Listado de la etiqueta: coloquio

Actividades no Culturgal 2026

Dentro da programación do Culturgal deste 2026, velaí o par de actividades nas que directa ou indirectamente participan os reponsables da Editorial Hugin e Munin:

  • Venres 27 ás 19 horas: coloquio entre tradutores literarios sobre a relación destes cos autores traducidos. Coa presenza de Xesús Fraga, Inma Pérez Casal e Alejandro Tobar; modera Adrián Estévez.
  • Sábado 28 de novembro ás 19 horas: adaptación sonora da novela Kallocaína, de Karin Boye (traducida do sueco por Marta Dahlgren), cunha duración de 45 minutos. Nas voces de Melania Cruz, Fran Godón, Iria Sobrado, Machi Salgado e Manuel Arca. Presentación editorial a cargo de Isabel Soto.

Vémonos a fin de semana do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

 

15 anos de Hugin e Munin: o catálogo con lupa

O domingo 11 de outubro, ás 12 horas, na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, celebramos os quince primeiros anos de existencia de Hugin e Munin cun faladoiro arredor do catálogo e, dun xeito algo máis amplo, do lugar que ocupa a literatura traducida no sistema literario galego.

Que obras chegamos a coñecer grazas á tradución? Que tradicións literarias están ben representadas e cales seguen pendentes? Que papel desempeñan os profesionais da tradución e as empresas especializadas na formación do corpus literario galego? Que visibilidade ten a literatura traducida entre o lectorado, a crítica e o ámbito académico? De que maneira pode contribuír a tradución á mellora da literatura escrita orixinalmente en galego?

Manuel Arca, María López Sández e María Reimóndez conversarán, coa moderación de Alejandro Tobar, sobre diversos aspectos das obras publicadas por Hugin e Munin ao longo destes quince anos, e non só. O punto de partida será o catálogo, con case 150 títulos: cun repaso dos acertos, mais tamén das eivas, as lagoas e certos campos insuficientemente explorados. Haberá espazo para debates máis espiñentos, como a recorrencia ás traducións indirectas, a recepción crítica da narrativa traducida ou a relación entre tradución literaria e ensino universitario.

Aberto a todo tipo de público.

Deica este domingo día 11 de outubro ás 12 da mañá!

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso Legal – Política de Privacidade – Envíos, devolucións e desistencia