Isabel Soto acada o XXIII Premio de Tradución Plácido Castro
Onte, 15 de setembro de 2025, a tradución da novela A herdanza Ferramonti levada a cabo por Isabel Soto foi distinguida por un xurado especializado co XXIII Premio Plácido Castro ao mellor libro traducido de 2024, que conta cunha dotación de 3.000 €. Esta obra é xa a décima que Soto traduce directamente dende o italiano para Hugin e Munin, e a segunda coa que acada o tal galardón; tras Fosca, de Igino Ugo Tarchetti, publicada en 2016.
Isabel Soto (Vigo, 1969), coñecida se cadra por parte do lectorado por ser unha das responsables de que Astérix e Obélix falen tanto en galego coma en castelán, ten traballado para un alto número de editoriais: Xerais, Galaxia, Kalandraka, Tambre-Edelvives, Oxford, Rodeira-Edebé, SM, Retranca, Vicens Vives…, e así até unha trintena delas. Leva feitas, en total, unhas 400 traducións ao galego e ao castelán, dende o francés, o italiano ou o portugués. Alén da súa faceta como tradutora literaria profesional, deu clases no IV Ciclo da USC, foi secretaria de GÁLIX, secretaria tamén de Golfiño e investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
A novela premiada, publicada orixinalmente en 1883, é a máis coñecida de Gaetano Carlo Chelli (Massa, Toscana, 1847-Roma, 1904), autor que destacou por ser un dos primeiros narradores da súa xeración en se decantar pola ambientación romana nunha época de rápido e desordenado desenvolvemento da cidade, co ascenso da burguesía, o seu arribismo e a falta de escrúpulos en cuestións de cartos. Co foco posto nunha familia, os Ferramonti, Chelli expón as artimañas dos seus membros máis novos para conseguir a herdanza do patriarca. De estética verista, A herdanza Ferramonti retrata con precisión os esforzos de pequenos empresarios e burócratas por se enriquecer e lograr o ascenso social. De feito, convén salientar que o libro se publicou ao tempo que saltaba á esfera pública o soado escándalo da Banca Romana, isto é, o primeiro gran caso de corrupción político-financeira en Italia.