Descripción
Kallocaína, publicada orixinalmente en 1940, é a última e máis importante novela de Karin Boye, unha autora fundamental das letras suecas, tanto na súa faceta de narradora como na de poeta. Trátase dunha novela de ciencia ficción cun evidente carácter distópico. A súa aparición é posterior en oito anos a Un feliz mundo novo, do inglés Aldous Huxley, anterior tamén en oito a 1984, a obra de referencia de George Orwell, e en once a Fahrenheit 451, de Ray Bradbury. Eran tempos de virulencia e totalitarismo, coa Segunda Guerra Mundial de por medio, de aí o marco no que se encadra a acción: un mundo de cidadáns soldado ao servizo do opresor e todopoderoso Estado Mundial.
Por outra banda, o texto entronca coa tradición das drogas nootrópicas e psicactivas tan querida por outros grandes escritores do xénero: Philip K. Dick inventou a substancia D; George R. R. Martin, a ledihuana; e Boye, antes ca estes, discorreu a kallocaína, un soro inxectable capaz de garantir a estabilidade mundial en detrimento da autonomía do individuo. En prol dunha maior liberdade interpretativa para o lector, cabe tan só adiantar que a trama xira ao redor das reflexións do científico Leo Kall, un home confuso, desacougado e reflexivo, ao seu pesar.