Descripción
A novela breve As consecuencias da vella historia (1884) aborda, dende unha perspectiva até certo punto romántica, os desequilibrios que unha paixón amorosa insatisfeita pode provocar no espírito, ao tempo que ofrece unha descrición do sufrimento psíquico capaz de acadar cotas febrís. Trata así mesmo cuestións relativas á confusión de identidades e ao desdobramento da realidade, e pon de relevo o destacado papel da cultura alemá na formación da intelectualidade do Estado grego independizado do Imperio Otomán en 1830.
En vida do autor, non recibiu nin a atención nin o recoñecemento que si lle chegarían anos despois, un feito en parte motivado pola defensa activa feita por Georgios Viziinos da variante idiomática de corte purista coñecida como katharévousa, que perdeu a batalla contra a popular, o grego demótico. Houbo ademais outros dous factores que operaron na súa contra: o primeiro, que non fose ningún entusiasta do militarismo e do nacionalismo gregos; o segundo, que ás veces os seus textos pecaban de complexos e unha miga eruditos.
Como obra de ficción, no marco da narrativa grega contemporánea, considérase relevante e orixinal, unha valoración que tamén se acabou facendo do autor décadas despois da súa morte.
DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA