Listado de la etiqueta: lectura

A educación sentimental: xénese da obra e marco temporal

Achegamos a continuación a primeira de varias entradas relacionadas coa novela A educación sentimental. Os contidos foron elaborados pola tradutora Isabel Soto e teñen por obxecto enriquecer a lectura de quen agora se achegue a unha das obras clave da literatura europea.


Xénese da obra

 

A educación sentimental recolle un feito biográfico esencial na vida de Flaubert cando era adolescente: o seu namoramento de Élisa Foucault, a esposa do editor de música Maurice Schlésinger (Berlín, 1798-Baden-Baden, 1871), trece anos maior ca el, que considerou a paixón da súa vida, sempre correspondida pero nunca satisfeita.

A novela foi concibida durante a súa mocidade e rematada na madureza. Así, entre xaneiro de 1843 e xaneiro de 1845, Flaubert redacta unha primeira versión protagonizada pola señora Arnoux, ben diferente á definitiva e que nunca publicou en vida.

Anos máis tarde, a partir de setembro de 1864, comeza unha segunda versión, unha novela de amor ao primeiro intitulada Madame Moreau e logo Les Fruits secs, que se converte en A educación sentimental e se publica en novembro de 1869, tras 56 meses de redacción e 4.000 páxinas de notas e borróns.

Ademais desta historia de amor, Flaubert ten en mente outro propósito, como lle explica nunha carta datada o 6 de outubro de 1864 á súa amiga Marie-Sophie de Chantepie:

«Velaquí estou, dedicado dende hai un mes a unha novela de costumes modernos que sucederá en París. Pretendo facer a historia moral dos homes da miña xeración; «sentimental» sería máis exacto. É un libro de amor, de paixón, pero dunha paixón como a pode haber agora, é dicir, inactiva».

Deste xeito, Flaubert recorre á súa experiencia persoal e á dos seus amigos para fusionar as regras da novela histórica coas da narración realista e reinventar a novela de aprendizaxe, outorgándolle unha nova profundidade e artellando, nunha complexa estrutura, a historia colectiva e a historia íntima dos personaxes e describir o espírito de toda unha xeración, a que viviu a revolución de 1848, a través da historia persoal e amorosa dun estudante provinciano que chega a París para estudar Dereito e verá fracasadas todas as súas expectativas e ilusións, converténdose no emblema literario de toda unha xeración.

Flaubert quixo demostrar que o desenvolvemento sentimental do protagonista dende 1840, cando arrinca a trama, segue os acontecementos políticos e reproduce as súas fases. Neste retrato, inclúe todas as posicións políticas, alén de acabar co mito do pobo como forza revolucionaria.

O propio autor foi consciente de non estar a escribir para a súa época senón para a posteridade:

«Escribo… non para o lector de hoxe, senón para todos os lectores que poidan presentarse namentres viva a lingua. A miña mercancía non pode ser consumida agora, pois non está feita exclusivamente para os meus contemporáneos».

Noutra orde de cousas, a presente obra significou o comezo da novela moderna, xa que contén innovacións únicas para a súa época que a distancian das características da novela tradicional. En primeiro termo, a escasa importancia concedida a unha trama convencional, isto é, cargada de peripecias, a prol da descrición mediante un narrador impersoal e a introspección, facendo uso de técnicas como o estilo indirecto libre e o contrapunto entre personaxes que representan condutas opostas, permitindo que o lector interprete o significado da mensaxe que quere transmitir.

Esta evocación realízase cun tratamento particular do tempo. Coa utilización dos tempos narrativos e o ritmo das frases, Flaubert consegue dar unha sensación case material da duración, as elipses e as rupturas temporais; a súa técnica narrativa case parece anticipar a fotografía e a montaxe cinematográfica.

A cronoloxía confusa deste relato de ausencia de acción descansa nunha estrutura complexa: anacos de realidade que, lonxe de estar ordenados nunha composición unitaria e homoxénea, están xustapostos, como illados.

Flaubert retoma técnicas xa utilizadas en Madame Bovary, radicalizándoas. Impersonalidade, relatividade xeneralizada dos puntos de vista e os lugares da enunciación, estilo indirecto libre, focalización variable, escritura non conclusiva que lle deixa ao lector a responsabilidade da interpretación do relato.

 

Os límites temporais da novela

 

En A educación sentimental, Flaubert retrata a xeración nacida entre 1810 e 1830, a cal asiste á instauración e derrubamento do réxime orleanista, cuxa burguesía capitaneou os primeiros pasos do ascenso industrial de Francia, e á revolución de 1848, que elevou ao poder a Luís Filipe, ao nacemento e curta vida da Segunda República e ao golpe de Estado de Luís Napoleón Bonaparte.

Na novela conviven o mundo dos grandes negocios, a especulación financeira e a banca, e a resposta social en forma de conspiracións e críticas. Neste marco social decorre, ao mesmo tempo, a vida dun mozo de provincias que se traslada a estudar a París, as súas paixóns e a súa historia sentimental –calco da do autor–, conformando así unha crónica moral dos homes da xeración de Flaubert sobre un fondo histórico atento aos cambios sufridos pola sociedade francesa, en particular no período revolucionario.

As tres partes da novela esténdense ao longo de varios momentos históricos:

  • A primeira parte comeza en 1840, xa que logo en plena Monarquía de Xullo, co ascenso ao poder do rei Luís Filipe tras a Revolución de Xullo. Esténdese ao longo de máis de cinco anos: dende o 15 de setembro de 1840 até a mañá na que Frédéric recibe a carta que anuncia que percibirá a agardaba herdanza do seu tío, o 12 de decembro de 1845.
  • A segunda parte abrangue dende decembro de 1845 até os derradeiros días de febreiro de 1848, cando se instaura a Segunda República. A revolución estala o día no que Frédéric ten unha cita coa señora Arnoux que non se produce e que o arrastra aos brazos de Rosanette. Namentres París vive tráxicos acontecementos, Frédéric e Rosannette están en Fontainebleau.
  • A terceira parte ábrese cun longo primeiro capítulo cuxo alcance é de apenas uns meses (dende febreiro até as xornadas de xuño de 1848). Os capítulos 2, 3, 4 e 5 conducen ao golpe de Estado do 2 de decembro de 1851, que supón o comezo do Segundo Imperio. Frédéric deixará a señora Dambreuse e ve como se afunden os seus soños. O capítulo 6, tras a breve evocación duns quince anos que supuxeron o triunfo do emperador Luís Napoleón Bonaparte, chega até un día de marzo de 1867, cando a señora Arnoux visita a Frédéric. O capítulo 7 e derradeiro sitúanos nun pasado recente: o inverno de 1868-1869.