Listado de la etiqueta: crane

Novidades estivais: novelas de Maria Edgeworth e Stephen Crane

Acaban de chegar da imprenta as dúas novidades do trimestre que encomeza en xullo. Polo tanto, no que resta de semana enviarémoslles o paquete con ambos os novos títulos ás persoas subscritoras, para despois empezar a comercializalos nas librarías e demais canles habituais.

Desta vez optamos por presentarlle ao lectorado en galego, por un lado, a obra satírica de Maria Edgeworth intitulada O castelo Rackrent, considerada pioneira da literatura histórica anglo-irlandesa e na que destaca o intelixentísimo uso que a autora fai da figura retórica do dialoxismo, cun narrador non fiable.

Para a edición galega, decantámonos por ofrecer o corpo textual sen apenas notas ao pé (unicamente nove, e de apoio) e prescindir así mesmo da introdución, o glosario e as densas notas terminolóxicas do orixinal. Ese conxunto de peritextos -incorporados pouco antes da publicación en 1800 e escritos na voz dun narrador inglés, un feito que contrasta coa voz xenuinamente irlandesa do criado- buscaba mitigar o posible impacto negativo que os Edgeworth (pai e filla) temían que o libro causase na entusiasta visión inglesa en relación coa Acta de 1800, documento que formalizaría a unión dos reinos de Gran Bretaña e de Irlanda nun só. A tradución ao galego correu a cargo de Alejandro Tobar.

Polo outro lado, trouxemos O monstro, unha obra do estadounidense Stephen Crane, cualificada de maneira recente por Paul Auster no seu ensaio Burning Boy. The Life and Work of Stephen Crane como:

exquisita e audazmente concibida, a máis poderosa e complexa das súas novelas curtas.

Sexa como for, a peza de Crane aborda cuestións tales como o racismo, os prexuízos, o ostracismo e a intolerancia cara aos afroamericanos que marcaron o século XIX e boa parte do XX nos Estados Unidos de América, ademais de retratar a humanidade e a compaixón a través do dilema ético que se lle presenta ao personaxe do doutor e afondar no concepto de monstruosidade. Cabe sinalar que na edición galega inserimos as ilustracións orixinais en branco e negro realizadas por Peter Newell para a publicación do texto orixinal (1898) en Harper’s Magazine. Da tradución ocupouse Iago Nicolás Ballesteros.

Quen esteades en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e grazas.

Boas lecturas e bo verán!