• A miña conta
  • 0Carrito de Compra
Editorial Hugin e Munin
  • Inicio
  • Catálogo
  • A editorial
  • Subscrición
  • Blog
  • Novas
  • Contacto
  • Menú Menú

Apuntamentos sobre a novela A honrada estafadora

3 Xuño, 2025/en Blog

Na presentación que tivo lugar o venres 30 de maio na libraría Libraida de Gondomar (que hai pouco superou as dúas décadas de vida), a tradutora Marta Dahlgren e a editora Isabel Soto comentaron algúns aspectos da novela A honrada estafadora, escrita orixinalmente en sueco pola finesa Tove Jansson (Helsinqui, 1914-2001).

A raíz dese faladoiro e dalgunhas notas de Soto, velaquí unha serie de apreciacións que se cadra poden resultar de utilidade.

 

O binomio Dahlgren-Hugin e Munin

A honrada estafadora supón o oitavo título de literatura sueca incorporado ao catálogo de Hugin e Munin e a novena tradución que se lle encarga a Dahlgren. Antes ca esta, as obras da literatura nórdica vertidas por ela á lingua galega foron:

* Mel de abellón, de Torgny Lindgren, en 2013
* Kallocaína, de Karin Boye, en 2015
* O xogo serio, de Hjalmar Söderberg, en 2017
* Apropiación indebida, de Lena Andersson, en 2018
* A xente de Hemsö, de August Strindberg, en 2019
* As nosas normas, de Carl Jonas Love Almqvist, en 2021
* Cartos, de Victoria Benedictsson, en 2023
* A traizón, de Amalie Skram, en 2023 (traducida dende o dinamarqués orixinal en tándem con Alejandro Tobar)

Sirva a listaxe como proba de que a literatura de Escandinavia é algo máis –ou moito máis– ca o hoxe chamado noir.

 

Por que Tove Jansson? Como se chega a ela?

Neste caso, xuntáronse dous desexos. Marta Dahlgren manifestara en varias ocasións o seu especial interese por traducir algunha das obras de Tove Jansson destinadas ao público adulto, e ese interese cadraba de forma evidente coas aspiracións da editorial, toda vez que a escritora suecófona figuraba dende hai anos na listaxe de «posibles incorporacións». Xa que logo, analizada polo miúdo esta e outra novela de similar extensión (Rent spel [Xogo limpo], 1989), decantámonos pola primeira, xa que dende un punto de vista literario nos pareceu que raiaba máis alto (percepción que compartiu a tradutora).

Cabe mencionar, polo demais, que existe un filme intitulado Tove (2020), da directora Zaida Bergoth, que repasa parte da biografía da escritora e o seu labor artístico.

 

Respecto ao título

A presente edición galega –coma antes as versións francesa con L’honnête tricheuse, a inglesa con The True Deceiver, a italiana con L’onesta bugiarda ou a portuguesa (do Brasil) con A traidora honrada– respecta de maneira fiel o título orixinal, Den ärliga bedragaren. Non acontece así coa versión en español, da editorial arxentina Cía. Naviera Ilimitada e só distribuída na América Latina, que optou por separarse e titular a peza La verdad increíble. Amais de neses idiomas, a novela pode lerse en turco, finés, árabe, hebreo, búlgaro, chinés, alemán, polonés, estoniano, romanés, dinamarqués ou croata…, onde, con leves variacións, de novo o título é sempre apegado ao seu significado en sueco.

Aínda que ao final se desbotou, tamén Dahlgren puxo riba da mesa algunhas alternativas ao título definitivo no momento de entregar a primeira tradución en bruto. Entre outras, O calote decente ou A estafadora decente. Se ao cabo optamos por A honrada estafadora foi porque, amais de se axustar ben ao orixinal, instala de inicio un debate importante: sabemos que fai referencia a unha personaxe feminina, é certo, pero a cal, é dicir, a quen se lle aplica esa cualificación? Quen é a honrada estafadora?

Dahlgren, a tradutora, teno claro: definiría a moza Katri Kling. En cambio, Soto, a editora, considera que, como parte dese xogo ambiguo que paira ao longo de toda a obra, tamén este detalle encerra un dobre sentido. Así, sostén que, malia que todo parece indicar que o cualificativo en efecto se lle debe aplicar a Katri, hai determinados comentarios, coma o da páxina 120 (pola edición galega) que fan pensar que poida tratarse igualmente de Anna: «Ai, Anna Aemelin, o único que che importa é a túa conciencia, só miras por ela e por máis nada. Es unha encantadora trampulleira…».

Dito queda, e que cada lectora ou lector forxe a súa opinión.

 

A trama

O arranque da historia é, neste caso, fundamental. Sitúanos dende as primeiras liñas nun clima tenso, cunha atmosfera de certo perigo e incerteza. Non só delimita a nivel descritivo a localidade, senón tamén as forzas que operan nela.

En Västerby, unha pequena poboación da costa sur de Finlandia, o inverno e a neve encerran a xente nas casas. No bosque, na casa-coello, a famosa e xa anciá ilustradora Anna Aemelin debuxa libros para nenos (un trazo autobiográfico da autora, dende logo). Soa, rica e amable, respectada por todos, é unha persoa que elixe crer nos demais, e así se explica que teña unha relación inxenua e confiada co mundo exterior.

Na súa existencia irrompe Katri, unha muller de vinte e cinco anos que ten ao cargo o seu irmán Mats e que, a nivel físico, se caracteriza pola mirada inquietante e amarela, coma a do can que sempre a acompaña e co que se identifica: «Eu e mais o meu can desprezamos as persoas. Agochámonos na nosa vida secreta, ocultos na nosa fereza» (p. 14).

Moi hábil coas matemáticas e a organización, Katri Kling é manipuladora e sabe ver dentro da xente. Trátase dunha muller distante, incapaz de mostrar ningún tipo de cortesía (téñase en conta que chega á casa de Anna Aemelin tras renunciar, sen miramentos, ao traballo co tendeiro), e que concibe a adulación como unha maneira impune empregada pola xente para sacar algunha vantaxe.

O seu plan céntrase, polo tanto, en Anna. Entra na vida desta coa súa descarnada franqueza e, decorrido un tempo prudencial, mira de acadar o seu propósito: obter cartos cos que construírlle un barco a Mats, quen pola súa banda levaba tempo a traballar nuns planos. Xa que logo, a señorita Aemelin interésalle a Katri Kling na medida na que dispón do capital que lle permitirá facelo. Así, mediante unha concatenación de pequenos enganos, Katri gaña a confianza de Anna e rompe a seguridade desta.

E até aí podemos ler.

 

A confrontación

En liñas xerais, a novela desenvolve a confrontación entre estas dúas mulleres de temperamentos distintos. É unha sorte de loita entre a sinceridade extrema e o cinismo. Mentres que Anna parece encarnar valores como a bondade das malcriadas (no seu caso, nunha casa familiar que permanece inalterable tras o falecemento dos pais, case que convertida en museo), en Katri salienta sobre calquera outro trazo a perspicacia; carente de habilidades sociais, de poucas falas e sen concesións á amabilidade, parece haber nela o que podería entenderse como a destreza adquirida dunha supervivente.

Son, polo tanto, dous mundos radicalmente opostos: o de Anna, que debuxa o sotobosque e coellos con flores, e o de Katri, que ve cadora, por todas as partes, mesquindades e enganos. Porén, en certo senso, as dúas mulleres atópanse e únense, e cada unha insúflalle á outra aquilo do que carece: algo de receo para unha e unha pouca mansedume para a outra.

Katri é, quizais, a personaxe máis fascinante: non manifesta ningunha emoción e só se preocupa polo irmán; resulta pouco accesible e escóndese tras un muro de cifras e cálculos. A súa inalterable honestidade e a súa capacidade para revelar as costuras da xente volven os que tratan con ela profundamente desconfiados e, no fin de contas, desgraciados.

A historia, tensa, singular e sinistra, fala da honestidade e das intencións escuras. Esa tensión e ese particular suspense acompañan o lector, coa sensación constante de non saber quen é quen, ou cando menos de non o ter de todo claro. A estrutura da novela reforza esta idea mediante capítulos breves, case escenas que van sumando acontecementos. A voz do relato, en terceira persoa, vese interrompida polos pensamentos, sobre todo os de Katri. E, finalmente, muda tamén a focalización co obxecto de ofrecer o interior dos diversos personaxes.

 

A mentira / a verdade

Na novela están o frío, a neve, o illamento ou a idiosincrasia das pequenas aldeas. Achégase, sen chegar a selo, ao thriller, e presenta cuestións relacionadas coa ambición e o prezo a pagar. Non en van, Jansson explorou sempre na súa obra a condición humana, e aquí detense no dereito a rexeitar a admiración, a permanecer en soidade, ademais de abordar a compaixón e a xenerosidade.

A escritora recorre a un intenso drama persoal en pequenos actos; xogar co can, por exemplo, pode ser un acto de traizón e subversión. Os personaxes pasan horas illados, considerando os matices da planificación coidadosa, o comportamento impulsivo e as motivacións dos demais. Ao mesmo tempo, Anna e Mats constrúen un mundo propio a través da lectura; mundo do que Katri queda excluída.

En gran medida, trátase dun libro sobre os matices do engano (o engano aos demais e a un mesmo) e da verdade, os límites da manipulación e da honestidade, que, tecido cunha trama sutil e silenciosa, vai deixando ao descuberto as correntes, por veces feroces e perigosas, que se forman baixo a superficie aparentemente calma de certas relacións. A historia revélase como un estudo de personaxes devastador e unha análise da creatividade.

 

Quedan asuntos no aire?

Bastantes. Entres eles, poden ser materia de debate estes tres:

1) a amizade entre Anna e Sylvia;
2) a vida conxunta de Katri e Mats. É acaso unha historia de supervivencia?;
3) que pasou en realidade entre Katri e o tendeiro? No capítulo 12 parece intuírse un lance turbio, se callar incluso un desagradable episodio de acoso sexual ou unha violación.

Compartir esta entrada
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en X
  • Share on X
  • Share on WhatsApp
  • Compartir en LinkedIn
  • Compartir por correo
https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2025/06/destac-libraida-jansson-e1748937125785.jpg 568 1200 Editorial Hugin e Munin https://huginemunin.gal/wp-content/uploads/2020/03/23logo-hem2-1.png Editorial Hugin e Munin2025-06-03 10:04:482025-06-03 11:15:47Apuntamentos sobre a novela A honrada estafadora
Tamén che pode interesar
A educación sentimental: quen é quen
Cronobiografía de Colet
A contrafío, do aglaio da xeración Nós á tradución de Isabel Soto
As personaxes femininas en A peste: o silencio e a distancia
En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West
Dúas grandes novelas de Grazia Deledda
A misoxinia nas críticas á obra de Colet
Novidades de abril de 2021

Últimas entradas

  • Apuntamentos sobre a novela A honrada estafadora3 Xuño, 2025 - 10:04 a.m.
  • En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West7 Abril, 2025 - 5:52 p.m.
  • Bases da V edición do Premio Realia13 Marzo, 2025 - 3:33 p.m.
  • Dúas incorporacións: Iván Turguénev e Jack London4 Xaneiro, 2025 - 5:31 p.m.
  • Balance do ano editorial 202429 Decembro, 2024 - 9:57 a.m.

Síguenos no Facebook

Novidades editoriais

  • A honrada estafadora €15,00
  • A señorita Corazóns Solitarios €15,00
  • Asasinatos, S. L. €16,00
  • Fume €16,50
  • O mono Xouth €15,00

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso Legal – Política de Privacidade – Envíos, devolucións e desistencia

En abril, novelas de Tove Jansson e Nathanael West
Desplazarse hacia arriba