Descripción
Fume, publicada en 1867, é a penúltima novela de Turguénev, e talvez sexa a que mellor expón o seu ideario político, de tendencia moderada e europeísta. O protagonista é Grigori Mikháilovich Litvínov, un mozo ruso que, mentres agarda en Baden-Baden pola súa prometida, Tatiana, bate coa moza coa que estivo a punto de casar anos atrás, Irina, convertida nunha aristócrata sofisticada pero atrapada nun matrimonio sen amor.
Será ese reencontro cunha persoa do pasado o que faga avanzar a trama, con continuos conflitos internos dos personaxes. En paralelo, no escenario cosmopolita da cidade balnearia desenvólvense diferentes debates de índole social e política entre revolucionarios e conservadores, e pronúncianse disquisicións de ar nostálxico acerca do futuro e da identidade nacional.
Turguénev, que escribiu a novela precisamente en Baden-Baden, onde pasou oito anos, aproveita para expresar as súas opinións, en ocasións dende a sátira e o asañamento, a través do personaxe de Potuguin, un peculiar funcionario da corte. Non en van, a novela –en palabras do autor, «o único relevante e útil que escribín»– custoulle a amizade con Dostoievski, patriota radical. Tanto pola súa calidade coma pola sutil diagnose dunha sociedade en crise (velaí o choque cultural e político entre a Rusia tradicional e as influencias provenientes de Europa), a obra segue a considerarse un fito da literatura universal.