Listado de la etiqueta: Huysmans

Huysmans e a literatura galega

Rescatamos «Huysmans e a literatura galega», unha das epígrafes que contén a guía de lectura ofrecida en aberto como complemento da novela A contrafío.

 

* * *

 

A personalidade de J.-K. Huysmans e, en particular, A contrafío supoñen un punto de achegamento fundamental para comprender tanto a figura do dandi coma conceptos como esteticismo, decadentismo e literatura da fin de século. Porén, o interese da novela vai máis alá. Entre os múltiples engados que o texto posúe, non é menor a súa vinculación coa literatura galega.

Malia que o decadentismo apenas tivo implantación no noso país, A contrafío ocupa un lugar importante no proceso de constitución da moderna literatura galega, pois converteuse nunha obra de referencia para os autores pertencentes á Xeración Nós, os cales participaron da sensibilidade propia dos mozos de comezos do século XX e do seu intento de busca na literatura de corte espiritualista dunha táboa coa que salvarse do naufraxio no que afogaban no contexto da España da Restauración.

Os futuros integrantes da Xeración Nós contaron na súa cidade natal, Ourense, co apoio dalgúns intelectuais que se xuntaban no faladoiro vespertino da Comisión de Monumentos para falar de Historia e Arqueoloxía e tamén das súas lecturas. En palabras de Vicente Risco:

En torno a aquella camilla, la mayor de la ciudad, como el más ardiente era aquel brasero, verdadera Tabla Redonda, había siempre un sitial para «Galaad, o Esperado». Desde el Modernismo de Rubén Darío hasta la estética de Guillaume Apollinaire, no hubo audacia que no fuese introducida en aquella reunión de señores, a quienes la gente llamaba aún «anticuarios».

Segundo recolle Carlos Casares, entre estes «anticuarios» estaban o especialista en Historia e Arqueoloxía Arturo Vázquez Núñez (Ourense, 1852-1907), e o escéptico avogado do Estado Xulio Alonso Cuevillas. Ambos os dous dispuñan de boas bibliotecas francesas, sobre todo Vázquez Núñez, e estaban ao tanto da obra de autores franceses como Baudelaire, Verlaine ou Mallarmé. Así mesmo, durante as vacacións tamén acudía a Ourense Primitivo Rodríguez Sanjurjo (Ourense, 1880-Lugo, 1947), lector afervoado de Rubén Darío, Verlaine, Baudelaire ou Villiers de L’Isle-Adam. Nas súas visitas levaba sempre libros de interese, sobre todo edicións francesas do Mercure, como conta Otero Pedrayo, quen tamén apunta que Florentino López Cuevillas «leyó muy bien los parnasianos —algunos parnasianos— y decadentes franceses».

En manos de Vicente Risco, de Florentino Cuevillas, de Primitivo R. Sanjurjo (…) un volumen amarillo del Mercure, un tomo verde de Alcán significaban una tarde de fuertes rumbos meditativos.

Estas lecturas francesas influíron fondamente en Vicente Risco, como indica de maneira explícita no ensaio Nós, os inadaptados (1933), ao tempo que deixa constancia da súa admiración por Huysmans e por A contrafío e considera a Des Esseintes como o arquetipo do dandi:

O problema dos inadaptados é un dos grandes problemas das decadenzas. Hai neses tempos de economía, de política, unha chea de naturezas extremamente delicadas e conscentes, depositarias das máis depuradas esencias da cultura, que embora non sexan dispreciadas nen perseguidas, embora se vexan mesmamente agarimadas e axudadas, non se poden sentir solidarias co camiñar histórico do momento. E son os malcontentos, os difíceis de gusto, os dispreciativos, os disgustados de todo, os que andan á precura de cousas lonxanas, estranas e requintadas, os anormais por supernormais.

O tipo deuse adoito na fin do século derradeiro, e atopou cecais a máis nidia expresión literaria no Des Esseintes de Huysmans. O tíduo da novela de Huysmans dío todo: À rebours; porque eso é o que son os inadaptados, os que van a contrafío do seu tempo, os que non acaen cos seus contemporáneos. Des Esseintes é realmente un chiflado, porque evidentemente a eisaxeración do tipo pode ser morbosa, mais por máis que sexa un chiflado, non perde endexamáis a nobreza.

Segundo apunta Xosé Luís Sánchez Ferraces, Vicente Risco militou dende a mocidade na ideoloxía da fin de século e colaborou coa súa crítica agresivamente corrosiva no asalto á razón, á ciencia e ao progreso, os grandes mitos dese tempo. Unha maneira de rebelarse contra a tiranía da mesocracia universal e sen soños do século era abandonar a vida cotiá e viaxar en corpo e alma, idealmente unhas veces, outras de forma real, na procura de ámbitos insólitos e misteriosos, un desexo semellante ao que expresou o seu mestre, Joris-Karl Huysmans en A contrafío:

En efecto, cando un home talentoso se ve obrigado a vivir nunha época eslamiada e idiota, o artista é acosado, mesmo sen ser consciente do feito, pola nostalxia doutras etapas.

Ao non poder harmonizar, bardante en raros intervalos, co ambiente no que se movía, ao non descubrir xa no exame dese ambiente e das criaturas que o aturan, satisfaccións de observación e de análise abondas para o distraer, sente agrelar e xurdir nel uns fenómenos particulares. Agroman confusos desexos de migración que se esclarecen coa reflexión e co estudo. Os instintos, as sensacións, as inclinacións, legados pola herdanza, espertan, determínanse, impóñense cunha imperiosa seguridade. Rememora seres e cousas que non coñeceu en persoa, e chega un momento no que se evade violentamente da cadea do seu século e deambula, con total liberdade, por outra época na cal, como última ilusión, lle parece que cadraría mellor.

Nalgúns casos é coma un retorno cara a idades remotas, civilizacións desaparecidas, tempos antigos; noutros, coma un arroubo cara ao fantástico e o soño, unha visión máis ou menos intensa dun tempo a piques de espontar cuxa imaxe reproduce, sen que el sexa consciente e por un efecto de atavismo, a de épocas pasadas.

Na súa novela Arredor de si (1930), Ramón Otero Pedrayo cita expresamente a Huysmans en dúas ocasións: a primeira aludindo á conversión ao catolicismo do autor e a segunda traspasándolle a Adrián Solovio as experiencias que Des Esseintes vive no capítulo XI da novela francesa.

A viaxe de Adrián fora soamente para comezar a pórse a ton. Non dispuña de tempo para ir a Santo Domingo de Silos, onde os monxes, na soidade románica e litúrxica de serra e frío, traballaban as fontes da historia de Castela e cantan aqueles admirables oficios que converteron a Huysmans.

 

Unha noite Adrián lembrara unhas páxinas de À rebours de Huysmans. Deberíase traducir en castelán “a contrapelo”. Tivo a mesma fame de vida inglesa, salgada e forte, do wiking dono dos ronseis do mar. Baixo as arcadas de Rivoli o título “Bodega” arredondeábase groso e cheo, seguro e ditoso como un tonel.

Así mesmo, o título da novela de Huysmans sérvelle a Otero para ofrecer unha das claves interpretativas da personalidade de Adrián Solovio:

Home de trinta anos feitos, non pode esquecer grandes sombras do século dezanove. Árbores de solpor. Amadas. Prolongación da vida ao revés. Pois din que os pais se prolongan nos fillos. Tamén os fillos viven à rebours grandes anacos de horizontes e pequenas paisaxes do vivir dos pais. Adrián sempre que entraba no tren ou no auto, representábase as viaxes de seu pai. A dilixencia, e todo o longo tempo no que o tren era unha novidade. Estrada de Zamora. As Portillas. As longas reas de presidiarios abrindo o camiño. Noites do vello Fornos. O pronunciamento de Villacampa.

Ler A contrafío supón pois un complemento para comprender Arredor de si que, como é sabido, é a autobiografía espiritual que deita luz sobre a formación intelectual e a consagración á cultura galega tanto de Otero Pedrayo coma dos seus compañeiros de xeración. O individualismo, o egocentrismo, a constante peregrinación por estraños universos mantéñen a Adrián Solovio en permanente desacougo. Trátase dun intelectual desorientado que devece por habitar nunha luxosa torre de ideas e que, malia lles dedicar longas horas ao estudo e ás cavilacións, acaba caendo nas augas mortas da vulgaridade. Do mesmo xeito que o grupo que personifica, Adrián Solovio dá voltas arredor de si sen se atopar nunca de todo. Para Ramón Lugrís:

Hay dos tipos de Inadaptados: el que rompe con la sociedad y se aisla de ella, y el que busca abrir nuevos caminos. Al primero corresponde el protagonista de À Rebours; al segundo corresponde Adrián, el protagonista de Arredor de si.

O crítico Manuel Rodríguez Alonso referiuse á presenza da estética de Huysmans en O porco de pé, de Risco e en Arredor de si, de Otero Pedrayo:

Na liña da novela europea do momento en moitos casos estamos perante verdadeiras novelas ensaio cun protagonista intelectual rico (que tanto se afasta dos tipos comúns e cotiáns da novela realista-naturalista). Este protagonista intelectual e rico, fóra do normal, especialmente visible no doutor Alveiros, é unha especie de alter ego do autor que espalla ideas non só sobre Galicia, senón sobre a condición humana ou o mundo que lles tocou vivir. Deste xeito, o argumento pasa a ocupar un lugar secundario fronte ao espallamento dun ideario. Por outra banda, van utilizar estruturas propias da narrativa moderna como poden ser a novela de aprendizaxe, a novela fantástica con temas que xa non son os folclóricos. Obras como O porco de pé ou Arredor de si poden incluírse así mesmo dentro dese subxénero que é a novela lírica, nas que a narración está marcada pola subxectividade na liña da Aurelia de G. de Nerval, Á rebours de Huysmans ou mesmo da obra de Mann ou de Hesse.

Outra pegada máis recente de Huysmans na cultura galega atopámola en Lois Pereiro, a quen Manuel Outeiriño considera «coma os escritores modernos todos, un inadaptado, anormal por supernormal», e, seguindo a denominación empregada por Risco en Nós, os inadaptados, un «autodidacta inadaptado». Recolle así mesmo a mención a Huysmans no artigo que Pereiro publica no número cinco da revista A Naval, «Dandys, eterómanos e infames. O vicio como luxo» (verán de 1986):

Belle Epoque infectada de delor suxerida na paixón de educados salvaxes, deformes xenios da nova moral, sen máis gloria que a súa indiferenza, narcisismo calculado à rebours, contra natura, entre fumes prohibidos e sensuais.

(…)

Gourmont, Lorrain, Villiers, Barbey D’Aurevilly, Borel, mesmo Nerval ou Sheridan Le Fanu, un utópico Proust de pesadelos e visións nocturnas, Gautier quizais, e sen dúbida Huysmans: mortos prematuros coa alma intensa dos réprobos, malditos a forza de dignidade, conscientes suicidas que se demoran no desprendimento da súa existencia, salvaxes cultivados no vicio e na discordia, coa máis nobre moral de ser cada vez menos.

Cando a linguaxe era un instrumento interno de delor, unha forma de vicio ou de vinganza, o artista non era funcionario da súa propia arte.

E cando desexar era vicio e vinganza, eran profesionais de Paludismos, sacerdotes de horrores descreídos, feros ourives de obras literarias de indiscreta liña Modern Style.

 

A contrafío, do aglaio da xeración Nós á tradución de Isabel Soto

Catro anos e uns meses despois da súa publicación en lingua galega, estes días chegaron do prelo os novos exemplares de A contrafío, unha das novelas máis senlleiras e estimadas que temos no catálogo, na que traballaramos a esgalla durante polo menos un par de anos, sobre todo a súa tradutora, Isabel Soto. Coma decote, ao comprobar que se nos ían esgotando as existencias, aproveitamos para revisar o conxunto, retirar algunha que outra errata e reimprimir as correspondentes copias.

É sabido que gran parte dos nosos títulos son libros de fondo; long-sellers a pequena escala, se se quere. De entre eles, poucos hai co grao de excelencia de A contrafío. A edición galega da denominada “Biblia do decadentismo” leva incorporado un xenuíno aparato de notas ao pé (nada menos que 232; con diferenza, a que máis de entre as obras de noso), o prefacio do autor para a edición en francés de 1903, é dicir, case vinte anos despois da publicación orixinal en 1884 (un texto que reformulamos como posfacio, de tal maneira que non condicionase en exceso a lectura), a inescusable nota preliminar onde se contextualiza en catro xeniais pinceladas o pasado familiar de Des Esseintes ao tempo que se avanza o seu dandismo, e, a maiores, unha guía de lectura de elaboración propia intitulada Algunhas claves para ler A contrafío, da que chegamos a sacar algunhas copias en papel e coa que actualmente obsequiamos a quen merca un exemplar da novela.

Na tal guía, en concreto na epígrafe “Huysmans e a literatura galega”, explicamos até que punto A contrafío foi unha “referencia para os autores pertencentes á Xeración Nós, os cales participaron da sensibilidade propia da mocidade de comezos do século XX e do seu intento de busca na literatura de corte espiritualista dunha táboa coa que salvarse do naufraxio no que afogaban no contexto da España da Restauración”; de igual modo, achéganse curiosidades e vencellos entre a obra de Huysmans e outras da literatura galega como Arredor de si (1930), de Otero Pedrayo.

Por estes motivos, convidamos a lectoras e lectores a mergullarse por vez primeira ou pola enésima nunha das obras máis relevantes da literatura europea de finais do XIX.