradutores para outras empresas galegas e foráneas) non nos permite desviarnos senón moi ocasionalmente do, chamémoslle, «feito literario». Neste sentido, o talentoso escritor Luís Rei Núñez evocaba recentemente na presentación dun poemario seu unha máxima atribuída ao pintor Henri Matisse, quen seica legou como gran consello aos pintores novos que, para seren mellores na súa arte, debían cortar a lingua (ou se acaso mordela). Con iso, o xenio das artes plásticas querería dicir que cómpre non concederlle máis importancia ao envoltorio da que ten; que a obra, se é boa, debe ser capaz de falarlle ao espectador en por si, sen explicacións de ninguén. Procurando non perder pé e sempre á nosa cativa escala, é por aí por onde irían as nosas aspiracións editoriais: confialo todo ao traballo realizado, poñer por diante, por así dicilo, o «feito literario».

 

Con vocación de independencia

Supón unha satisfacción que case o 90 % do catálogo que, con algunhas dificultades, logramos construír estivese financiado consonte as nosas posibilidades económicas reais, sen chuchar innecesariamente do teto público que xestiona pesimamente o goberno do Partido Popular, como queda demostrado ano tras ano nas axudas á tradución.

O dato obxectivo é este: das 108 obras publicadas en 10 anos de labor editorial, só 13 contaron con algún tipo de axuda pública (fose do Concello de Santiago, da desaparecida Asociación de Tradutores Galegos ou da Consellaría de Cultura), que sempre se destinaron de maneira íntegra a remunerar os tradutores.

Ora ben, si dependemos do cento aproximado de subscritores que nos prestan o seu apoio e mais das compras dos lectores nas librarías e demais canles comerciais (as vendas online deitan un dato relevante: as mulleres representan o 65 % dos nosos compradores). Xa que logo, podemos concluír que o logro da nosa «independencia» é un logro compartido, con persoas subscritoras, lectorado e librarías aliadas.

 

As subscricións, o noso motor

Coma cada ano por estas datas, queremos renovar o convite a subscribirse aos libros da editorial. A modalidade estándar custa 116 euros anuais. Mantemos o mesmo prezo dende o principio, que para os menores de 30 é mesmo algo inferior: 100 euros. A cambio, as persoas subscritoras reciben puntualmente no seu domicilio 8 obras, a razón de 2 por trimestre.

Dependemos do apoio das persoas socias para traballar da maneira na que o facemos. Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou ben a posibilidade de regalar unha subscrición a outra persoa, a un centro educativo, a un club de lectura, a unha asociación…

Boas festas, próspero 2022 e boas lecturas!