Dúas incorporacións: Iván Turguénev e Jack London
Xa connosco, as tan agardadas novidades!
Por unha banda, Fume, a penúltima novela de Iván Turguénev –en palabras do autor, «o único relevante e útil que escribín»– e talvez a obra de ficción que mellor expón o seu ideario político, de tendencia moderada e europeísta. Tanto pola súa calidade coma pola diagnose dunha sociedade en crise (velaí o choque cultural e político entre a Rusia tradicional e as influencias provenientes de Europa), a crítica segue a considerala un fito da literatura universal. Da tradución dende o orixinal encargouse Iago Fernandes López, responsable así mesmo do valioso aparato de notas ao pé (e extenso, con máis de duascentas).
Pola outra banda, velaí unha peza do afamado Jack London, a intitulada Asasinatos, S. L. Foi esta unha obra peculiar xa dende a súa xestación, pois London mercoulle a idea ao tamén novelista Sinclair Lewis a comezos da década de 1910, só que morreu moi novo e o proxecto quedou inacabado, polo que non sería até moitos anos máis tarde cando a familia do norteamericano lle encargase a conclusión a un escritor de novelas de suspense, Robert L. Fish, quen se comprometeu a manter o estilo e seguir de maneira fiel as notas legadas por London. Ao noso entender, cun resultado sobresaínte. A cuestión é que a novela non se publicou até 1963, e agora, por fin, grazas á tradución dende o inglés de Iago Nicolás Ballesteros, está dispoñible en galego. Esta peza, amais de pola intriga, merece unha revisión a fondo dende unha perspectiva filosófica, toda vez que se centra na contradición entre os ideais e a realidade e explora o delicado tema da xustificación da violencia en nome dunha suposta xustiza. Así mesmo, por estar ligada a unha sociedade contemporánea capitalista, consideramos que ten plena vixencia e achega unha crítica mordaz ás estruturas de poder.
Dous tradutores mozos para dúas obras de peso
Para acabar, mencionaremos un par de curiosidades: no caso de Asasinatos, S. L., o recorte de prensa ideado para a cuberta está pensado a modo de pequena homenaxe á obra de literatura infantil Contos por palabras (Xerais, 1991), do vilalbés Agustín Fernández Paz.
Polo demais, o feito de lle ofrecer ao lectorado galego unha nova obra de London non fai senón constatar que hai canteira dende un punto de vista tradutolóxico. Cando lle trasladamos a Iago Nicolás Ballesteros (Vigo, 1997) a posibilidade de anosar a novela de London, o primeiro que manifestou foi a especial ilusión que lle faría traballar cun autor que xa o seu pai, Ramón Nicolás, explorara na década de 1990; del son as versións galegas de Unha odisea nórdica (Sotelo Blanco, 1995) e Cairo branco (Xerais, 1997). E esta do seu fillo Iago, con quen foi un pracer volver colaborar (xa traducira para nós senllas obras de John Ames Mitchell e Stephen Crane), cremos que mantén o nivel e mesmo non sabemos se non estará un punto por riba dos traballos do seu proxenitor. Que o xulguen agora os lectores e lectoras.
Canto á novela Fume, como quizais algunhas persoas lembren, xa hai tempo trataramos de traela e non fora posible: daquela vez a Xunta negáranos unha axuda á tradución (na convocatoria de 2014) e, posto que non tiñamos capacidade financeira abonda para tirar adiante cun proxecto así só con medios propios, a cousa quedara en stand-by. Hoxe, por fin -sen subvencións de ningún tipo-, tivemos a sorte de cara e acordamos con outro Iago, Iago Fernandes López (A Coruña, 1991), a tradución da obra, despois de que un tradutor e amigo común nos puxese en contacto. Ben haxa! Francamente, quedamos moi contentos co resultado e temos a sensación de ter entre as mans unha obra de auténtico calado, traducida con excelencia e editada con cariño. Xa que logo, oxalá que “a década de demora” coa que presentamos Fume funcione como aliciente para que lectores curiosos caian nesta magnífica “novela de amor”, que acontece na cosmopolita cidade balnearia de Baden-Baden.
Outras obras en galego de Turguénev e London
De Turguénev, antes ca Fume, publicáronse a novela O primeiro amor (Xerais, 1987; trad. Manoel Riveiro Loureiro) e mais un relato breve, “O prado Biézhin”, recollido no volume O conto ruso do XIX: de Puxquin a Tolstoi (Ir Indo, 1997; trad. Irina Gorbátikova). Pola contra, aínda non está dispoñible a outra grande obra súa: Otsí i deti [Pais e fillos], que oxalá algunha outra editorial se anime a editar pronto. Non seremos nós, iso seguro, pois seguimos coa política de traer un só libro por autoría.
De London, antes ca Asasinatos, S. L., amais das antecitadas Unha odisea nórdica (Sotelo Blanco, 1995; trad. Ramón Nicolás) e Cairo branco (Xerais, 1997; trad. Ramón Nicolás), é posible ler en lingua galega A chamada da selva (Xerais, 1983; trad. Gonzalo Navaza) -tamén intitulada A chamada da natureza (Vicens Vives, 2012; trad. Sara Gutiérrez)-, Polos mares do sur (Sotelo Blanco, 2002; trad. María Fe González), O viaxeiro astral (Galaxia, 2007; trad. Xoán Abeleira), A praga escarlata (Urco, 2009; trad. Tomás González Ahola), Contos de ciencia ficción (Urco, 2012; trad. Tomás González Ahola; contén os relatos “O home da cicatriz”, “Unha reliquia do plioceno”, “A sombra e o fulgor”, “A prancha” e “Un curioso fragmento”), Antes de Adán (Urco, 2012; trad. David Cortizo), O talón de ferro (Urco, 2012; trad. Tuula Ahola), o ensaio sobre capitalismo e socialismo intitulado A guerra de clases (Urco, 2012; trad. Rodrigo Vizcaíno), A expedición do pirata (Toxosoutos, 2013; trad. David González Couso) e mais Martin Eden (Irmás Cartoné, 2019; trad. Celia Recarey).
Bo comezo de ano e boas lecturas!