Listado de la etiqueta: 8 de marzo

Escritoras detrás dun pseudónimo

Para este 8 de marzo de 2021, queremos destacar as 29 obras escritas por mulleres que forman parte do noso catálogo:

De igual modo, gustaríanos prestarlles especial atención a aquelas escritoras que empregaron un nome de pluma ou un pseudónimo, sen esquecer que houbo tamén casos de novelas que se publicaron orixinalmente sen mención ningunha á autoría, é dicir, dende o estrito anonimato, cousa que ou ben se repararía máis adiante (caso de Harriet E. Wilson con A nosa Negra) ou ben segue a ser obxecto de debate (caso da novela erótica A novela de Violette, da marquesa de Mannoury).

 

* * *

 

  • Un amante fanstasma, de Vernon Lee (Violet Page, 1856-1935), traducida do inglés por Antía Veres. Novela curta de atmosfera sobrenatural con toques góticos e vitorianos. Un exemplo do mellor da ghost story inglesa. Trátase dun texto fluído e ben estruturado con distintas capas de lectura alén do mero entretemento.
  • As damas verdes, de George Sand (Amandine Aurore Lucile Dupin, 1804-1876), traducida do francés por Xavier Senín. Novela do xénero fantástico escrita por unha das plumas máis sobranceiras do romanticismo francés. Coa arma da ironía, a autora aproveita a narración para pór de manifesto moitas das preocupacións sociais da época.
  • Detrás da máscara: o poder dunha muller, de A. M. Barnard (Louisa May Alcott, 1832-1888), traducida do inglés por Antía Veres. Novela sensacionalista, singular na produción da autora. A súa potente protagonista, Jean Muir, é reivindicada hoxe pola teoría feminista. A tradución foi distinguida co Premio Realia en 2017.
  • A obra, de Bruno Sperani (Vincenza Pleti Rosic Pare-Sperac, 1843-1923), traducida do italiano por Isabel Soto. Historia ambientada no Milán de finais do século XIX, nunha época de profundos cambios urbanos; a historia abala entre a desgraza e a rebelión.
  • O veo alzado, de George Eliot (Mary Ann Evans, 1819-1880), traducida do inglés por Alejandro Tobar. Novela curta de mediados do século XIX que enlaza coa tradición vitoriana do horror psicolóxico. Armada cunha estrutura circular e cun moi bo final.

 

Boas lecturas!