Listado de la etiqueta: deserto

A cuarta experiencia do Premio Realia. Algúns erros recorrentes que conviría desterrar

Unha vez avaliadas as dúas obras que se presentaron, os membros do xurado designados para resolver a IV edición do Premio Realia de Tradución Literaria afirmamos con certa amargura que ningunha delas nos pareceu que merecese un premio de tradución. Velaquí a acta na que xustificamos a nosa decisión.

A que segue é unha listaxe cos erros recorrentes que fomos atopando nas traducións e que, na liña do expresado en 2019 polos nosos homólogos da II edición do Premio no artigo «O nivel de esixencia nun premio de tradución literaria», queremos poñer a disposición das persoas interesadas, para, entre todos, mellorar a calidade da lingua e seguir construíndo un sistema literario propio o máis solvente posible.

Así, a obra do autor centroeuropeo presenta, sempre ao noso entender, un acabado pouco esmerado e cun transvasamento deficiente. Detectamos numerosos erros de vulto a nivel lingüístico e gramatical, tales como:

* o uso inadecuado do reflexivo en verbos como gañar («tamén se gañara outro alcume», «gañarse o respecto de», «gañarse á xente»), levar («a guerra levábase a todos», «non había ninguén que se puidese levar os mortos», «tamén se levou a vitoria»), tapar («algunhas tapábanse os ollos co mandil»), quitar («quitarse da cabeza»), romper («romperse as regras»), caer («a casa cáese a cachos»), facer («facerse unha ferida»);

* problemas ao presentar o obxecto directo coa preposición a («empurrar a un colono», «protexerían ás familias», «invadiu ás mulleres», «mirar ao suboficial», «buscar a aqueles inimigos», «derrubar a unha persoa», «matar ao pobo», «votar aos alemáns»…);

* repeticións facilmente reparables («e pasara ao camiño principal. Aqueles homes pasaron por diante»…);

* confusión entre os verbos oír e escoitar («escoitouse un asubío»);

* confusión tamén entre te e che («que Deus che guíe!», «como te diría eu?», «vante saltar os dentes»…);

* emprego recorrente da locución preposicional cara a sen o a («cara os vagóns», «cara os canóns», «cara a fraga», «cara eles»…);

* colocación errada de pronomes («só o tileiro amosábase», «cando o tren púxose en marcha», «as faíscas que […] cruzábanse», «porque víanse multitudes», «porque pegoume», «todos os ánimos desincháronse», «cando púxose», «eles a gañaron», «visto que ata alí desprazáranse»…);

* emprego incoherente das cursivas para préstamos e intervencións puntuais noutras linguas (Was?, pero apenas unhas liñas despois: Still der Kerl da!);

* desviacións de diversa índole («a partires de», «o reservista prusiano pasou sentir unha verdadeira animosidade», «mirando para seu superior», «houbesen propinado», «a retirada tería sido historia»…).

Alén disto, resulta desalentador o escaso coidado no labor de edición: percibimos, neste sentido, unha desatención crónica ás convencións ortotipográficas elementais do sistema sociocultural de chegada, con grallas presentes de forma regular («as mensaxe[s]», «esco[i]tábanse», «todas [as] direccións», «todas [as] partes», «tal vez», «de seguido», «de contado», «continuo[u]», «iso a que ven?», «que ven o crego», «regresar a con muller», «que o chamasen alemán», «habitación» [como sinónimo de cuarto], «no[n]» (detectado en polo menos cinco ocasións), «un[h]as», «po[r]», «ante[s]» «à casoupa» «à boca», «queimábamos», «ir para [a] casa», «marchar a casa», «retornar a casa», «a [por ás] escuras», «colmar de saúde», «por todos os ceos», «finca» [co valor de terreo ou propiedade]…), un feito que denota un proceso de revisión deficiente. Hai mesmo treitos da obra en castelán («de las dos XXXX, de XXXX y de XXXX», «XXX, XXX y XXXX, o XXXX?», «baioneta en mano»…), algo particularmente desconcertante.

Por outra parte, a proposta de autoría norteamericana ofrece un proceso de translación quizais máis acertado e acorde co que se espera dun premio destas características. Non obstante, ao noso ver non presenta un acabado abondo afinado para merecer unha distinción nun concurso literario.

A redacción pareceunos pobre no relativo á repetición de palabras («alzábanse as tendas da súa xente e derredor da aldea de tendas», «idolatrada polos seus pais, acompañaba o seu pai en moitos paseos», «chegaron os días en que só nos daban comida por valor dun centavo ao día. Como enfermamos e nos debilitamos pola fame! Meu fillo cada día estaba…», «a dificultade de ensinarlle o inglés a un estranxeiro parece case *insalvable e ensinar aos indios», «uns portadores portando o cadáver»…).

Botamos así mesmo en falla unha depuración máis rigorosa das grallas («un misioneiro enviada», «era una pequena cabana», «vinte cinco quilómetros», «pero, somo [como] lle dicía á súa nai», «Deus chamouse [chamoume]», «Vén [imperativo], querida», «o seu tocado [toucado]», «contenido», «a túa nai e máis eu», «ela e máis vostede»).

Percibimos problemas recorrentes cos verbos con alternancia vocálica («teu pai consinte», «a nosa xente sufre», «que bulen», «que se sinte?», «sei como se sinte»); tamén na concordancia co pronome de obxecto indirecto («vaillo dicir aos teus compañeiros», «contáballe o plan aos seus amigos»).

Constatamos un descoñecemento da regra para o apócope grangran [grande] asemblea», «gran [grande] axuda», «gran [grande] edificio», «gran [grande] amante») e un mal uso da preposición con obxecto directo («ensinar aos indios», «estudando á paciente», «atender á señorita»).

A confusión puntual entre partes dialogadas e matinacións (as primeiras deberían iniciarse con trazo; as segundas, entre aspas).

Unha pragmática debedora en exceso da da lingua de partida, con escasas solucións orixinais, sobre todo no campo da recreación de diálogos (« intenta amalo e sé boa», «arredor da gran lareira estaban sentadas as indias ocupadas na mesma tarefa, todas comendo con ansia», «repeler este molesto problema», «os indios adoitan preferilo», «sono refrescante» [por reparador]).

En determinadas pasaxes, unha colocación discutible ou errada das vírgulas («escoitárono con atención fixa e, cando, ao rematar de ler, pronunciou», «aprenderon, nese momento, unha lección e non foron os únicos», «por fin, entendín antes de que fose demasiado tarde, que el»).

Consideramos algunhas translacións defectuosas («deter iso» [por detelo]), a confusión entre o trato de ti e de vostede («… coma vostede co (…) xa ves que…», «agarda e verá»).

Aínda que non tan frecuentes, boa parte dos erros detectados nesta segunda obra son compartidos coa primeira: «dia», «levaríamos», «aceptaríamos», «poderíamos», «debíamos», «queríamos», «dependíamos», «seguíamos», «cantaramos» [por cantásemos], «contereicho», «presencia» [por presenza], «mirou á mestra», «o grupo botaba a danzas», «en algunhas cousas», «Ela seguir [despiste por seguiu] a ser», «habitación» [tamén como sinónimo de cuarto], «o[s] cartos», «do[s] salvaxes», «reparto» [por repartición], «reporte» [por informe ou declaración], «acáelle tal nome. E así a chamaron», «merece que a chamen impúdica», «quero tanto á miña meniña», «coñeceron aos alumnos», «o grupo contáronse as súas experiencias», «véndello aos nosos», «darlle terras aos colonos», «que lle falase aos seus corazóns» «so» [por ], «sos», «detectou o un ton», «unha labor misioneira», «esta labor» «corazóns de aqueles que», «o asunto como ti a expós», «veña, sal» [por sae, imperativo de saír], «pasado mañá», «no[n] sei», «dispúxose a baixar […] ao decatarse de que sería imposible facer que quedara en contra da súa vontade», «por supostos», «respondeu, con énfase en iso», «tivo a ven darlle aos indios», «deulle a man aos indios», «facerlle dano aos seres queridos» «porque deunos», «os disturbios non terían acontecido se houbese», «lévalo» [por lévao, imperativo], «todos menos a vida», «o coraxe encarnado», «abono» [co valor de esterco], «ve[x]o», «dan a volta e empezar» [por empezan], «vos sabedes», «con creces», «recemos para [que] Deus abra os ollos»…

Neste segundo caso, polo tipo de texto (dun valor histórico evidente, quizais suficiente para compensar unha calidade literaria ben máis limitada), botamos en falla un aparato de notas, por cativo que fose. En síntese, consideramos que a decisión de non empregar notas do tradutor diminuíu o valor testemuñal da obra.

É probable, insistimos, que cun labor intenso de revisión se dean amañado as máis destas deficiencias e que, por conseguinte, as dúas obras poidan eventualmente publicarse. Oxalá. No entanto, por non se tratar de traducións esmeradas e fluídas na lingua meta, distinguilas como gañadoras dun certame literario sería unha recompensa a todas luces excesiva. Cos desacertos referidos, se concorresen a calquera premio similar nun sistema cultural normalizado, descartaríanse sen contemplacións nunha primeira criba, e dado que o público lector galego aspira –aspiramos– a gozar da literatura servida cunha calidade equiparable á de calquera lingua consolidada, consideramos que a decisión máis oportuna pasa por declarar deserto o IV Premio Realia de Tradución.

Dende este mesmo momento, arrinca o tempo establecido para a presentación de traballos cara a unha futura convocatoria formal da V edición do Premio, que a Editorial Hugin e Munin ten intención de seguir mantendo.