Listado de la etiqueta: vigan

Balance do ano editorial 2023

Como facemos cada Nadal, velaquí o que deu de si un ano de traballo en Hugin e Munin, un percorrido que principiamos retrocedendo a decembro de 2022 para recordar a publicación de Os tardeiros, unha novela acerca das complicacións da idade adulta (decote indisociables da nenez) da británica Anita Brookner; e da conmovedora nouvelle O neno perdido, do estadounidense Thomas Wolfe. Mentres que a tradución da primeira correu a cargo de Alejandro Tobar, da segunda ocupouse Ignacio Chao, quen se converteu no trixésimo cuarto tradutor en asinar unha obra do noso catálogo. Cabe lembrar que nos meses posteriores á publicación destas obras fornecemos información complementaria sobre elas en múltiples entradas do blog. Sirvan de exemplo as intituladas «Os tardeiros. Longa nota do tradutor» e «Vencellos co universo de Thomas Wolfe».

Os 8 títulos de 2023

O 1 de abril presentamos unha obra traducida do sueco, a sétima xa (todas grazas ao traballo de Marta Dahlgren). Tratouse de Cartos, de Victoria Benedictsson, unha novela adscrita á corrente feminista sueca da segunda metade do século XIX. A autora destacou pola súa ruptura co romanticismo, por abrazar o realismo naturalista e por concibir a literatura como espazo para o debate. Neste sentido, é interesante que a protagonista de Cartos, Selma Berg, chegue a describir nun momento dado un cuarto de seu –a posibilidade dun mundo propio e propicio para a evolución persoal–, e que isto aconteza medio século antes de que o fixese Virginia Woolf na súa afamada obra.

Tamén na entrega de abril chegou a tradución, a cargo de Alfonso Blanco, de O crime de Psichiko, un enxeñoso relato paródico que, amais de ofrecer un crecente suspense, recrea a atmosfera da capital grega a comezos do século XX, dando conta dos diferentes estratos sociais. O seu autor é Pavlos Nirvanas, un escritor natural de Mariupol, cidade dende a que se trasladaría ao Pireo con apenas sete anos de idade.

Mediado o ano, presentamos As irmás Bunner, da célebre autora estadounidense Edith Wharton, unha narración ambientada na Nova York de finais do século XIX. Ann Eliza e Evelina Bunner rexentan un humilde comercio que apenas lles dá para ir tirando, até que o seu mundo cambalea coa irrupción da figura dun reloxeiro de orixe berlinesa, o señor Herman Ramy.

A canda a obra de Wharton, editamos As gratitudes, de Delphine de Vigan, un dos pratos fortes do ano, cunha tradución de Xavier Senín que recibiu eloxios na prensa galega e entre algunhas amizades e persoas coñecidas, cremos nós que con razón. A novela transita polo mundo da vellez, a dependencia e a empatía, e nela a palabra eríxese en elemento crucial. Por resumilo moito, a autora conta a conmovedora historia dunha anciá, Michka, que sofre a paulatina perda da facultade de se comunicar.

A comezos de outubro presentamos outro par de obras: por unha banda, Luceiro da mañá, da lombarda Ada Negri (traducida dende o italiano por Isabel Soto), unha fermosa novela de apenas 120 páxinas publicada orixinalmente en 1921 e que contou co aplauso de crítica e público, talvez pola súa aposta formal, cunha estrutura fragmentaria e lírica, e pola fidelidade ao xénero autobiográfico característico da autora.

Tamén de outubro foi outro gran proxecto que levaba varios anos fraguando: a incorporación ao catálogo de Trompeta, da escritora escocesa Jackie Kay, na tradución dende o inglés de María Reimóndez (que nos axudou a custear Publishing Scotland, institución que asumiu arredor do 30 % dos honorarios da tradutora e coa que o trato foi excelente). Trátase dunha novela intelixente, distinta e inspirada en parte na vida do músico estadounidense Billy Tipton. Máis alá de achegar novos e interesantes temas e puntos de vista, engaiola a súa exuberante prosa, razón pola que se cadra acadou o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian a finais da década de 1990.

Chegados a decembro, optamos por cerrar o ano con outras dúas novelas nunca antes traducidas a ningunha lingua peninsular, é dicir, demostramos con outro par de traballos que en galego é posible, e desexable, xogar nas grandes ligas, estar na «avanzada da tradución literaria», sen o pago de peaxes en forma de linguas ponte e sen ter que ir a remolque das descubertas alleas. Con esta intención, trouxemos a novela El, de Louise Colet, que mestura unha trama romántica co desexo de arranxar contas persoais (as máis soadas, con Gustave Flaubert, amante da autora durante case unha década). O texto constitúe, a nivel literario, unha mostra anticipada e bastante extensa da literatura do eu e a posta en práctica do criterio da sinceridade na arte defendido pola autora. A súa tradución dende o francés correu a cargo de Isabel Soto.

E importamos tamén A traizón, unha novela tan estupenda como desacougante de Amalie Skram, a cal xira arredor dunha guerra conxugal entre o experimentado capitán Adolph Riber e Aurora Ingstad, unha moza de dezasete anos. Con momentos de gran virulencia dialéctica, diálogos enxeñosos e un hábil emprego da corrente de conciencia, ofrecémoslles aos lectores e lectoras galegos un dos grandes clásicos do rupturismo moderno escandinavo, grazas á tradución en tándem realizada por Marta Dahlgren e Alejandro Tobar. Respecto á lingua de partida da obra, recomendamos ler con vagar a entrada «A cuestión lingüística na novela A traizón». Apuntamos, para concluír, que tanto a novela de Colet coma a de Skram, malia existir xa, non as distribuiremos até o día 4 de xaneiro, por razóns de loxística e transporte.

 

Outros feitos relevantes

Volvemos así mesmo participar na Semana do Libro de Compostela, que contou cunha boa organización e onde nos foi ben. Agradecemos ademais que o Concello recuperase a Praza da Quintana como lugar de encontro, todo un acerto, como tamén a programación (entre as escritoras convidadas, tivemos a honra de contar coa presenza de Karmele Jaio, autora de A casa do pai).

Agradecemos con idéntica énfase que un número importante de clubs de lectura renovase a súa aposta por títulos –recentes e non tanto– de Hugin e Munin: A nosa Negra, Cartos, O verán sen homes, Os tardeiros, As gratitudes, O lector… Grazas a quen coordinan e seleccionan os nosos libros para llelos ofrecer a lectoras e lectores de case todas as idades. A quen aínda non se animaron a propoñer a súa lectura, convidámolos a repasar o noso catálogo: dende As normas normas ou Thérèse Raquin até Cando levanten as brétemas ou A virtude de Checchina, son abondas as novelas que, na nosa opinión, poden funcionar ben como ‘lectura compartida’.

Canto ao IV Premio Realia de Tradución Literaria, foi boa mágoa que quedase deserto. Así a todo, mantemos o noso compromiso de sacar adiante a V edición en 2025, dado o carácter bianual do galardón. Tanto a acta do xurado como a entrada «A cuarta experiencia do Premio Realia» están dispoñibles no blog.

Noutra orde de cousas e dun modo xeral, resolvemos outra volta non presentarnos á máis recente e igual de nefasta convocatoria de Axudas á Tradución que a Consellaría de Cultura tramita da peor maneira imaxinable. Para quen desexe ir ao detalle, remitimos á «Análise da orde de axudas públicas á tradución de 2022», que en esencia serve tamén para a orde de 2023. Pola nosa banda, non temos xa ningunha esperanza de que a cousa mude de maneira substancial co Partido Popular aos mandos, polo que só lle vemos solución cun cambio de Goberno. Oxalá se produza. Por nós non ha quedar.

 

Os libros que virán

Como é costume, a seguir non ofreceremos senón meras pinceladas do que está por chegar, sen citar títulos nin nomes concretos: encargamos unha obra alemá publicada orixinalmente na década de 1970; un clásico italiano ambientado na Roma do XIX; unha alfaia rusa detrás da cal levamos máis dunha década e que por fin parece que verá a luz; un par de boas novelas estadounidenses; e se logramos chegar a un pacto para a compra de dereitos (non está doado), faremos un esforzo a maiores para traer unha obra contemporánea francesa de marca maior…

 

Os dous recordatorios de cada ano

A nosa independencia respecto dos cartos públicos é total. Proba disto é que o 90 % das obras presentes no noso catálogo están sufragadas integramente por nós, sen axudas nin inxerencias, nin directas nin indirectas nin encubertas. E non porque non teñamos dereito a máis subvencións ou non as queiramos e creamos merecelas, senón porque, no trato coa Administración galega do Partido Popular (ao que desexamos ver fóra do Goberno da Xunta como resposta a unha xerencia pésima en materia cultural), é moi difícil saír con dignidade cando se entra na arrevesada e perversa roda das axudas públicas que a Consellaría de Cultura reparte (chamarlle xestionar non se pode) con man caciquil.

En segundo lugar, o recordatorio derivado: se podemos falar de independencia económica respecto da Administración, é grazas, sobre todo, ao apoio das persoas subscritoras. Tan certo é que temos unhas vendas modestas nas canles comerciais convencionais (aínda que estables e cun crecemento lento pero continuado) coma que sen o apoio financeiro do centenar de socios e socias non habería un catálogo nin remotamente parecido ao actual.

De aí este dato orientado aos potenciais subscritores: a modalidade de subscrición estándar mantense sen cambios, pese ao desbocado aumento do custo da vida, dende 2011, e implica a entrega a domicilio de 8 novos títulos cada ano a razón de 116 euros.

Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, ou a posibilidade de regalar unha subscrición.

Moitas grazas, boas lecturas e próspero 2024