Primavera 2026: Henrik Pontoppidan e Sarah Orne Jewett
Dúas novas obras pasan a engrosar o noso catálogo. A próxima semana sairán para os domicilios das persoas subscritoras (velaquí a folla de subscrición, para quen poida estar interesado) e a continuación empezará a distribución en librarías e demais canles comerciais.
Trátase, por unha banda, da novela A terra dos abetos en punta, escrita por Sarah Orne Jewett e publicada orixinalmente en 1896. Traducida do inglés por Cristina Cajoto, a obra ilustra a independencia, a capacidade de traballo e a dignidade dun pequeno grupo humano cuxa idiosincrasia non se entendería sen a dureza do mar, o coidado da veciñanza e a sororidade, con mulleres afoutas que reivindican o valor da autonomía e da soidade voluntaria. Encomiado por escritores da categoría de Willa Cather, Henry James ou Rudyard Kipling, este clásico da literatura americana en lingua inglesa ocupa un lugar preferente na cultura e na identidade de Nova Inglaterra.
Pola outra banda, incorporamos a novela curta Oso, do premio Nobel Henrik Pontoppidan, traducida en tándem do dinamarqués orixinal por Marta Dahlgren e Alejandro Tobar. Trátase dunha peza que achega unha lúcida reflexión sobre a dificultade de permanecer fiel a un mesmo nunha sociedade gobernada polo conformismo, un mal enraizado que o autor escandinavo atacou sen reservas no conxunto da súa obra. Con este relato de memorable final, Pontoppidan construíu, sen pór nunca un pé en Groenlandia na vida real, un dos textos máis sutís, conmovedores e carraxentos da literatura dinamarquesa, cunha constante confrontación entre a autenticidade do individuo e o peso que sobre este teñen as institucións.
Convén sinalar, polo demais, que con Pontoppidan xa son seis os autores galardoados co Nobel de Literatura que forman parte do noso catálogo. Velaquí a listaxe completa de Premios Nobel con obra traducida ao galego. Até o de agora, son 64 os escritores e escritoras con polo menos unha obra traducida ao galego e publicada en papel, fronte aos 55 que seguen inéditos.









