Collins, Genlis, Rebecca e Richard Harding Davis e un tal Renaud
Con outubro ás portas, chegan 5 novidades: as dúas de rigor que pasan a engrosar cada trimestre a colección principal e outras tres que sumamos dunha asentada a “Vólvese os paxaros contra as escopetas”.
Por unha banda, senllas obras de dous parentes en primeiro grao: Rebecca e Richard Harding Davis, nai e fillo.
Rebecca Harding Davis (1831-1910), foi unha autora realista cuxo legado e figura a crítica feminista comezaría a reivindicar medio século longo despois do seu pasamento. A obra en cuestión é A vida na fundición (1861; traducida do inglés por Alejandro Tobar), un texto pioneiro que rompe de raíz co entusiasta mito fundacional estadounidense é que está considerado unha das primeiras e máis equilibradas descricións da vida nas fábricas da literatura norteamericana.
En canto a Richard Harding Davis (1864-1916), estamos a falar dun dos correspondentes de guerra máis celebres de finais do século XIX e comezos do XX, que triunfou en múltiples campos e que morreu moi novo. A novela curta que seleccionamos para traer ao galego (na tradución dende o inglés de María Alonso Seisdedos) é Na néboa, unha peculiar historia detectivesca así como un exemplo de novela enigma.
En relación coas novidades de “Vólvense os paxaros contra as escopetas”, trátase de A escritora, de Madame de Genlis; A dama de Glenwith Grange, de Wilkie Collins; e, por último, O home das bonecas, do tándem de escritores galos que asinou co pseudónimo Jean-Louis Renaud. Esta última, O home das bonecas (traducida do francés por Xavier Senín), ten a particularidade de incluír as tétricas ilustracións en branco e negro do pintor e caricaturista Jean Veber (1864-1928).
Respecto a peza A dama de Glenwith Grange (trad. Alejandro Tobar), recomendámoslla a calquera que guste do persoal estilo de Wilkie Collins (1824-1889) e a quen degoxe polos melodramas; este en concreto está tinguido polo engano e o delito e destaca pola súa elegancia e pola habelencia do escritor á hora dosificar a intriga.
Para acabar, velaí A escritora (traducida do francés por Isabel Soto), narración que disfraza a experiencia persoal de Madame de Genlis (1746-1830) no mundo das letras mediante unha intriga amorosa; partindo da ironía, aborda as dificultades coas que batían as mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX.
Entre mañá e pasado, as novidades da colección principal sairán camiño dos domicilios das persoas subscritoras. E a próxima semana xa estarán todas dispoñibles para a compra en librarías.
Bo outono e boas lecturas.