Oito consultas ao Seminario de Lexicografía (I)
Entre setembro de 2015 e decembro de 2019 trasladámoslle á Real Academia Galega ducias de consultas de toda índole a través, principalmente, do Seminario de Lexicografía. De forma periódica, iremos publicando unha parte delas; non necesariamente as máis arrevesadas.
A continuación, as oito da primeira fornada:
- 1. Que nome recibe o estreito marítimo que separa Gran Bretaña do norte de Francia á altura de, por exemplo, Dover e Calais?
Como criterio xeral, os nomes de lugar non se traducen, senón que se adaptan ou, de maneira cada vez máis usual, seguindo os criterios do Grupo de Expertos en Nomes Xeográficos das Nacións Unidas, mantense o nome xeográfico na forma orixinal. Neste caso, tanto o portugués, coma o español, e tamén o galego, adaptaron o nome francés “Manche” como “Mancha”, seguindo os patróns habituais de adaptación das palabras procedentes do francés: “canal da Manga” suporía unha tradución. Recoméndase, por tanto, canal da Mancha, e non canal da Manga.
- 2. Martín Sarmiento ou Martiño Sarmiento?
No caso dos nomes propios de persoa, respéctase o orixinal ou a opción tomada por cadaquén e, no caso que nos consulta, o adoptado polo frade bieito foi Martín Sarmiento, e como tal aparece xa documentado nos seus anos de formación.
- 3. Cal é a forma correcta en galego para a divisa israelí: shekel, shequel, sheqel, xéquel, xequel?
Non hai, polo momento, unha forma fixada pola normativa para denominar a moeda de Israel, aínda que aparece recollida nalgunhas obras de consulta. Por exemplo, na obra Ortografía da lingua galega de Begoña González Rei, a opción incluída é “shekel”, solución harmónica coa que adoptan outras linguas próximas.
- 4. É correcto ‘petaca’ (para o licor)? No superdicionario de Morgante figura como forma correcta. Entendemos que licoreira, recollido no DRAG, non é o mesmo.
Efectivamente, o significado de “licoreira” é outro. Algunhas obras de consulta recollen “petaca” como válido e hai numerosos exemplos de uso en obras escritas, pero trátase dunha forma sobre a que a normativa non se pronunciou polo momento. Terase en conta a súa cuestión e propoñerase para que a valore a comisión correspondente.
[O intercambio de correos data de agosto de 2016. A día de hoxe, a palabra petaca non figura no DRAG.]
- 5. Na acepción 4ª de tiro [sinónimo de disparar], o exemplo di ‘recibir’ un tiro. A pregunta é: pegar un tiro, dar un tiro…? Que verbo se empregaría? É pronominal?
Comprobando exemplos de uso, vemos que, ademais de “disparar”, tamén son usuais con ese significado verbos como “tirar” ou “descargar” e tamén outros asociados á idea de ‘golpear’ como “meter”, “botar”, “pegar”, “espetar”, “zorregar”, “mandar”, “mangar” etc. Calquera deles pode asumir ese significado e a súa aparición depende da elección do usuario tendo en conta o contexto de utilización e o rexistro. Con excepción de “disparar”, os demais necesitarían levar como complemento directo “un tiro”, polo que non se poderían utilizar como pronominais (exemplos como “*Disparouse un tiro” son incorrectos). No caso de “disparar” si se poderían dar usos pronominais (“A escopeta disparouse accidentalmente”).
- 6. No DRAG figura ‘represalia’, pero non represaliar, un verbo que ao noso parecer podía engadirse en futuras revisións.
Terase en conta a súa suxestión e trasladaráselle á comisión correspondente para que a valore.
[O intercambio de correos data de decembro de 2016. A día de hoxe, represaliar ten a súa propia entrada no dicionario: represaliar (v. trans.). Exercer represalia. Ex.: Represaliárono polo seu apoio aos xudeus.]
- 7. Cal sería o xentilicio para os naturais de Auvernia? Sería auverno ou arverno (consonte a forma en latín)?
Non contamos cunha forma fixada para este xentilicio, pero o que aparece recollido nalgunhas obras de consulta e en exemplos das bases de datos é “auvernés”. A forma “arverno” aparece especializada para o antigo pobo galo.
- 8. Excluente ou excluínte? Sexa cal for a palabra, non aparece recollida no DRAG, e talvez debería (pois non é o mesmo que exclusivo). A pregunta concreta é: seguiría a lóxica para influente, entrada para a cal o dicionario achega a seguinte observación: “Nótese que é unha formación irregular a partir de influír”, e polo tanto cómpre falar de excluente o non excluínte?
A forma culta, tomada do latín, é “excluente”, que seguiría o indicado no punto 9.3 das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Non obstante, existe tamén unha forma con “i”, “excluínte”, que seguiría o modelo xeral de formación destes adxectivos verbais. Así pois, contariamos coa dobre posibilidade, se ben parece que a primeira delas debe ser a preferente.