Listado de la etiqueta: faladoiro virtual

A nosa Negra: apuntamentos tras un faladoiro virtual

O 18 de febreiro tivo lugar un faladoiro virtual na plataforma Zoom. Foi posible grazas á xestión da Libraría de Lilith e ás intervencións xenerosas da tradutora María Reimóndez e de Benita Sampedro, profesora da Universidade de Hofstra e experta en literatura colonial. A este evento asistimos vinte e tantas persoas, na súa inmensa maioría mulleres. Velaquí un breve resumo con algúns puntos básicos do que se falou, sen querer destripar demasiado o contido da obra.

Abriu o coloquio Alejandro Tobar en representación da editorial, e fíxoo cun rápido repaso a outras obras do catálogo de Hugin e Munin que, salvando as distancias e só de maneira tanxencial, empatan coa novela A nosa Negra de Harriet E. Wilson.

Así, citou ao primeiro o caso de Oroonoko (1688), de Aphra Behn, obra traducida por Mª Fe González. Citouna na medida na que, malia que cunha visión ambigua (con ollos de hoxe, percíbese unha pátina de condescendencia colonial), forma parte da literatura antiescravista. A obra de Behn, a miúdo considerada a primeira novela moderna en lingua inglesa, recorre ao “mito do bo salvaxe”, co binomio civilización versus primitivismo.

Tamén se aludiu a Ourika (1823), da francesa Claire de Duras, onde xa si se aprecian moitos máis puntos en común coa obra de Wilson. A historia, traducida por Xavier Senín, xira ao redor de Ourika, quen, vítima da trata, é acollida por unha familia burguesa e criada nun ambiente branco acomodado. Todo vai ben até que un bo día descobre que vive nunha mentira e que é albo de prexuízos. Nese momento, tomará conciencia da súa propia negritude. Destaca polo tanto o interese da autora por afondar na sensibilidade dunha muller africana.

Seguidamente, houbo unha mención de pasada a Un home do pobo (1966), de Chinua Achebe (traducida por Begoña R. Outeiro), como exemplo de literatura africana de denuncia, e outra a Maria (1798) de Mary Wollstonecraft (traducida por Mª Fe González), na medida na que se considera un dos primeiros achegamentos feministas á cuestión da clase social.

Tras a introdución, tocou salientar algúns aspectos das carreiras tanto de Reimóndez como de Sampedro.

Da primeira, o editor destacou a súa dilatada traxectoria como activista social e cultural, para a continuación poñer o foco no seu perfil laboral: máis de dúas décadas de experiencia como tradutora literaria, con preto dunha trintena de obras traducidas ao galego, maioritariamente dende o inglés, pero tamén dende o alemán e, de xeito puntual, dende o castelán e o francés. En concreto, salientáronse tres títulos: a tradución de O soño de sultana, un conto de Roqeyya Sakhāwat Hussain tan sinxelo como suxestivo (BIVIR, 2010); A historia de Mary Prince, unha escrava das indias occidentais (2008), distinguida co Premio Plácido Castro, e A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter (Urco, 2019).

Benita Sampedro, natural do lugar de Sirves, no concello de Ribeira, é licenciada en Filoloxía Hispánica pola USC, cun doutoramento en Estudos Coloniais e Historia do Imperalismo Español. Traballa dende hai moitos anos na universidade de Hofstra, en Nova York, onde é profesora titular do Departamento de Linguas e Literaturas románicas. Como especialista, desenvolve o seu labor no marco do colonialismo español en América Latina, en África e en Asia (Filipinas), con múltiples publicacións en revistas e boletíns de ámbito académico durante más de dúas décadas. Cabe salientar o seu coñecemento profundo da realidade da antiga Guinea Española e a énfase posta en parte dos seus traballos máis recentes na cuestión da identidade galega. Neste sentido, cabe mencionar a coedición a canda José A. Losada Montero de Rerouting Galician Studies (Plagrave Macmillan, 2018).

Cando pouco despois Sampedro tomou a palabra, achegou algúns datos clave para entender o proceso de publicación de A nosa Negra. Resaltou, por exemplo, o feito de que a obra saíse inicialmente de maneira anónima, abordou tamén a polémica sobre se se trata ou non da primeira novela publicada por unha afroamericana nos EUA (apuntou que Wilson era mulata), explicou as condicións de vida das negras do momento, informou da redescuberta da novela en 1982 a cargo do equipo liderado por Henry Louis Gates e apuntou, así mesmo, algunhas datas de relevo a nivel xeral: a emenda XIV da Constitución estadounidense, ratificada en 1868, que sobre o papel acordaba a “igualdade” de dereitos para as personas nadas en territorio nacional; a abolición da escravitude en Cuba en 1886, en Brasil en 1888…

Pola súa banda, María Reimóndez falou do seu interese pola literatura das marxes, fixo balance doutras obras que traducira (por exemplo, a mencionada Historia de Mary Prince) e confirmou algúns datos que previamente deitara o editor: a iniciativa de traducir A nosa Negra partira dela (cousa pouco habitual en Hugin e Munin, que adoita encargarse tanto de seleccionar os títulos coma os profesionais que os poidan traducir). Grosso modo, a tradución desta obra pactárase en febreiro de 2020 e viu a luz a finais de decembro dese ano. En canto aos temas da novela, fixo fincapé no feito de que a violencia contra a negra era exercida maiormente por mulleres (brancas); ora ben, sempre en beneficio dos homes. Neste sentido, destacou a inacción -interesada- dos personaxes masculinos. Cualificou a obra, en liña xerais, como un “conto da criada” real e furibundo.

A continuación, varias persoas interviron para, por unha banda, agradecer o rigoroso labor da tradutora -a propia Benita Sampedro apuntara minutos antes a alta calidade do texto na lingua meta- e o traballo editorial que se percibe detrás de cada libro; e, pola outra, para destacar que se ben a lectura resultara enriquecedora e gratificante, a súa alta carga dramática chegaba a ser perturbadora. Preguntouse así mesmo por futuras incorporacións ao catálogo doutras autoras e obras semellantes, e o editor adiantou que ambas as partes xa están a valorar futuras colaboracións, se ben aínda non se pasou da fase inicial de avaliación de novas obras, con case todo aínda por definir. Logo, ben por medio do chat ou ben de viva voz, houbo varias persoas que identificaron os temas do libro coas súas experiencias persoais, ora por motivos relacionados coa adopción, ora pola discriminación que seguen as sufrir as persoas negras pola cor da súa pel. Houbo así mesmo quen con grande acerto conectou a obra de Wilson co movemento Black Lives Matter. De igual modo, durante a conversa saíron a relucir varias recomendacións de lectura, como As Ricas Donas (2019), de Isabel Valadão; Sab (1841), de Getrudis Gómez de Avellaneda; ou Autobiografía de un esclavo (1840), de Juan Francisco Manzano, escravo cubano de segunda xeración.

En definitiva, un encontro virtual moi ameno e útil para seguir divulgando literatura estranxeira de alta calidade en coidada tradución ao galego.