Listado de la etiqueta: soto

Novelas de Jackie Kay e Ada Negri, novidades de outono

Nas vindeiras horas enviaremos as dúas novidades deste cuarto e último trimeste de 2024 aos domicilios das persoas subscritoras, e en cuestión de apenas un par de días estarán así mesmo dispoñibles nas canles comerciais habituais. Nesta ocasión, incorporamos ao catálogo senllas obras escritas orixinalmente en inglés e italiano.

Por unha banda, Trompeta, obra narrativa de referencia da escocesa Jackie Kay publicada en Escocia en 1998 e que agora se ofrece en lingua galega na tradución de María Reimóndez. Inspirada -só en parte- na vida do músico estadounidense Billy Tipton, consideramos que se trata dunha novela moi ben estruturada, cunha prosa asemade esixente e exuberante e unha multiplicidade de voces e perspectivas francamente lograda, razóns polas cales semella que acadou no seu momento o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian.

Por outra banda, Luceiro da mañá, unha peza breve que, publicada en 1921, deseguida contou co aplauso de crítica e público, talvez por recoñecer nela a fidelidade ao xénero autobiográfico característico da autora, a lombarda Ada Negri, e pola súa aposta formal, cunha estrutura fragmentaria e lírica. Con aparente sinxeleza, mediante frases que semellan anotacións e sen artificios retóricos, plásmanse feitos cotiáns a miúdo recoñecibles polos máis dos lectores. A tradución, coma case todas as demais feitas dende o italiano (esta é xa a décima), correu a cargo de Isabel Soto.

Ofrecemos, polo tanto, dúas obras de referencia de dúas autoras de innegable prestixio. No caso de Negri, cabe lembrar que en 1926 e 1927 fora candidata ao Premio Nobel de Literatura. No caso de Kay, salienta, por exemplo, a súa designación como makar, un título creado en 2004 equiparable ao de poeta nacional, e que lle correspondeu entre os anos 2016 e 2021.

Boas lecturas!

Reimpresión da Eva futura de Villiers

Hai 6 anos longos, en xuño de 2014, publicaramos a novela máis senlleira de Villiers, A Eva futura, de cuxa tradución ao galego se ocupara o tándem Isabel Soto-Xavier Senín. Pouco antes de esgotarse a tiraxe inicial, aproveitamos, coma decote, para revisar o texto e mandar imprimir uns poucos exemplares máis, que dende hai uns días xa temos connosco. Co gallo desta nova impresión, velaí un pouco de historia (adaptada dende o documento de elaboración propia “Algunhas claves para ler A Eva futura”) sobre a xestación da obra:

A xénese de A Eva futura remóntase a 1877. Nesa data, a revelación que supuxo a invención do fonógrafo do americano Thomas Alva Edison inspirou a Villiers de L’Isle Adam a idea de escribir un conto satírico de modesta feitura sobre a pretensión da ciencia moderna de rivalizar coa natureza, co fin de denunciar o mercantilismo do século. Consérvanse unhas poucas follas manuscritas daquel proxecto inicial sen título, no que tamén se inclúe a idea de fabricar un autómata semellante a un ser vivo. Dende entón, Villiers pensou en facer un relato máis ambicioso, xa cun título, «Miss Hadaly Habal», que tras varias tentativas se converteu nunha novela curta, L’Andreide paradoxale d’Edison, dividida en capítulos e que o ocupou todo o ano 1878.

Entre o outono de 1878 e os primeiros meses de 1880, o autor aumentou e afondou na obra até convertela nunha novela a todos os efectos. Esta versión, intitulada L’Ève nouvelle, comezou a aparecer en Le Gaulois, xornal dirixido por Arthur Meyer, en setembro de 1880, o que causou unha gran sorpresa entre os lectores e tamén no periódico, que interrompería a súa publicación tras catorce entregas. Villiers logrou axiña colocar a súa novela noutro medio, L’Étoile française, acabado de fundar polo seu amigo Édouard Taine por mor das eleccións lexislativas de 1881, onde apareceu ao longo de dous meses. Mais, xusto no momento de entregar a conclusión, o escritor galo detivo a publicación para retocar o desenlace.

Nada máis se soubo da obra durante varios anos até que no verán de 1884 o autor volveu intentar publicala. Un ano despois, Villiers conseguiu que lle aceptasen a nova versión no semanario La Vie moderne, co título L’Ève future, onde se publicou dende o 18 de xullo de 1885 até o 27 de marzo de 1886, con diversas interrupcións debidas ás dúbidas do autor. A versión definitiva en libro apareceu por fin en maio de 1886.

Como pode observarse, a xestación da obra foi longa e difícil. Polo título, pola elección de Edison como personaxe principal e por todo o aparello técnico que contén, Villiers parece querer vincular a súa novela co xénero da anticipación científica, cuxo modelo na época era Jules Verne –de feito, cabe sinalar a directa vinculación entre O castelo dos Cárpatos (1892) e A Eva futura. Esta consideración influíu de maneira negativa na novela. Os lectores tenden a crer que se lles vai ofrecer unha serie de aventuras baseadas na extrapolación hipotética das conquistas da ciencia, cando o fin do autor é outro, xa expresado no “Aviso ao lector”, onde define o libro como unha “obra de arte metafísica”. Deste xeito, quen espere unha narración cargada de peripecias e acción, ficará decepcionado.

En A Eva futura asistimos a unha serie de revelacións: primeiro vemos un autómata que é unha máquina e despois unha creación na que o inventor tira partido de certas conquistas do hipnotismo e do espiritismo, e incluso dunha transfiguración mediante a cal a invención escapa a todo control humano e abre o acceso ao máis alá. Malia a aparencia de novela de anticipación científica e malia a alegría algo infantil coa que Villiers detalla todos os refinamentos técnicos da andreida, A Eva futura marca os límites infranqueables da ciencia e afirma o irredutible misterio oculto no fondo das cousas.

Boa lectura!