Listado de la etiqueta: rafa vilar

Discurso de Rafa Vilar no acto de entrega do V Premio Realia de Tradución

Discurso de Rafa Vilar no acto de entrega do
V Premio Realia de Tradución Literaria

Boas tardes!

Quero, en primeiro lugar, agradecer a vosa presenza, así como o convite para participar hoxe aquí na SELIC, unha iniciativa cultural ao redor do mundo do libro que cómpre felicitar. Oxalá a cultura poida ser antídoto contra a barbarie. E, nestes tempos, a barbarie ten un nome: o xenocidio do pobo palestino. E vale ben un verso do seu poeta nacional, Mahmud Darwish: «Nós amamos a vida cando atopamos un camiño cara a ela».

En segundo lugar, debo darlles as grazas ás persoas que formaron parte do xurado deste V Premio Realia de Tradución por recoñeceren o meu traballo: a tradución da novela curta La bogeria (A tolemia), de Narcís Oller, da súa lingua orixinal, o catalán, á nosa lingua.

Para pechar o capítulo de agradecementos, quero tamén dar as grazas ao equipo editorial de Hugin e Munin polo seu rigor, a súa implicación e a súa dedicación para que o libro gañador do premio vise a luz. E aquí estendo este agradecemento a Manuel Arca, polas súas achegas para mellorar o texto final d’A tolemia, que é o que hoxe podedes ter nas mans.

O premio Realia pode cualificarse unha rara avis no ecosistema literario galego. Digo isto porque é o único –que eu saiba– que premia unha tradución dun texto inédito (a diferenza, por exemplo, do premio Plácido Castro, que o fai con libros xa publicados) e ao que pode concorrer calquera. De aí, para min, o valor tamén deste premio.

Falo de ecosistema literario, e subliño o de eco no seu sentido etimolóxico de ‘casa’. Penso que para moitos de nós, o sistema literario galego, ese que expresa na nosa lingua, é a nosa casa, o noso lar, o noso refuxio, á fin e ao cabo. A lingua, esta lingua –non o podemos esquecer– precisa de falantes, de persoas que a escriban e tamén, e sobre todo, de políticas públicas que lle dean vitalidade.

En canto á tradución en si da novela La bogeria (A tolemia), teño que sinalar que xurdiu como un exercicio literario, se é que se pode dicir así. Eu non son tradutor profesional, e menos de textos literarios. A miña relación coa escrita vén, fundamentalmente, a través da poesía e, moito menos, da narrativa, quitado algunha prosa curta. Con todo, si teño feitas traducións de tipo ensaístico (socioloxía, política…) de autores como Isabel Rauber, Adrián Sotelo ou Ricardo Antunes, mais nada que ver co nivel de esixencia, de dificultade e de dedicación dunha tradución literaria.

Digo que a tradución de La bogeria naceu como un exercicio literario, que me servía, por unha banda, para me mergullar nunha lingua que non é a miña e, por outra banda, para enredar coa lingua que si me é propia, o galego.

Isto lévame a un concepto do que falaba o filósofo francés Paul Ricœur, para se referir á tradución. Ese concepto, acuñado por el, é o de «hospitalidade lingüística». Ricœur dicía, e cito literalmente: «o pracer de habitar a lingua do outro compénsase co pracer de acoller na propia morada a palabra do estranxeiro». «Acoller na propia morada»: aí temos o elemento eco (casa) do que falei antes.

Dándolle voltas a este concepto de «hospitalidade lingüística» á hora de falarmos do sentido dunha tradución, penso que hai outra idea similar, á que chegaba estes días mentres pensaba na intervención aquí, que é o concepto de «migración». A migración remite a movemento, traslado, viaxe, e iso é o que fan –ou facemos– os e as tradutoras: desprazámonos até un texto e unha lingua para anosármolos, e esa idea de movemento, a min polo menos, resúltame grata para describir o feito literario da tradución.

En todo caso, desde ese sentido de «hospitalidade lingüística» ou de «migración», é desde o que tentei eu enfocar o meu traballo nesta tradución, é dicir, habitar a lingua do texto, trasladarme a ela, a lingua catalá, e acoller ese texto na lingua propia, o galego.

Como digo, foi un traballo arduo –que levou o seu tempo e o seu esforzo– que me reportou un nivel de satisfacción razoábel en vista do resultado. Un texto final, como comentei, mellorado polo labor de edición de Hugin e Munin.

En canto á miña relación co catalán e Catalunya, vén de tempo atrás. Obviando as cancións da miña mocidade de Lluís Llach ou de Maria del Mar Bonet, na carreira tiven un cuadrimestre de catalán e, a partir de aí, de xeito autodidacta, funme achegando a esa lingua en diferentes ocasións. Lembro, por exemplo, os Galeusca (encontros de escritores/as vascos, galegos e cataláns) nos que participei, algúns deles en terras catalás.

E aquí vou citar tres nomes da literatura catalá que para min son fundamentais e sen os cales é moi posíbel que esta tradución non existise. Son dous poetas, Maria Mercè Marçal e Miquel Marti i Pol; e mais un narrador, Pere Calders. Da lectura dos seus libros, á parte do gozo literario, vénme a estima que sinto polo catalán. Un lingua, por certo, que –como a nosa– vén resistindo desde hai ben tempo un proceso de minorización e de asimilación. Esta razón, digamos de tipo sociolingüístico, penso que tamén está na cerna desta tradución de La bogeria, de Narcís Oller.

Dito todo isto, voume referir xa, aínda que sexa con certa brevidade, á novela e ao seu autor, Narcís Oller. Comezarei por este: Narcís Oller é un escritor catalán de entre séculos (entre o XIX e o XX), que tivo certa sona no seu tempo. Foi un dos representantes sobranceiros da Renaixença, o particular Rexurdimento catalán. No plano estético, moveuse entre dúas correntes literarias como eran o realismo e o naturalismo, con obras de bastante interese: La papallona [A bolboreta ou A papoia], La febre d´or [A febre do ouro] ou esta La bogeria (A tolemia).

Oller era un atento lector da literatura europea da época, sobre todo da francesa e da española. De feito, foi tradutor de autores como Gustave Flaubert ou Émile Zola. Con este último incluso chegou a cartearse e mesmo Zola foi autor dun prólogo a unha novela súa traducida ao francés. Por certo, tamén mantiña correspondencia con Pérez Galdós, e aquí hai unha anécdota curiosa. Pérez Galdós, que admiraba o talento literario de Oller, escribiulle unha carta na que lle pedía que, para ampliar público, deixase o catalán e pasase a escribir en castelán. A resposta de Oller foi clara: non pensaba abandonar a escrita en catalán e, de o facer, sería para escribir en francés, se o que quería era ter máis xente que lese as súas novelas. En fin, todo un xesto de dignidade de Narcís Oller, quen finou hai agora 95 anos.

Canto á novela, La bogeria (A tolemia) –publicada en 1899–, conta fundamentalmente o descenso aos infernos da tolemia, da loucura, dun mozo da burguesía catalá, Daniel Serrallonga. De feito, resulta ben interesante o xeito en que se aborda a enfermidade mental e as diferentes teorías psicolóxicas reinantes na época. A tolemia de Serrallonga vese na novela como un proceso e, dentro dese proceso, hai un elemento central que, ás veces, resulta cómico: a súa obsesión pola figura do xeneral Prim. Aquí hai que sinalar que o pano de fondo histórico e sociopolítico da novela son os feitos que dan lugar á revolución de 1868 e sucesos posteriores, nos que desde logo Prim ten un papel fundamental.

Ese proceso de tolemia de Serrallonga cóntase a través do punto de vista de tres personaxes amigos entre eles e que o coñecen. Os tres personaxes son o narrador, que á súa vez funciona como personaxe da novela; un estudante de dereito chamando Armengol, que ofrece un punto de vista máis humorístico; e Giberga, estudante de medicina, que pon o contrapunto máis científico ao caso. E así, con saltos no tempo e unha ollada fragmentaria, a novela vai seguindo o personaxe principal, Serrallonga, na súa tolemia. Tamén é de salientar como se vai deixando ver no texto a consideración social que se tiña da enfermidade mental nese tempo.

Alén da propia historia que se conta en La bogeria, paréceme moi meritoria a descrición que se fai da Barcelona do último terzo do século XIX, unha urbe industrial na que se ve o progreso e que Oller contrapón coa outra Catalunya, a rural e tradicional, que el sitúa en Vilaniu (reflexo de ficción de Valls, localidade da bisbarra do Alt Camp, en Tarragona). Unha Catalunya rural que, para o autor, é síntoma de atraso e conservadorismo.

En resumo, recomendo a súa lectura. Penso que vos pode prestar ben. Reparade en que é un libro que comeza cun parágrafo dun soa frase, que di: «Cando o coñecín, xa se falaba del». Toda unha declaración de principios.

Acabo xa. Non o dixen antes, mais teño que confesar que me fai moita ilusión recibir a peza que serve de agasallo polo premio Realia. E faime ilusión porque se trata de dous corvos, o que me fixo lembrar (con certa saudade) os tempos en que estaba –estabamos– no Batallón Literario da Costa da Morte, hai xa máis de dúas décadas. Os corvos, os corvos pondalianos, tamén eran a nosa insignia. De feito, tiñamos unha publicación que se chamaba, como digo en homenaxe a Pondal, «Feros corvos».

Moitas grazas!

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

Outono 2025, novelas de Weiß e Oller

Dúas novas obras pasan a engrosar a colección Principal. Por unha banda A tolemia, novela publicada orixinalmente en catalán en 1899. Baseada nun feito real –a tráxica morte dun cliente do autor, Narcís Oller (Valls, 1846-Barcelona, 1930)–, trátase dunha narración de corte naturalista co interese posto no estigma da tolemia, que se acaba por cuestionar. Cunha mestura de humor, sarcasmo, linguaxe coloquial e doses de melodrama, o libro acolle as teorías psicolóxicas en voga de finais do XIX, e incluso o determinismo practicado por Émile Zola. Esta versión galega, a cargo de Rafa Vilar, foi merecedora do V Premio Realia de Tradución Literaria. Por certo, o xoves 9 de outubro ás 17 horas terá lugar o acto de entrega deste galardón así como unha conversa co tradutor da obra. Será na compostelá Praza da Quintana, no marco da SELIC.

Por outra banda, recuncamos coa literatura alemá. Nesta ocasión, coa incorporación ao catálogo de O aristócrata Boëtius von Orlamünde, unha espléndida novela de formación que aborda a decadencia aristocrática en vésperas da Gran Guerra. O seu autor, o moravo Ernst Weiß (Brno, 1882-París, 1933), formou parte da xeración de escritores centroeuropeos que se moveron entre os códigos propios do século XIX e a innovadora e reflexiva escrita de posguerra (Max Brod, Robert Müsil, Stefan Zweig, Thomas Mann ou Franz Kafka). Malia a relativa brevidade da súa carreira literaria, acadaría un estilo maduro e moderno, cunha prosa complexa na liña da mellor literatura do momento. A tradución dende o alemán orixinal debémoslla a Roberto Rivas Couce.

Boas lecturas de outono!

Rafa Vilar gaña o V Premio Realia con A tolemia

V edición do Premio Realia de Tradución Literaria

Acta do xurado

Reunido na cidade de Pontevedra a mañá do 30 de xullo de 2025, o xurado, conformado por Montserrat Paz Núñez, Silvia Pérez Tato e Isabel Soto López, así como Alejandro Tobar Salazar (con labores de secretario, con voz e sen voto), decidiu outorgar por unanimidade o V Premio Realia de Tradución Literaria á obra intitulada A tolemia (orix. La bogeria), de Narcís Oller, que tras a abertura da correspondente plica resultou ser un traballo de Rafael Vilar González (Cee, 1968).

Nesta quinta edición, as novelas e novelas curtas presentadas a concurso chegaron a un total de dez, traídas dende seis linguas distintas. Tras a lectura rigorosa de cada peza, os membros do xurado acordaron reflectir na presente acta as seguintes consideracións:

A tolemia, publicada orixinalmente en 1899, é unha escolla pertinente que porá fin a unha ausencia notable no corpus galego de literatura traducida. O traballo presentado salienta pola naturalidade coa que flúe o texto sen afastarse do ton do orixinal, mesmo cando reproduce certas pasaxes de corte coloquial ou humorístico. Alén de que a obra deberá ser adaptada aos criterios lingüísticos da editorial, o aparato de notas talvez ampliado e algunha outra cuestión de estilo revisada, a escolla e o traballo tradutolóxico desenvolvido é estimable e digno merecedor do premio.

O autor da narración, Narcís Oller (Valls, 1846-Barcelona, 1930) é recoñecido como o creador da novela catalá moderna. A súa personalidade e obra están estreitamente ligadas co marco político e cultural derivado da Revolución de setembro de 1868. A tolemia afonda, dende a técnica naturalista, nas teorías científicas en discusión na súa época (determinismo biolóxico e social) arredor da enfermidade mental.

A editorial convocadora quere facer constar o seu agradecemento aos membros do xurado e aos responsables do Concello de Santiago de Compostela e, outra volta, reitera o seu recoñecemento sincero aos tradutores e tradutoras que se presentaron ao certame.

 

30 de xullo de 2025

Os membros do Xurado