Listado de la etiqueta: títulos

Balance do ano editorial 2020

Decembro de 2019

A finais de 2019, entre o Nadal e o Aninovo, sumamos ao catálogo dúas novelas que nos están a funcionar bastante ben: unha, se cadra a de maior peso e percorrido, foi A xente de Hemsö, de August Strindberg, que de novo traduciu para nós Marta Dahlgren; con esta de Strindberg, van xa sete obras de orixe escandinava, cinco das cales pertencen á literatura sueca. Se ben é na dramaturxia onde Strindberg se converteu nun autor de talle mundial, non é esaxerado cualificar esta novela súa como a pedra de toque da súa produción narrativa. Recomendámola pois con entusiasmo. Pola temática e polo tipo de humor, coidamos que empata ben coa idiosincrasia galega.

A outra novela que chegou no mes de Nadal de 2019 foi un clásico recuperado da literatura italiana, As confesións dunha filla do século, de Donna Paola, de cuxa tradución se ocupou Isabel Soto e que supón unha nova achega, de relevo, á literatura epistolar que temos no catálogo.


Os 12 novos títulos de 2020

O 1 de abril publicamos unha obra traducida do grego por Alfonso Blanco, A honra e o cartos, de Konstantinos Theotokis, un autor nado en Corfú e considerado un renovador da prosa grega moderna. A canda esta novela curta (de pouco máis de 100 páxinas), trouxemos Morrerei outro día, unha das nosas apostas do ano, unha obra escrita por Isabelle Alonso e traducida do francés en tándem por Isabel Soto e Xabier Ron.

Destas dúas obras deramos conta nunha entrada no blog o pasado mes de xuño, titulada «Obras desapercibidas, de momento». Medio ano máis tarde, podemos dicir que Morrerei outro día xa engalou (a quen desexe afondar neste libro, invitámolo e revisar «Morrerei outro día: a II República española na literatura francesa»), namentres que A honra e os cartos parece que segue agardando o seu momento.

No mes de xullo chegaron O amuleto, asinada polo suízo Conrad Ferdinand Meyer, de grande interese para amantes da historia, pois aborda o episodio histórico de 1572 coñecido como Matanza do día de San Bartolomeu, isto é, o asasinato masivo en Francia dos hugonotes, membros da fe protestante. A de Meyer supuxo a quinta tradución que traïamos dende o alemán, un labor do que outra volta se encargou Rosa Marta Gómez Pato. Tamén como novidade estival sacamos O caranguexeiro, de Takiji Kobayashi, a primeira incursión de noso na literatura xaponesa, que foi posible grazas ao traballo de tradución directa xaponés-galego realizado por Gabriel Álvarez. Para nós foi un orgullo sumar ao catálogo unha novela curta da potencia desta, e a nosa ledicia foi meirande ao comprobarmos que tivo unha moi boa acollida entre o lectorado. De modo que grazas.

O groso da publicación (en parte derivado da situación da pandemia) aconteceu en outubro, con cinco novidades que publicamos dunha asentada. Por un lado, as tres que incorporamos á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas»: a novela curta A escritora, de Madame de Genlis (traducida do francés por Isabel Soto); A dama de Glenwith Grange, de Wilkie Collins (traducida do inglés por Alejandro Tobar); e O home das bonecas, do tándem de escritores agochado tras o alcume Jean-Louis Renaud (traducida do francés por Xavier Senín). Por outro lado, as dúas novidades da colección principal, ambas as dúas importadas do inglés: A vida na fundición, de Rebecca Harding Davis, traducida por Alejandro Tobar, e o relato detectivesco Na néboa, do seu fillo, Richard Harding Davis, traducido por María Alonso Seisdedos.

Un mes máis tarde, en novembro, incorporamos unha peza traducida por Jairo Dorado do serbio: Noventa anos despois, unha curiosa novela curta publicada orixinalmente en 1880. Trátase da meirande obra narrativa de Milovan Glišić e cómpre enmarcala na literatura gótica de temática vampírica; cabe indicar por último que é anterior, en dezasete anos, ao Drácula de Stoker. Moi amablemente, o seu tradutor tivo a xentileza de redactar unha entrada para o blog da editorial, «Serbocroata, croataserbio, serbio ou croata e croata ou serbio», onde explica de forma sucinta as razóns para as distintas denominacións das linguas balcánicas; cremos que resulta especialmente útil para quen sabemos pouco acerca da cultura e da sociolingüística dos Balcáns.

A finais de decembro, hai nada, publicamos dúas novas novelas que a efectos de premios, catalogación e outros deben ir como obras de 2020, pero que, fóra dos envíos ás persoas subscritoras e dalgunhas entregas en librarías, comezamos a distribuír xa na primeira semana de xaneiro: foron A nosa Negra, de Harriet E. Wilson, traducida do inglés por María Reimóndez, e O lector, de Bernhard Schlink, traducida do alemán por David A. Álvarez.

No caso da primeira, A nosa Negra, estamos a falar dunha das primeiras novelas (1859) da literatura estadounidense que escribiu e publicou unha afroamericana. Aborda o problema do maltrato e o abuso da poboación negra por parte da sociedade branca dos estados do norte.

En segundo lugar, O lector, unha obra de gran peso na literatura europea contemporánea, que propón unha reflexión sobre a barbarie nazi e pinta, en paralelo, unha relación amorosa de fonda pegada: a do mozo Michael Berg e a enigmática Hanna Schmitz, bastante maior ca el. Esta multipremiada novela foi traducida a máis de corenta linguas e por fin, agora, está dispoñible para os lectores e lectoras en galego.

 

III Premio Realia de Tradución Literaria

O Premio Realia de Tradución, posto en marcha a finais de 2017, de periodicidade bianual, e que xestionamos en colaboración co Concello de Santiago, fora para Antía Veres pola tradución de Detrás da máscara; o poder dunha muller, de Louis May Alcott, na primeira edición, e quedara deserto na segunda. Polo tanto, cabería esperar que agora mesmo estivese aberta a convocatoria da 3ª edición, pero non. Non porque, como explicamos de pasada na «Relación de premios á tradución galega», debido a cuestións administrativas o consistorio compostelán suxeriu que o trasladásemos a 2021 para dese modo convocar e resolver nun mesmo ano natural. Así será, e se de nós depende a mediados de marzo publicaremos as bases e convidaremos a que os tradutores acheguen os seus traballos para os valorar.


Os libros que virán

Outra volta, daremos unicamente unhas pinceladas moi xerais do que está por chegar: temos xa listas varias obras da literatura francesa clásica, e andamos pendentes de pechar os dereitos doutra tamén desa literatura. Traeremos, un ano máis, algo dende o grego moderno. E de novo tamén algo do sueco, doutro autor clásico. Por suposto, non faltarán as obras traducidas do inglés. De feito, se nos dá tempo a tela para finais de 2021, a grande aposta sería a longa novela unha dunha autora inglesa que nos parece excepcional; un pouco díficil se cadra, ou poñamos que moi esixente, pero que fai literatura con maiúsculas, e da cal habemos traer, non sen esforzo, unha das súas mellores novelas.

 

Novembro: décimo aniversario

En novembro de 2021 será cando oficialmente cumpramos unha década de traballo, e para entón esperamos superar con claridade os 100 títulos. Con data de hoxe, o noso catálogo está conformado por 97 obras de ficción, das cales 74 na coleccion principal e 23 en «Vólvense os paxaros contra as escopetas».

 

O recordatorio de cada ano

Convénnos renovar o convite a subscribirse (a modalidade estándar, 116 euros ao ano).

Dependemos en esencia dese apoio das persoas socias para traballarmos da maneira na que o facemos. Quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, e mesmo a posibilidade de regalar unha subscrición.

 

Moitas grazas, boas e enriquecedoras lecturas e próspero 2021.